‘Cumes torboentos’, a creación dun mundo desolado
Clásicos en galego

Marcos Taracido.
Cumes torboentos (Laiovento, 2023), de Emily Brönte, foi traducida ao galego por L. C. Carballal, autor do moi interesante blog dedicado ao léxico e a gramática galega Debullando a fala. O labor é ímprobo porque, como o propio Carballal explica no prólogo, a linguaxe da novela utiliza un inglés dialectal con idiolectos distintos para as personaxes, e o tradutor ten que decidir como reflicte iso nunha lingua moi diferente, após douscentos anos e cun sistema dialectal cargado de connotacións que o lector galego actual interpretaría dun xeito moi distinto ao da novela en inglés. A solución é, desde o punto de vista de alguén que non pode xulgar a lingua orixinal, brillante. E Carballal acompaña a nosa lectura durante todo o libro con notas explicativas. Degoxo porque todas as persoas que traducen libros expliquen o seu labor en prólogos e notas.
Unha aclaración antes de seguir: aínda que estamos a falar de clásicos que, en xeral, son moi coñecidos, a miña intención e invitar á lectura, ou á relectura agora en galego, polo que na medida do posíbel evitarei nestes artigos desvelar aspectos importantes do argumento dos libros que trate.
Cumes torboentos é unha novela dura, implacábel coas súas personaxes, unha novela desolada que narra a degradación dun mundo, e faino a través da mirada de varios personaxes-narradores que axudan a construír a trama desde diversas perspectivas, sen que ningunha resulte redentora; Brontë nunca é maniquea, non se coloca a favor de ningunha das súas personaxes, algo que, ás veces, durante a lectura, o lector pode desexar. Nun casal nos páramos ingleses, o pai volve dunha viaxe cun neno acollido, do que non se sabe a orixe nin as circunstancias que o levaron ao desamparo; o pai morre axiña e o neno medra como amigo íntimo de Catherine e como un criado desprezado polo irmán dela, Hindley (personaxe con claros ecos do malfadado irmán de Emily, Branwell). A novela é como o páramo no que transcorre a acción: ventoso, azoutado pola chuvia e o frío, ermo. Situada entre a fin do Romanticismo e os inicios da era victoriana, non é unha novela perfecta, senón que semella moverse por impulsos e arrebatos; a segunda parte é claramente peor ca a primeira, menos apaixonada e de menor interese, aínda que, porén, é necesaria na estrutura de espellos, ecos e círculos concéntricos que alicerza a trama.
Mentres lía lembraba decontino Frankenstein sen poder xustificalo por nada en concreto, nada tanxíbel; até que lendo máis tarde o moi recomendábel La loca del desván. La escritora y la imaginación literaria del siglo XIX[1] vexo que nomea a novela de Mary Shelley e establece moitos paralelismos que, sen convencerme totalmente, si fixeron que eu lle dese forma á miña inquedanza durante a lectura: Heathcliff e Frankenstein actúan movidos polos mesmos motivos, a falta de amor na nenez e a vinganza contra unha sociedade que os rexeita sen lles dar unha oportunidade. Outra vez natureza fronte a civilización.
E sinalo un postremeiro gozo que produce esta novela: é unha historia de mulleres, as personaxes femininas teñen entidade propia, non son construídas como resposta ou complemento dos personaxes masculinos, senten e actúan movidas por desexos propios; non son mellores nin peores ca os homes, simple e satisfactoriamente son.
Unha familia literaria
O que acontece coas irmás Brontë é singular. Éo polo simple feito de tres irmás escribiren senllos clásicos indiscutíbeis da literatura universal (Jane Eyre, Agnes Grey, Cumes torboentos). Mais se observamos as circunstancias e o contexto no que medraron e desenvolveron a súa literatura o caso devén en algo extraordinario e irrepetíbel.
A familia viviu en Haworth, unha vila do condado de Yorkshire, no norte de Inglaterra. A nai morreu cando Emily tiña tres anos, e as dúas irmás máis vellas cando tiña sete. Medraron na casa Charlotte (1816), Branwell (1817), Emily (1818) e Anne (1820). O pai, Patrick Brontë, vigairo da vila, ficou pouco na casa; aínda que lles deu transmitido ás súas fillas o amor pola literatura e as artes, centrou os seus esforzos en Branwell, o seu único fillo varón, mentres que preparou as fillas cara ao ensino e ao coidado da casa. As rapazas apenas recibiron educación regrada e a pesar das inquietudes intelectuais do pai non había na casa unha biblioteca ben dotada e o acceso a noticias e novidades culturais era esporádico e escaso.
Emily desenvolveu un carácter introspectivo e de timidez cara ao exterior. Xunto con Anne, a irmá pequena e de delicada saúde, crearon un mundo de ficción, Gondal, no que desenvolveron centenas de narracións e poemas de aventuras románticas e apaixonadas que lles serviron de refuxio intelectual e han ser os alicerces das súas novelas.
Para Emily, o mundo era a casa de Haworth, Anne, Charlotte e Branwell, os seus cans e os páramos polos que daba longos paseos imaxinando as historias de Gondal. En dúas ocasións abandonou o fogar: a primeira, aínda nena, as irmás foron enviadas a unha escola, internas, e Emily tivo que voltar só tres meses despois, enferma de saudade; a segunda, xa adolescente, marchou a un colexio en Bruxelas en réxime de alumna-institutriz, e alí aturou uns seis meses antes de regresar á casa familiar. Charlotte escribiu despois un texto que axuda a entender a idiosincrasia de Emily:
«A libertade era a respiración de Emily. Sen ela morría. Non puido soportar a muda do seu fogar ao colexio e do seu modo de vida moi silandeiro, moi solitario, mais sen restricións nin artificios, a outro rutineiro e disciplinado […]. O seu carácter resultou ser demasiado forte comparado coa súa enteireza. Todas as mañás, cando espertaba, era asaltada pola visión do seu fogar e dos páramos, e iso ensombrecía e entristecía o día que se abría perante ela. Ninguén máis ca min sabía o que a agoniaba; eu sabíao moi ben. A súa saúde quebrantouse axiña nesa loita; o seu rostro esbrancuxado, o seu físico desmellorado e a debilitación das súas forzas fixeron prever unha deterioración rápida. Sentín no meu corazón que morría se non voltaba a casa, e, convencida diso, conseguín que a chamasen de volta»[2].
Para entender a defensa radical que Emily fai da súa individualidade, o esforzo ferreño por manter unha parcela propia dentro dunha casa na que, por outra parte, as relacións entre as irmás eran estreitas e achegadas, abonda con isto: Emily ten 26 anos cando Charlotte descobre e le os dous cadernos de poesía que a súa irmá levaba escribindo polo menos desde dez anos antes. Emily enfurécese pola quebra da súa intimidade e fica encoraxada varios meses. No entanto, Charlotte consegue convencela de publicar un libro con poemas das tres irmás, volume que vende dous exemplares.
Un ano máis tarde, no 1847, e case simultaneamente, as irmás publican as súas novelas baixo o pseudónimo masculino que xa utilizaran no libro de poesía: Currer, Ellis e Acton Bell. O éxito de Jane Eyre, publicado cun editor coidadoso e moi profesional, chega decontado. Porén, Anne e Emily publican cun editor argalleiro e manipulador, e Emily non atende os consellos de mudar a outra editorial: non tiña interese real no proceso de publicación nin na difusión da novela, que é acollida con bastante frialdade e incomprensión.
Se as irmás actuaron sempre como se esperaba delas desde o punto de vista social, contribuíndo con diñeiro na economía da familia cando foi necesario, ou coidando da casa, Branwell –a quen Emily adoraba– levaba mal o inicio da vida adulta e a asunción de responsabilidades e logo comezou a mostrar síntomas de inestabilidade mental. O consumo de drogas e alcol fórono degradando física e mentalmente e os intentos de recomporse e as recaídas foron constantes, até que, destruído por completo, morreu en setembro do 1848. No seu funeral Emily arrefriouse e axiña os síntomas empeoraron, mais negouse a ser tratada, rexeitou as menciñas e, aos poucos, deixou de comer. Morreu apenas tres meses despois, en decembro. Disque o seu can estivo a ouvear durante varias semanas. A tuberculose matou a Anne en maio do 1849 e a Charlotte, embarazada do seu primeiro fillo, no 1855. Patrick Brontë sobreviviu a toda a súa familia.
