BiosBardia

O país dos libros en galego

‘De feísmos e regresos’ vs ‘O pescador paciente’

MÓNICA CASTRO.

3ª e derradeira xornada. Grupo A. Natalia Otero vs Daniel Ugarte.

O pescador paciente

Daniel Ugarte.

Certo. Beberamos e fumaramos abondo. Así e todo, os tres lembramos exactamente o mesmo cando acordamos na tenda de campaña ao mediodía. Sería moita casualidade que o estivésemos a inventar, non? 

Eu xa reparara na bañeira cando iamos cara ao concerto de Extremoduro. Chamoume a atención porque había varios punkis a remollo e daba bastante noxo. Escoitei como un deles se queixaba de que a auga estaba fría. Unha das súas compañeiras respondéralle que fixese como ela. Que o pis subía a temperatura e era moi bo para o eccema. Por pouco non trousei.

Cando volviamos para continuar a xolda na zona de acampada, vin que os punkis marcharan. Xunto á bañeira había agora un fulano cunha cana de pescar. Era fraco e fibroso. Pegaba máis en Woodstock que no Resu, a verdade.

Batín co cóbado nos colegas e decidimos achegarnos. A sedela entraba de cheo na auga podre. Fedía, mais ao tipo semellaba non incomodalo. Sería dos porros, mais a min deume a risa.

Como vai a noite? Pescaches algo? —preguntei.

Miroume de esguello, sen mover a vara un milímetro. Cun fío de voz tan fino como a súa sedela respondeu:

—Os peixes van e veñen, é o equilibrio o que procuro.

—E non había outro lugar onde buscar por el? —chanteille. Dígoo porque o único que vas atopar aí son miasmas.

O viaxeiro non decide a dirección do vento. Apenas pode orientar as velas.

Ti verás, amigo. Pero aí dentro mal te vas orientar. Entre a carriza, o mexo e a auga estancada, non se ve o fondo. 

É grazas á escuridade que podemos ver as estrelas. 

Fillo de puta. Quedábase con nós, mais a min picárame a curiosidade. Que raio andaba a facer?

Escoita. Se perdiches algo na porcallada esta, axudámoste. Entre os catro envorcamos a bañeira e colles o que caeu. Aínda que igual xa o levaron os punkis. Eses arramplan con todo.

Se turras dunha árbore para que medre máis rápido, arrincaraslle a raíz.

De que hostia falas, compinche?

Falo de paciencia, meu fillo. Para buscar un tesouro cómpre saber agardar. Devagar, chégase lonxe. 

De súpeto, o pescador paciente entrou en transo e tensou a cana. Fitou o horizonte cos ollos en branco e soltou:

Non sentides os elementos chamando por vós? Non percibides que queren que colleitemos humildemente o seu froito?

E así como o dixo, comezou a recoller carrete. O ghicho esforzábase por vencer a resistencia da súa captura. Pesáballe. Finalmente, conseguiuno. Do extremo da sedela colgaba un anzol, e perfectamente equilibrado nel, unha pebida de ouro do tamaño dunha tableta de costo, das de 250. Tremendo pedrolo! 

Coa mesma pausa coa que falaba, o fulano sacou un kleenex do peto e púxose a limpar o metal. A puta hostia, como brillaba despois!

Nós os tres a flipar. E non vai o tipo, vólvese cara a nós, coloca de novo os ollos do dereito e dinos, como xustificándose:

Nunca gustei de emporcar as mans. Inféctanseme as chagas.

………………………………..

De feísmos e regresos

Natalia Otero.

As rodas renxeron no camiño de terra conforme rodeabamos a casa de meus pais.

Puiden ver polo retrovisor a miña pequena Maura cos sensores activados, facendo un inventario a tempo real de todo o que ocorría arredor da súa órbita. No asento do copiloto Diega, a miña muller, permanecía envolta na súa vaíña habitual de control da situación.

Aparquei no patio traseiro que daba paso á horta da casa, ese edén do feísmo no que o artista de meu pai despregara a gusto o seu estrambótico talento. 

No mesmo patio comezaba a gran tríade arquitectónica de estilo rural cos vellos asentos do Renault 18 a modo de sofás, formando unha peculiar zona chill-out retrolabrega.

Xa en terreo, ficaba o segundo elemento da tríade. Unha bañeira que no seu momento fixera as veces de bacieiro do porco, pero que agora de porco só tiña a auga luxada que ía acumulando nos sucesivos días de choiva. 

—Aí está a avoa! —berrou Maura

Asomou miña nai da porta co seu uniforme de autoridade matriarcal en forma de mandilón de cadros. Puxo a man na fronte a modo de viseira, pero decateime igualmente desa familiar mirada laranxa, cunha gorda tona de normalidade cubrindo unha húmida polpa de profunda decepción.

A pícara saiu correndo cara aos brazos abertos da súa avoa, que a recibía abaixada cun sorriso amplo e defectuoso. Cinguiuna entre as súas amorosas bridas, seguido dunha restra de bicos sonoros. 

Saín do vehículo e corrín cara ao maleteiro en canto vin a Diega turrando dunha das maletas e facendo un, nada recomendable, esforzo no seu estado. Non recordo ter falado de cando llo diriamos a meus pais… Hoxe non, dende logo…. Informalos do noso desafiuzamento do piso da Coruña xa fora coma darse un baño na praia de Oza en pleno xaneiro. 

Diega e mamá saudáronse cos respectivos bicos nas meixelas e colaboraron para meter a equipaxe dentro da casa. Sempre finxiron cordialidade, pero sei que non se aturan…

Sentei nunha das esquinas da bañeira e dirixín a mirada ó fondo da horta, onde se erixía a derradeira xoia feísta, representada por uns somieres cheos de ferruxe que facían as veces de cerrado do galiñeiro. Tras esta grande homenaxe ó tétano avistei a meu pai, que nunha man agarraba un caldeiro de plástico e na outra a Maura, que agora arrebolaba grans de millo entre as pitas coma se fosen confeti.

Nese momento comecei a muiñar… A lembrar as festas de aniversario cos seus amigos da escola, o Antroido, o Samaín… Nin sequera xuntei a coraxe para dicirlle que as vacacións na casa dos avós non ían a ser temporais… 

Os pensamentos víñanme á cachola coma unha lapidación cínica mentres vía o meu reflexo na auga emporcada da bañeira. Estancado. E noxento. 

E foi nese instante no que lembrei aquela vez que lles prometera unha casa con piscina… As cousas como son, aí pegoume a risa…

21 thoughts on “‘De feísmos e regresos’ vs ‘O pescador paciente’

  1. Que dous grandes relatos.
    De “Feismos e regresos” gústame as comparacións tan axeitadas: apertas como bridas, por por un exemplo, así como a perfecta recreación da casa. As descripcións fixéronme ver con total exactitude o lugar. Hai algun erro tipográfico pero o relato non perde forza en ningún momento, e ese final, cómico e catárquico acaelle a perfección.
    De “O pescador paciente” gústanme o uso dos diálogos, que son onde se constrúe o relato, tan criticados ás veces. Gustoume tamén toda a atmósfera que, aínda non estando tan ben recreada coma no relato do adversario é plenamente identificable e xa ver a Xesús no Resu fíxome escachar a risa. Porén o meu voto para este Pescador

  2. “O pescador paciente”
    O que máis me chegou desa historia é o noxo. A frase final rompe o encantamento filosófico, un recurso que me gusta, dando unha xustificación pragmática a todo o asunto (aínda que a situación segue a ser do máis rocambolesca).

    “De feísmos e regresos”
    Adoito destacar as frases que me gustan, pero aquí tería que comentar case todas (vale, só un par: a “zona chill-out retrolabrega” e a “homenaxe ó tétano” téñenme gañada). Ás veces pode ser un arma de dobre fío, por resultar pouco natural ou pasarse de gracioso. En especial ao descubrir a situación do protagonista; está ben que no final se ría, case por non chorar, pero tanto enxeño no cuadra co que se esperaría que fose o seu estado mental. Porén, é unha historia coa que se pode empatizar e ten o estilo de humor que me gusta.

