De Aki Shimazaki a Xesús Fraga. Dez libros para marzo do 2024
César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
Fuki-No-Tô, de Aki Shimazaki. Tradución de Sergio Gómez Blanco. Rinoceronte
Cuarta entrega da serie de cinco libros que a autora xaponesa establecida no Canadá e de expresión francesa reuniu baixo o nome ‘A sombra do cardo’. O curioso desta serie é que en todas as novelas os personaxes repítense con diferenzas xerárquicas; é dicir, un personaxe secundario nunha obra pode ser protagonista doutro. Desta volta, a historia céntrase no matrimonio composto por Mitsuo e a súa esposa Atsuko, que dirixe unha granxa que pouco a pouco empeza a prosperar e necesita ampliar persoal. A empregada que vai axudar a Atsuko é Fukiko, unha compañeira do instituto de Atsuko. Entre elas nacerá un afecto que porá en cuestión as ideas de ambas sobre a vida e as relacións humanas. Shimakazi ten gran capacidade para a evocación e consegue os seus obxectivos narrativos usando moi poucos elementos.
A brigada iridescente. O labirinto dos inchables, de Elena Andrés. Galaxia
Novo título da colección ‘BD’, que reúne cómic para público infantil e xuvenil. O título de Andrés busca crear unha serie protagonizada pola chamada ‘brigada iridiscente’ que compoñen Valentina, Cristian, Eloi, Gaeul, Paulo e Nina. Desta volta todos quedan na festa para subir nas atraccións. Nunha delas van vivir unha inesperada aventura e van coñecer un personaxe ben estrafalario. A autora xa anuncia a segunda parte: O fantasma do vestiario das rapazas.
As peregrinacións a Compostela. Mito, historia e falsidades, de Xosé Miguel Andrade Cernadas. Xerais
O prestixioso medievalista volve á divulgación histórica con este moi interesante libro que percorre a influencia do fenómeno xacobeo na historia de Galicia. Xa no preclaro prólogo o tamén historiador Isidro Dubert repara na importancia que o Xacobeo ten no actual deseño das políticas culturais galegas actuais e esta reflexión serve de introdución para un estudo, rigoroso, accesible e valente, sobre o que significou na configuración da identidade galaica a inventio da tumba de Santiago no século IX e o seu posterior desenvolvemento. É relevante, en relación con outros estudos previos, que Andrade lle dedique case un 50% do libro ao Xacobeo nos séculos XX e XXI, é dicir, no período de resurrección das peregrinacións a Compostela. Non en van, nunca antes houbera tantas visitas a Santiago.
A traizón, de Amalie Skram. Tradución de Marta Dahlgren e Alejandro Tobar. Hugin e Munin
Skram está considerada como unha das grandes escritoras feministas de finais do século XIX. Naceu en Bergen, Noruega, e suicidouse en Copenhagen xusto o ano no que o seu país natal se independizou de Suecia. Hugin e Munin publica, por primeira vez entre as linguas ibéricas, esta novela, que reúnen varios dos temas fundamentais da obra da autora: o papel da muller no matrimonio, o cambio social, as diferenzas sociais… A traizón é unha novela moi moderna, na que destaca a gran cantidade de diálogo (algo non tan común a finais do século XIX), os xiros narrativos e unha presenza moi importante do mar.
Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, adaptado a cómic por Iria Aldegunde. Galaxia
Nesta versión de Aldegunde, que contou co patrocinio da Xunta de Galicia, Balbino convértese en auténtico protagonista, figura principal do cómic e ollos a través dos cales a historietista compón os escenarios xeográficos e emocionais onde se desenvolve esta adaptación do que segue a ser o clásico popular máis coñecido da literatura galega do século XX. O uso da cor define unha paisaxe moi concreta que recrea o tempo e o espazo onde Neira Vilas situou a súa novela.
Mar de Lira, de Francisco X. Fernández Naval. Caldeirón
Libro de poemas acompañados de fotografías de Maribel Longueira. Esta obra é unha homenaxe a un lugar moi determinado e á forma na que o mar vai recortando a paisaxe física e humana. Os versos de Fernández Naval son sosegados e humildes. Transmiten o fascinio por ese mar, polo seu poder. Os poemas convértense en oracións laicas, nun recoñecemento pragmático da pequenez do home fronte á natureza, escrito con sutileza e unha ausencia de solemnidade que se agradece.
Ao sur da liberdade, de Xosé-Henrique Costas. Morgante
Primeira novela do catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo. Primeira entrega dunha serie de narrativa histórica que nos fai viaxar ao século VIII, cando estaba a reconfigurarse o Reino galaico. A través de Ianes, un meniño pobre que acaba de servo para os frades de Samos, o autor vainos debuxando unha época con moita diversidade, especialmente relixiosa e lingüística. A pesar de falarnos dunha época difícil no político e cruel en canto a conflitos e fame, o fío principal da narración é o humor. A picaresca e o enxeño van creando un universo onde prima o sensorial.
Canto Cosmos. Poemas e astronomía para case bebés, de Estíbaliz Espinosa. Ilustracións de Clara Cerviño. Edicións Embora
Precioso álbum ilustrado en verso co que a poesta Estíbaliz Espinosa insiste en combinar a literatura coa ciencia, coa súa habitual mestría. Desta volta, o grafismo de Clara Cerviño axuda a establecer un universo (nunca mellor dito) creativo no que se fala dos grandes temas da astronomía e a física coa dozura e delicadeza das palabras precisas. Un libro para primeiros lectores (ou incluso prelectores) que tamén se goza con máis anos.
Pronto hei de volver, de Amador Castro Moure. Xerais
Premio Torrente Ballester 2022. Podemos definir esta novela como unha historia de misterio, de vidas cruzadas, de denuncia social e incluso como unha novela de emigración. Castro Moure compón unha estrutura precisa que precisa do concurso do lector para completarse finalmente. Un relato sobre unha asasina a soldo fóra de calquera épica, deseñado con realismo, e que comunica a tradición da influencia galega en Venezuela cun presente moi violento, cuxa dureza ten moi presente na súa xenealoxía a propia dimensión da emigración galega.
Río Miño. Unha viaxe entre solsticios, de Xesús Fraga. Kalandraka
Premio Eurostars de Narrativa de Viaxes 2023. O escritor e xornalista Xesús Fraga acomete un reto complicado: renovar a narrativa de non ficción ao redor dun dos fenómenos xeográficos sobre os que máis se escribiu na nosa historia: o río Miño. Desde Eliseo Alonso a Anselmo López Carreira, pasando por outras moitas voces de varios tempos e obxectivos, o pais dos ríos galegos foi obxecto de atención desde sempre na nosa tradición. A vantaxe deste libro de Fraga é que soubo aproveitar todo ese caudal e cadal e poñelo ao servizo desta obra, que prima a visión subxectiva e ao tempo distanciada, sobre o que significa o Miño para a identidade galega. Un libro que respira honradez e sinxeleza e que consegue o seu principal cometido: alimentar a gana de mirar de novo para o Miño con bos ollos.