BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Crónica da Galiza bizarra’, microhistoria perdida en vellos xornais

Calros Solla. AELG.

César Lorenzo Gil.

Calros Solla publica en Morgante, selo no que aparecen a gran maioría dos seus traballos, o segundo volume da colección ‘Solea Scripsit’: Crónica da Galiza bizarra, unha recompilación de noticias extraídas das coleccións periodísticas galegas de 48 cabeceiras entre o 1848 e o 1968. Cento e vinte e cinco “sucesos” que o propio autor, no limiar da obra, considera “contos cativos hibridados de impactante veracidade”, “novelas en potencia”, “morbo e crueza a darlle cun pau”.

A edición escolle para o título o adxectivo bizarro, co significado de exótico, estraño, diferente, tomado recentemente do inglés (en galego aparece como sétima acepción no Estraviz. Tradicionalmente bizarro en galego significa elegante, bo mozo, llano no trato). A escolla non é banal, senón que explica moi ben o sentido deste libro como catálogo de monstruosidades, excesos, curiosidades, rumores, lendas modernas, milagres, achados e outros ecos das marxes da microhistoria recente de Galicia.

Solla, á parte do breve comentario do limiar, unicamente participa como compilador das historias que foi escollendo da súa procura no case medio cento de cabeceiras. Non hai un traballo de sistematización das noticias para profundar na súa temática, contexto e demais circunstancias nas que as noticias se producen e, o máis importante, se difunden. O autor simplemente fai un resumo previo á publicación da noticia segundo a fonte xornalística orixinal e a maiores indica se a tal nova apareceu noutro xornal, á parte de comentar algunha cuestión sobre os textos. Estas intervencións teñen desigual fortuna, pois exceden en moitos casos unha función informativa e marcan un ton por veces coloquial e subxectivo que non favorece o libro.

A dixitalización dos fondos xornalísticos da meirande parte dos periódicos galegos favorece este tipo de traballos. Especialmente grazas a espazos como Galiciana, portal documental onde se pode encontrar a maioría das coleccións que Solla utilizou para este volume. De feito, chama a atención a ausencia de referencias do Faro de Vigo, colección de máis difícil consulta ao non estar accesible na internet. Pero sen levaren aparellado un labor de tratamento teórico deses textos xornalísticos, este tipo de libros perden moito interese, xa que só serven de mostraxe daquelas historias que a Calros Solla lle chamaron a atención, sen máis. Un álbume de abraios que precisa da evidente empatía do lector e que, polo tanto, será de grande interese para quen queira pasar unha hora degustando historias de moi diverso aspecto, sen máis pretensións. Nada a ver con libros como o tamén recentemente publicado por Galaxia Noticias da modernidade. A muller moderna na prensa galega dos anos 20, de Raquel C. Pico, que fai un uso completamente distinto das fontes periodísticas. Queda pendente, daquela, un volume que analice a función das noticias sorprendentes na prensa histórica. Se cadra veriamos que a pesar do tempo transcorrido, a prensa de hai cento cincuenta, cen, cincuenta anos, é bastante semellante á de hoxe, malia os enormes cambios sociais.

Doentes mentais, intervencións divinas e malignas, calotes, fauna mitolóxica, mulleres supercentenarias, monxas nigromantes, bebés con cara de mona, árbores que camiñan, sarabia preta, esqueletes emparedados, trasnos, luces misteriosas… Crónica da Galiza bizarra é ideal como magma creativo para novelistas. Tamén muda homenaxe (xa que apenas se citan nomes de xornalistas) aos redactores que debían encher día tras día as “sabas” dos xornais nos que traballaban.

É recomendable, no ronsel deste libro, seguir no Twitter perfís coma @iusnaufragii, e sempre deixarse levar polos ventos azarosos das hemerotecas dixitais:

https://www.biblioteca.galiciana.gal

https://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/

https://www.abc.es/archivo/periodicos/

https://www.lavanguardia.com/hemeroteca

♦ Crónica da Galiza bizarra, de Calros Solla. Morgante, 2021. 304 páxinas. ♠20€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *