‘Cuestión de profesionalidade’ vs ‘Destinos’
Xornada 1. Grupo A. Natalia Otero vs Mónica Castro.
Cuestión de profesionalidade
Natalia Otero.
Caeu a noite, con ese bo gusto que deixa a sensación do traballo rematado, coma se por esta vez o descanso inherente ós nosos ciclos vitais fose de verdade merecido. Esa foi a razón pola que reservamos no noso restaurante asiático habitual, ó que iamos con certa asiduidade dende a volta da nosa lúa de mel polo continente oriental.
Se ben non era un lugar onde o luxo fixese algún indicio de presenza, os sabores que nos ofrecía eran folgadamente fieis ós que degustaramos naquela viaxe. Pero, sen dúbida, do que máis desfrutabamos era do espectáculo de ver aquel profesional do coitelo, co que nunca intercambiamos máis aló dos saúdos de cortesía típicos, pero que sempre presupuxemos que sería o dono do negocio.
Parecía estar de xeito perpetuo naquela pequena cociña á vista, até o punto que non eramos quen de imaxinalo facendo ningunha outra cousa ó longo do día. Co xesto serio, calado e cunha concentración propia dun xadrecista, mais coa soltura dunha palilleira de Camariñas, cortaba a peza de peixe cru con tal destreza e precisión que un podía sentir a friaxe do bisel correndo polo espiñazo e irradiándose coma un calafrío cara aos poros da pel de todo o corpo.
Tentámolo facer un milleiro de veces pola nosa conta, pero nunca logramos tal perfección no fileteado. O noso mellor resultado probablemente fora unha chafallada para aquel mestre do bisturí caseiro.
As pregarias do noso sistema dixestivo foron escoitadas e unha risoña moza, de trazos moi semellantes ó vello da cociña, tróuxonos unha colorida e suculenta bandexa do menú especial.
Xa metidos na mecánica da cea, dispuxémonos á fin a falar do que realmente nos ocupaba naqueles intres. E inda que procurabamos non nomear o traballo nos nosos escasos momentos de ocio, tanto polo aumento da demanda dos nosos servizos como por unha mera cuestión de profesionalidade, era necesario desta vez repartírmonos as tarefas da maneira máis equitativa posible.
Non foi doado, pero finalmente chegamos a un acordo. El encargaríase do matrimonio de aristócratas que tiñamos agachado no faiado, e de cuxa desaparición se facían hoxe eco practicamente todos os medios. Eu pola miña parte, ocuparíame do famoso político que metemos a última hora no maleteiro do Audi.
Dos anacos do empresario que gardamos no conxelador xa falariamos na vindeira cea.
………………………………..
Destinos
Mónica Castro.
A man branda —unha samesuga— cae cun golpe xordo contra o espertador.
—Merda. As catro e cuarto. Para que tería eu quedado co Braulio.
É cedo. Dúas horas máis do horario de sempre.
—Pero cómo dicirlle ao Braulio que non. Que non vou. Que non me peta. Que polo que paga busque a outro. Que non carrego coa merda da casa de miseria. Pero non, alá vou. Quén se non.
Pola fiestra: escuridade. Tapiado de negro o cristal. Nin a lúa.
—E despois está o patrón. Mal raio te foda. Agora me vén coas horas que che debo. Que os días que estiven rebaixado. Que teño que darlle duro, non me vaia a botar. E agora as cousas non están para brincar. Xa sei que a María marchou. Faltáballe dicir co Armando, que o sei todo. Coas fillas. Que tamén o sei. E agora está a pensión tamén. Moitos gastos. A puta que te fixo.
O patrón dío con cara de sufrimento. Pero a min non ma pega. Así me ten máis atado. Se o coñezo eu.
Pola fiestra: O vento, negro tamén, arremete contra as gotas da xanela.
