BiosBardia

O país dos libros en galego

De Inma López Silva a Dario Fo. Dez libros para xuño do 2023

Inma López Silva.

César Lorenzo Gil.

Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.

Escola de mulleres, de Inma López Silva. Galaxia

O Feito é a morte temperá da filla da narradora principal desta novela, Gloria, e ao redor del vaise configurando unha especie de xogo pola supervivencia na que a protagonista serve como toma de terra de moitos dos debates que se formulan hoxe en día sobre “o que é/o que debe ser unha muller”. Longa novela (máis de 400 páxinas) na que Inma López Silva deita varios dos temas que lle son queridos desde sempre: os feminismos, a literatura, a historia das mulleres, as vivencias do funcionariado… A autora compostelá domina con soltura a narración aínda que os exotismos da trama e do enfoque fan que perda consistencia.

Brinde e desespero, de Miguel Sande. Xerais

Este libro gañou o Premio Johán Carballeira de Poesía no 2022, que outorga o Concello de Bueu. É un conxunto de poemas en prosa moi ben traballado que explora a cotidianidade cunha mirada literaria, que se desprende do accesorio na percepción para centrar todas as enerxías no esencial do que se observa e, finalmente, se narra. Unha proposta a contracorrente do que se publica en poesía en Galicia que confirma a Sande como un todoterreo.

A incrible viaxe das plantas, de Stefano Mancuso. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte

Ensaio divulgativo do director do Laboratorio Internacional de Neurobioloxía Vexetal ao redor dos mitos, tópicos e lendas sobre as plantas. Este é un libro ideal para todos os públicos que queiran saber máis, dun xeito ameno e rigoroso, sobre uns seres vivos omnipresentes, pero moitas veces esquecidos, quer por silenciosos, quer por abundantes. A través de pequenas historias que conectan cos nosos universos cotiáns, Mancuso propón un libro cheo de información, deses que quedan a revoar na nosa cabeza moito tempo despois de rematados.

Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro. Xerais

Reedición da obra de teatro que xa publicara o autor compostelán no 1997. Subtitulada “Unha comedia de medo”, esta obra aproveita o xénero clásico do enredo criminal e cómico para facer unha crítica social sobre a cobiza, a ignorancia e o desexo de éxito a calquera prezo. Malia os anos pasados, moitos dos elementos cos que De Toro xoga para burlarse do mundo actual permanecen (fálase do ‘Luar’, da TVG) ou están entre nós bastante máis avanzados.

A beleza debe morrer, de Mercedes Corbillón. Tradución da autora. Galaxia

Debuta na novela a libreira e comentarista literaria Mercedes Corbillón. Galaxia publica en galego a versión desta obra que explora o namoramento. Tomando como estratexia narrativa unha primeira persoa case epistolar, a narradora vai enfiando os vimbios da súa lembranza dunha paixón desatada cos elementos que forman parte da súa formación intelectual e sentimental. Cunha estrutura fragmentaria e poética, Corbillón alcanza a culminar un retrato ben acaído da atracción sexual e amorosa na vida madura, aínda que por momentos o xogo de espellos entre a experiencia e a reflexión pode resultar repetitiva.

A curva da pantasma, de Fran Alonso. Xerais

Fran Alonso reinterpreta algunhas das lendas urbanas máis famosas en todo o mundo mediante relatos que, xustamente, buscan unha idea de precisión, de localización completa e extrema, que posibiliten que o lector crea no que se conta. Historias moi curtas e ben contadas para buscar a sorpresa e o arrepío do lector. Publicado na colección ‘Fóra de xogo’, a busca do público xuvenil xustifica o uso dunha linguaxe aparentemente moderna, con moitos xiros e frases feitas que se supoñen usuais entre os novos. A maioría dos xiros empregados xa se consideraban “novidades lingüísticas” na década do 1990.

Manuel de Castro, Handicap. Crónica dunha paixón, de Adrián Estévez Iglesias. Galaxia

Este título inaugura a colección ‘O noso deporte’ de Galaxia e supón a principal contribución da editorial á celebración do centenario do RC Celta, club do que Handicap foi un dos fundadores. O libro, a pesar dunha maqueta ríspeta e unha estrutura algo caótica, enche un oco inexplicable e axudará a fortalecer a memoria ao redor dun dos persoeiros máis interesantes do primeiro terzo do século XX galego. A historia do deporte segue a ser un xénero pouco atendido na bibliografía galega.

Cartas, de Alcifrón. Tradución de Ana Gloria Rodríguez Alonso. Rinoceronte

Un novo título para a colección ‘Vétera’ que nos achega un universo tan afastado que parece mentira que poidamos atopar elos que o conecten co noso moderno mundo noso. Tal e como explica na introdución Ana Gloria Rodríguez Alonso, estas “cartas” son en realidade unha sorte de ficción literaria que narra a vida cotiá do século IV a. c., pero que seguramente o seu autor, do que non se sabe moito, compuxo séculos despois. Son moi interesantes os relatos que se centran nas preocupacións do día a día; nas súas penas, pero tamén nas súas celebracións.

A parte fácil, de Ismael Ramos. Xerais

Primeiro libro de relatos do escritor de Mazaricos. Oito contos de corte realista e atmosfera cotiá que poderiamos considerar máis exercicios de estilo que outra cousa. Aos 29 anos, e logo dunha traxectoria como poeta brillante en todos os sentidos, Ramos volve á casa de saída con esta obra. O mellor do libro é o pouso da mirada sobre o que describe e certa contención. O peor son os diálogos e certa incapacidade para conseguir un clima.

Morte accidental dun anarquista, de Dario Fo. Tradución de María Alonso Seisdedos. Galaxia

Unha das obras máis famosas do dramaturgo italiano, Premio Nobel de Literatura no 1997. Cumio da literatura política e da sátira. A obra, representada por primeira vez no 1970, concibiuse na convulsa Italia do terrorismo de ultraesquerda e dos abusos do Estado. Fo parte do caso real da morte do anarquista Giuseppe Pinelli no 1969 na xefatura de Policía de Milán para descompoñer as incógnitas e incertezas do seu tempo. Unha obra moi divertida e moi elocuente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *