De Cecilia F. Santomé a Gonçalo M. Tavares. Dez libros para maio do 2025

César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
As despedidas, de Cecilia F. Santomé. Xerais
Terceira novela da autora vilalbesa: Un relato en primeira persoa sobre o funeral e enterro dun avó (máis ou menos 72 horas). A obra abana con sutileza entre o lírico, o costumista e o humorístico. Contención narrativa, corte clásico e interese polos detalles configuran o universo narrativo dunha escritora que peza a peza se vai consolidando como unha das voces actuais máis recoñecibles.
A árbore desvelada, de Xavier Seoane. Kalandraka
Novo título da colección ‘Tambo’. Recolle os últimos poemas dun dos escritores máis prestixiosos da literatura actual. A obra está dedicada aos amigos, tanto aos presentes coma os ausentes. Neste volume atopamos os elemntos que identifican as letras de Seoane habitualmente: elegancia nos seus versos, ritmo preciso, vocabulario culto e imaxes de alto valor simbólico e gran capacidade de evocación.
Rosalía oculta, de Paula Mayor. Galaxia
Premio Castelao de Banda Deseñada 2023. Malia o título, esta novela gráfica non desvela ningunha Rosalía oculta. Confórmase con verter en viñetas a biografía da escritora. Mayor converte a Rosalía nunha especie de heroína victoriana. Tomando con acerto todos os recursos da linguaxe do cómic actualiza o mito rosaliano cun intelixente xogo de espellos entre a vida e a propia obra da autora compostelá.
Banu Marwán: a estirpe do galego. 2. Entre a vontade e o destino, de Xosé-Henrique Costas. Ilustracións de Héitor Picallo Fontes e Martinho Picallo Fontes. Morgante
Costas prosegue a súa saga altomedieval. Desta volta, a acción segue a Marwán, fillo de Johannes, protagonista da primeira entrega. Estamos na actual Extremadura, nas primeiras décadas do século IX. Seguindo o ronsel do primeiro capítulo da serie, o libro atende as tensións territoriais e relixiosas entre cristiáns, musulmáns e xudeus, e pon o acento nas aventuras e mais na vida cotiá daqueles tempos.
Ítaca, de María Besteiros. Xerais
Finalista do Premio Xerais 2024. Tomando como referentes simbólicos a Ulises, Penélope e Telémaco, Besteiros compón nesta novela curta un achegamento ao desafío da maternidade nunha familia que se descompón como unidade perfecta. Cun prodixioso equilibrio entre o realista e o poético, a novela pescuda nas dúbidas e incertezas da vida adulta. De como os desafíos persoais nos acompañan e nos perfilan.
A rúa das preguntas, de Xesús González Gómez. Galaxia
A Rúa, Valdeorras, finais da década do 1950. Un forasteiro chamado Federico, disque de Sigüeiro, chega á vila. Con esta premisa, o autor tece unha densa e magnética novela en aparencia costumista, que vai desennobelando con mestría un sistema de vida baseado nas secuelas que o golpe do 36 deixou entre a veciñanza. Segredos, mentiras, covardía e algunha ilusión para unha atmosfera moi marcada pola desgraza e a derrota.
Fume, de Iván Turguénev. Tradución de Iago Fernandes López. Hugin e Munin
Outro acerto de Hugin e Munin, que publica unha das obras máis famosas do célebre escritor decimonónico ruso. Ambientada na cidade balnearia (hoxe alemá) de Baden-Baden a principios da década do 1860, o seu protagonista é Grigori Litvínov, a piques de casar, mais que estando na cidade atopa un antigo amor agora xa casado. Máis alá da trama entre os personaxes, a novela reflicte o convulso ambiente político e ideolóxico daquela época en Rusia, que vivía unha grande eclosión intelectual e o azoute da violencia.
Que é a guerra, de Eduard Altarriba. Tradución de Moisés Barcia. Sushi Books
Libro informativo para público infantil e xuvenil sobre o fenómeno bélico en todas as súas facetas. Con este libro coñecerás todos os elementos que interveñen nun conflito armado e o papel que xogan en cada fase. Ademais, préstalle atención a determinadas guerras coma a II Guerra Mundial, a Guerra Fría ou tamén a guerra de Ucraína, que aínda se libra logo de tres anos.
Arte dexenerada galega, de Blanca Paula Rodríguez Garabatos. Galaxia
“Catro exemplos fóra da España saudable” é o subtítulo desta obra de ensaio que mereceu o Premio Manuel Murguía do 2023. Garabatos utiliza determinadas obras artísticas para explicar como o franquismo xulgaba a arte desde un punto de vista ideolóxico aplicando un molde onde cabía ou non cada expresión segundo o seu xeito de entender o mundo. Maruxa Mallo, Eugenio Granell, Manuel Colmeiro e Luís Seoane son as figutas que a autora utiliza para representar como en cada caso o réxime buscou estigmatizar o seu xeito de ver a realidade.
Xerusalén, de Gonçalo M. Tavares. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte
Non é habitual ver libros portugueses traducidos ao galego. E sempre é unha boa nova que aparezan os grandes autores portugueses no noso idioma porque deste xeito supérase o invisible, mais alto, muro existente entre ambas as culturas. Esta novela é unha das máis famosas do moi prestixioso escritor nacido en Luanda. Unha cidade sen nome e varios personaxes á deriva: Mylia é a ex muller de Theodor, quen a meteu nun hospital e a abandonou cando soubo que quedara preñada doutro paciente. Hannah é unha prostituta e Hinnerck, un veterano de guerra, o seu proxeneta. Thedor está a facer unha investigación sobre a crueldade para desenvolver a sua teoría sobre a evolución do horror. Alta literatura que non deixa indiferente.