    Voto por “De feísmos e regresos”.

  3. Outros dous bos relatos. Non me estraña que todo estea aínda por decidir en todos os grupos. En ambos os dous sobresae a forza da descrición dos sitios, o ambiente é moi real. a xolda festivaleira e a casa dos pais cos elementos de reciclaxe que adoitan a verse. Os personaxes tamén perfectos. Ese pescador. Esa nai laranxa. O xiro perfecto nos dous. O elemento fantástico no primeiro. O realismo da decepción vital no segundo.

    Os títulos mellorables. Poida ser a pega que lle poña. E no primeiro quizais recortar un chisco o diálogo co pescador. Algunha sentenza menos… Parabéns os dous. Non sei, xa por gusto persoal gustoume máis ese final tristeiro de “De feísmo e regresos”. Voto por el.

  4. O pescador paciente
    En primeiro lugar dicir que me resultou bastante gracioso o diálogo con ese Xesucristo New Age. E considero que o humor é o máis difícil de lograr ó ser algo tan particular. Tamén destaco as citas pseudofilosóficas do pescador como realmente acertadas así como a fluídez do diálago en todo intre. Por poñerlle unha pega vou mencionar que quizas a introdución podía ser algo máis breve para chegarmos antes á cerna.

    De feísmos e regresos
    Comparto co protagonista boa parte da súa mirada sobre o feísmo. E considero que o relato se le moi doadamente e ten algunhas frases que me gustaron moito (“…vía o meu reflexo na auga emporcada da bañeira. Estancado. E noxento”).
    Na parte negativa vou sinalar que ó, contrario que a Leticia, a min as frases que ela resalta (“zona chill-out retrolabrega”) non me acaban de convencer. Danme a sensación de ser un pouco forzadas. E non acabo de conectar tampouco co sentimento dos personaxes nesa obriga de voltar á aldea.

    O meu voto vai para “O pescador paciente”

  5. Marabilloso duelo. Parabéns.

    De feísmos… pareceume un relato necesario, ben contado, con moita gracia e un ritmo moi acaído. Que morro ten o protagonista!

    O pescador paciente deixoume sin palabras, a contraste das dúas voces mantén o misterio ata o final, mesmo ten unha estructura de chiste que ó final non acaba de chegar. Merece que non o vote polo noxo que provoca, pero non me podo resistir.

    O meu voto para o pescador.

  6. O pescador paciente

    “lembramos”
    penso que debía ser lembrabamos

    Un relato interesante. Eu quitáballle un par de frases ó pescador (as 2 primeiras, por exemplo), que parece unha galleta da fortuna vivinte, non lle vexo moita relacion ó que di co que sucede, excepto co da escuridade e a árbore.

    A historieta está moi ben contada e o absurdo da escena compensa a falta de outra chicha mais convencional.

    De feísmos e regresos

    A/O autor/a sabe escoller ben as palabras, gustoume o sorriso amplo e defectuoso. A veces pasase algo (ó ler o inicio pensei que ia ser un relato de ciencia ficcion retro) pero en xeral queda ben.

    “Sempre finxiron cordialidade, pero sei que non se aturan…”
    O narrador é máis sarcastico ca isto, podia darse esta info doutra maneira. De deixalo así, polo menos quitar os suspensivos (todos os do relato, por favor).

    Está claro que o punto forte do realto é a resignación coa que o narrador describe o que ve, que para o lector se traduce de maneira natural en humor. Por sorte tras iso hai outro fondo mais serio que tamen era necesario. Ambos sentires non se acaban de misturar ben polo contraste de estilo. O prota deberia estar mais afectado pola situacion que está vivindo e sen embargo percíbese outra cousa, esa elaboracion humoristica é mais propia dun ambiente distendido, en todo caso penso que o drama debía terse presentado antes no relato para que abrigase dentro o humor, en lugar de facelo ó revés, porque o humor é moi bo envoltorio pero non tan bo como contido principal (refirome aqui a que se lle dedican mais frases).
    Por exemplo, o final está moi ben, porque aí o lector xa coñece o drama a fondo e entón é cando o humor si fai esa sinerxia sua. No inicio non pasa iso, só son risas baleiras. Eu creo que xa na primeira frase habia que poñer o 1º ladrillo (xa que falamos de feismos) para entender o antes posible porque esa xente vai onde vai. Nunca regateedes coa informacion que xa sabe o narrador. Se vos parece que dandoa toda no inicio o relato perde forza é que algo vai mal.