—E hoxe é o do dentista da pequena, que a María se zafa cando hai que pagar. Espérame un dia longo. E despois pasar pola casa do Simón, para ver se arreglo o do choio ese para o verán. O verán. Qué demo é iso. Unha tempada incerta, esperando pola sentenza do patrón: volves traballar para min ou apodreces.
Traballar, ése era o meu destino. Ese é o teu destino tamén, non te libras.. Seremos galegos, ostia, pero traballamos coma chineses.
“Cuestión de profesionalidade”
O que máis me gustou do relato foi a descrición do cociñeiro. Coido que ten algunhas frases moi atinadas: “Co xesto serio, calado e cunha concentración propia dun xadrecista, mais coa soltura dunha palilleira de Camariñas”. Non me gustou, en troques, a resolución do relato. Pareceume un tanto forzada. Necesitaba, ó meu parecer, que durante o corpo do conto se deixara caer algún detalle que se ben non descubrira a sorpresa final si nos guiara un pouco cara ela de xeito máis natural.
“Destinos”
Coido que o monólogo interior está bastante logrado. Pola contra coido que ese parágrafo final (“Traballar, ése era o meu destino. Ese é o teu destino tamén, non te libras.. Seremos galegos, ostia, pero traballamos coma chineses”) non harmoniza nada ben co resto do relato.
O meu voto vai para “Destinos”
Cuestión de profesionalidade
Penso que o prantexamento é atractivo, mais, ao meu ver, non se oculta convenientemente a sorpresa final. Fíxoseme un tanto previsíbel. Pese a que está ben escrito e ten frases que gañan moito nunha segunda lectura (nunca logramos tal perfección no fileteado), creo que ten un problema de ritmo. Os primeiros parágrafos gastaron demasiadas palabras en dicir pouca cousa e sen conseguir crear a atmósfera adecuada para a sorpresa final.
Destinos
Tampouco foi dos meus relatos favoritos desta xornada, debo admitir. Gústame a voz poderosa do personaxe. Ten forza. Porén, o fragmentado do texto non me acaba de convencer. Penso que as frases que comezan “Pola fiestra” curtan en exceso o ritmo e non lle achegan suficiente personalidade á atmosfera do relato. Alén de que penso que empata peor que o seu rival coa foto de partida.
O meu voto é para Cuestión de profesionalidade
Coido que o debú das autoras foi desigual. E penso tamén que a imaxe é unha das máis suxestivas da xornada.
Cuestión de profesionalidade
Relato clásico con final inesperado (a min sorprendeume). A autora tece moi ben a trama, é fiel e non hai incoherencias entre o corpo e o final.
Con todo, coido que ten dúas eivas. Unha, argumental: o tremendismo. Non me parece verosímil esa especie de sindicato do crime que negocia como descuartizar persoas asasinadas. A fascinación polo macabro adoita ser habitual nos microrrelatos e tamén é marca da casa deste torneo: estou pensando en Érica Couto, Duncan (abrazos alá onde esteades!). Mais coido que é un recurso moi accesible.
O outro problema do relato encóntroo na aglomeración de metáforas e algunhas frases feitas.
Destinos
Francamente, penso que este relato está inacabado. Hai unha idea forza, un personaxe dotado de personalidade pero pouco máis. Así como se publicou parece máis ben un borrador. Non hai sutileza nin orixinalidade. Na arte, a emoción non pode expresarse tal e como se nos figura porque adoita quedar artificial, inerte. Penso que é o que lle ocorre a este relato. Sobra alegato e falta introspección. Tampouco me convence a “percha” coa que a autora vincula a imaxe co seu texto. É un fío bastante feble.
Pola contra, agradezo que nun microrrelato se opte por dúas vías que habitualmente son complexas: o monólogo e as voces baixas.
Un monólogo sempre é un risco e aínda que, insisto, coido que non quedou ben aquelado, é un tipo de narración complicado. Bravo pola afouteza.
