De Juan Tallón a Christine Nöstlinger. Dez libros para febreiro do 2023

César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
Rewind, de Juan Tallón. Tradución do autor. Kalandraka
Máis de dous anos despois de aparecer en castelán, publícase a versión galega desta novela coral. É, ademais, o retorno do autor de Vilardevós á literatura galega, aínda que sexa mediante unha tradución, logo de varios anos de afastamento da lingua que usara nos seus inicios literarios. Rewind conta unha historia desde todos os seus puntos de vista posibles. Un grupo multinacional de estudantes que vive en Lyon asiste a unha misteriosa explosión e a novela utiliza ese momento como corpo celeste ao redor do que xiran as historias dos personaxes que orbitaban naquel momento naquel lugar. Unha mostra do dominio técnico do escritor.
Vivir e morrer pola causa, de Carlos A. Portomeñe Pérez. Galaxia
Biografía de Xosé Gómez Gaioso, dirixente comunista oriúndo de Maceda de Limia fusilado na Coruña no 1948. Gaioso é un dos grandes nomes da loita antifranquista e a publicación dun libro que resume a súa vida é unha boa noticia para coñecermos mellor o noso pasado recente. Portomeñe percorre a curta existencia (38 anos) de Gaioso desde a infancia en Lavadores (A Rusia Cativa) á guerra no bando republicano en Madrid, logo o exilio americano e a clandestinidade que o devolveu a Galicia, onde foi detido e asasinado. Paga a pena ler tamén o excelente prólogo de Xesús Alonso Montero.
Máis alá!, de Manoel-Antonio e Álvaro Cebreiro. Embora
Reedición dun dos documentos literarios máis importantes da historia de Galicia. O manifesto vangardista por antonomasia das nosas letras, publicado a finais de xuño do 1922, aparece nesta edición nun formato facsímile e acompáñase cunha nutrida aproximación crítica obra de Xosé María Dobarro, Xesús Torres Regueiro e Ernesto Vázquez Souza, quen pescudan nos antecedentes e consecuencias daquel berro que alterou as augas do aínda nacente galeguismo político e cultural. Cen anos despois, e malia todas as distancias (incluída a ortográfica), o texto daqueles dous mozos (Manuel Antonio tiña 22 anos, Cebreiro, 19) segue a escintilar.
Diario do ano da peste, de Daniel Defoe. Tradución de Xesús Fraga. Galaxia
Galaxia continúa recuperando grandes clásicos da literatura universal con grande acerto editorial. Logo do portentoso esforzo de hai anos con aquela biblioteca de clásicos que patrocinara Caixa Galicia, agora aparecen novos títulos indispensables para normalizar a biblioteca de autores galegos. Desta volta, é o relato que Defoe (famoso e ás veces absorbido polo seu Robinson Crusoe) escribiu sobre a epidemia de peste que padeceu Londres entre os anos 1664 e 1666. Malia que o autor inglés viviu aquel surto apenas tiña cinco anos e a súa construción é máis literaria que documental, o que tanto tempo despois de ser escrita, lle dá a esta obra un pouso imperecedoiro.
Os tardeiros, de Anita Brookner. Tradución de Alejandro Tobar. Hugin e Munin
A británica Anita Brookner (1928-2016) é unha desas autoras con prestixio e boas vendas que pouco e pouco van aparecendo na nosa lingua. Nesta novela, a autora percorre as vidas de Thomas Hartmann e Thomas Fibich, dous nenos alemáns fuxidos do nazismo que medran en Inglaterra, e que lle serven á escritora para compoñer unha novela de espellos e contrastes entre dous personaxes próximos, mais que asumen a existencia e a nostalxia de maneiras moi distintas. Hartmann quere fuxir do seu pasado e construír un presente rodeado de beleza. Fibich non pode vencer a melancolía pola perda. Outro acerto de Hugin e Munin.
Cocaína, de Xabier López. Menino Morreu
Novela curta do veterano autor de Bergondo ao redor de tres personaxes que van coincidir na Asturias de posguerra: un futbolista que ficha pola Sociedad Deportiva Real Oviedo Football Club, un guerrilleiro e un médico. Esta obra é perfecta para seguidores de López, xa que ten todos os ingredientes habituais nos seus libros: coidado na linguaxe, sentido do humor moi sutil e gran capacidade para abrir universos literarios até nos detalles máis nimios.
Pequena Mitoloxía de Galicia, de Xosé Miranda, Antonio Reigosa e Xoán Ramiro Cuba. Ilustracións de Sr. Reny. Xerais
Tridente de luxo na autoría deste breve libro que explica o máis destacado da mitoloxía popular. Mouros, castros, tesouros, damas encantadas, lugares de poder, xigantes, lobishomes… En pouco máis de 150 páxinas aparece un mundo infinito de tradicións e historias que explican primeiro a vizosa imaxinación do pobo e tamén a conexión entre a nosa cultura e as do noso ámbito desde tempos inmemoriais. Introdución ideal ao magnífico Dicionario dos seres míticos galegos, tamén editado por Xerais.
A conta atrás, de Carlos Portela e Sergi San Julián. ECC
Este cómic sobre o Prestige e as súas consecuencias xa tivera unha primeira parte editada hai anos por Kalandraka. Agora aparece a versión integral que inclúe unha segunda parte que nos conta que foi o que ocorreu cos protagonistas da historia. O máis interesante desta meticulosa novela gráfica é o xeito de contala, que vai do presente cara ao pasado cun artificio que á parte de orixinal está moi traballado tanto no guión coma no plano gráfico. A escolla dos protagonistas deita unha instantánea sobre o que supuxo para Galicia a maré negra que non deixa a ninguén en bo lugar e delata as miserias e medos que aboian cando todo un mundo se pon patas arriba.
Pequena historia de Vigo, de Pedro Feijoo e Xosé Tomás. Embora
Libro ilustrado pensado para público infantil que, con recursos de banda deseñada ás veces, debulla os momentos máis importantes da cidade máis poboada de Galicia. O Castro prehistórico, o Vigo romano, os ataques berberiscos, a batalla de Rande, a reconquista ante os franceses, a modernidade… O debuxo clásico e desenfadado de Tomás axuda a percibir ese Vigo pasado e a narración de Feijoo leveda especialmente ben cando trata os períodos máis queridos para el e que forman parte tamén da súa narrativa. Nalgúns momentos, o libro perde o rigor e difunde mitos historiográficos xa superados.
O pensador entra en acción, de Christine Nöstlinger. Tradución de Eva Almazán. Sushi Books
Novo título da colección ‘Detectives en serie’. Un libro infantil-xuvenil moi ben construído, cunha trama áxil na que a mecánica funciona á perfección e onde o diálogo que se establece entre a autora e os futuros lectores se basea na intelixencia e no respecto. Un libro ideal para pasar un anaco moi entretido cunha das escritoras máis interesantes da literatura popular austríaca.