‘Álvaro Patricio Cunqueiro Mora’ vs ‘A vía láctea’
Xornada sétima e derradeira da Liga de Outono 2021. Duelo entre Sofía Sicilia e Daniel Ugarte.
Traba: Os relatos só poden usar palabras cuxas letras estean contidas na seguinte oración: “Álvaro Patricio Cunqueiro Mora de Mondoñedo”. As letras proscritas si poden utilizarse en conxuncións e preposicións.
Álvaro Patricio Cunqueiro Mora
Sofía Sicilia.
Álvaro Patricio Cunqueiro Mora de Mondoñedo, levantado e dereito, movendo a cara.
—A que anda?
—Ven, mira.
Na ollada a velutina. Na man a carta.
—E que di?
—Que por que non voltar.
—A onde?
—A Auria, onde entón?
—Perdoa?
Tiña na cara toda a morriña do mundo. A velutina voa, revoa.
—Pronto?
—E cando entón, ao morrer?
Deitei a man na cama. A carta.
—O tempo voou,
—É o lar, o pai, a mai. Era o de verdade. A voltar por papá e mamá. A Auria.
Álvaro Patricio Cunqueiro Mora de Mondoñedo riu, deitado, coa carta na man. A velutina non voou; parou.
—Vai polo tiquete. A morriña é dura.
Aquela ave voou no ceo, un cirro morreu. A velutina ronou.
Álvaro Patricio Cunqueiro Mora de Mondoñedo, levantado e dereito, movendo a cara. Movendo a carta. Mirando a velutina.
—Co tiquete, nun día… a ver, Auria vela por ti.
—E por ti.
A Vía Láctea
Daniel Ugarte.
Cando Cunqueiro morreu, aprendeu que a Vía Láctea era tal cal el a pintara nun caderno amarelo. Se Ramón Piñeiro non perder o paquete que Don Álvaro lle enviara, a acuarela acompañaría o derradeiro volume do veterano narrador, un relato que pretendera onírico mais que tornara real.
Nel, a alma de Paul Éluard percorre a Vía Láctea montada nun veleiro. Sen o atranco dun corpo condenado a ancorar na Terra, o poeta parte á procura do punto que ocupa o centro do ceo, coa intención de compoñer alí o poema ideal. Porén, o vate tivera a mala idea de armar a nave con madeira lavada no río Lete e demora en comprender que se o temoneiro non é quen de encontrar a derrota adecuada é porque o leme carece de memoria.
A dorna de Éluard vai e vén, como a pequena pardela que voa sobre o océano. Até que nun cantil do planeta Orme, atopa un mariñeiro aluado e cativo. Vendo a morte preto, o mariñeiro conta que leva un ano amarrado á maldita pedra, que o peito lle proe e ten a tripa doente de tanta carencia. Dille que se Éluard corta a corda que o oprime e lle dá alimento, el lle aprenderá a dominar o leme cun produto que Merlín o encantador inventara.
Éluard acepta, colle un coitelo e corta a maroma. Trae da dorna pan de Cea e aceite, centola e carne de vaca cocida que a alma do poeta metera na nave non para comer, senón porque lle pracía o recendo. O mariñeiro cumpre tamén co acordado. Molla a dorna toda co produto que Merlín creou, curte a vela, pule o leme con moito coidado e dille a Éluard que continúe o itinerario que marque o vento do Norte.
Admirativa e encantada de ter acertado plenamente, a alma de Álvaro Cunqueiro contempla a Vía Láctea de cerca. Aínda un tanto aloulada polo acume propio, reacciona tras notar un moquete inmaterial impactando nela. A alma de Cunqueiro dá a volta e encontra a alma de Valle-Inclán.
Entón, cun ton sen ironía, o que queda de Don Ramón di.
—Olla Alvariño! Alá vai o Paul na dorna a toda velocidade. Desde que a limpou co produto aquel do teu Merlín, quedoulle pintiparada.
Álvaro Patricio Cunqueiro Mora
Este relato, mais que non empregar certas letras semella que tiña o atranco de usar só certas palabras. Non estou seguro de ter entendido o relato ó 100%. Tampouco me parece que iso importe demasiado neste relato (refirome a cousas como que di a carta ou quen é a outra personaxe). Para o pouco que di o relato ten un aire que me atrae, é entre misterioso e aterrador. Ademais tiven a foto do duelo na cabeza todo o tempo para buscarlle un sentido e iso fixo que a sensacion de baleiro medrase. Creo que é un relato apropiado para poñer como exemplode que é mellor explicar de menos que de mais. Sempre hai un punto ó que hai que chegar e un punto do que non hai que pasar. E que dificil é velos a veces. Aqui, con esas 4 palabras repetidas logrei crear unha imaxe que me agradou. Se o relato non tivese a traba e puidese explicarse mellor é posible que me gustase menos.
pd: hai unha frase que remata en coma, non sei se é un erro ou non. tamen hai unha interrogativa que non deberia selo (que por que non voltar?).
A Vía Láctea
“Se Ramón Piñeiro non perder o paquete”
perder?
este relato, en cambio, é dos que hai que entender plenamente ou se non estás perdido. E estiveno durante 2 lecturas ata que fun entendendo algo (que non sei se é o que debia entender).
Se entendín ben, no relato pasan 2 cousas. por unha parte a alma de cunqueiro está na via lactea, que resulta ser xusto como el a imaxinara (?), e por outro lado o narrador contanos como era ese relato no que Cunqueiro a imaxinara. este relato remataría na palabra “Norte”.
Se lese estes 2 relatos de forma casual nunha antoloxia o 1º resultaríame interesante, ainda sabendo que son eu como lector quen pon casa, comida e cama. O 2º resultaríame… bueno, resultaríame aburrido. Está claro con cal me qeudaría.
En cambio, se teño en conta onde estamos podería dicir que o 1º é un borrador sen contido por culpa da traba e que nin sequera ten relacion coa foto. En cambio, o 2º esforzouse por crear un relato cumprindo as regras.
Por outra parte houbo xente que competiu (e algun incluso ganou) coa traba do relato en 2º persoa sen presentar un relato en 2º persoa. É certo que nesa xornada lle saquei tarxeta amarela a eses relatos errados, pero non deixei de votarlles por iso. Por fortuna o meu voto ganarono os seus rivais independentemente diso e non tiven ningun conflito interno como estou tendo neste duelo.
En fin, penso que o mais honesto é non tanto votarlle a este ou aquel senón xustificar ese voto.
O primeiro relato, como dixen, presenta un baleiro de significado que me resulta suxerente. Entendería que para outra persoa non o fose. Tampouco estou dicindo que sexa un texto magnífico, só que ten algo do que podemos aprender. Este relato é unha mancha de Rorschach.
O segundo relato é de lectura agreste. Comeza en pasado introducindo a Cunqueiro e a Piñeiro, cambia a presente para falar do relato en cuestion, mesturando unha acuarela, un caderno amarelo, un volume (de relatos?) e un paquete. Cando (na miña opinion) remata o relato volvemos á alma de Cunqueiro, pero seguimos en presente. Aparece Valle-inclán e di a frase que une fantasia e ficcion, sinalando ó poeta na sua dorna nesa via lactea postmortem. Non digo que as cousas non casen, pero uf… da traballo montar a pelicula.
Por iso voto por Alvaro Patricio etc, porque é máis desafiante explorarse a un mesmo que contemplar o autorretrato de outro.
Perder é terceira persoa do futuro de subxuntivo.
e ten sentido esa forma verbal aí?
Como o relato é onírico, o tempo pode verse como flexible. Quen o escribiu despois terá que explicarse 🙂
E o derradeiro duelo para min é este entre Sofía e Daniel. Nin a imaxe é das máis inspiradoras nin ningún dos relatos me resultaron doados de entender. A min pasoume como a Lois Z, tiven que lelos 4 veces para entender e non teño claro se cheguei ao cerne dalgún dos relatos… Vou votar polo que me gustou algo máis.
