BiosBardia

O país dos libros en galego

De Geoffrey Chaucer a Marilar Aleixandre. Dez libros para novembro do 2025

Marilar Aleixandre.

César Lorenzo Gil.

Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.

O parlamento dos paxaros / O libro da duquesa, de Geoffrey Chaucer. Tradución de Jorge L. Bueno Alonso. Rinoceronte

Estes dous libros de versos, que agora aparecen nun só volume, quizais non son tan famosos coma os Contos de Canterbury, mais recollen unha das esencias do autor inglés: O dominio da tradición literaria e unha sobrada habelencia para modelar a lingua do seu tempo, non en van está considerado un dos grandes fixadores da “lingua do común” no século XIV europeo, canda Petrarca ou Dante, por exemplo. Poesía alegórica, amorosa, mais co ton humorístico tan propio do escritor.

Brevísima historia do conflito entre Israel e Palestina, de Ilan Pappé. Tradución de Carlos Aymerich. Galaxia

Sempre é unha boa noticia que aparezan libros de interpretación xornalística en galego, sempre carente de libros de non ficción, máis aínda cuxa temática non se centra en aspectos necesariamente focados en Galicia. Pappé (Haifa, 1954) é un politicólogo experto na historia de Palestina. Neste libro, cun ton divulgativo e directo, narra as chaves da evolución dun conflito entre israelís e palestinos que se remontan a finais do século XIX. Conceptos como sionismo, ocupación, Nakba ou Intifada son explicados para esclarecer moitas falacias e malos entendidos.

Xibraltaria. Un Cadillac en Xibraltar, de Nacho Taibo. Morgante

Nacho Taibo é quizais o noso narrador máis pynchoniano: Interese pola representación da historia (contrafactos, figuras reais convertidas en personaxes de ficción, cultivo do detalle á sombra dos grandes acontecementos…), recreación de xéneros populares (novela policial, novela de espías, novela de conspiracións…) e ironía, moita ironía. Neste caso, viaxamos ao final da II República, a un circo, para contarnos un período de tempo habitual na nosa literatura, mais nunca cun enfoque tan fantasioso e subterráneo.

Véndoche un poema, de Fran Alonso. Xerais

A conexión entre poesía e publicidade é un tema moi atractivo, tratado de xeito tanxencial en libros como 13,99, de Frédéric Beigbeder ou series como Mad Men. Nesta ocasión, Fran Alonso presenta un libro moi orixinal pola súa composición, que xungue recursos da poesía visual e das vangardas artísticas para propor unha revisión literaria das mensaxes que se usan habitualmente para convencer a alguén de que compre/consuma un determinado produto. E todo impreso en papel couché.

As tolas que non o eran, de Carmen V. Valiña. Galaxia

Este breve ensaio divulgativo está a ser unha das revelacións comerciais da tempada (esgotouse nas librarías no verán). O seu subtítulo: “Mulleres no manicomio de Conxo. 1885-1936” é dabondo elocuente. O seu estilo, máis narrativo ca analítico, e o gusto polos detalles e os testemuños directos fan da súa lectura unha porta excelente para descubrir un dos episodios de terror da historia recente do noso país e consolida a atención dos estudos históricos actuais ao uso dos manicomios como instrumentos de represión.

Atravesar o don, de Fran Fernández Davila. Caldeirón

Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas 2024. Pouco erotismo hai neste libro, máis alá do recurso ao tema amoroso como taboleiro de xogo no que o autor pon a traballar as súas mellores cartas: Equívocos semánticos, linguaxe científica, diálogo entre conceptos abstractos e cultura popular, explotación gráfica do texto (cesuras, , guións…) e intertextualidade, principalmente coa poesía galega contemporánea. Todo cun pouso lúdico e distanciado que afianza o efecto de ficción e artificio de toda a obra.

Contos do Valadouro, de Xesús Pisón, Manuel Lourenzo e Isaac Ferreira. Embora

Auténtica enciclopedia popular da comarca da Mariña Central, a primeira edición apareceu no 1998 e esta que se publica agora xa é a cuarta. 352 textos de diferente tamaño, tratados como “contos”, mais que recollen multitude de aspectos relativos á antropoloxía, etnografía, lingüística, socioloxía… Unha obra singular, froito da colaboración entre tres autores de Ferreira do Valadouro que gañaron coa súa traxectoria, especialmente no ámbito teatral, un lugar destacado na nosa historia recente.

Pílulas azuis, de Frederik Peeters. Tradución de Estela Villar Nogueira. Rinoceronte

Rinoceronte é, hoxe por hoxe, a editorial máis ocupada en actualizar a biblioteca galega de novela gráfica internacional contemporánea. Unha das últimas en chegar é esta obra do suízo Frederik Peeters, considerada autobiográfica e que resume moi ben o seu xeito de entender o cómic. Á parte dun guión cheo de delicadeza e humor, a obra destaca polo absoluto dominio das técnicas narrativas da banda deseñada e da posta en escena.

Askja, de Antonio M. Fraga. Xerais

Esta novela gañou o Premio Pinto e Maragota pola Liberdade Sexual e de Xénero 2024, que convoca o Concello de Pontevedra. Unha historia de amor ben escrita, baseada en personaxes complexos, unha trama moi ben estruturada e unha ambientación realista e evocadora que lle dan á novela un aire clásico. Todo iso compensa certa sobreadxectivación e certo abuso dos diálogos intranscendentes.

As bocas cosidas, de Marilar Aleixandre. Galaxia

Que a Guerra do 36 é un fenómeno sen correspondencia posible con calquera outro conflito da historia de Galicia, e de España, xa hoxe non ten discusión na historiografía. Primeiro polo grao extremo de violencia co que se desenvolveu e despois pola súa coincidencia coa época de maior acceso á cultura escrita por parte da sociedade que a sufriu. Esta novela, que pescuda coas ferramentas da autoficción, no pasado de segredos, silencios e cicatrices da propia familia da autora, é reveladora de que noventa anos despois, esa ferida aínda deita.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *