De Luísa Castro a Vivian Gornick. Dez libros para xaneiro do 2023
César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
Un amor antigo, de Luísa Castro. Galaxia
A colección ‘Dombate’ recolle o novo libro de poemas de Luísa Castro, unha das autoras galegas máis importantes. Aínda que este Un amor antigo non está á altura de anteriores obras, garda parte da mestría da autora. Un universo elegante onde o significado máis profundo das preguntas da poeta se insire nas coordenadas máis cotiás dunha realidade á que Castro se achega con respecto, sen levantar demasiado a voz. Unha literatura capaz de convencer cos mínimos recursos.
O talento do señor Ripley, de Patricia Highsmith. Tradución de María Alonso Seisdedos. Kalandraka
É unha boa noticia a aposta de Kalandraka pola narrativa da grandísima autora estadounidense. A primeira aventura do inquietante Ripley é unha desas novelas que se desfrutan coma un vicio. Obra mestra da novela negra, O talento do señor Ripley é tamén unha radiografía da filosofía de vida do século XX americano. Cando se publicou no 1957 obtivo unha repercusión inmediata e foi mercé ao éxito deste libro que Highsmith seguiu construíndo máis tramas para un dos “malos malísimos” máis atractivos da historia da literatura.
Nogard, de Marilar Aleixandre. Ilustracións de MeliMolita. Xerais
Esta obra orixinaria do 1994 ve agora nova luz con novo deseño e as engaiolantes ilustracións de MeliMolita. O propio título xa nos axuda a comprender o tema deste libro pensado para cativos a partir dos oito anos. Nogard (Dragón ao revés) é xusto o contrario do que se espera dun monstro lendario. E a partir desa premisa, todo se fai imprevisible no conto que nos leva ao país de Milmontes e onde o rutineiro e o fantasioso se enredan nunha divertida trama que se le con agrado.
A única, María Casares, de Anne Plantagenet. Tradución de Isabel Soto. Kalandraka
O centenario do nacemento de María Casares, no 2022, serviu para que a biblioteca galega se actualizase e incorporase de vez moita da literatura biográfica fundamental ao redor da figura da actriz coruñesa. Unha destas obras é esta biografía publicada en francés en xaneiro do 2021, obra dunha xornalista afeita a recrear a vida de grandes estrelas. Nesta obra, cunha linguaxe directa e baixo a fascinación que Francia tiña pola personaxe galega, Plantagenet vai fiando a vida de Casares desde os seus primeiros anos nas acomodadas mansións familiares até a súa consagración como gran dama do teatro.
Pecados veniais, de Nazaret López. Xerais
A escritora luguesa publica unha recompilación de trece relatos. O fío que os une a todos é o protagonismo feminino e certa tensión entre elas como individuos e o seu ambiente. O interesante do libro é a calidade técnica da narración, que fai moi agradable a lectura, e a oportuna xerarquización que López consegue ao redor das tramas que elabora. O realismo costumista interrómpese decote polo humor ou por xiros inesperados.
Tal como foi, tal como fomos, de Xosé Manuel Pereiro. Galaxia
Vinte anos despois do naufraxio do Prestige, o xornalista Xosé Manuel Pereiro fai unha crónica do sucedido que se le coma unha novela. O característico estilo do autor, que combina o plano curto e a atención do detalle cun sentido do humor moi elegante, converte un acontecemento fundamental na historia recente de Galicia en algo novo, que se redescobre en cada capítulo deste libro. Unha ollada distanciada á marea negra, ao “Nunca Máis”, aos erros e reaccións dunha catástrofe que talvez mudou máis do que pensamos Galicia; ou non.
Papoulas amarelas, de Inés Mosquera. Medulia.
Primeiro libro de poemas da autora padronesa, que propón unha lírica de liña clara e determinado pouso nostálxico e evidente ton de homenaxe. Mosquera compón unha obra sinxela, directa e sentida que apela á emoción cun discurso literario sereno e sempre apegado ao terreal; un testamento de amor que se recrea nos detalles aparentemente insignificantes para darlles unha nova dimensión máis eufónica ca simbólica.
Facedores de imaxes. Fotografía e sociedade en Vigo. 1870-1915, de Vítor Vaqueiro. Galaxia
O investigador galego divulga o traballo artístico da parella de fotógrafos composta polo italiano Filippo Prosperi e a galega Cándida Otero, cuxo traballo é hoxe fundamental para entender o devir desta arte popular no cambio de séculos na cidade de Vigo, naquel momento a máis puxante e moderna de Galicia, senón tamén para entender a propia Galicia da época a través dos seus ollos. O libro está editado en gran formato, o que permite deleitarse coa calidade das fotografías, que engaden unha nova dimensión ao ensaio histórico de Vaqueiro.
Un tiro para Méndez Ferrín e outras historias, de Xosé Manuel del Caño. Embora
Malia o título escollido para esta obra, nin Ferrín nin os tiros son protagonistas dela. Coa fasquía de libro de relatos, o xornalista celanovés propón unha visita fragmentaria e literaria á propia memoria. Testemuña e acompañante de moitos dos personaxes máis importantes da cultura galega dos últimos sesenta anos, Del Caño pon en orde as súas lembranzas e ofrece unha moi interesante selección de anécdotas e experiencias que nos abren os vieiros máis humanos de persoeiros admirables pola súa traxectoria artística e profesional. Unha curiosidade intelectual que paga a pena.
Vencellos feroces, de Vivian Gornick. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte
A pesar de que este libro é do 1987, a sona da escritora estadounidense entre nós é moito máis recente. Coma no caso de Joan Didion, Shirley Jackson ou Joyce Carol Oates, entre outras voces, a da neoiorquina de case 90 anos conecta co gusto e interese do público lector actual. Por que? Principalmente pola súa capacidade para converter a aparente cotiandade en literatura. A relación entre unha nai xa moi maior e moi deteriorada e a súa filla, culta, brillante e con gran capacidade para a narración e o pensamento, convértese nun atractivo duelo que pon o foco sobre o común, o oculto tras a porta das casas, o sen-importancia, até dotalo dun gran valor e facelo inesquecible para o lector.