Álvaro Patricio Cunqueiro…
Semella demasiado telegráfico nos diálogos. Non sei se a velutina é unha referencia á imaxe ou se é un diálogo un chisco raro…. Creo que son demasiado básica e o final tampouco o entendo moito. Síntoo.
A Vía láctea
Aparecen unha chea de personaxes salientables: non só Cunqueiro, senón Eluard, Piñeiro e Valle-Inclán. Considero que está ben narrado e entendo bastante máis que no seu contrincante. Aínda así ese final da limpeza do produto paréceme algo pobre. Supoño que o cansazo váisenos notando a todos.
Voto por “A Vía Láctea” porque necesito entender o texto.
Esta é unha das imaxes que eu enviei, se non me equivoco, e corresponde coa Nebulosa Helix vista no espectro infrabermello. A imaxe no espectro ordinario podédela contemplar na ligazón
https://www.eso.org/public/portugal/images/eso0907a/?lang
E a simple vista é sinxelo entender a razón de que sexa coñecida como “O ollo de Deus”.
Do primeiro relato gustoume a narración estruturada sobre un diálogo, aínda que debo confesar que me perdín co final.
No segundo relato gustoume o estilo, a homenaxe a Cunqueiro metida na de este a Eluard e o xogo de matrioskas que remata en Valle Inclán.
Voto por “Vía Láctea”.
Comezo os meus votos con este duelo. Esta foi para min a traba máis horrible e tediosa de todas, así que xa só por enviar algo lexible, parabéns para todos e todas!
“Álvaro Patricio Cunqueiro Mora”: Moi poético. Para min, pouco contido, fáltame algo.
“A vía láctea”: Un exercicio máis completo, unha historia completa e comprensible. Paréceme ben levada e non se nota case a eiva das letras que non se poden usar.
Vai o meu voto para “A vía láctea”.
Parabéns a Sofía e Daniel por un concurso tan bo. Menuda remonatada, Daniel, o noso duelo botou fume!
“Álvaro Patricio…”. Gústame do relato o ton, o ritmo, a ambigüidade… Como dixo Lois está claro que transmite algo inda que non se entenda demasiado. A min sácame algo do ambiente o da velutina, é un bichoco este bastante recente na nosa historia e o resto do relato ule a tempos vellos. Boa resolución para a traba infernal.
“A vía láctea”. É un xogo de caixiñas moi redondo. Hai narración dentro da narración, lembroume a un relato de Ciberíada do meu amado Lem. Tiven que lelo un lotazo de veces, iso si. E para min usar aos literatos non foi bo precisamente porque hai que ter certos coñecementos para expremer mellor o relato. Inda así penso que está máis traballado que o seu rival. Non se acusa para nada a traba e iso ten un mérito enorme.
O meu VOTO vai para “A vía láctea” polo gran traballo que leva detrás.
Boas noites¡ Sinto comentar tan tarde¡
Respecto ao debate das trabas, eu penso que algúns dos competidores sufriron o desafío demasiado e hai algúns comentarios algo resentidos, eu penso, cando deixan oco para algo máis que o voto.
Vou citar aquí a tremenda obra que é Naruto e en especial os capítulos nos que teñen que facer un exame. Neste non lles avalían as respostas, porque chegan a ser demasiado complicadas para o seu nivel, senón que avalían a capacidade deles para copiar sen que os descubran. A capacidade para facer trampas orixinais. Así argallei eu o meu relato e penso que é un método tan valido como o de seguir a regra e nada máis.
Como suplemento, cabe dicir que creo que non vos decatades do difícil que é escribir sen unha vocal. Era un desafío que estaba a outro nivel, e que parecía requirir demasiado esforzo Que se lle vai facer, non me queda outra que agradecer a tan tremendos comentaristas, que dubido lean este comentario (pois non fala do seu relato) polas súas concisas, breves e curtas, afiadas observacións.