Que se fale nun relato de condicións de traballo, de loita de clases… sempre é interesante. Quen arrisca non sempre gaña pero os combates bonitos son aqueles onde as duelistas saen a mancar. Brava!
O meu voto vai para ‘Cuestión de profesionalidade’
Interesantes relatos resoltos con frescura.
“Cuestión de profesionalidade” resultoume unha agradable mestura entre “Pulp Fiction” e “Mr. & Mrs. Smith”. “Destinos” ten unha linguaxe máis actual que fai a súa lectura fácil, próxima e suxerente.
O meu voto vai para “Cuestión de profesionalidade”.
No primeiro relato “Cuestión de profesionalidade” gustoume esa entrada no restaurante, a pequena atmosfera creada. O de comparar filetear peixe con facer encaixe de Camariñas fíxome rir. Ten tamén algo que adoita atraerme que é o tratamento cotiá do macabro. Esa parella tranquilamente na cea repartindo o traballo de despezar. No final quizais encaixaba co resto da narración algo un pouco máis contido ou non só exaxerado en canto a número de traballos pendentes.
O segundo “Destinos” ten unha imaxe potente inicial da man caendo no espertador como unha samesuga. Un atrevemento formal interesante co fío dos pensamentos, soltos a golpe como a consciencia a espertar e dar coa realidade fodida da vida. Igual quere un pouco máis de argamasa, quizais que os pensamentos teñan un pouco máis de percorrido para o lector.
O primeiro creo que é máis redondo e voto por el: Cuestión de profesionalidade
“Cuestión de profesionalidade”
JA, encántame o xiro. Ó principio parece que non vai de nada e non se sabe cal é a pretensión da historia, pero o final e xenial, di todo en nada. O contraste entre a imaxe doméstica, case diría tenra, da “chafallada” da cociña caseira fronte á natureza dos seus negocios foi un acerto, así como a mención destes últimos no mesmo ton lixeiro no que comenta o sabor da cea ou cómo filetear un peixe. Serve para amosar a psicoloxía das personaxes precisamente porque non hai nada que o delate; para quen o conta ten a mesma relevancia ter un home esnaquizado no conxelador que degustar o mellor sushi da cidade.
“Destinos”
Non se pon maiúscula logo dos dous puntos, a non ser que sexa unha cita textual ou que haxa un salto de liña.
Falta un til en “día”.
Sobra un punto despois de “non te libras”.
A vinculación coa fotografía é demasiado laxa, non pensaría que a imaxe e o relato van xuntos. Se o protagonista saíra á rúa, pasara por diante dun restaurante chinés, o único que está esperto a esas horas ademais del mesmo, e dixera a mesma frase pegaría doutra forma.
A metáfora inicial ten a súa graza, pero no monólogo pérdese de vista ó protagonista, o que fai. Por bonita que sexa a descrición de “O vento, negro tamén, arremete contra as gotas da xanela”, para min tería máis forza ver ó home pelexando coas sabas para saír da cama, remexendo nos caixóns con rabia, como cambia o ton do que di… Porque non soltará todas as frases coa mesma inflexión, algunhas serán entre dentes e outras, exabruptos (que tamén se poden sinalar con exclamacións).
Voto por “Cuestión de profesionalidade”.
Gustáronme moito ambos relatos. En Cuestión de profesionalidade atopei unha boa estrutura co seu ritmo, sen faiar en ningún momento e con un par de imaxes, como a do peixe, que me resultaron moi ben traídas.
En Destinos, o fío de pensamento está ben logrado, coa frase da samesuga colle unha forza que vai perdendo cara o final. Con todo, paréceme que é difícil de lograr un relato con esta técnica, así que parabéns.
Creo que vou botar a Destinos, pois quedeime bastante con el despois da lectura e creo que o estilo é o perfecto para a situación.
votar* Perdón¡
Gostei de ambos relatos pero quizais en “Destinos” sendo deferensora da denuncia, da crítica e do fastío como eixe temático boto en falta algo máis de elaboración, véxoo un tanto disperso.
