BiosBardia

O país dos libros en galego

David González: “O 70% das lecturas de ‘Campo Galego’ fanse no móbil”

davidCésar Lorenzo Gil.

Campogalego.com é unha publicación nativa dixital e especializada que demostra que o xornalismo en galego ten espazo e posibilidade de ser viable. Cun plan editorial moi serio e coherente e entendendo que a orixe dos medios de comunicación é comunicar fontes con lectores a través dunha plataforma atractiva para os anunciantes, este xornal xa se converteu nun lugar de encontro e de referencia para o medio rural. Entrevistamos a David González Eirexas (Coles, 1977), director desta publicación xunto a Gonzalo Brocos.

Cónteme como xorde a idea de crear unha publicación dixital ao redor do medio rural.

No verán de 2014 Gonzalo e mais eu estabamos sen emprego logo de traballarmos durante varios anos en distintos medios de comunicación. Era un tempo de crise no xornalismo. Decidimos crear unha publicación dixital para o medio rural porque aos dous nos gustaba o sector, traballaramos no xornalismo agrario de forma máis ou menos directa e viamos que non había medios de comunicación especializados en prensa dixital en Galicia e cun enfoque global para os sectores produtivos do agro.

Tiveron claro o modelo desde o principio: web aberta e de lectura gratuíta, ou houbo modelos alternativos?

Sabiamos que a publicación tiña que ter un plan de negocio detrás para que asegurase uns ingresos, porque non hai xornlismo se non é sustentable economicamente. Apostamos por diversificar as vías de ingresos, financiándonos mediante publicidade privada de empresas do sector agrogandeiro, de administracións vencelladas co sector, así como con servizos de comunicación que prestamos a empresas do sector agrario e agroalimentario. Pareceunos a estratexia máis realista para garantir ingresos a medio prazo e polo de agora fomos cumprindo os obxectivos.

A publicación dálle prioridade ao galego. Por que esta escolla de idioma?

A publicacion é bilingüe en galego e en castelán, e en breve poremos en marcha unha sección en inglés para posicionar na internet aquelas empresas agroalimentarias galegas que estean interesadas en exportar e en chegaren a outros mercados fóra. É unha sección que vai ser posible grazas á colaboración de Galicia Calidade.

Tiñamos claro que para Galicia a web tiña que estar en galego. É a lingua maioritaria dos profesionais do sector e para nós o lóxico e o natural é facelo en galego. Como detalle, destacar que o noso perfil de Facebook ten máis de 10.000 seguidores, unha parte importante deles de fóra de Galicia, e nunca tivemos ninguha queixa por escibir en galego.

Como é o funcionamento habitual do medio. Cantos xornalistas traballan? Cal é o volume de información diaria? Que fontes utilizan?

Traballamos dous xornalistas, Gonzalo e máis eu, que nos encargamos da actualización diaria da páxina (elaboramos un mínimo de dúas novas cada un ao día), do labor comercial de busca de publicidade, e tamén dos temas de contablidade, deseño de banners… As nosas principais fontes son os centros de investigación agrogandeira, universidades, organizacións agrarias, empresas do sector, Consellaría do Medio Rural e Ministerio de Agricultura, e como non, as persoas que se dedican á agricultura e á gandaría, os verdadeiros protagonistas de Campo Galego.

Vivimos tempos de reformulamento do oficio do xornalismo. Vostedes demostran con feitos unha posible vía. Que aprenderon desta experiencia que se poida aplicar ao conxunto dos medios de comunicación?

Os medios en prensa escrita viron nos últimos anos caer sensiblemente as súas vendas e a súa facturación publicitaria, principalmente pola competencia da internet. Penso que o debate non é o soporte, senón facer bo xornalismo, con informacións contrastadas e rigorosas, e o bo xornalismo sempre vai ter futuro. Soamente hai que adaptalo aos novos formatos.

A segmentación da audiencia mediante publicacións dixitais especializadas de calidade e cun plan de negocio realista é un vía para xornalistas que queiran seguir traballando na profesión.

Reciben vostedes algún tipo de axuda pública para Campo Galego?

Recibimos unha axuda do Concello de Santiago como nova empresa constituída dentro do municipio e temos como colaboradores publicitarios varias administracións públicas.

