De Mercè Rodoreda a Eduardo Blanco Amor. Dez libros para xaneiro do 2026

César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
A praza do diamante, de Mercè Rodoreda. Tradución de Pilar Vilaboi Freire. Rodolfo e Priscila
Unha óptima noticia que esta obra clave da literatura catalá estea dispoñible de novo en galego. Desta volta a través dunha coidada edición de Rodolfo e Priscila, que conta cun prólogo de María Villamarín. A través dun aparente relato íntimo ambientado na Barcelona de antes e despois da guerra do 1936, a grande escritora ofrece un retrato lúcido e cheo de simbolismo sobre unha época extremadamente violenta.
Bosque, de Antón Blanco Casás. Galaxia
Este libro gañou o que talvez sexa o derradeiro Premio Vitoriano Taibo, outorgado no 2024, xa que no ano pasado non se convocou. O autor esculca na relación entre humanidade, territorio, memoria e pegada. Poemas nos que se procura o brillo semántico e fonético, mais sen perder nunca o pé sobre a relación entre o poema e o concepto do que se converte en testemuña.
Pifostio, de Samuel L. París. Xerais
Non é habitual que na literatura galega se publiquen libros humorísticos e por iso hai que celebrar a edición da nova obra de París. O estilo irreverente que caracterizou parte da súa obra aparece aquí dunha maneira intelixente e enxeñosa. O autor demostra gran habelencia para captar o momento ridículo, ese punto no que todo vira cara ao absurdo e nos fai rir.
As palabras de Morfeo, de Ramón Beltrán. Morgante
Novo título da colección ‘Singularis’. A partir dun soño enigmático, o protagonista busca o xeito de desentrañar a súa mensaxe. Cunha prosa sinxela e directa, a obra usa certos recursos da novela detectivesca para facer avanzar a acción. O máis interesante do libro é o ton da historia, sempre contido, sempre equilibrado entre o cotián e o ficticio.
Historias do páramo, de Pjota e Senande. Galaxia
Cómic xuvenil de aventuras onde un guión trepidante e cun evidente aroma pop nos leva a un mundo fantástico (tanto na ambientación como nos personaxes que o poboan), aínda que conteña moitas semellanzas coa época imperial romana. Polo tanto, sería unha lectura plenamente satisfactoria se non padecese dunha moi deficiente corrección ortográfica.
Vista Chinesa, de Tatiana Salem Levy. Tradución de Helena González Fernández. Xerais
O título da obra procede dun miradoiro construído a primeiros do século XX no Rio de Janeiro, moi popular entre os cariocas e que nesta obra se converte no escenario dunha violación. A vítima é a narradora desta novela, unha arquitecta envolvida nas obras necesarias para os Xogos Olímpicos de Rio no 2014. Novela moi breve que amosa como a literatura é quen de destilar dun xeito fermoso até os momentos máis duros que un ser humano pode vivir.
Aprendede dos lirios, de Iain Crichton Smith. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte
Unha das obras máis importantes da literatura escocesa do século XX, publicada orixinalmente no 1968. O autor toma como atmosfera a época na que os grandes propietarios rurais desaloxaron os veciños das Highlands para tirarlle máis rendemento ao pastoreo de gando, nun período de máis de 5o anos de a cabalo dos séculos XVIII e XIX. Mais el mesmo sinala que non intentou recrear aquel tempo senón tomar a vida dunha anciá que viviu aquel tempo como protagonista desde a que contar a historia.
O caldeiro de ouro, de E. T. A. Hoffmann. Traduce Jairo Dorado Cadilla. Hugin e Munin
Esta novela breve leva o subtítulo “Un conto de fadas moderno”. E aínda que unha obra escrita nos albores do século XIX quizais hoxe non nos pareza moderno, Hoffmann foi fundamental no labor de actualizar no seu momento o mundo mítico e incorporalo á modernidade. Nesta deliciosa obra seguimos a Anselmus, un estudante pobre de Dresden, que despois de entrar a traballar para un misterioso arquiveiro, coñecerá un mundo concibido máis alá da Razón. Obra e autor son fundamentais para entender o Romanticismo alemán.
Gardas! Gardas!, de Terry Pratchett. Tradución de Miguel González Álvarez. Boadicea
“Unha novela do Mundodisco”. E con este subtítulo xa se di moito desta novela que nos trae unha das figuras máis coñecidas da literatura popular universal á nosa biblioteca. Considerada como a mellor novela para entrar nese ciclo do autor británico, nesta novela Pratchett pon patas para arriba todos os topoi da literatura fantástica: Un rei desaparecido, unha profecía, unha nobreza corrupta, un gremio de magos… Todo a través dunha narración onde os aparentemente menos hábiles son quen de amañar un mundo ameazado.
Castelao escritor, de Eduardo Blanco Amor. Galaxia
Neste volume, editado por Luís González Tosar e Alexandre Corbillón, recupéranse sete textos do grande autor ourensán ao redor de Castelao (un estudo introdutorio e seis artigos xornalísticos). Á parte de que o libro serve para unirse aos actos de conmemoración do 50.º cabodano do pasamento do galeguista, tamén axuda a difundir unha faceta quizais non tan coñecida de Blanco Amor: a de analista e crítico literario, que merecería novos títulos divulgativos e estudos académicos.






