De Joan Didion a Helena Villar Janeiro. Dez libros para decembro do 2022
César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
O ano do pensamento máxico, de Joan Didion. Tradución de Eva Almazán. Rinoceronte
Joan Didion converteuse nos últimos anos nunha das autoras máis reivindicadas da literatura contemporánea estadounidense. Agora por fin ve a luz un dos seus libros en galego. Con técnicas próximas á autoficción, mais tamén do xornalismo, a autora californiana narra un dos momentos máis difíciles da súa vida: a grave enfermidade da súa filla Quintana e a morte do seu marido John Gregory Dunne. Este exercicio de dó e distanciamento, que se publicou orixinalmente no 2005, permite comprobar como Didion foi pioneira en introducir determinadas técnicas e ferramentas moi habituais na narrativa actual.
Espíderman, de Lúa Mosquetera. Galaxia
Con grande influencia da lingua oral, a poeta de Miño debuxa nestre brevísimo —e precariamente editado— libro un estado de ánimo. Non destaca pola brillantez das súas imaxes nin polo dominio da linguaxe, pero como ocorre con outras autoras galegas actuais, ten un alto sentido do ritmo e consegue extraer beleza do cotián. Tamén é interesante como conecta diferentes ámbitos para compoñer unha homenaxe á memoria. O formato no que aparece este libro provoca a sensación talvez contraditoria de que mantén a salvo o carácter entre efémero e improvisado dos poemas, pero que por esa fasquía de panfleto, parecera que a súa lembranza está destinada a desaparecer da nosa mente máis rápido do que merece.
Mulleres imprescindibles. Educadoras na vangarda do século XX, de varios autores. Tradución de Isabel Soto. Kalandraka
Este novo título da Biblioteca Pedagóxica que dirixe Antón Costa recompila as biografías de Rosa Sensat i Vilà, María Barbeito Cerviño, María de Maeztu, María Luisa Navarro, María Sánchez Arbós, Justa Freire, Elbira Zipitria, Marta Mata i Garriga e Carme Miquel i Diego, nove nomes fundamentais para entender a evolución da pedagoxía no contexto ibérico. Cada biografía está escrito por un autor distinto e busca, pola súa brevidade, atender os elementos esenciais do seu corpus teórico e práctico aplicado ao ensino. É unha obra moi interesante non só para afeccionados á historia da Educación, senón para o público en xeral, porque todas son figuras pouco coñecidas, pero moi valiosas na configuración dun ensino máis inclusivo e democrático.
Maternidades virtuosas. Unha crítica aos modelos profesionais de crianza, de María do Cebreiro Rábade Villar. Galaxia
A autora gañou o Premio Ramón Piñeiro de ensaio 2021 con este valente e novidoso libro que repara nun dos temas fundamentais da nosa época: a maternidade. Rábade Villar escolle unha visión multidisciplinar para intentar entender como o cambio social en Galicia provocou tamén unha mudanza profunda no xeito de criar os fillos. Mais a súa obra non se conforma coa análise, senón que propón un sistema que consiga superar na relación entre proxenitores e menores as coordenadas ríxidas do capitalismo. Un libro que combina o rigor coa divulgación e que prestixia o certame que o premiou e consolida a escritora como unha das investigadoras máis versátiles e innovadoras.
O solteirón, de Adalbert Stifter. Tradución de Rosa Marta Gómez Pato. Hugin e Munin
Clásico da literatura alemá feita en Austria-Hungría no século XIX. É unha novela curta, mais substanciosa, que contén en si moitas das calidades da literatura centroeuropea decimonónica. A súa trama e ensino final seguramente ficaron obsoletos, pero en Stifter, o realmente interesante, é a maneira que ten para contar as cousas. Unha prosa segura, por veces vizosa, por veces bucólica, que consegue transmitir con gran facilidade sensacións e momentos. Esta pequena obra é ideal para perderse na evocación dos tempos idos da man dun autor moi orixinal.
Outono aquí, de Mario Regueira. Menino Morreu
O selo Menino Morreu recupera esta novela que gañou no 2011 o Premio Lueiro Rey de Novela Curta. Esta obra merece estar de novo nos andeis das librarías porque consegue un elegante equilibrio entre a novela xuvenil, a novela iniciática e a novela de personaxes. Regueira amosa, ademais, un temperán dominio de técnicas complicadas como o monólogo, combinando con moito xeito o ton lírico e o xénero popular, con moitos diálogos.
A ponte sobre o Drina, de Ivo Andric. Tradución de Jairo Dorado Cadilla. Rinoceronte
Nova edición dunha das grandes obras mestras da literatura universal. Rinoceronte actualiza a edición dunha das obras que foron buque insignia da editorial na súa primeira fase de existencia. Andric, que foi Premio Nobel no 1961, compuxo nesta magna novela unha das máis interesantes viaxes literarias a través da construción (violenta, excesiva, ambiciosa) de Europa. Unha ponte, un río, unha vila, que son testemuñas e testemuño dese cambio. Quen le esta delicia non pode esquecela máis.
O mundo e outras vésperas. Colaboracións en El Pueblo Gallego (1932-1936), de Álvaro Cunqueiro. Galaxia
Armando Requeixo foi o encargado de editar esta recompilación de textos que Galaxia suma á fenomenal Biblioteca Álvaro Cunqueiro. Desta volta é a quenda da produción que o mindoniense publicou nun dos xornais máis importantes da Galicia republicana no tempo no que o mozo Cunqueiro (nacera no 1911) militaba activamente nos eidos culturais e políticos do galeguismo. Nestes artigos xornalísticos de mocidade xa hai moito do Cunqueiro que se consolidaría (baixo outro eixo político) nas décadas do 1950 e 1960. O profundo coñecemento do acervo cultural, non só galaico, senón occidental; a capacidade de contar a “mentira como verdade e a verdade como mentira”, a atención aos creadores galegos do momento. É importante subliñar que o último artigo escolmado publicouse o 8 de xullo do 1936, dez días antes do golpe de Estado. O seu perfil patriótico galego contrasta coa camisa azul falanxista que o escritor debeu vestir unha vez triunfaron os militares.
Historia de dous amantes, de Enea Silvio Piccolomini. Tradución de Alfonso Blanco. Rinoceronte
No encomiable labor de tradución ao galego das principais obras narrativas da Idade Media que fai a colección ‘Vétera’, suma un chanzo máis a publicación desta curiosidade do século XV italiano, composta polo que anos despois de escribila sería papa co nome de Pío II. Esta noveliña débelles moito a obras previas, caso dos traballos de Giovanni Bocaccio e Geoffrey Chaucer. Que o tempo tanscorrido desde que esta obra foi escrita nin o perfil solemne do seu autor afasten o lector desta bocada gorentosa de literatura lixeira e mol sobre os amores prohibidos de dous mozos nunha Siena real, pero inventada
De rosa antiga, de Helena Villar Janeiro. Galaxia
Este libro comemora o 50.º aniversario da escritora de Becerreá como autora de poesía. Comeza, no entanto, cun inédito: “Locus Amoenus”, escrito en prosa poética, que precede neste volume aos poemas pertencentes ao primeiro libro de poemas de Villar Janeiro, Alalás, publicado en castelán no 1972. Esta proximidade favorece que o lector comprobe a evolución da autora nun só golpe de vista. Esta antoloxía serve para comprobar a diversidade da obra da autora, o seu gusto pola innovación e a experimentación, e o seu compromiso a longo prazo cun xénero literario esixente do que Villar Janeiro fixo uso sempre como alumna avantaxada, sempre pudorosa de se ofrecer como mestra.