BiosBardia

O país dos libros en galego

De Jack London a Medos Romero. Dez libros para abril do 2025

Medos Romero. BIBLIOTECAS MUNICIPAIS DA CORUÑA

César Lorenzo Gil.

Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.

Asasinatos, S. L., de Jack London. Tradución de Iago Nicolás Ballesteros. Hugin e Munin

O escritor estadounidense pasou á historia especialmente por media ducia de obras canónicas, pero a súa factoría é ampla e chea de pequenos tesouros. Proba desa riqueza é este título, que malia non ser tan famoso coma outros, mantén incólume o seu interese para os lectores de hoxe. Novela de misterio e moito humor que parte dunha premisa moi atractiva: Unha axencia que ofrece servizos de asasinato, mais só para eliminar individuos cunha conduta nociva para a sociedade. Mais que ocorre cando o xusticieiro acaba axustizado?

Cereixas roubadas, de Comadres das Letras. Alvarellos

Co gallo de homenaxear a Luísa Villalta, autora que protagonizou o Día das Letras 2024, este colectivo literario publica textos poéticos e narrativos de Carmen Villar Alonso, Isabel Cribeiro, Chus Prol, Xulia Crego, M. C. García, Eva Teixeiro, Nela Valado, Marisa de Corme, Ana Barja, María Álvarez Landesa, Marta Abal Vaquero, Flora Miranda e Marga C. Castro.

Anos 80. Movida. Atlantismo. Vangardismo. Underground, de Fernando Fernández Rego. Galaxia

Libro de gran formato, con moitas fotografías e documentos históricos, que fai un percorrido por un dos momentos máis vizosos e soados da música feita en Galicia. Durante a década do 1980, A Coruña e, especialmente, Vigo, foron capitais de moitas novidades artísticas que captaron a atención dos medios de comunicación e o público. Nas páxinas desta obra desfilan nomes tan icónicos coma Siniestro Total, Radio Océano, Viuda Gómez e Hijos ou Os Resentidos, entre outros moitos grupos e músicos.

O raposo na fronde, de Eva Moreda. Morgante

A literatura de Eva Moreda é das máis modernas das que se publican en lingua galega. A autora da Veiga sabe conxugar un dominio absoluto polos recursos narrativos cun evidente compromiso coa innovación, que non coa experimentación. Neste libro, que se pode ler por xunto ou coma un acio de relatos, expresa moi ben ese xeito de contar. Textos fragmentarios, detallistas, que encaran os temas desde enfoques particulares. A ruptura da hexemonía sobre o que é relevante a través dun xogo de miradas que involucra o lector nunhas historias aparentemente realistas, pero que sempre van máis alá.

Xogar coa pólvora, de Narciso de Gabriel. Galaxia

“A educación das mulleres e as mulleres como educadoras” é o subtítulo desta obra do catedrático de Historia da Educación na Universidade da Coruña. O libro percorre concretamente este tema nos séculos XVIII e XIX. Para iso toma como referentes as opinións ao respecto de persoeiros tales como Bieito Feixoo, Martiño Sarmiento, Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán, entre outros.

Cantos do mar, de Susana Rodríguez Barcia e Bosco Gil de Gárate. Morgante

Este peculiar volume recompila e traduce ao galego as máis famosas celeumas ou cantos do mar que se cantaron nos principais portos do mundo (principalmente en inglés). Cada canción aparece coa súa partitura e é moi interesante a introdución na que se explica a taxonomía dos cantos mariñeiros, a súa historia e a súa relación coa cultura popular, mais tamén libresca.

Filla das ondas, de Fina Casalderrey e Xosé Cobas. Kalandraka

Libro ilustrado para todos os públicos que quere ser unha homenaxe a Pontevedra. A obra é en realidade un conto de Casalderrey que serve como engado para descubrir a xeografía e a historia da cidade do Lérez. Tamén a súa particular mitoloxía. A elegante delicadeza dos debuxos de Cobas casa moi ben coa arte en pedra que caracteriza as rúas da boa vila.

Mouros fóra, de Goran Vojnovic. Tradución de Jairo Dorado Cadilla. Rinoceronte

Esta é a primeira tradución ao galego desde o esloveno. O seu autor revolucionou a literatura do seu país cando publicou esta novela irreverente e “nada literaria” no 2008. Os mouros do título son en realidade os marxinais, os minoritarios, os cefur (termo moi despectivo). O protagonista desta novela, igual ca o autor, é fillo de inmigrantes e enfróntase ás tribulacións de calquera adolescente cunha linguaxe coloquial e moi agresiva. A novela penetra nos ollos e actualiza certa literatura de combate moi atractiva para adolescentes e non só.

O clan das Barbies, de Antía Yáñez. Xerais

A nova novela dunha das autoras con máis éxito de público lévanos a un futuro distópico onde hai unha moi baixa taxa de natalidade. A ambientación futurista é un mcguffin que capta a atención do lector para unha reflexión sobre temas moi presentes, tales como os ventres de aluguer, a crise climática, o racismo… Unha obra que fará as delicias dos seguidores da autora burelá: Linguaxe coloquial, narración rápida, apego ás personaxes e atención a temas candentes.

As flores do baleiro, de Medos Romero. Galaxia

Coa firmeza formal e a elegancia expresiva habituais nas obras da escritora das Pontes, este novo libro toma o trauma da pandemia do 2020 como escenario para unha reflexión sobre o dó. A enfermidade e a morte percorren as páxinas do libro nun pacto entre o necesario artificio da literatura e unha procura da autenticidade que brilla en moitos dos seus versos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *