De Enid Blyton a Jorge Campos. Dez libros para decembro do 2024
César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
Contos ás cinco e Contos ás seis, de Enid Blyton. Tradución de Eva Almazán. Sushi Books
Desta volta incluímos dous libros na ficha dun, pero é porque ambos os títulos forman unha unidade: Contos moi breves, pensados para lectores infantís, onde a fantasía e a realidade se mesturan. O estilo clásico e accesible da autora inglesa segue atraendo o interese das novas xeracións. A marca “Blyton” é moi recoñecible e a súa influencia na cultura popular e tamén na literatura infantil e xuvenil actual son indiscutibles.
Inimigos ás portas, de Bieito Alonso. Galaxia
“Frank López e o anarquismo global” é o subtítulo do libro. Este Frank era en realidade Francisco López García, nacido en Bemantes, Miño, emigrante nos EUA no inicio do século XX. Tirando do fío da súa personalidade e actividade política e sindical en América, Alonso describe a actividade dos anarquistas galegos e doutras orixes latinas nun momento de grande eclosión destas ideas na dinámica sociedade estadounidense, cuxo poder reaccionou con gran virulencia para evitar o desenvolvemento das súas propostas.
A herdanza Ferramonti, de Gaetano Carlo Chelli. Tradución de Isabel Soto. Hugin e Munin
Hugin e Munin descobre para o público galego un autor ben coñecido en Italia, mais pouco lido fóra. Esta é a novela máis famosa de Chelli e incluso hai unha adaptación cinematográfica, dirixida por Mauro Bolognini e protagonizada por Anthony Quinn. O libro conta a crise nunha familia romana cuxo patriarca, un panadeiro enriquecido, disputa cos seus fillos polo seu xeito de vivir. Será Irene, a nora do vello Ferramonti, quen intermediará para conseguir a paz familiar. A sofisticación do personaxe de Irene e o modelo coral da novela fana moi interesante para os lectores actuais.
Antoloxía do Rexurdimento (1853-1916), de Ramón Nicolás (ed.). Xerais
“Síntese teórica, escolma e suxestión de lectura” é o subtítulo desta obra que pretende divulgar, especialmente entre os mozos, as creacións literarias publicadas nun dos períodos máis destacados da nosa historia. O profesor Nicolás, dun xeito didáctico e moi accesible, resume as liñas principais das letras daquel momento, así como as obras e os autores máis destacados.
A abadía de Northanger, de Jane Austen. Tradución de María Ramos Salgado. Galaxia
Jane Austen é unha autora que leva de moda bastantes anos, tanto no mundo anglófono como no resto das culturas máis ou menos dependentes dos EUA. Por este motivo é lóxico que as súas obras vaian incorporándose pouco e pouco á biblioteca galega. A abadía de Northanger é a primeira novela da autora, que ela rematou con 23 anos, pero que permaneceu inédita até o 1918. Hoxe debe lerse como un enredo humorístico, unha reacción pueril á idade dourada das novelas góticas. Especialmente interesante para os moi austenianos, que atoparán nesta obra vimbios do resto da súa obra máis canónica.
Lisístrata, de Aristófanes. Tradución de Iria Pedreira Sanjurjo. Sushi
Edición pensada para lectores mozos dunha das comedias máis afamadas da literatura grega clásica. Pedreira Sanjurjo encárgase tamén da introdución e as notas. O argumento é sinxelo e moi repetido: Cansa da guerra interminable entre gregos e espartanos, Lisístrata lidera unha folga sexual que busca conseguir a paz. Malia o tempo que pasou desde a súa redacción, esta obriña mantén fresco o seu humor irreverente.
Heartstopper. Volume 1. Rapaz coñece rapaz, de Alice Oseman. Tradución de Nee Barros. Xerais
Esta é unha das novelas gráficas xuvenís máis exitosas dos últimos tempos. Un fenómeno en todas as linguas nas que se publicou que agora busca o seu público en lingua galega. O primeiro volume dunha serie de cinco títulos que irán aparecendo no catálogo de Xerais. Heartstopper publicouse orixinalmente grazas ao micromecenado. Conta a historia de amor de dous adolescentes que estudan nun colexio masculino.
A forza escura, de Louis Couperus. Tradución de Antón Vialle e María Alonso Seisdedos. Galaxia
Publicada orixinalmente no 1900, que apareza esta novela en galego é unha boa nova, xa que non é habitual atopar traducións provenientes do neerlandés. Couperus pasa por ser un dos grandes das letras dos Países Baixos e esta novela garda boa parte da súa esencia literaria. A historia lévanos á illa de Xava, colonizada naquel momento polos neerlandeses. A novela describe o contraste entre o colonizador europeo e a aristocracia nativa xavanesa. Couperus sabe deseñar un ambiente ameazante, dominado polo ocultismo oriental e un amor afastado das convencións occidentais.
Memoria de rapaza, de Annie Ernaux. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte
Rinoceronte continúa edificando a Biblioteca Ernaux en lingua galega. Esta novela é unha das máis relevantes da Premio Nobel 2022. A autora recorda o verán no que fixo os 18 anos e os acontecementos que marcaron ese seu paso á maioría de idade. A novela fará as delicias dos fans da autora: lingua sutilmente lírica, pero moi clara e accesible; aparencia de rigor autobiográfico e desprezo polos artificios narrativos; cuestionamento crítico da realidade e ollada crítica; perspectiva feminista dos feitos relatados.
Capitán Lentella 2. Unha nova chuvia de estrelas, de Jorge Campos. Xerais
Segundo episodio da serie iniciada polo autor ourensán no ano 2022. Cómic infantil humorístico e de aventuras que nos conta a viaxe interestelar dunha simpática tripulación. O mellor do libro, á parte do trazo de liña clara de Campos, é a chispa dos diálogos e os dobres sentidos que se xeran continuamente e que provocan o sorriso. Este novo capítulo amosa que o concepto está moi vivo e é de esperar que de aquí a pouco haberá unha terceira parte.