De Agustín Agra a Anne Brontë. Dez libros para outubro do 2025

César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
Libro das contrarias, de Agustín Agra. Xerais
Este libro recibiu o Premio Ánxel Fole de Narración Curta, convocado polo Concello de Lugo, na edición do 2024. Novela moi breve (90 páxinas), dotada de ritmo, que oscila entre o relato intimista (psicolóxico) e o misterio (sutil, repousado). Unha fotógrafa de éxito internacional desaparece en Escandinavia. Esta situación sérvelle á súa ex amante, unha ornitóloga profesora nos EUA, para rememorar as súas vivencias xuntas, mais tamén para atopar os elos, ás veces aparentemente ocultos, entre a ciencia e a literatura.
Guerra en Gaza, de Joe Sacco. Tradución de Clara Barcia. Rinoceronte
Este cómic é, nas propias palabras do autor, que se expresa por si mesmo no propio libro, unha resposta ao masacre israelí sobre o territorio palestino que se vén desenvolvendo sen pausa nin resposta diplomática seria por parte da comunidade internacional, desde outubro do 2023. Sacco xa publicara unha serie de banda deseñada sobre Palestina e desta volta conserva os sinais de identidade que caracterizan os seus deseños e guións. Unha valente achega ao horror de obrigada lectura para todos os que non se aclaren dabondo sobre o que está ocorrendo ás beiras do Mediterráneo, a seis horas en avión de Galicia.
A señorita Corazóns Solitarios, de Nathanael West. Tradución de Ignacio Chao. Hugin e Munin
A novela narra a historia dun home (cuxo nome real nunca se revela) que traballa para un xornal sensacionalista escribindo a columna de consellos “Miss Lonelyhearts”. O seu traballo consiste en responder ás cartas desesperadas de persoas comúns. West realiza unha feroz crítica á cultura estadounidense da Gran Depresión, unha época corroída pola pobreza e o materialismo. Unha das grandes sátiras da literatura estadounidense que espertou a admiración de escritores posteriores
Medea / Heracles, de Eurípides. Tradución de Iria Pedreira Sanjurjo. Rinoceronte
Dúas das grandes obras de teatro da Antigüidade. Tomando como personaxes principais figuras mitolóxicas de gran sona, Eurípides compón textos que reflexionan sobre grandes dilemas humanos. En Medea, cuxa protagonista é unha das grandes heroínas da mitoloxía grega, o autor bascula a acción entre o amor da feiticeira polos seus fillos e o desexo de vingarse de Xasón. En Heracles, máis alá do mito, o autor fai unha reflexión existencial sobre a fraxilidade humana e a natureza arbitraria do sufrimento. O libro conta cun estudo introdutorio da tradutora
Heartstopper, v. 3 e 4, de Alice Oseman. Tradución de Nee Barros. Xerais
A editorial viguesa continúa no seu ambicioso plan de traer ás librarías galegas a versión en lingua propia desta famosísima saga de banda deseñada. No volume 3, Nick e Charlie, a parella protagonista, viaxa a París canda o resto dos cursos de 3.º e 4.º da ESO. Iso porá a proba a exteriorización dos seus sentimentos ante os demais. No volume 4, Charlie terá que lidar con trastornos alimentarios e a ansiedade, algo que pon a proba o amor de Nick. No volume 3 inclúese o minicómic Tao-Elle e no 4, un minicómic dos profes.
O tenro e o salvaxe, de Samuel L. París. Galaxia
Este libro, xurdido durante unha residencia literaria do autor na illa de San Simón, confirma a evolución do autor de Muros. Quedan rastros daquel poeta iconoclasta, capaz de furar con precisión na cerna dos valores simbólicos da identidade galega e galeguista, pero o que permanece e se consolida, principalmente, é o dominio do ritmo. Os poemas flúen e incluso aqueles menos conseguidos noutros planos, ocupan rotundos un espazo e fican resoando no oído.
Herba de Vigo, de Calros Solla. Morgante
Infelizmente, a poesía humorística non se publica demasiado en galego. Por iso é unha moi boa noticia a publicación deste libro. Solla toma Vigo como universo simbólico onde desenvolver unha poesía que combina o impresionismo con eficaces e moitas veces felices xogos de palabras, vínculos e hipervínculos entre actualidade, historia, símbolos e preconceptos. Inclúe un prólogo de Xosé-Henrique Costas.
Estudo sobre o voo dos corzos, de Mónica Caldeiro. Xerais
Partindo de certa tradición simbólica do corzo e da caza en xeral, tan presente na literatura galega medieval, esta primeira obra en galego da autora, explora novos xeitos formais neste libro de poemas onde os elementos de contido se manteñen ao mesmo nivel ca os desafíos formais. Os borranchos, os xogos de palabras, as referencias intertextuais, as interrupcións… Caldeiro opta por recuperar moitos dos recursos vangardistas “inventados” hai cen anos para construír un discurso no que se pon en cuestión a capacidade do ser humano para respectar a natureza.
A cociña galega, de Álvaro Cunqueiro. Galaxia
Dentro da Biblioteca 75 anos que Galaxia publica para celebrar o 75.º aniversario do selo reaparece no seu catálogo este clásico da literatura gastronómica, incluíndo unha introdución do cociñeiro Javier Olleros e con ilustracións de Maruxa Caeiro. Este non é un manual nin un receitario. É un ensaio ameno e nutritivo que pon na mesma pota moitos ingredientes e disciplinas do amplo coñecemento que cultivou o grande escritor mindoniense toda a vida. A empanada, o caldo, os peixes, as ensaladas, os doces… Cada capítulo provoca que comamos máis co cerebro que coa boca.
A inquilina de Wildfeld Hall, de Anne Brontë. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte
A máis nova das irmás Brontë é a autora deste gran clásico da literatura británica do século XIX. Helen Graham, canda o seu fillo, chega á mansión semiabandonada de Wildfeld Hall. A través do diario de Graham coñecemos o seu turbulento pasado e a loita dela como muller para manter a súa dignidade e mais a do seu neno. Esta obra está considerada unha das primeiras mostras de literatura feminista e ofrece varios niveis de lectura para diferentes sensibilidades.