“Cuestión de profesionalidade” ten quizais a edición que falla no outro relato co engadido de que a historia ten un xiro final que me sorprendou e me fixo escachar a risa.
Como se poden sacar a frote tantos cadáveres no penúltimo párrafo?. A min non me resultan fora de lugar, todo o contrario, véxolle un regusto a Tarantino, no exceso polo exceso reside o seu sentido e a súa graza.
O meu voto para “Cuestión de profesionalidade” Moi profesional : )
Aínda que adoro o formato “Diálogo” e este está moi conseguido, sinxelo e directo, “Cuestión de profesionalidade” namoroume con esas descripcións tan gráficas.
O meu voto vai para “Cuestión de profesionalidade”. O relato está moi ben levado e o final é grandioso.
“Destinos” gustoume moito e síntome identificado co protagonista, pero o final deixoume frío
Un dos mellores espectáculos que existen para min é ver a un profesional do corte manexar un coitelo ben afiado (sobre tod diante dunha boa peza de ibérico). Así que o meu VOTO está asignado a “Cuestión de profesionalidade” por mero pracer sensorial. O relato está ben inda que a relación entre o núcleo do relato e ese final sexa cuasi accesorio. Menos mal que está aí o título.
“Destinos” ten forza, realmente para as poucas palabras que gasta case podes sentir a mala hostia do pobre paisano. Ademáis císcase bastante nese slogan que anda por aí de “vivamos como Galegos” que, a según o xornal que teñas, fai tanta gracia coma o coronavirus. Pero non ten coitelos…e tamén precisa algo máis de edición. Inda así, bo traballo pola potencia narrativa conseguida.
Difícil elección, ao ser dous relatos tan diferentes pero que “case” conseguen o que (supoño) que pretenden. De “Cuestión de profesionalidade” gústame todo, agás a derradeira frase. Para min sobra. Pero é só a miña opinión.
De “Destinos” gústame a contraposición das descricións (penso que moi logradas) cos diálogos máis prosaicos. Pero paréceme longo de máis, vai perdendo forza conforme vas lendo.
O meu voto vai para “Cuestión de profesionalidade”.
O meu voto é para ‘Cuestión de profesionalidade’: áinda que o final non me gustou moito, desfrutei coa descrición do cociñeiro e a ambientación do relato. De ‘Destinos’ tamén me gustou moito a imaxe da samesuga e os diálogos interiores, pero decántome polo outro.
Cuestión de profesionalidade
Cando ía rematando o relato xa pensei que no final ía vir unha gorda. Estaba cantado. O mais interesante (para min) é que se trata dun relato sen nudo (falo da clasica intro-nudo-desenlace). A intro vaia ata case o final. A autora sae viva do invento, pero teríalle quedado mellor se as frases fosen mais curtas. Sentinas algo sobrecargadas e tamén tópicas por veces (“de cuxa desaparición se facían hoxe eco practicamente todos os medios”). O final sorprende (non me contradigo: unha cousa é que esperes un susto e outra que saibas quen cho vai dar) e foi boa eleccion unir o traballo do cortador de peixes coas aficions dese peculiar parella.
Unha vez asimilado o final o relato tampouco ofrece moito máis. Preguntome, coma noutros relatos, que teria pasado se soubesemos desde o principio que sea era unha parella de canibales. Tan malo sería? Total agora xa o sei e se o leo por 2º vez non podo finxir que non o sei…, é tan tan importante para o exito do relato que na primeira lectura o lector non saiba que está lendo?
un ultimo apunte: os secuestrados eran un par de aristócratas e un politico. Isto canta demasiado, un non elixe por casualidade semellantes presas, e estou falando de metaliteratura agora. Se fosen un cativo de 5 anos e a conductora de autobus da linea de Vite, que pasaría? Por que sentiu a autora a necesidade de protexer ós seus protagonistas desta maneira?
Destinos
Non me convenceu como está estruturado o relato. Hai partes que son pensamentos e levan guion e outras que non se sabe se son pensamentos ou narracion en 3º persoa. Eu creo que este era un relato para escribilo só en 1º persoa, sen mais narrador, e deseñado só como pensamento do protagonista.
O final, dirixindose ó lector, non foi boa idea. De facer iso (que non o aconsello) é mellor ir empezando antes. O sentido do relato tamen parece un tanto limitado, case era mellor eliminar o ultimo paragrafo, que semella que é só un autoresumo do relato.
O que eu entendo é que son sicarios, non caníbales. Están a falar de traballo.
tes razón, misturei os negocios co pracer.
Moitísimas grazas pola adicación Lois! Efectivamente, como xa dixeron por aí, son un par de sicarios, non de caníbales, pero pouco lles faltará… jajaja
Respóstoche a ti porque fixeches unha pregunta moi interesante que eu nin sequera me fixera. ¿Por que protexer ós protagonistas?
Ben, efectivamente non foi casualidade que os caracterizara como asasinos de “altas esferas”, pero tampouco foi en este caso por protexelos. Por eso fun tan sucinta nese último parágrafo. Para non dar pé a esa dualidade de “pobre=bo e rico=malo”. Simplemente cureime en saúde de palabras. É dicir. Se son xente influinte, pode haber moitos motivos (os que o lector queira) para que haxa alguén interesado en desfacerse deles, e non polo mero feito do gusto ou a psicose de matar. Algo que quedaría moi no aire se foran xente de a pé, e habería que explicalo. Era unha sinxela “cuestión de profesionalidade” ;P
Foi o que tentei, pero inda estou mollando os pés e quédame moito para conseguir meterme ata a barriga. Moitísimas grazas pola análise Lois!!!!
«Cuestión de profesionalidade»
Como xa se dixo, ten algúns problemas con metáforas e construcións tópicas, que se poderían arranxar con un pouco máis de traballo, pero gustoume moito. Está ben planificado, somérxenos nun ambiente cotián que xa non abandona, nin sequera na revelación (comigo funcionou), porque para os protagonistas esa é a súa realidade do día a día. Tampouco vexo como unha trampa que se nos ocultase até o final, porque estaba aí «Tentámolo facer un milleiro de veces pola nosa conta, pero nunca logramos tal perfección no fileteado. O noso mellor resultado probablemente fora unha chafallada para aquel mestre do bisturí caseiro.», só que nós pensabamos que era outra cousa.
«Destinos»
A autora foi audaz apostando por un monólogo e o personaxe está ben caracterizado. No entanto, coincido con César en que ten aparencia de borrador. Debería tentar contar o que pretendía de forma máis indirecta. A parte final semella unha intento de xustificar a relación difusa que ten o relato coa imaxe xogada.
O meu voto vai para «Cuestión de profesionalidade».
Lois, agradécense moitísimo os teus comentarios detallados. Que, non tendo obriga, pases o tempo de ler e analizar tan en profundidade é algo moi meritorio.
VITORIA DE ‘CUESTIÓN DE PROFESIONALIDADE’.
Quero darvos as grazas por tanta adicación cos nosos relatos e tan boas palabras para este matrimonio tan atareado. En canto lin o sublime monólogo da miña rival, co que por certo, empaticei dende esa, con razón,
tan citada “samesuga”, din o meu por perdido, pero coido que vos decantáchedes polo estilo máis clásico, se cadra. A min persoalmente encántanme os formatos de relato alternativos, pero sempre é un risco (seino ben), así que noraboa á miña contrincante.
Tanto ou máis que as louvanzas agradezo as críticas, que tomei boa nota delas. Sodes moi xenerosos con iso, de verdad. Aprendín un montón. Graciñas a todos