    Foi un bo duelo, cun pequeno amaño poden quedar dous relatos de altura.

  7. Duelo precioso¡
    Encantoume a figura do pescador paciente, considero que a atmosfera está moi conseguida e o dialogo, que ao usar esas frases salomónicas podía quedar forzado moi facilmente, quedan xenial. O final pilloume desprevido. O aire do Resu en xeral, ese asco, a verdade, de dez.
    De feísmos e regresos o único que non me acabou de convencer foi o título. Está moi ben escrito. O autor logrou describir ben a situación do pai e o ambiente, ese reciclaxe de monte a verdade e que me colle moi de cerca. Rénxeme algo a frase final, pero quizás sexa problema meu.
    Creo que son dous bos relatos, e o meu voto decántase polos diálogos e as sentencias da personaxe de O pescador paciente. Os meus parabéns¡

  8. Nesta terceira xornada estou a atopar moitos duelos potentes en termos de experimentación expresiva. É coma se por fin todos entedésemos este torneo como unha oportunidade de deixarnos levar, de probar cousas. Noto como máis soltura, tamén máis risco. Encántame!

    O pescador

    Parécenme moi logradas a atmosfera e o personaxe do pescador. A surrealista escena dun pescador filósofo oriental é xenial. Hai equilibrio, os diálogos axudan a perfilar a situación e coido que o autor/a consegue levar ao límite unha idea que non tiña por que resultar ben. E conségueo.
    Xa non me chista tanto o demais. O ton do narrador penso que peca algo de tópico para o que se espera nun festival de heavy metal. Hai certo exceso que queda un pouco en paralelo (e por debaixo) da frecuencia nuclear do pescador. Tampouco me convence o final. O do ouro na bañeira parece un antimacguffin; penso que racha toda a atmosfera creada anteriormente.

    De feísmos

    Conceptualmente, todo o discurso sobre o feísmo rénxeme bastante. Neste caso, paréceme incrible. Por que? Pois polo narrador escollido. Cando un autor escolle unha voz para contar a súa historia ten que calibrar ben a súa personalidade como personaxe. A voz non é a do autor, é a do narrador. É moi difícil pensar que un fillo fale así de seus pais e do seu contorno vital. Hai unha estrañeza que coido inverosímil. Aquilo que coñecemos non nos chama a atención. Non subliñamos o evidente. E neste caso, practicamente todo o relato está baseado niso. Penso que este relato mellora se se narra en terceira persoa omnisciente. Ten máis poder a explicación da visita familiar e a idea do final, que é tenra e axuda a conectar cos personaxes pero que neste caso pelexa coa figura do narrador, que parece un cínico durante moito do relato. Gustoume, en cambio, a capacidade de exploración da lingua. Hai vontade de estilo nas frases, nas metáforas. Hai unha pelexa co texto para que supere a lingua común e se faga literaria dalgún xeito. Iso require traballo e esforzo.

    Voto por ‘De feísmos…’

  9. Parabéns ás dúas autoras. Sacaron ouro dunha bañeira podre 😁
    As personaxe do “pescador”, máis ca fumar porros, creo que comeron un tripi na acampada. Xa de volta, súbelles o ácido e de aí a escena. Isto non impediría lembrar o mesmo ao mediodía. Penso que lle sobran un par de frases do iluminado e, para rematar sendo noxentos, que o que saca da bañeira sexa efectivamente unha tableta de costo ou calquera outra cousa que se poida consumir e meter no corpo. Pero o relato está ben fiado na súa psicodelia.
    “De feísmos” semelloume un relato telegrafiado. Curta, longa, longa, curta. Como a saltos. Con boas frases aboiando polo medio, moi rescatábeis. Pero collinlle xenreira ao narrador. Suponse que medrou nesa casa, que xa sería feísta, volve para vivir nela, obrigado polas circunstancias e o que hai nel é pura soberbia. Non sei se é certo o da Coruñavirus, pero seméllame totalmente contaxiado por el.
    Un non tería que se deixar levar por ese tipo de xuízos para valorar unha obra (pido perdón á persoa que o escribiu), pero moitas veces é inevitábel.
    Voto polo tripi do “pescador”.

  10. Moi bos relatos os dous, con frases moi boas. Foi o duelo (do que vai de torneo) no cal se me fixo máis difícil decidirme .

    O meu voto vai para “O pescador paciente”. É un relato moi divertido. O diálogo moi ben levado e o ton directo, como a min me gusta.

    “De feismos e regresos” está moi ben escrito e a ambientación moi lograda, fíxome empatizar co prota dende o primeiro intre.

    Noraboa aos dous polos relatos, gustáronme moito.

  11. “O pescador paciente”, un relato moi divertido. A min cádrame mellor en Ortigueira, alí os punkis van moi entripados de dios. Un ano vin un que se cría un esquío, por desgraza a árbora na que subiu non creu na súa palabra. Este xesucristo new age está moi ben definido, igual o seu fraseo podía ser máis curto, para darlle algo de axilidade, pero así tamén está ben. O final… eu metería un mcguffin… porque o ouro non me leva a ningures.

    “De feismos e regresos”, un relato que me da en terreo coñecido. Creo que ten que atoparse a si mesmo aínda, como di César, penso que non lle vai ben a primeira persoa. A personalidade da moitos saltos. A nai laranxa é xenial. O feismo abordado, ten o seu toque. O final gustoume moito.

    Decisión difícil. Creo que me vou decantar polo final de “Feismos…” e por iso leva o meu VOTO.

  12. Encantoume o Pescador paciente!!!!!!! Así que a verdade e que o meu voto, case dende o primeiro instante vai para él. Gustame a linguaxe, as personaxes, o ambiente . Unha das cousas dende o meu punto de vista mais difícil de escribir son os bos diálogos, e este o consegue dende as primerias frases. NORABOA!!!,
    En relación con Feismos e regresos, a verdade e que tamen me gustou moito, ten algún punto moi I interesante que me fijo rir….zona chill- out retrolabrega parecerme genial. Noraboa TAMEN!

  13. «De feísmos e regresos»
    O feísmo na ficción resúltame moi suxestivo. O ton do protagonista a min cásame ben co relato. Coido que o fillo se transformou nun urbanita e debeu pasar moito tempo des que deixou o fogar familiar; esa distancia dobre posibilita que vexa con outros ollos a realidade cotiá naquel lugar. Creo que fai un retrato psicolóxico moi interesante do protagonista e da deriva da súa vida «vía o meu reflexo na auga emporcada da bañeira. Estancado. E noxento». Pareceume atrevido e ben resolto. Certo que como di Lois podía falar bastante antes do desafiuzamento e iso podía facer que o ton funcionase mellor (o do embarazo é un engadido que pode manter perfectamente o seu sitio no texto).

    Tampouco entendo o uso que se fai dos puntos suspensivos.

    «O pescador paciente»
    Agás o da pebida de ouro, que pega pouco no relato, é un texto sólido e divertido. Traza ben a atmosfera surrealista, sabe guiar a acción, utiliza unha linguaxe axeitada e as parábolas de Xesucristo (neste Resu levado á literalidade) coido que encaixan ben: son máis de pseudopoeta tuiteiro ca bíblicas; hai que adaptarse aos tempos.

    Aquí «—E non había outro lugar onde buscar por el? —chanteille. Dígoo porque…» tense que fechar o inciso con outro trazo longo despois de «chanteille» e antes do punto, porque o diálogo continúa após o inciso.

