BiosBardia

O país dos libros en galego

De John Cheever a María Xosé Queizán. Dez libros para outubro do 2024

María Xosé Queizán.

César Lorenzo Gil.

Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.

O nadador, de John Cheever. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte

Por primeira vez en galego publícase unha obra dun dos escritores estadounidenses máis influentes do século XX. Aínda que tamén escribiu novelas, hoxe en día o que máis se valora del son os seus relatos. Nesta tradución recóllense dezaseis que antes de formar parte dun libro no 1964 foran aparecendo na revista The New Yorker entre o 1952 e 1964. Quizais o máis famoso sexa o que lle dá título ao libro, orixe dunha película de Frank Perry protagonizada por Burt Lancaster. A profundidade da súa ollada sobre o tempo no que viviu, o gusto polos detalles e un formidable equilibrio entre o cotián e o solemne fan dos relatos deste libro unha gran noticia para unha literatura coma a galega, construída en gran medida, sobre o relato curto.

Ubasute, de Paula Carballeira. Galaxia

Ubasute é o termo xaponés que significa literalmente ‘abandono dunha anciá’, e que se refire ao presunto costume de deixar nunha montaña, ou nun lugar afastado, un parente vello ou enfermo”. Así define a autora desta obra teatral o título e, asemade, o contido do texto. Ao redor da idea de abandono, e sempre cun pé fixo na expresión poética, os personaxes enuncian o medo ao final, á soidade. A culpa, a nostalxia, o egoísmo… son temas que aparecen neste volume, moi evocador e impactante en moitos momentos.

A teta sobre o sol, de Olga Novo. Xerais

Neste libro están os grandes temas da escritora montefortina, tratados cun estilo que lles será recoñecible aos que sigan a traxectoria da escritora. Novo ten un absoluto dominio do ritmo lírico e sabe equilibrar coma case ninguén en lingua galega a épica da palabra coa creación de novas imaxes mediante asociacións de aparencia naturalista, mais sucadas polo onírico, o ideal e o solemne. Recoméndase lelo en voz alta.

Doutor Zhivago, de Borís Pasternak. Tradución de Aleksandr Dziuba. Galaxia

Novo volume da colección ‘Literaria Universal’ de Galaxia. Un gran clásico do século XX do autor ruso que gañou o Nobel no 1958. Máis alá das cuestións extraliterarias que rodearon a súa publicación e recoñecemento, en plena guerra Fría, esta novela é un magno fresco sobre a creación da Unión Soviética. Unha obra con resonancias bíblicas, ambiciosa na forma e na trama, cunha morea de personaxes e 720 páxinas que cómpre ler para ampliar a imaxe que sobre o seu mito subsiste grazas ao filme de David Lean.

A vixilia do bosque, de Manuel Álvarez Torneiro. Kalandraka

Libro póstumo do poeta coruñés finado no 2019. Editado por Teresa Seara, quen nos informa de que a data de redacción da obra é o ano 2017. Nesta obra, Torneiro opta por unha literatura filosófica, de observación, de entendemento da propia esencia do humano a través da mecánica da natureza. O poeta aparece na obra como ser que pensa e camiña; ve e anota. Unha elegante maneira de estender o ronsel da poética de Álvarez Torneiro máis alá da súa morte.

As Jermaine, de María Alonso Seisdedos. Galaxia

Primeira novela dunha das tradutoras literarias máis prestixiosas e premiadas de Galicia. A partir dunha fotografía que Ed Vialle lle amosa á autora (a que ilustra a tapa do libro) xorde esta historia de destinos cruzados, cun pé en Galicia, outro nos Países Baixos e outro en Aruba, onde comeza a historia con esa imaxe das catro irmás, as Jermaine, que lle dan título á novela. A obra, contada con diversos rexistros narrativos: epistolar, monólogo… vai pouco e pouco desennobelando os seus misterios e recursos. Con todo, esta é, sobre todo, unha novela de personaxes, sustentada na retranca e unha ollada hedonista sobre a existencia.

Palabras mortas, de Fran Fernández Davila. Medulia

Este libro gañou o Premio de Poesía Manuel López Ardeiro 2023, convocado polo Concello de Negreira. O autor vigués opta desta volta por un estilo áxil, de versos moi apegados ao rexistro lingüístico informal, o que se poderia usar nunha rede social, por exemplo, para tratar o tema da perda da lingua. Xogos de palabras, metáforas pop e moitas referencias explícitas ou veladas aos grandes nomes da poesía galega actual.

A profecía do armadillo, de Zerocalcare. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte

Zerocalcare é un autor de cómics romano de sona mundial grazas a este libro que se suma á colección de banda deseñada da editorial do Morrazo. Unha estrutura moi moderna, especialmente no tratamento do tempo e da composición narrativa, uns personaxes inesquecibles e un sentido do humor subversivo e moi intelixente sustentan esta historia chea de chiscadelas metaliterarias e supostas alusións ao propio universo do autor.

Galiza Mater, raíz anterga, de Henrique Monteagudo. Galaxia

Este libro subtitúlase: “Manuel Rodrigues Lapa na lingua e na cultura galegas”. Conta o autor que o xermolo da obra foi unha conferencia que el deu ao redor das relacións entre Del Riego e Rodrigues Lapa no simposio Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século XX, celebrado en Vilanova de Lourenzá en novembro do 2023. O portugués Manuel Rodrigues Lapa (1897-1989) foi un dos grandes filólogos do seu tempo e un dos máis destacados cultivadores de relacións científicas e de amizade entre ambas beiras do Miño. Neste volume analízase a súa relación con Galicia e o galeguismo, a visión que el tiña da lingua galega, o seu traballo académico coas cantigas de escarnio e maldicir e o seu contributo teórico e práctico ao reintegracionismo.

Metáfora da metáfora, de María Xosé Queizán. Xerais

Neste libro de poemas, a autora viguesa opta por usar a poesía para desarmar certa poesía: a romántica, a erótica, a escrita por homes e dirixida a ou protagonizada por mulleres como obxecto de desexo, admiración ou, sobre todo, amor. Esta deconstrución de certa tradición literaria acométea a escritora valéndose do humor. “Xulieta é o sol / di Romeo / queimado polos raios da paixón. // Xulieta estaba fría”. Ao mesmo tempo tamén hai un canto á sororidade como xeito alternativo de expresión amorosa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *