De Berta Dávila a China Miéville. Dez libros para abril do 2024
César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
A ferida imaxinaria, de Berta Dávila. Xerais
Logo de varias novelas inseridas no mesmo ciclo temático, a escritora compostelá recupera e amplía unha historia breve que xa se publicara, co mesmo título, na versión castelá da revista Granta. Este libro confirma a Dávila coma unha das grandes do noso tempo, cunha narrativa asentada nos mesmos valores que a fan gañar lectores e prestixio: dominio das técnicas literarias, achegamento orixinal e detallista á realidade, especialmente á íntima, e unha poderosa linguaxe poética que lles dá novos sentidos tanto á palabra coma á realidade que observa e describe.
Somos hip-hop, de Pablo Castiñeira Olveira e David Brey Vázquez. Galaxia
Co subtítulo de: “Fundamentos do breaking, rap, graffiti, turntablism e beatbox” chega ás librarías este libro, pertencente a un tipo non moi habitual nas nosas letras, pero que se une a títulos anteriores que Galaxia lle dedicou a outras facetas da creación musical. O libro de Castiñeira e Brey é unha obra ilustrada (con moitas referencias á arte urbana), a medias historia a medias manual dun dos estilos con máis aceptación e tradición, tanto no plano internacional coma tamén entre os músicos galegos
A marfallada toda, de Floor Bal e Sebastiaan van Doninck. Tradución de Antón Vialle e María Alonso Seisdedos. Embora
“De como xurdiu o Universo, a Terra, o ser humano e todo o demais”. O subtítulo deste libro non pode ser máis explicativo do que os lectores van atopar no seu interior. Concibido como un álbum ilustrado dos que se adoitan publicar para prelectores ou primeiros lectores, o seu formato é ideal para que os máis cativos da casa (e non só) poidan aprender dun xeito rápido, divertido e científico a orixe da materia e da vida. Os debuxos son moi acaídos e a composición dos textos axéitase perfectamente aos ritmos de aprendizaxe do seu público obxectivo. Unha boa nova para a biblioteca de libros informativos infantís en lingua galega.
Carmina burana. Poemas de amor, de varios autores. Tradución de Xosé Carracedo Fraga. Rinoceronte
A colección ‘Vétera’ volve demostrar o valiosa que é para a biblioteca universal en lingua galega coa publicación deste gran clásico medieval, desta volta en edición de Xosé Carracedo Fraga. Estes “poemas de amor”, escritos orixinalmente en latín, considéranse a obra magna da denominada literatura dos goliardos, quen, en palabras do editor, son poetas que lles cantaban aos praceres mundanos, pero que tamén tiñan unha ollada crítica sobre o seu tempo. Considérase que son varios os autores destes textos, tanto medievais coma clásicos. Unha excelente oportunidade para desfrutar duns textos que se popularizaron no século XX grazas primeiro á música de Carl Orff (1937) e logo ao uso que desta se fixo na banda sonora do filme Excalibur (1981), de John Boorman.
En camiño, de José Ángel Ares e Paco Hernández. Tradución de Isabel Soto López. Galaxia
Publícase agora esta novela gráfica orixinalmente publicada en castelán no 2021, nunha edición patrocinada pola Xunta de Galicia. Cun trazo “a bolígrafo”, Ares converte o guión de Hernández nunha historia moi interesante sobre as motivacións dos peregrinos que na actualidade se botan por millóns a facer a ruta xacobea. Neste cómic conviven todos os tópicos do “Camiño”, pero á parte de certo didactismo sobre as orixes da resurrección da peregrinaxe a Compostela, os autores conseguen enfiar un relato de aventuras, superación, amizade e incluso intriga. Unha lectura que paga a pena.
El, de Louise Colet. Tradución de Isabel Soto. Hugin e Munin
Novo froito do encomiable labor de Hugin e Munin por traer ao galego clásicos escritos por mulleres, neste caso, un dos libros que no seu tempo foron máis polémicos, primeiro pola relación que a autora mantivera coa gran pluma das letras francesas, Gustav Flaubert, e polo que tiña de axuste de contas esta obra, na que as personalidades reais se camuflan en nomes ficticios, mais doadamente recoñecibles para os seus contemporáneos. O meu consello é ler esta novela sen morbo ningún, interesándonos polo que de testemuño ten unha obra publicada orixinalmente no 1859 e que, curiosamente, conecta con tendencias actuais relativas á presenza do eu na ficción e ao desenvolvemento emocional desde unha óptica feminina.
Finximentos, de Mariña Pérez Rei. Xerais
Esta novela gañou o Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo na súa edición do 2023. Cunha estrutura e fasquía moi orixinais, a autora constrúe unha obra narrativa de grande altura poética. Aínda que ás veces, o lirismo se pase de freada e quizais algunhas imaxes por moi gastadas, en xeral esta é unha lectura moi recomendable, tamén para ver como o experimentalismo ben aplicado aínda ten sentido na literatura actual, onde non se premia precisamente a innovación.
A flor perdida do xamán de K, de Davide Morosinotto. Tradución de Moisés Barcia. Sushi Books
Este libro fará felices os seguidores do autor italiano. Conta con todos os elementos propios dos seus libros xuvenís: maquetación con moitos recursos gráficos (nalgúns momentos parece máis unha revista ca un libro): pictogramas, ilustracións, efectos no texto… e un argumento clásico ben establecido na literatura de aventuras. Neste caso, a historia lévanos “dos Andes ao Amazonas”, como di o subtítulo, unha viaxe ambientada na década do 1980 cuxa principal motivación é atopar unha flor, agochada nas profundidades da selva, cuxo poder curativo pode curar a doenza de Laila.
Cando non sei volver, de Baldo Ramos e Viso. Galaxia
Libro ilustrado de poemas que rompe a convención de lectura en vertical para propornos un modelo horizontal, coma se fose un calendario de mesa. Os textos do poeta celanovés combinan ben cos debuxos de Viso (antes coñecido como Marcos Viso). Como corresponde neste tipo de volumes onde dous autores intercambian as súas creacións en dúas disciplinas distintas, o interesante para o lector non é atopar unha xerarquía (case sempre é a parte textual a que se impón sobre a gráfica), senón un diálogo que enriqueza ambas facetas. Neste caso, malia o formato un tanto requintado de máis do propio libro, esa conversa frutifica.
Os derradeiros días de Nova París, de China Miéville. Tradución de Inmaculada Pérez Casal. Boadicea
Primeiro libro publicado en galego dun dos grandes da literatura europea actual (non só: os libros de crónica histórica de Miéville son tamén moi bos). Esta novela é toda unha revelación da capacidade da literatura para superar os límites da lóxica, do que se supón que debe ser unha historia. O escritor londiniense renova por completo os límites da literatura fantástica cunha obra na que nada é o que parece, na que o diálogo entre o real, o inventado; entre o soño e a literatura; entre a historia e a utopía/distopía produce un “monstro” moi atractivo. Que pasaría se a Resistencia francesa, grazas á participación de André Breton, optase por derrotar os nazis mediante o surrealismo? Non é fácil saír vitorioso desta premisa, mais Miéville conségueo.