De Manuel Rivas a Clarice Lispector. Dez libros para xaneiro do 2025

César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
Tras do ceo, de Manuel Rivas. Xerais
A medias novela negra, a medias novela de denuncia, crónica literaria das contradicións da Galicia actual fronte aos retos futuros. O novo e esperado libro de Manuel Rivas cóntanos a historia do mítico Solitario, un porco bravo polo que devecen todos os cazadores. Rivas usa gran parte dos recursos narrativos que o converteron nunha das voces máis recoñecidas e populares da literatura galega actual, desta volta ao servizo dunha obra que quere ser punto de ignición dunha revolta sobre os nosos usos e costumes.
O que non te prezo, de Xosé M. Pacho Blanco. Galaxia
O autor ourensán levaba moito tempo sen publicar narrativa, des que gañara o Premio Torrente Ballester no ano 2007 con A choiva do mundo. Desta volta confecciona un curioso libro que se pode cualificar de cadea de relatos cuxo leit motiv é un billete de cincocentos euros. O libro destaca pola súa mirada tenra e costumista e a capacidade de tocar moitos temas e personaxes dun xeito moi fluído.
Eu mato xigantes, de Joe Kelly e Ken Niimura. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte
Unha novela gráfica das máis populares do que levamos de século XXI, con guión do estadounidense Kelly e debuxos do español Niiumura. Cun estilo próximo ao manga, pero tamén influído polos cómics de superheroes máis modernos, este libro lévanos á vida de Barbara Thorson, unha adolescente cun gran mundo interior que terá que lidar coas vicisitudes das rapazas do seu tempo sen perder o gusto pola fantasía.
Gaivotas manchadas de petróleo, de Abraham Pérez. Menino morreu
Este libro é un diario sen datas de reflexións sobre diferentes aspectos, mais case todos na órbita da experiencia vital e da literatura. Abraham Pérez, aos seus trinta e poucos anos, plasma, cunha técnica máis próxima ao aforismo, ao “chío” de Twitter, a súa percepción sobre o mundo que habita. Como non hai un contexto temporal para a obra, é a intuición e determinados detalles de cada entrada os que sitúan os pensamentos no tempo no que foron elaborados.
Contos gringos, de Lara Dopazo Ruibal. Galaxia
Esta obra escribiuse co apoio do proxecto de residencia literaria da illa de San Simón da Xunta de Galicia 2024, mais o espazo dos trece relatos é o subcontinente estadounidense. Segundo lemos na lapela do libro, a autora viviu dous anos en Iowa e desa experiencia xorde o libro. Ese perfil de experiencia e perplexidade domina todo o libro. A pesar de certa irregularidade e eivas en varios dos contos, en xeral é interesante achegarse ao universo particular da autora.
País estático, tempos salvaxes, de Fran Ferreiro Chao-Abella. Morgante
Primeiro libro do coruñés, que recolle as súas colaboracións no suplemento ‘Táboa redonda’ que se publica nas páxinas dos xornais El Progreso e Diario de Pontevedra. Nos textos de Chao-Abella hai unha permanente busca do contraste entre intelectual e popular, da Galicia real e a soñada, dos mitos vixentes do galeguismo e dos que o tempo medio esqueceu. A sombra de Cunqueiro máis como ameaza que como axuda e un sentido do humor ás veces un pouco repunante coma o pemento picante, que o autor quere converter no eixe do seu estilo xornalístico-literario.
Como chega o sal ao mar, de Brigitte Schwaiger. Tradución de Rosa Marta Gómez Pato. Hugo e Munin
Xa en galego un dos grandes éxitos da literatura austríaca contemporánea. O debú na biblioteca galega dunha autora que viviu o seu esplendor comercial hai perto de corenta e cinco anos, xustamente con esta novela, que se converteu nunha das novelas en lingua alemá máis traducidas e vendidas do século XX. A obra, escrita cun estilo áxil, naturalista e intimista, conta as tribulacións dunha muller inmersa nun matrimonio monótono e agresivo, que consegue, malia todo, romper o establecido e buscar unha saída.
Os inmigrantes imaxinados, de Xosé M. Núñez Seixas. Galaxia
“A identidade galega na Arxentina (1780-1960)” é o subtítulo deste ensaio do historiador ourensán que repara en varios aspectos da presenza de galegos no Río de la Plata. O libro pescuda en como os galegos desenvolveron a súa identidade alén do mar, mais tamén como foron percibidos pola sociedade arxentina que os acolleu, non sen conflito. Núñez Seixas repara en mitos como o do “bo obreiro galego”, mais tamén analiza o estereotipo “gallego” na prensa e na literatura ou como os propios galegos se relacionaban entre si dependendo da súa clase social.
A fala de Vigo, de Xosé Henrique Costas González. Universidade de Vigo
Este proxecto sae editado co apoio da Asociación Faladoiros de Vigo e nas súas 52 páxinas fai un sucinto, pero moi nutritivo paseo polo xeito de falar o galego en Vigo. Aínda que o autor delimita nas fronteiras do concello máis poboado de Galicia os seus presupostos lingüísticos, é doado comprobar que o suposto feito diferencial vigués é máis mito ca realidade, pois, como é natural, a fala viguesa está incardinada no seu contexto próximo e global. O libro, amais doutros aspectos, dá profunda conta da fraseoloxía popular e do léxico. Gran parte do libro é un pequeno manual de lingua galega de Vigo, moi interesante para, entre outros fins, evitar castelanizar moitos dos usos cotiáns da lingua oral no rexistro máis familiar.
Felicidade clandestina, de Clarice Lispector. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte
Por razóns facilmente deducibles é estraño ver traducidas ao galego obras procedentes da Lusofonía. Neste caso, certo revival da escritora brasileira é posible que favorecese a decisión de publicar esta colección de relatos na nosa lingua. Publicados no 1971, os contos de Lispector recollidos aquí comparten coordenadas co groso da obra da grande escritora de ascendencia ucraína: un dominio asoballador da técnica narrativa, a creación dun universo propio e a vivisección da alma e o desexo humanos con gran precisión e alento lírico.