De Alessandro Baricco a Rexina Vega. Dez libros para novembro do 2024
César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
Homero, Ilíada, de Alessandro Baricco. Tradución de Moisés Barcia. Sushi Books
No 2004, o famosísimo escritor italiano adaptou a grande obra de Homero sobre a caída de Troia co fin de facer unha lectura pública. Principalmente, eliminou algunhas escenas e a presenza dos deuses na trama. Engadiu algúns episodios do mito troiano que, no entanto, non están na versión homérica (caso do Cabalo de Troia), axilizou e actualizou o léxico e, sobre todo, mudou a persoa narrativa. Agora son os personaxes os que falan en primeira persoa. Na versión en galego, ademais, faise un breve resumo e notas para entender as semellanzas e diferenzas entre a versión de Baricco e a de Homero.
Os Eoas, de Eduardo Pondal. Galaxia
Quizais é o libro menos coñecido de Eduardo Pondal. Agora aparece na colección ‘Letras Galegas. Clásicos’, en edición de Xosé Ramón Pena. Esta edición consta, polo tanto, cun estudo introdutorio de 72 páxinas do profesor, así como notas ao rodapé. Os Eoas é un poema épico, que o escritor non viu publicado en vida, inspirado na Eneida, de Virxilio, e nos Lusíadas, de Luís de Camões, que se achega á expedición de Cristovo Colón no 1492.
Galicia, un mar con historia, de Isidro Dubert (ed.). Xerais
Novo título da colección ‘Crónica. Historia’, que desta volta reúne trece artigos sobre determinados temas relacionados coa historia marítima de Galicia. Os seus autores son: Isidro Dubert (encargado desta edición), Francisco X. González García, Anselmo López Carreira, José Manuel Vázquez Lixó, Xosé M. Cardesín, Luís Alonso Álvarez, Xesús Giráldez Rivero, Xoán Carmona Badía, Dionisio Pereira, Luísa M. Muñoz Abeledo, Pedro Varela Vázquez e Mª Anxos Piñeiro Antelo. Entre os temas tratados destacan, por exemplo, a relación entre o tráfico de escravos negros e o nacemento da banca moderna galega, a “sardiñocracia” ou a industria do litoral, entre outros.
Enciclopedia perplexidade, de Antón Reixa. Kalandraka
Publicado co subtítulo: “Escolma poética 1976-2023”, este libro, editado por Xabier Cordal, é unha excelente oportunidade de ler e reler unha antoloxía dos poemas dunha das voces máis interesantes da literatura galega contemporánea, que por mor do seu perfil multifacético ás veces non aparece no reconto das grandes influencias das letras galegas actuais malia os seus evidentes méritos. A meirande parte deles aparecen neste volume: poemas cheos de orixinalidade, subxectividade, ritmo e humor.
A serea, de Roparz Hemon. Tradución de Servando Lois Silva. Rinoceronte
É moi raro ver na biblioteca galega un libro traducido polo bretón. Só por este motivo —polo da curiosidade— tería interese este título, publicado por primeira vez no 1962. Mais para o público galego ten aínda outra característica de interese extraliterario: Galicia é escenario da obra. A novela, escrita como se fose un caderno de notas redactado a bordo do barco Axenor, é unha obra de atmosfera, que atrapa a ollada lectora grazas á intelixente distribución da información ao redor dunha presenza evocadora, a dunha rapaza fermosa, Levenez, que foi modelo para a serea do mascarón de proa do buque.
A soidade do inquisidor, de Alberte Blanco Casal. Xerais
Novela de intriga ambientada a finais do século XVI en Monterrei, no tempo no que nos dominios dos condes se establecera un colexio xesuíta que pretendía rivalizar como foco de cultura con Compostela. A través dunha trama na que non falta o misterio e a morte violenta, o autor consegue ambientar a Galicia dos Austrias, dominada pola Igrexa e a Santa Inquisición.
A literatura galega contada aos escépticos, de Manuel Veiga Taboada. Galaxia.
O xornalista e escritor de Monforte reúne neste volume quince ensaios curtos sobre diferentes temas relacionados coas letras galegas. Cun estilo claro e grandes dotes para a síntese, Veiga pon en relación diferentes temas e autores. O motivo do libro non é tanto deitar ensinos nestas páxinas, senón máis ben propoñer un debate aberto sobre algúns dos desafíos da práctica literaria actual. Para conseguilo, en varios dos artigos toma como referencia autores (Méndez Ferrín, Chus Pato, Manuel Rivas, Antón Reixa…) que serven de engado e invitación a descubrir unha literatura moitas veces mal interpretada.
Herba, de Keum Suk Gendry-Kim. Tradución de Alba Verea Pérez. Rinoceronte
Un dos episodios máis violentos e aínda non moi coñecidos da II Guerra Mundial foi a escravización social de miles de mulleres coreanas por parte do exército imperial xaponés durante a ocupación do país. Este cómic conta unha desas historias, a de Lee Okseon, personaxe real que a autora coreana entrevistou xa anciá. Cun trazo minimalista e un estilo narrativo ao alcance tamén do público que non consome habitualmente novelas gráficas, as case 500 páxinas da obra desfrútanse de cabo a rabo.
Un anarquista, de Diego Ameixeiras. Xerais
Desta volta, o prestixioso escritor de novela negra lévanos a Barcelona, a un feito real, o chamado “caso Scala”, que sacudiu os movementos sociais durante a Transición española. Ameixeiras dálle unha volta de rosca á súa traxectoria literaria mudando o estilo lacónico e até certo punto lírico das súas últimas obras por unha narración de parágrafos longos (moi longos) cun ritmo alto que busca absorber o lector mediante unha atmosfera onde se confunde o histórico co ficticio.
O teu perfil na miña sombra, de Rexina Vega. Galaxia
A nova novela da escritora e profesora viguesa está composta como un diario que unha nai lle escribe á filla que acaba de independizarse. Mediante unha técnica narrativa mixta, que recompila varias técnicas e estilos ao servizo da idea central do libro, Vega vai máis alá de “contar unha historia” e propón unha lectura sobre a maternidade no tempo actual. Unha obra que procura un lectorado intelixente e maduro, que abre un diálogo cunha linguaxe de gran beleza literaria que nunca perde pé nin capacidade de comunicar o que a autora quere transmitir.