-É posible un medio dixital de entrada gratuíta cun perfil profesional? Foilles máis doado encontrar nichos publicitarios mercé á especialización dos seus contidos? Como se consegue poñer en portada ao redor dunha ducia de marcas que pagan por publicar banners nunha publicación en galego?

Penso que sermos un medio moi específico foi un acerto para lograr publicidade. Dirixímonos a un público moi específico: Campo Galego ten arredor de 100.000 visitas mensuais, unha cifra modesta se se compra coas webs doutros medios xeneralistas pero que é de moito interese para as empresas do sector agrogandeiro porque arredor do 80% dos nosos lectores son profesionais do sector, o seu público obxectivo. A segmentación da audiencia mediante publicacións dixitais especializadas de calidade e cun plan de negocio realista é un vía para xornalistas que queiran seguir traballando na profesión.

Teñen definido o perfil de usuario de Campo Galego? O tópico afirma que a internet non penetrou demasiado no rural galego, mais ese debería ser o seu principal mercado. Explíquenme, se é o caso, como se supera esa contradición.

A chegada dos smartphones fai que hoxe a penetración de internet no rural galego sexa practicamente parella á das cidades, aínda que cunha cobertura de menor calidade. Arredor do 70% do noso tráfico é a través dos teléfonos móbiles, e de xente de todas as idades. Nas visitas a Campo Galego é moi importante o noso perfil de Facebook, por onde nos chega unha parte moi importante dos lectores. Ademais, notamos que moitos agricultores e gandeiros comparten as nosas novas a través dos seus grupos de whatsapp, que funcionan a nivel de concello ou de comarca.

A disposición xerárquica e organizativa de Campo Galego toca os ámbitos tradicionais no sector primario galego. Mais nos últimos tempos parece que hai iniciativas moi innovadoras en campos coma a gandaría ou no cultivo (novas especies, hiperespecialización…) Estamos vivindo unha revolución no sector primario ou o peso deses proxectos aínda é marxinal nun sector aínda moi convencional? A nivel informativo, vemos que en efecto a atención á agricultura ecolóxica aínda non mereceu unha sección específica.

O sector de vacún de leite, seguido do vacún de carne, o forestal e a viticultura, son por esta orde os que teñen o maior peso económico na economía agraria de Galicia. Hai toda unha cadea de subministro de insumos e de transformación creada arredor deles e é normal que a maior parte dos mozos e mozas que se incorporan prefiran non arriscar e seguir traballando en sectores nos que está máis ou menos garantida a venda dos seus produtos e, polo tanto, os seus ingresos. Sen dúbida hai varios sectores emerxentes paras persoas que queiran dedicarse ao agro, incluso a tempo parcial, como a castaña, os froitos silvestres, a apicultura, a viticultura ou as plantacións de maceiras para sidra, entre outros. Son sectores que teñen futuro porque en Galicia temos boas condicións para o seu desenvolvemento e a demanda do mercado mundial vai en ascenso.

En canto á agricultura ecolóxica, tratámola polo de agora como unha materia transversal, xa que as prácticas agroecolóxicas cada vez teñen máis peso e máis importancia en todos os sectores, non só por unha cuestión de ética e de sustentabilidade do sistema, senón porque as axudas da PAC cada vez están máis condicionadas a que os os agricultores e gandeiros en convencional se pasen á agroecoloxía.

Coida que Campo Galego ten marxe de medra? Que lles gustaría para o futuro? Máis profesionais? Maior penetración no mercado e polo tanto máis anuncios?

Pensamos que aínda temos unha importante marxe de crecemento, chegando a profesionais que aínda non nos coñecen. De cara ao futuro gustaríanos seguir mantendo unha liña editorial que nos garanta independencia á hora de publicar contidos, priorizando o que é mellor para a economía do gandeiro e do agricultor, coa necesidade de seguir financiándonos a través da publicidade. Gustaríanos contar con outra persoa en nómina para seguir medrando e consolidando o proxecto empresarial. En canto a maior publicidade, en principio desbotámolo: temos un número máximo de anuncios para manter un equilibrio e garantir un impacto da publicidade.

Pensan que todo o aprendido neste tempo lles valería para crear novos medios especializados noutras áreas económicas ou sociais en galego?

Sen dúbida, pero a curto e a medio prazo os nosos esforzos seguirán concentrados en Campo Galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *