BiosBardia

O país dos libros en galego

Damián Guede: “O interese literario de ‘Catro viaxes de Elena Fahlbusch’ radica no xogo de capas narrativas”

Damián Guede.

Coñece os participantes do Torneo Aira de Novelas: Damián Guede

Damián Guede naceu en Ourense e actualmente vive no Val Miñor. Adícase á docencia, no ámbito da lingua e a literatura, desde hai case dúas décadas, oscilando entre ambas áreas de especialización. Escribiu un estudo dunha parte da obra poética do chileno Roberto Bolaño, se ben o seu interese académico foi mudando cara ás disciplinas que integran a gramática da lingua.

O seu proxecto para o II Torneo Aira de Novelas ten varias capas:

Catro viaxes de Elena Fahlbusch é a narración da rodaxe dun filme que leva ese mesmo título. O punto de vista ten o seu eixe no personaxe de Ana, axudante de dirección con máis de vinte anos de experiencia profesional e responsable de que a organización da rodaxe sexa a prevista. O equipo técnico e o elenco irán convivindo ao longo dos tres meses estimados de traballo na longametraxe, unha sorte de road movie. Esta convivencia irá tecendo unha rede da que tamén formará parte a ficción. A relación que o guión vai establecendo entre os diversos personaxes aos que os/as intérpretes dan vida e a evolución destes vai integrándose, á súa vez, na narración.

“O interese literario radica, na miña opinión, nese xogo de capas narrativas, por un lado, e no punto de vista, por outro. Como axudante de dirección, o personaxe de Ana ten a visión máis panorámica e completa posible do proxecto (xunto á do director), tanto no deseño previo deste como na organización do traballo diario e, por suposto, en como este é levado á cabo”.

Para Guede, é importante que a realidade e a ficción, tamén dentro da novela, se fundan:

“Roberto, abandeirado dunha nova xeración de cineastas galegos dúas décadas atrás, é o director de Catro viaxes de Elena Fahlbusch, un proxecto que nace xa coa auréola de obra de culto. Algo en certo modo similar ao filme que impulsara decididamente a súa carreira pouco despois de empezar no mundiño, daquela tamén con Ana como axudante de dirección.

“O elenco de intérpretes contará cun integrante que non chegará a distinguir as capas da ficción e da realidade dentro da rodaxe. Luc, pastor alemán de seis anos, acompañará a Elena Fahlbusch no seu percorrido”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *