De Irene Solà a Aníbal Malvar. Dez libros para xaneiro do 2024
César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
Deiche ollos e miraches as tebras, de Irene Solà. Tradución de María Alonso Seisdedos. Kalandraka
Coa súa terceira novela, a moi nova autora catalá consolídase como unha das voces máis orixinais e potentes da narrativa actual. Os vimbios da súa literatura son a capacidade de actualizar o folclore, a superación dos límites do realismo e a prosa poética. Personaxes femininas que viven nunha masía inesquecible, fóra do tempo, en conflito cun mundo que non comprende xa a forma tradicional de relacionamento coa natureza.
O corazón dos paxaros, de Xerardo Quintiá. Ilustracións de Nuria Díaz. Xerais
Bonito álbum ilustrado moi ben debuxado por unha das grandes ilustradoras da actualidade. A historia é sinxela e maniquea: o protagonista, un ecoloxista amante das aves chamado Crisantemo, ten que enfrontarse a unha camarilla de cazadores, malísimos sen matices, liderados polo propio alcalde, que percorren os bosques co seu Land Rover para matar paxaros.
Sentinelas da lúa carmesí, de Andrés Castro, Ozo Perozo e Alexandre Senande. Galaxia
Primeira parte dunha serie de cómic de fantasía xuvenil que se inspira nas tradicións prehistóricas e medievais para propoñer unha historia de aventuras. Todo comeza coa chegada de Lara a unha vila mariñeira onde, á parte de lidar cunha mudanza, terá que afacerse aos seus poderes esotéricos. Os autores, tres debutantes no xénero, conseguen crear unha historia moi completa e con ecos familiares do xénero. Na segunda impresión sería necesaria unha revisión ortotipográfica máis profunda.
A vinganza do wombat, de Kenneth Cook. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte
Terceiro libro do australiano que publica Rinoceronte. O estilo deste título é marca da casa: escenas aparentemente cotiás, pero bastante excéntricas; personaxes que sempre andan sedentos ou mal de cartos e humor, moito humor. Historias curtas que nos permiten albiscar un universo literario, común a toda a obra de Cook, onde o poder da natureza aparece incólume e onde están aínda moi presentes os excesos dunha rápida e pouco escrupulosa colonización.
Luceiro da mañá, de Ada Negri. Tradución de Isabel Soto. Hugin e Munin
Ada Negri foi unha controvertida escritora italiana, das intelectuais que abrazaron o fascismo de Mussolini, até o punto de se converter na primeira muller en ingresar na Academia Italiana no 1940. Mais nesta novela, publicada dous anos antes da chegada do ditador ao poder, aínda vemos a Negri interesada en deixar testemuño da súa propia vida a través da literatura. Novela de inspiración autobiográfica que segue os pasos de Dinin desde a infancia e a relación coa súa nai e avoa. Unha novela escrita con pulso firme e técnicas moi modernas que se desfruta máis dun século despois da súa aparición. Esta edición anotada axuda a contextualizar a época que se relata.
Perder (2016-2021), de Roberto Salgueiro. Galaxia
Este volume recolle a produción literaria do veterano dramaturgo durante un lustro concreto. Ademais dun prólogo e un epílogo onde reflexiona sobre a súa propia arte, o título recolle as obras teatrais “Cousas que trouxo a chuvia”, “Pasar por Nida”, “A muller que tiña medo e marchou vivir ao Carrefour”, “En inverno non vai tempo para ir á praia pero ti insistiches en ir e facer un pícnic” e mais “A túa boca e a miña”. Cada texto é diferente, pero en todos se pode percibir o interese do escritor pola experimentación coa linguaxe e a relación escénica. Personaxes, principalmente femininas, que utilizan o teatro para expresar o talvez inexpresable, o que habitualmente queda fóra dos discursos.
Os suicidantes, de Diego Ameixeiras e Tomás Guerrero. Xerais.
Diego Ameixeiras firma o seu primeiro cómic canda o veterano debuxante Tomás Guerrero. Visión negra e distópica dunha Compostela futura, sucia e medio abandonada, onde un grupo clandestino mata por encarga. Asolados pola Gran Dor, os habitantes da cidade queren morrer. Pero como o suicidio se pena co ostracismo de todos os familiares do finado, son os propios desesperados os que contratan esta caste de asasinos. Mais a súa natureza antisistema está a piques de cambiar cando o propio sistema se aproveite dos suicidantes en beneficio propio.
Corpos. As outras vidas do cadáver, de Erica Couto-Ferreira. Tradución da autora. Kalandraka
Ensaio divulgativo, moi ben escrito e cheo de información sobre a presenza material logo da morte. A historiadora de Pazos de Borbén profunda en diferentes aspectos da tanatopraxia, é dicir, a ciencia e a arte de manexar cadáveres. Primeiro deseña unha breve historia desta disciplina, que é común a todas as culturas e que foi creando durante séculos un complexo manual. Tamén analiza Couto-Ferreira os mecanismos de tortura, o ritual da execución, a figura do verdugo, a historia dos vampiros ou a busca da fórmula para converter os cadáveres en pedra e así facelos imperecedoiros
Happy end, de Mario Caneiro. Barbantesa
Cuarta novela do autor naronés. Cun estilo clásico baseado na atención meticulosa ás accións e pensamentos dos seus personaxes, Caneiro constrúe un universo literario realista polo que desfilan vidas aparentemente cotiás que van levedando nun ambiente por veces frío e inhumano, por veces acolledor. A novela brilla especialmente no testemuño das contradicións e na captura do sorprendente que reside no ordinario.
Un home que xaceu aquí, de Aníbal Malvar. Galaxia
Non é moi habitual na edición galega recuperar libros descatalogados para darlles unha segunda ou terceira vida. O peso das novidades e a dificultade para impulsar relecturas de determinadas obras que foron influentes no seu momento pode explicar esta ausencia. Por iso é tan boa noticia que Galaxia rescate esta obra narrativa do escritor coruñés, xusto trinta anos despois da súa primeira publicación. Unha novela que foi gañando co tempo, que debera ser ensino para novelistas populares pola capacidade de retratar o seu tempo cunha prosa que é áxil e accesible sen renunciar á sofisticación.