Adaptacións cinematográficas
Vou dedicar a última parte deste texto ás adaptacións cinematográficas que se fixeron de Cumes torboentos, e aínda que hai unha morea delas (11 segundo IMBD, entre as 20 novelas máis adaptadas) voume centrar en cinco, e comentareinas por orde cronolóxica:
O Cumes torboentos de William Wyler, estreado no 1939, ten todas as garantías dunha produción de Hollywood daquela época: actuacións impecábeis, guión sólido, dirección solvente, fotografía e banda sonora excelentes… E imítase ás adaptacións Disney dos contos dos Andersen: fica pouco do espírito orixinal e hai moito de relectura romantizada de grandes paixóns.
No 1954 Buñuel consegue levar a cabo o proxecto polo que devecía desde moito tempo atrás de adaptar a novela, aínda que el mesmo recoñece posteriormente que o resultado distou das súas intencións, aínda que defendeu que o espírito de Cumes torboentos si estaba reflectido na súa película. Concordo: Abismos de paixón é unha película fracasada en moitos aspectos, con actuacións que fan moi difícil que a historia engaiole, mais de certo as personaxes son talvez as máis fieis ás perfiladas por Brontë.
No 1992, baixo o acubillo da Paramount, estréase Emily Brontë’s Wuthering Heights, que como o seu título indica pretende ser a primeira que adapta a totalidade da novela: todas as demais adaptan só a primeira parte. O reclamo son un actor e unha actriz de grande éxito nese momento: Ralph Fiennes e Juliette Binoche. A película resulta afectada e pretensiosa, cunha imaxe (fotografía, efectos, posta en escena…) que avellentou mal e un tratamento da parte sobrenatural da novela (moi sutil e intelixente en Brontë) bastante patética. O mellor: a banda sonora de Ryuichi Sakamoto.

É moi interesante a proposta do 2011 con guión e dirección de Andrea Arnold. A cineasta procura unha aproximación máis naturalista na que intenta comprender as personaxes para o que dilata a relación entre Catherine e Heathcliff na infancia. Moi poucos diálogos, sen banda sonora, cunha montaxe peculiar e arriscada e cunha presenza constante da natureza que desenvolve intelixentemente o que na novela só está apuntado: a paisaxe arisca, case violenta, case non é nomeada nin descrita por Brontë, trátase dunha presenza intanxíbel, mais necesaria. A película esmorece na segunda parte e non consegue que o desenlace sexa coherente coa exposición inicial.
Vin o filme de Emerald Fennell (Wuthering Heights, 2026) antes de ler a novela e saín do cine coa sensación de ver unha película desmedida, efectista e demasiado condicionada pola elección das estrelas protagonistas (Margot Robbie e Jacob Elordi). Após a lectura coido que a adaptación ten os seus méritos: penso aínda que está pexada polo efectismo e as estrelas, máis toma decisións acertadas para conseguir traspor a letra ao fotograma, como eliminar o irmán e traspasar os seus trazos ao pai, dotar dunha maior carnalidade a relación entre Catherine e Heathcliff e lixar a personaxe de Isabella Linton e a súa relación con Heathcliff. Á fin e ao cabo Brontë non pode máis que insinuar a sexualidade a mediados do século XIX.
A poesía de Emily Brontë
Proposta de publicación: as poesías completas de Emily Brontë. Teñen calidade dabondo por si mesmas e constitúen o xeito perfecto de fornecermos o universo da autora, tanto persoal como literario. Lelas é entendermos mellor as angueiras da persoa e o universo da novelista. Deixo un poema torpemente traducido por min mesmo:
Non chorarei porque me vaias deixar,
non hai nada fermoso aquí,
e dobremente o mundo escuro apesarame
mentres o teu corazón sofre alí.
Non chorarei porque a gloria do verán
sempre debe terminar en penumbra,
e até a historia máis feliz
péchase con unha tumba.
E estou cansa da angustia
que endurece os invernos,
Cansa de ver esmorecer o espírito
durante anos de desesperación mortal.
Así, se unha bágoa, cando esteas a morrer,
por acaso caese de min,
non é máis que a miña alma a suspirar,
por ir e descansar contigo.
[1] Sandra M. Gilbert e Susan Gubar, Cátedra, 1998, tradución de Carmen Martínez Gimeno
[2] En Emily Brontë, Winifred Gerin, Atalanta, 2008, tradución de Ana Beciu







Moi bo artigo. Moi boa análise.
Moitas grazas, unha honra recibir unha gabanza de quen escribiu “Perder as bestas”.