De Brais Lamela a Tatiana Tîbuleac. Dez libros para outubro do 2022
César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
Ninguén queda, de Brais Lamela. Euseino
Debú literario do vilalbés Brais Lamela. Aínda que a súa presentación editorial insiste moito no seu xénero híbrido e marxinal, estamos diante dunha novela, composta cos recursos, técnicas e obxectivos coas que se escriben a meirande parte das novelas contemporáneas nas culturas do noso ámbito. Autoficción, pesquisa histórica, reflexión sobre o noso tempo… Lamela constrúe unha crónica íntima dos procesos de colonización interior que se viviron durante o franquismo en Galicia desde o punto de vista dun estudante que vive en Nova York.
O meu sangue, de Diego Giráldez. Galaxia
Novela costumista irónica na liña estilística de obras anteriores do porriñés. David Ledesma escribe novelas negras e traballa nunha empresa de limpezas. Mediante un diálogo coa súa actual parella, María, vai desvelando a súa relación coa muller, Belén, nai do seu fillo, Mauro, que morreu por causa dunha enfermidade dexenerativa. Polas páxinas do libro tamén desfilan os pais de David e moitas referencias pop. Giráldez destaca neste libro pola súa axilidade e enxeño.
A materialidade das fillas de Lupa, de Inma Otero Varela. Xerais
O subtítulo é Obxectos ficcionais femininos na narrativa galega. Libro de teoría literaria que se ocupa de analizar como actúa a muller en calidade de personaxe na obra literaria actual. A crítica literaria repara en como se representa o xénero feminino nunha presada de obras, analizando as personaxes creadas por, entre outros, Antón Riveiro Coello, Teresa Moure, María Xosé Queizán, Anxos Sumai, Rosa Aneiros, María Reimóndez e Begoña Caamaño.
Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo, de Marilar Aleixandre e Emma Pedreira. Galaxia
Biografía novelada de Juana de Vega, unha das principais figuras do liberalismo galego do século XIX. Testemuña excepcional do devir da construción da España contemporánea, foi muller do destacado militar navarro Francisco Espoz y Mina, e logo de quedar viúva participou dunha maneira protagonista no deseño da monarquía constitucional de Isabel II, de quen chegou a ser aia. Nos seus últimos anos foi unha activa impulsora da beneficencia.
Os espías de Oreborg, de Jakob Wegelius. Tradución de Moisés Barcia. Sushi Books
Volve Wegelius, o afamado autor das aventuras da mona Sally Jones. Desta volta, a pesar de que o formato destoutro libro é diferente en canto a tamaño e número de páxinas, mantén os sinais de identidade da súa narrativa infanto-xuvenil: unha trama clásica de intriga con moitos personaxes, atmosferas suxerentes e unha evidente influencia dos clásicos da literatura popular de sempre. O texto, moi ben escrito, acompáñase das fermosas ilustracións do propio autor sueco.
María Casares fronte ao espello, de Sabela Hermida. Xerais
O ano 2022, na cultura galega, pasará á historia como o Ano María Casares. Aproveitando o centenario do seu nacemento programáronse exposicións, ciclos de conferencias e obras de teatro. E tamén viron a luz varios libros que xiran ao redor da súa figura. Desta volta, Hermida, que fixo a súa tese de doutoramento sobre a actriz, ofrece unha visión sobre Casares que non se centra na biografía, senón na análise académica da súa traxectoria artística e posición política. O libro inclúe moitas fotografías.
Cornucopia, de Raúl M. Santos. Galaxia
Premio Torrente Ballester 2021. A primeira novela do escritor de Axeitos, Ribeira, vai en dirección oposta a todas as modas da narrativa galega actual. A xeito de experimento literario cuxa principal guía é o xogo expresivo e argumental, Santos propón un universo onde o posible e o onírico se entremesturan coma febra e touciño. Un experimento narrativo que non se ocupa do formal, senón que explora os límites “do que pode considerarse literario”.
A Casa Grande de Romarigães, de Aquilino Ribeiro. Tradución de María Alonso Seisdedos. Kalandraka
É moi pouco habitual que se traduza ao galego unha obra portuguesa, menos aínda un clásico. A obra de Ribeiro está considerada coma unha das máis importantes do século XX e traza, cunha expresividade moderna e moi orixinal, unha saga que se inicia no tempo da coroación do rei castelán Filipe de Habsburgo como monarca de Portugal e se estende até a guerra entre liberais e absolutistas no século XIX.
Matarán a Reboiras, de Luís Rei Núñez. Xerais
O autor coruñés non é a primeira vez que revisita un personaxe histórico para unha novela. Xa o fixo no pasado con Castelao ou Urbano Lugrís. Desta volta o escritor recrea a Galicia do 1975, cando en agosto a policía franquista asasina polas costas o dirixente da UPG Moncho Reboiras. Rei Núñez mestura os tempos históricos, os recursos da ficción e do xornalismo nunha obra similar ás súas novelas anteriores en canto a obxectivos e rexistro,
O verán no que a miña nai tivo os ollos verdes, de Tatiana Tîbuleac. Tradución de Andreea Birsanu. Rinoceronte
Un dos grandes éxitos da novela europea dos últimos tempos tamén en galego. Tîbuleac, mediante unha prosa descarnada e sen concesións ao “literario” (edulcorado, artificioso, balsámico), entra coma un sacho nas relacións familiares e toca óso en conceptos coma o amor, a solidariedade, a confianza ou a empatía. Temas universais, coma a morte e a enfermidade, contados dun xeito distinto para lectores de hoxe en día.
A dos espías de Oreborg (moi recomendábel) non leva máis dun ano publicada? Teño a sensación de que a collín hai moito máis tempo
Saíu a finais de setembro do 2021. Entra polos pelos 🙂