BiosBardia

O país dos libros en galego

De Chimamanda Ngozi Adichie a Héitor Mera. Dez libros para decembro do 2025

Chimamanda Ngozi Adichie.

César Lorenzo Gil.

Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.

Medio sol amarelo, de Chimamanda Ngozi Adichie. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte

Unha das grandes obras da escritora nixeriana. Unha desas novelas que están destinadas a ser testemuña dun tempo e dun territorio con esa combinación tan doada de invocar como difícil de equilibrar: o íntimo e o épico. Ambientada na guerra de Biafra, a finais da década do 1960, a historia segue as vidas entrelazadas de varios personaxes: Olanna e a súa irmá xemelga Kainene, o mozo dela, Richard, o profesor Odenigbo, e mais o criado del, Ugwu.

Washington Square, de Henry James. Tradución de Clara Bouzada. Galaxia

É unha moi boa noticia o reforzo do apartado de tradución de clásicos que acomete Galaxia desde hai uns meses coa colección ‘Literaria universal’. O último título que aterra nela é un dos grandes libros de James. Testemuño dunha época e dunha maneira de vivir, a historia de Catherine Sloper na Nova York de mediados do século XIX. Un interesante retrato sobre as ilusións perdidas, a corrupción que vence a inocencia e a resistencia.

As obras póstumas, de Diego Giráldez. Xerais

Diego Giráldez gañou o Premio Blanco Amor de Novela 2024 con esta novela breve sobre a memoria (fráxil, volátil, conectada non só co que somos, senón tamén co que soñamos ser). Como é habitual no autor, máis alá do deseño da trama, por momentos esquemático, destaca pola meticulosa atención aos detalles, ao ritmo narrativo e ao deseño de personaxes que se definen tanto polo que mostran coma polo que agochan.

Corazón de can, de Mikhail Bulgakov. Tradución de Rosana Murias e Maria Tolstaia. Hugin e Munin

Libro quizais máis famoso polas súas circunstancias extraliterarias ca polo seu contido (censura na URSS até o 1987), hoxe lese como un documento valioso en dous aspectos, principalmente: A visión que hai cen anos se tiña sobre a sociedade de masas e a integración desta novela no corpus literario de Bulgakov (alegoría, sátira, liberdade expresiva…). O punto de inicio é suculento: Un cirurxián implanta nun can sen dono órganos dun delincuente. O resultado é un monstro que adopta os peores vezos do home.

Gai o xusto, de Álvaro Domínguez. Cántico

“A homofobia interiorizada do marica CIS” é o subtítulo deste libro que se publica en edición bilingüe galego-castelán. Ensaio divulgativo, ben documentado e afouto na súa tese, que pescuda, desde postulados da teoría queer, na “normalización” da identidade homosexual a base de estereotipos procedentes do heteropatriarcado. Domínguez analiza fenómenos como o pinkwashing ou os ventres de aluguer.

O nadador no mar secreto, de William Kotzwinkle. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte

Kotzwinkle, que foi guionista de ET Pesadelo en Elm Street e cultivou a literatura de xénero fantástico, pasará no entanto á historia da literatura por este breve relato sobre as cicatrices que deixa nun pai a perda dun fillo recén nacido. Unha narración contida, accesible, na mellor liña da novela estadounidense contemporánea (minimalismo expresivo, diálogos ben escollidos, personaxes ben definidos), que segue a lerse con grande interese cincuenta anos despois da súa publicación inicial.

O cineísta andarengo, de Manolo González. Embora

Este libro leva o subtítulo: “A propósito de Bernardino de Lamas”. E quen era De Lamas? Pois o pseudónimo do xornalista ferrolán Afonso Piñón Teixido, afeccionado á filmación cinematográfica e que chegou a rodar case 300 películas en formato de 9,5 mm entre o 1924 e o 1935. O autor, que xa se achegou ás vidas de Xosé Gil e Antonio Rey Soto, continúa con este libro cartografando o mapa dos pioneiros do cinema en Galicia.

Fóra de foco, de Cristina Pato. Galaxia

Unha xornalista obsesiónase polo legado da artista Basil Cancela, que un día deixara Nova York para perderse. Cristina Pato utiliza varios recursos da novela moderna: a mestura de realidade e ficción, a falsa biografía, a busca dunha personalidade pública desaparecida de repente… para construír unha obra sólida e moi medida na que se debullan varias preocupacións contemporáneas, en especial a soidade e a capacidade de controlarmos o noso propio xeito de vivir.

Manual de camuflaxe, de Samuel Merino. Xerais

Premio Lueiro Rey de Poesía 2025, outorgado polo Concello de Fornelo de Montes. Cambio de rexistro de Samuel Merino, que opta por evitar as imaxes e as metáforas e amosa unha poesía baseada na eficacia expresiva, na claridade do verso, un alto ritmo e a creación dun universo conceptual caracterizado pola sinxeleza e un eco filosófico por momentos algo inxenuo.

Todo é poesía salvo algunha cousa, de Héitor Mera. Morgante

Terceiro libro de recompilación da práctica da crítica literaria dunha das voces máis veteranas e independentes do comentario de textos con vocación xornalística. Este volume reúne non todos, senón unha escolma de críticas publicadas no Faro da Cultura, onde Mera desenvolve o seu labor de análise en obras de poesía, aínda que neste libro aparecen críticas de obras non adscritas a ese xénero. Crítica sincera e argumentada, que atende ao escrito e non ao escritor; que pensa nos lectores e non no autor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *