De Delphine de Vigan a Luís Manuel G.ª Mañá. Dez libros para novembro do 2023
César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
As gratitudes, de Delphine de Vigan. Tradución de Xavier Senín. Hugin e Munin
De Vigan é unha das autoras francesas máis destacadas niso que poderiamos definir como narrativa literaria con resposta comercial. Nesta novela o tema principal é, á parte do agradecemento que lle dá título, o papel da vellez na sociedade europea actual. Cun dominio absoluto do ritmo e un deseño de personaxes moi atractivo, esta novela breve lese con agrado e é unha sorte que poidamos ler en galego obras recentes e con recoñecemento internacional.
O paso do Noroeste. As aventuras do capitán Duchesnoy, de Xavier Queipo e Primitivo Marcos. Galaxia
O paso do Noroeste foi primeiro unha novela de Queipo, premiada e recoñecida pola crítica. Agora chégalle unha segunda vida convertida en cómic, con debuxo de Primitivo Marcos, que crea un impresionante elenco de personaxes e escenarios para unha aventura inesquecible. Nunha preciosa escala de grises, a historia lévanos ao seculo XVIII, pouco antes da revolución, cando Francia competía con Inglaterra polo dominio das rutas marítimas. O conflito ideolóxico entre o tradicional e o novo, a fascinación pola natureza e a tensión racial son algúns dos temas dun traballo de banda deseñada que entra con todos os méritos na historia dese xénero en galego.
Ringo. Memorias dun coello fedello, de Pablo Nogueira. Ilustracións de David Pintor. Xerais
Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade 2022. Máis alá das estratexias que segue o autor para que o libro cumpra as bases do certame —valores: amizade, diversidade, empatía, amor—, este libro infantil consegue manter un ritmo trepidante e atrae a lectura grazas a non tomarse demasiado en serio. Todo ten un aire livián, asentado no humor e nas propias calidades musicais das palabras. Todo se sustenta no protagonista, Ringo, un coello que foxe dunha chistera de mago por casualidade e vive unha chea de aventuras.
Stuart Little, de E. B. White. Tradución de Moisés Barcia. Ilustracións de Garth Williams. Sushi Books
Un clásico da literatura infantil estadounidense que en Galicia gañou popularidade logo da estrea do filme baseado na súa historia (1999). Agora ve a luz en galego a historia orixinal e ten posibilidades de captar o interese dunha nova xeración. A novela xorde dun feito case surrealista: o segundo fillo que ten a señora Little non é máis grande ca un rato, parécese moito a un rato e, na práctica, pode pasar por rato. A partir de aí xurdirán as aventuras, sustentadas no conflito que nace entre a propriocepción de Stuart como neno pertencente a unha familia que lle quere, e un ambiente que é moi ameazante para calquera ser que se pareza a un rato.
Gastrulación, de Pablo Pesado. Boadicea
Primeira novela do autor ferrolán que toma os parámetros do xénero da ciencia ficción para facer algo moi persoal. Esta é unha obra na que hai que mergullarse sen preconceptos nin expectativas. A forma de narrar de Pesado ten a mesma natureza e determinación ca as areas movedizas. O seu universo creativo é complexo e moi influído polas grandes lecturas do xénero da ficción especulativa e o horror. O seu estilo é sofisticado, autoesixente e completamente orixinal na literatura galega actual.
contármonos, de varias autoras. Alvarellos
Este libro é o resultado material da experiencia do Obradoiro da Escrita (2021-2022) promovido polo Concello de Santiago e impartido pola escritora Eli Ríos, e que foi o xermolo do colectivo Comadres das Letras. O volume reúne por unha banda textos de Carmen Villar Alonso, Ana Lorenzo Blanco, Lorena Gómez Calvo, Isabel Cribeiro Galego, Beatriz Guerra García, M. C. García, Chus Prol Gómez, María Álvarez Landesa, Óscar Monti, Flora Miranda Pena, Marga Castro Rey, Eva Teixeiro Suárez, Nela Valado e Marta Abal Vaquero. Pola outra, 13 textos colectivos.
Exteriores do paraíso, de Bernardo Atxaga. Tradución de Isaac Xubín. Kalandraka
Sempre é unha boa noticia que Atxaga publique en galego. Un dos escritores máis orixinais e auténticos volve por onde sabe: polo camiño da imaxinación e da brillantez. Sen cinxirse a un xénero determinado —hai versos, crónicas, relatos, textos inclasificables…—, só guiado polo seu instinto e as súas ganas de crear, este libro fará as delicias dos lectores habituais do autor vasco.
As asuras, de Luís Valle. Barbantesa
O escritor lugués volve a Barbantesa; volve á poesía. Desta volta os versos camúflanse nunha especie de minutario na que van encaixando as sentenzas. A propia estrutura marca a natureza do texto, que oscila entre a reflexión, a evocación e a cicatriz polo paso do tempo. A medias experiencia de escrita libre a medias exercicio de purificación da lingua culta, Valle consolida o seu estilo literario, que se estende por máis de 20 anos.
O legado de Antonio Palacios en Nigrán, de Álvaro Bonet. Engaiolarte
Antonio Palacios, a súa obra e o seu deseño sobre o territorio galego, é un tema case infinito. O seu legado e testemuño segue producindo obras moi interesantes para os afeccionados á arquitectura, ás artes e á historia. Desta volta, Bonet estuda en profundidade o impacto palaciano no concello de Nigrán. Concretamente analiza construcións tan famosas como o templo votivo de Panxón ou o hotel do “Sileno”, pero tamén proxectos que non puideron saír do plano e o labor —ás veces menos recoñecido— do arquitecto en reformas e rehabilitación de monumentos.
In articulo mortis, de Luís Manuel García Mañá. Galaxia
Sen dúbida, Manuel Blanco Romasanta é un dos personaxes históricos máis queridos pola literatura galega. Nos últimos anos a súa fascinación levou a autores como Alfredo Conde ou Emma Pedreira a repararen na súa figura desde ángulos moi distintos. Agora é o veterano García Mañá quen se achega ao asasino en serie de Esgos para confeccionar unha novela histórica clásica de investigación con vontade popular. O protagonista é un xuíz que fora crego de novo e coñecera naquela altura a Romasanta no penal de Ceuta. Unha obra moi na liña do autor ourensán que abre un novo ángulo sobre o criminal decimonónico.