De Emma Pedreira a Kurt Vonnegut. Dez libros para febreiro do 2025

César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
As horas mortas, de Emma Pedreira. Baía
“Viaxes e conversas por cemiterios galegos”. O subtítulo é elocuente e prepáranos para o que imos atopar nesta obra. A autora visita, ela soa ou en compañía de outras, os principais camposantos galegos e tamén aqueles que espertan nela un particular interese polas historias e testemuños que gardan. Pedreira supera o concepto de “necroguía”, xa común no tocante ao turismo mortuorio en todo o planeta. É un libro de testemuño, de impresión e de relación entre os coñecementos (e tamén teimas) da escritora e a realidade que describe. Polo tanto, o interese do libro é tanto literario coma informativo. O modelo usado permite unha segunda parte.
Cuspindo miserias, de Neves Rodríguez. Galaxia
Moi famosa polo seu traballo como condutora e reporteira televisiva, Rodríguez publica agora o seu primeiro libro de poemas. Malia non ser ela nova, os seus poemas gardan algo dese ton instintivo das primeiras veces, onde os versos aínda precisan certa sofisticación e se insiste en estilos quizais superados. Pero aínda así, paga a pena ler o libro porque a autora consegue manter certa pureza na súa ollada literaria e alcanza en moitos casos a conectar universos imposibles entre si.
Corre, coello, de John Updike. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte
Updike foi un dos autores máis influentes da literatura estadounidense do século XX. Rinoceronte segue a edificar a biblioteca en galego destes nomes sobranceiros (Carver, Cheever, Faulkner…), o cal é unha fantástica noticia. Afeccionado a escribir sagas, esta obra é a primeira da serie “Coello”, cuxo protagonista é Harry Angstrom, a quen Updike lle dedicou cinco libros en total. Narrativa de liña clara, crítica social, un afiado sentido do humor e unha vontade de estilo “invisible” converten este libro nun clásico.
Monsieur Maurice, de Amelia B. Edwards. Tradución de Alejandro Tobar. Hugin e Munin
A protagonista desta novela ambientada na época posterior á caída de Napoleón é unha nena de dez anos que vai vivir co pai ao castelo de Brühl, en Prusia. Alí coñecerá un misterioso prisioneiro francés co que establecerá profundos lazos. Polo medio hai un elemento sobrenatural amable. Edwards consegue crear unha ambientación moi suxerente e o elemento “fantasmal” é pouco relevante no resultado final da obra.
Ben mantidos, de Xavier Castro Pérez. Galaxia
“Historia cultural da gastronomía galega” é o subtítulo dunha obra que é unha peza máis na traxectoria do historiador cangués, que se especializou na cultura culinaria galega desde un enfoque social. Desta volta repara no que podiamos denominar a nosa identidade gastronómica, con atención concreta a elementos tales coma a empanada, o caldo (en relación con Rosalía de Castro), a vieira, o polbo, as sardiñas, a lamprea, o pan… Capítulo especial na obra merece o viño.
Poesía reunida, de Xosé Luís Méndez Ferrín. Xerais
Editada por Anxo Angueira, que á parte das notas, inclúe un estudo moi valioso, esta obra agrupa a gran maioría da obra poética do grande escritor ourensán. En case seiscentas páxinas represéntase un legado poético que é fundamental para entender as nosas letras contemporáneas e que demostra, verso tras verso, a vixencia e interese da literatura de Ferrín. Poesía vinculada cos movementos do seu tempo, en permanente diálogo coa tradición galega, que xungue a cultura popular e a libresca de xeito maxistral.
Un amigo do pobo, de Nacho Taibo. Menino morreu
O Chapoño é unha sorte de aproveitado que medra nas augas podres das noticias falsas e o impulso emocional das redes sociais. A súa parella, Saturia, investiga a presenza dunha reliquia de Cristo entre os templarios de Cambre. Con estes dous mundos aparentemente tan distantes constrúe o veterano escritor esta nouvelle de corte sarcástico que é interesante, sobre todo, para recrearse no peculiar estilo do autor, que domina os recursos do xénero humorístico e mais do histórico.
Vaamonde. Gloria e traxedia dun artista, de Perfecto Ramos. Edición do autor
Tras publicar unha biografía do pintor Joaquín Vaamonde, o cronista histórico de Crecente debuta como dramaturgo con esta peza que recrea a curta vida do artista coruñés. Despois de volver de América do Sur con fama e prestixio, grazas ao seu mentor Rafael Calzada, Vaamonde convértese no pintor favorito de Emilia Pardo Bazán e grazas a ela desfrutará dunha posición envexable nas boas casas de Madrid. Mais o pintor non está satisfeito porque quere ir artisticamente máis alá do que llo permiten os gustos da alta burguesía española.
Runrún, de Ana Varela. Galaxia
Primeira obra de narrativa da tamén poeta. Cun estilo clásico de novela costumista narrada en terceira persoa e en presente, a escritora naronesa propón unha reflexión sobre as dificultades cotiás dunha persoa que sofre un trastorno mental e o seu ámbito familiar. A contención, o gusto polo detalle e a oportuna dosificación da información fan desta novela unha boa mostra do que se pode facer medindo ben os recursos que necesita unha historia para funcionar.
Matadoiro cinco, de Kurt Vonnegut. Tradución de Estela Villar Nogueira. Rinoceronte
Outro clásico do século XX estadounidense que xa podemos ler en galego grazas a Rinoceronte. Esta novela, a primeira do seu autor, a que o converteu nunha celebridade no seu país e que serviu de inspiración para outros moitos escritores, segue a latexar malia os seus particulares presupostos narrativos. É a un tempo novela realista, humorística, de ciencia ficción, histórica, autobiográfica… Pura literatura ao servizo da imaxinación que, no entanto, parte dun suceso real e dramático: a destrución de Dresde durante a II Guerra Mundial.