Ía deixalo aquí porque non me gusta meterme en leas pero bueno, creo que é de agradecer o traballo de quen se para a dicir algo con sentido dos relatos. A liga non esta neles, senón nos comentarios. Eu mesmo creo que aprendín un mínimo de critica destes e é o máis valioso que me levo. Entendo que escoza cando non che pillan os matices da túa obra, pero hai máis que facer aí que comentar de forma aclaratoria. Hai pautas que analizar e cousas a cambiar, creo eu. O relato non se acaba cando se envía, acabará se algún día se lle aplican os cambios que xorden con este dialogo. Aí será un relato da Liga, penso eu. pero que saberei, si non sei apenas nin onde estou.
Bueno, falando do duelo en xeral, é unha foto xenial¡ O nome de Cunqueiro e o trasfondo sideral dan para moito¡
Álvaro Patricio Cunqueiro Mora é un relato que presta moito da parte onírica que suxire a foto. A desconexión da que falan os compañeiros si que se me fai moi atractiva. Ese significado que parece estar constantemente velado tras os diálogos tan breves fai que queira saber máis, que queira xuntar as poucas pezas que me dan. Con tan só a figura da carta e a velutina e quen de montar un relato tan atraente. Ten moito mérito.
A vía láctea aposta por un enfrontamento cun enfrontamento literal coa traba. Nun formato escueto como o do seu rival pódese suplir mellor, pero nunha narración tradicional é todo un desafío. E consígueo: non hai unha sola palabra que se note de suplente. O xogo do relato dentro do relato está tamén moi ben logrado. Toda a imaxinación que contén a sinopse deixa entrever un traballo detrás envexable. Usa moitas referencias, pero movese no literario e penso que aquí saen ben paradas.
O meu voto vai para Alvaro Patricio Cunqueiro Mora, por acadar ese ton tan escuro que me sorprendeu.
Prezado Carlos (nombre falso)
En primeiro lugar dicirche que eu si lin os teus comentarios e gustaríame contestarche.
Grazas por votarme nesta xornada, es o quinto voto que recibo en toda a liga. E non é no teu caso, pero ás veces sentinme mal con comentarios que fixeron dos meus relatos. Entendo que os meus escritos non gusten, pero que sempre guste o contrario leveino mal. Pero si che admito que eu como autora non pretendía cousas que se dixeron da miña escrita. E iso si que me sabe mal.
E por suposto entendo a dificultade que é non ter unha vogal ( eu vinme negra sen g falando de gatos, nin x, nin t) e recoñezo que foi unha das peores trabas.
Non sei, agora xa acabou e eu coma Rona, saín ben escaldada da Liga. De todos modos as miñas desculpas se te ofendín nalgo que che dixen eu cos meus comentarios. Un abrazo forte
Estimada Pilar
S
Sinto se che pareceu que os comentarios ían por ti. Non era así. Supoño que me desencantei moito desta última ronda e botei demasiada bilis. Quero aclarar que aprecio moito a túa lectura. Hai comentarios que sentan mal, pero creo que podemos amargarnos con eles, ou sacarlle o mellor. Como na outra Liga, un pracer lerte.
Apertas¡
Mellor así, alégrome que non fosen por min. Eu tamén sei desa sensación de desencanto por iso te entendo ben. Tamén intento ser positiva, pero non sempre o consigo. Quédome co bo e co que aprendín de todos e todas vós. Abraciños
Pola miña parte tamén pido desculpas polas referencias ás trampas nos duelos desta xornada. Non pretendía ofender, pero comprendo que puidesen molestar, polo que retiiro esas mencións.
Por suposto, considero que todas as persoas que participaron nesta liga o fixeron coa maior honestidade e insisto en que para min foi un pracer ler os vosos textos e aprender dos vosos comentarios