De Blanca Riestra a William Faulkner. Dez libros para xuño do 2025

César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
As augas interiores, de Blanca Riestra. Xerais
A autora coruñesa remata a súa triloxía mariña tras Aquí comeza o mar e Tritón. É unha triloxía, pero cada obra é autónoma. Nesta novela, a protagonista conta en primeira persoa unha viaxe nun buque de salvamento marítimo desde Cartagena cara a Terra Nova. Na liña do que antes fixeron Xavier Queipo ou Xabier Paz, Riestra constrúe unha novela reflexiva e psicolóxica sobre a influencia do mar, tanto na cultura universal (o eco de Moby Dick é evidente) coma nas persoas que se achegan a el.
A honrada estafadora, de Tove Jansson. Tradución de Marta Dahlgren. Hugin e Munin
Tove Jansson é unha das autoras máis famosas da literatura sueca, especialmente pola súa faceta de autora infantil e xuvenil. Desta volta aparece en galego unha das súas mellores novelas, que conta a relación entre unha anciá ilustradora de libros e unha moza ambiciosa e calculadora. Novela de suspense atípica, moi ben escrita, que recrea un universo onde a frialdade e o silencio non dan ocultado o magma das paixóns humanas máis crúas.
O practicante rural, de Xoán Rubia. Galaxia
Aínda que o autor é famoso como músico, neste libro homenaxea e reivindica o seu oficio. A través de capítulos curtos, ás veces fragmentarios, sempre reflexivos desde o presente, o autor vai definindo unha autobiografía que, malia o preciso do título, é tamén unha ollada persoal aos profundos cambios sociais que viviu Galicia na segunda metade do século XX.
Contos ás sete, de Enid Blyton. Tradución de Eva Almazán. Sushi Books
Sushi Books segue publicando os relatos infantís da famosísima autora inglesa. O libro destaca pola gran capacidade de Blyton para tomar como referencia a estrutura e estilo do conto tradicional e actualizalo sen que perdan nin unha chisca das súas principais calidades: imaxinación, mestura entre o cotián e o fantástico e unha aparente sinxeleza que oculta unha formidable precisión literaria.
A História da Luz, de Antom Santos. Em Selecta Companha
“Breve biografia política e conversa com Luz Fandiño” é o subtítulo deste breve volume que conta con limiares de Goretti Sanmartín e Laura Bugalho. Fandiño, falecida no 2024, converteuse nunha referencia das mobilizacións sociais e culturais nas últimas décadas. Santos percorre os momentos máis importantes da súa vida (desde o nacemento en Santiago de Compostela no 1931), conversa coa activista e inclúe tamén un álbum de imaxes.
Son coma glaciares os barcos de aceiro, de Cynthia Méndez. Galaxia
Aínda que este libro se “vendeu” no momento do seu lanzamento como unha crónica literaria da industria naval viguesa de hai trinta anos, en realidade a obra (moito máis próxima á poesía ca á narrativa) destaca máis pola precisión na ollada íntima sobre o propio pasado e a celebración da identidade colectiva. É tamén un diario interrompido e unha delicada procura da beleza.
Doce voz de megafonía, de Xesús Constela. Xerais
Fábula humorística sobre o noso tempo, caracterizado por unha combinación de ultracapitalismo e control social. A través de personaxes que viven nun centro comercial, dominados pola voz de Megafonía, que todo o ordena, a historia conta con moita retranca un confinamento que recorda moito o que se viviu no 2020 por mor da epidemia de covidia. Constela volve demostrar que non son para el nin as modas nin as esixencias comerciais. El segue indo por libre.
Hilda e Twig resgárdanse da chuvia, de Luke Pearson. Tradución de Clara Barcia. Sushi Books
Un dos grandes éxitos internacionais do cómic infantil. Unha aventura chea de humor, fantasía e un dominio das técnicas narrativas e artísticas que deixa coa boca aberta. A nena Hilda e o seu can Twig saen pasear, pero unha inoportuna chuvieira obrígaos a buscar refuxio nunha gruta. Alí van atopar outros refuxiados. Están a piques de descubrir un misterioso segredo que se remonta ao máis profundo da natureza e o tempo.
Conta, Sherezade, de Suso de Toro. Xerais
O escritor compostelán recorre desta volta ao tópico literario do “manuscrito alleo” para compor unha novela sobre a memoria, as feridas da guerra e o papel da propia literatura na vida. Suso de Toro demostra que odia repetirse, que non deixa de buscar novos xeitos de contar a pesar da moita experiencia que atesoura. Tamén que é fiel aos grandes temas que caracterizan o groso dos seus libros.
En canto agonizo, de William Faulkner. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte
Unha das novelas máis importantes dun dos grandes autores de todos os tempos por fin en galego. Gran Depresión nos EUA. Un cortexo fúnebre leva a agonizante Addie Bundren á súa derradeira morada en Jefferson, capital do imaxinario condado de Yoknapatawpha. Máis alá do tema, o espazo e o contexto histórico, esta obra lese como un portento literario, aparentemente o mesmo relato contado por varias voces. Un prodixio da estrutura que escava no máis profundo da condición humana.