    Parécenme dous bos relatos, «O pescador paciente» está algo mellor executado pero «De feísmos e regresos» paréceme unha proposta máis afouta e con máis fondo. Quedo con este último por unha marxe estreita.

  14. O meu voto vai para ‘De feísmo e regresos’, gustoume moito a historia e como incorpora a ambientación tan terrible e común en calquera aldea de somieres e demáis obxectos como elementos de contrucción. Creo que chega moi ben o que se busca narrar. A mín cómprame.

    ‘O pescador paciente’ está ben redactado, os diálogos fan que o relato sexa ameno e mantén a dúbida do que está a facer o rapaz na bañeira ata o final, pero gustoume menos que o outro.

  15. A verdade é que me gustaron ambos. “O pescador paciente” xenera unha serie de conversas atractivas. Sen embargo, non me chama mais pola historia.

    “De feísmo e regresos” está moi ben feito. Feitiño, diría. Gústame ese xeito de conxelar o tempo nalgunhas frases.

    O meu voto vai para “De feísmo e regresos”.

    1. canto empate! E isto non é nada, que se decide cun voto, o malo vai ser se hai empates na clasificacion final dalgun grupo. Haberá que facer truelos de desempate?

  16. Boas! Entro tamén aquí a petición de César para romper o empate entre dous relatos que percorren rueiros completamente distintos, tanto polo continente como polo contido.

    A ‘O pescador paciente’ mátao, como xa lin por aí arriba, o exceso de verborrea zen na boca do paisano. Teño para min que non é que sobren unha ou dúas sentenzas, é que a cousa tería rematado moito mellor coa colegada toda a rir del sen el se inmutar nin abrir a boca. En canto ao mcguffin, nada que lle obxectar: o que me renxe, xa digo, vén de atrás.

    ‘De feísmos e regresos’ aposta a cabalo gañador ao evocar a dignidade do perdedor. Si pode haber certo desaxuste entre o narrador e a voz escollidos tal e como apuntan por aí arriba, pero tamén é certo que este só se manifesta nun par de frases. Penso que se quen o asina apostase por certo grao de resentimento ou frustración á vista dos obxectos que describe, no canto de xulgalos esteticamente dende unha óptica progre, o relato tería quedado moito máis redondo. Así e todo, penso que funciona mellor que o anterior e por iso leva o meu voto. Parabéns aí.

  17. Pois parabéns a Natalia pola victoria e avisar a Pablo que a próxima vez que nos vexamos vai pagar el os cafés 😉.
    A verdade, eu estou satisfeito do meu pescador paciente. Buscaba facer un relato de humor centrado nos diálogos e penso que é o que hai no texto. Como di Diego, o humor é algo moi persoal, así que foi un risco que non tivo éxito. Mais non me arrepinto.
    Con respecto á pebida de ouro, que vexo non gustou. O sentido dela no relato é que, pese á suposta espiritualidade do meu Xesucristo de Galleta de la fortuna (iso era exactamente o que quería do personaxe), á hora de facer miragres, o que lle importa son os cartos, o vil metal. A vida real na igrexa católica.

    Unha última cousa. Como queda o grupo? Hai triple empate?

  18. Daniel, teño que decirche que xoguei un pouco “sucio”. Como vin que con Amador tiraches de un partido de fútbol con equipo gañador anunciado, pois eu tirei do único caso que conozo, que é o famoso Centenariazo do Madrid-Deportivo. De aí os únicos nomes que aparecen no relato, que son Maura, a filla do protagonista (por Mauro Silva), e a muller Diega (por Diego Tristán). Agora que o sabes, creo que terei que matarte… jajaja. No, agora en serio. Parabéns por ese relatazo, que xa ves que foi por un pelo de bigote de gato que non gañou. A sorte do principiante, supoño.

    Moitísimas grazas a todas e todos. En especial a Pablo por esa última onza que pendurou a báscula do meu lado, por moi moi pouco. Xa sabedes que teño moito en conta todo o que dicides para aplicalo en próximas ocasións.

    O tema vai ser agora competir con eses dous monstros, que vai ser máis perigoso que ir chupando pomos de portas en este momento jajaja.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *