BiosBardia

O país dos libros en galego

De Alizée Delpierre a Ramón Cabanillas. Dez libros para novembro do 2026

Alizée Delpierre.

César Lorenzo Gil.

Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.

Servir os ricos, de Alizée Delpierre. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte

Investigación sociolóxica sobre o servizo doméstico en Francia. Delpierre é unha socióloga especializada na servidume que neste libro, con gran precisión e espírito divulgativo, explica como funciona ese sector da economía que as máis das veces pasa desapercibido no tempo de hoxe. No verbo servir reside a cerna do capitalismo: a explotación dos corpos e das vontades, a desigualdade, o maltrato e a necesidade. Un libro imprescindible.

Os libros censurados por Franco, de Xosé Manuel Dasilva. Galaxia

Unha gran decisión editorial publicar esta investigación sobre os expedientes que durante o franquismo se abriron tanto contra obras literarias orixinais galegas coma traducións, da man dun dos grandes especialistas no tema. Entre os autores que se enfrontaron á censura e se analizan neste volume están Celso Emilio Ferreiro, Castelao, Otero Pedrayo, Blanco Amor, Carvalho Calero, Méndez Ferrín… Auténticas reseñas que se len hoxe con gran curiosidade, certo abraio e unha chisca de arrepío. Os censores abominaban, evidentemente, de toda crítica sociopolítica, mais tamén das alusións sexuais e a linguaxe “malsoante”.

Rastros, de Carlos Lixó. Rodolfo e Priscila

A primeira obra narrativa do autor é unha compilación de relatos que toma o relevo de propostas xa antes ensaiadas por Julian Barnes ou Carlos Casares: Tomar a historia como punto de partida para a imaxinación. A partir de determinadas coordenadas que buscan a complicidade co lector, que moitas veces debe sobreentender o argumento ou participar do xogo entre o tópico e o novidoso, Lixó sempre propón un punto de fuga poético, imprevisible que dota o conxunto dunha aura que permanece moito tempo na memoria.

Señoras en bicicleta, de Ana Bulnes, Raquel C. Pico e María Ramos Domínguez. Sushi Books

Orixinal enfoque para este traballo de divulgación histórica e sociolóxica. Como revolucionou a bicicleta a vida e os hábitos da poboación, en especial das mulleres? A través da análise de diversos ámbitos, desde a moda ao deporte, as autoras recompoñen ese mundo dominado pola fascinación e temor polas dúas rodas.

Lonxe de nós e dentro e outras páxinas, de Camilo Gonsar. Galaxia

Edición especial deste libro de relatos publicado orixinariamente no 1961 dentro da Biblioteca 75 anos de Galaxia. No momento da súa publicación, a literatura do sarriao chamou a atención polo novidoso da súa proposta nun momento no que as letras galegas estaban nun profundo proceso de renovación. Gonsar demostra nesta obra a súa gran capacidade para a síntese, os cambios de ritmo e perspectiva e un compromiso firme cos seus presupostos estéticos.

Hoxe toca Leiva?, de Lois Pérez. Xerais

Contracrónica da Galicia actual, sátira e comedia, explosión de lingua oral e diálogos de pemento picante. Despois de varias obras de poesía e literatura infantil e xuvenil, o lugués debuta na novela con esta historia de personaxes e atmosferas que toma como centro do mundo o Nautilus (trasunto do Náutico de San Vicente do Mar, no Grove).

Fontenla Leal. A Galicia pensada, de Jaime López Fernández e Sixto Gómez Echemendía. Galaxia

Seguramente o nome de Xosé Fontenla Leal non sexa moi coñecido, pero o seu labor a prol do galeguismo foi clave no inicio do século XX. Nacido en Ferrol, chegou con dez anos a Cuba como inmigrante irregular e entra no mundo da cultura galega no Caribe a través do exercicio da litografía. Até a súa morte, no 1919, estivo na primeira liña da creación da bandeira e o himno de Galicia e na fundación da Academia.

Pusilánime, de Mario Caneiro. Morgante

Novo título da colección ‘Singularis’. Un escritor diante dunha máquina de escribir Olivetti enfróntase aos ecos doutras voces, ao dilema de se a literatura serve para denunciar ou corrixir inxustizas e violencias. Mario Caneiro demostra novamente que a súa literatura non entende nin de tendencias nin de convencións, que prefire manterse permanentemente libre para falar do noso tempo con ferramentas propias.

Boundaries Road, de Cecilia F. Santomé. Xerais

Premio Blanco Amor de Novela 2026. Unha novela sobre as raíces e o desarraigo, escrita con gran pulso e ambición literaria. Na rúa que lle dá título á obra crúzanse as vidas e sobre todo as expectativas dun dos grupos de personaxes máis sólidos da nosa narrativa recente. Un punto e á parte na traxectoria da autora vilalbesa, que se consolida como unha das nosas grandes novas voces.

Na noite estrelecida, de Ramón Cabanillas. Galaxia

Editado por Xosé Ramón Pena, volve publicarse un dos grandes libros da historia da literatura na colección ‘Letras galegas. Clásicos’. A grande achega do autor cambadés á denominada Materia de Bretaña. Poemas que actualizan a tradición épica e que hoxe en día seguen a estremecer pola súa erudición, capacidade expresiva, capacidade de evocación e brillantez lírica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *