BiosBardia

O país dos libros en galego

David Rodríguez e a consolidación do ensaio galego

David Rodríguez.

Manuel Veiga Taboada.

Hai xa máis de dúas décadas que se fala dunha idade de ouro da poesía galega. A idea acrecentouse cos últimos premios, recibidos sobre todo por autoras. A narrativa ocupa un lugar á parte, medida máis polas vendas. Fálase de ambición, profundidade e linguaxe poética, ao mesmo tempo que se ditamina sobre a comercialidade e a capacidade de “enganchar” das novelas de éxito. Non podería haber forma máis diferente de enfocar as metas e de medir os logros de ambos xéneros. Entre Chus Pato e Domingos Villar hai algo máis que un abismo, algo máis que dúas formas de ver a literatura. Pero que sucede co terceiro xénero, o ensaio?

Se á literatura galega sempre lle foron recoñecidas as súas capacidades para a poesía, entendida esta como xénero sentimental, o que por certo dista moito felizmente da poesía que se está facendo, no lado oposto, o ensaio mediría a capacidade para o razoamento e para a abstracción, características, no esquema tradicional español, consideradas como propias do varón e do castelán. O ensaio non é o terreo máis apropiado para a nostalxia ou para o encumiamento da paisaxe. Ao ensaio cústalle máis ser folclórico. De feito, o ensaio podería ser considerado o xénero das sociedades avanzadas, o equivalente ao sector servizos, mentres que a narrativa sería a industria e a poesía o sector primario. Vellos esquemas que se cruzan na actualidade e que, aínda sen ser reais hoxe en día, continúan ocasionalmente formando parte do imaxinario dominante.

Neste marco, entre as valoracións alleas e as propias, entre as presentes e as pasadas, non se valorou aínda a importancia do ensaio realizado en galego nos últimos anos. Autores como Manuel Gago, Xurxo Mariño, Teresa Moure, Mario Regueira, María Reimóndez ou David Rodríguez destacan pola solidez das súas propostas. Tamén no ensaio, a literatura galega perdeu os complexos. Trátase de autores e autoras entre os 35 e os 50 anos, que polo xeral tamén cultivan outros xéneros, e que se caracterizan por: dominar outras linguas, exercer de galegos sen lamentos e sen mimetismos, dominar o aparato teórico da súa materia e estar abertos a todo tipo de temáticas. Só estas características expresan a gran modificación que se produce respecto das xeracións do franquismo e da transición. A dispoñibilidade case absoluta de libros, así como a procedencia de xeracións plenamente alfabetizadas proporcionáronlles a estes autores unhas facilidades das que as anteriores fornadas apenas dispuñan.

Hai con todo unha liña divisoria entre estes ensaístas que podemos chamar novos, aínda que en realidade están xa na madurez. Esta liña divisoria márcaa case sempre a ligazón ou non coa universidade. O circuíto académico forma pero tamén condiciona. Polo xeral, o profesorado universitario que escribe é rigoroso cos datos pero cauteloso coas hipóteses. 

Imos falar hoxe dun autor, David Rodríguez que, sendo plenamente alleo á universidade, vén desenvolvendo en libros e revistas un traballo de alto nivel pero ao mesmo tempo dunha enorme creatividade. David Rodríguez é unha excepción da que cabe agardar moi boas obras no futuro. O seu ensaio máis coñecido e ambicioso foi publicado en 2018 por Xerais, titúlase “O canastro sen tornarratos” e leva por subtítulo “Resistencia popular na era do capitalismo sen democracia. Unha ollada galega”. O título principal denota, de por si, o atrevemento do autor. Unha metáfora ou case unha adiviña que ao final se entende plenamente atinada. 

Este ensaio de 370 páxinas abala principalmente entre a filosofía, a economía e a historia, das que o autor mostra un bo dominio, traducido na súa capacidade para encontrar a substancia dos argumentos e para sintetizalos. Ademais destaca a súa pericia narrativa, a súa aptitude para as imaxes (tamén é poeta) e un fondo cultural que lle permite ir construíndo un discurso dialéctico, que lanza o fío e recolle, non conclusivo e enormemente estimulante. Non é un ensaio frugal nin divulgativo. É a arte de pensar en liberdade que caracteriza o xénero desde a Ilustración, adobiado ás veces pola socioloxía analítica sen a cal hoxe un libro destas características nos parecería demasiado etéreo. 

Esa mestura de calidades, ordenadas polo criterio do autor, afecta tamén á xeografía. David Rodríguez vencella os datos galegos, europeos e globais con soltura, buscando sempre a raíz de cada fenómeno pero relacionándoa ao cabo cos demais fenómenos que están ocorrendo máis alá das fronteiras. A vella caracterización de galego universal cobra aquí sentido, pero non da forma idealizada na que se producía hai un século, senón con asento sólido en prácticas como o marxismo, o posmodernismo, a linguaxe ou a filosofía máis contemporánea.

Lendo traballos diferentes de David Rodríguez un descubre nel un autor crossover, de cruce, capaz de mesturar e apropiarse de diversos xéneros e de multitude de datos a medida que avanza no seu discurso. Aí principalmente radica a súa modernidade. A idea da fin dos xéneros, anunciada hai tempo para a literatura de ficción, é levada por el, con éxito, ao terreo do ensaio duro, un ensaio que se move no terreo máis estrutural das humanidades. As súas análises están exentas de lixeirezas, libres de áreas de descanso ou de momentos de relax. David Rodríguez escribe como un autor maratoniano. Entrega o seu produto exhausto. O cuantioso número de citas que nos proporciona só ten sentido como combustíbel para a súa incansábel locomotora.

En mans dun autor máis convencional estes materiais resultarían aleccionadores. Neste caso son algo máis moderno, son estimulantes. Porque Rodríguez non nos ofrece ningunha conclusión sobre o que pode ser o capitalismo neoliberal, nin sobre o camiño que pode coller a Unión Europea marcada por Maastricht. Non hai vaticinios aquí e non pode habelos porque a súa teoría non é determinista, aínda que recorra sen subterfuxios ao marxismo. Pero era o marxismo determinista? Quizais non tanto nos propios textos de Marx, pero si nos de moitos dos seus executores até a actualidade. 

Por iso este libro de David Rodríguez pode ser excluído por radical desde a dereita, ao tempo que pode parecer incómodo desde a esquerda, esa esquerda vaga que prefire repetir verdades cristalizadas antes que investigar o presente.

No que respecta ao marco curto, a Galiza, David Rodríguez non se postula independentista, pero tampouco manifesta o contrario. A independencia, como feito puntual, obedecerá a unha situación. E as situacións, complexas por definición, son impredicíbeis. Só desde as diversas relixións, de Nostradamus ao G-8, sería posíbel dicir máis. David Rodríguez chega até onde pode chegar. O máis importante da súa obra é que pon en marcha o pensamento.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *