BiosBardia

O país dos libros en galego

De Patricia Highsmith a Miguel Vázquez Freire. Dez libros para novembro do 2022

César Lorenzo Gil.

Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.

Carol, de Patricia Highsmith. Tradución de María Alonso Seisdedos. Kalandraka

A autora estadounidense volve estar de moda, e iso é unha moi boa noticia. Esta novela, que no seu momento apareceu con outro título e baixo pseudónimo, afástase da temática habitual na súa literatura. A adaptación do texto ao cinema, nunha produción protagonizada por Cate Blanchett, deulle unha nova visibilidade a Highsmith e un novo recoñecemento como escritora especialmente dotada para falar das emocións, neste caso o amor. Aínda que non é a súa mellor novela, percíbese nela o pulso de grande artesá das letras que fraguou as súas principais obras.

Stoner, de John Williams. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte

Nun tempo no que un libro apenas pasa unhas semanas nunha libraría, ás veces ocorren milagres. Esta novela pasou sen pena nin gloria cando se publicou no 1965, até que a crítica literaria e o entusiasmo de varios escritores de fama mundial eliminaron até a derradeira pinga de po e esquecemento desta obra mestra de Williams, hoxe considerada unha das máis importantes da literatura do século XX. Non hai grandes xiros nin fogos artificiais, só un dominio absoluto da expresión, un sólido compromiso coa sinxeleza, coa “normalidade” que non hai xeito de despegarse do texto.

A curmá Phillis, de Elizabeth Gaskell. Tradución de María Reimóndez. Hugin e Munin

Pouco a pouco vaise saldando a débeda da biblioteca galega coa prolífica produción literaria anglosaxoa feminina do século XIX. Gaskell é unha das grandes románticas e este libro fará as delicias de quen guste dese período. Os personaxes están moi ben traballados desde o punto de vista psicolóxico, a construción literaria é poética e precisa e non custa traballo deixarse acariñar por unhas descricións que hoxe poden soar algo revellas, pero que están construídas con evidente honestidade.

A caza do Tiburente, de Lewis Carroll. Tradución de Alberto Ruiz de Samaniego e Xabier Meilán. Kalandraka

Este clásico non tan coñecido do autor de Alicia aparece agora en galego nunha bonita edición ilustrada por Óscar Villán que mantén a rima do poema orixinal. Libro inclasificable, a medias absurdo a medias inquietante, debera formar parte dos plans de lectura de poesía en idade escolar por representar esa literatura que non ten función práctica inmediata, ningún xuízo moral nin advertencia para vivir en sociedade e si moita fantasía, moito disparate e moita gana de pasalo ben e facérllelo pasar ben aos lectores.

Diario de Moscova, de Walter Benjamin. Tradución de Carlos Penela. Galaxia

É unha gran noticia que este libro, aparentemente menor na magna bibliografía de Benjamin, apareza en galego. Poucas veces coinciden as coordenadas da literatura, as memorias e a crónica dun xeito tan perfecto coma neste caso. O intelectual alemán conta dous meses na súa vida, os dous meses que no inverno do 1926-1927 pasou na capital da URSS, unha cidade fascinante naquel momento, a piques de cumprirse o primeiro decenio da revolución bolxevique. As dúbidas políticas e amorosas xúnguense dun xeito tan natural, tan ben expresadas, que só alguén co xenio do alemán podería resolvelo con tanta eficacia.

Lingo, de Gaston Dorren. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte

Ensaio divulgativo sobre lingüística. Este xénero, tan pouco común ultimamente nas nosas letras, debera chamarnos a atención para entendermos mellor a posición do galego como lingua minorizada. Polo tanto, é un acerto publicar libros coma o deste neerlandés, que viaxa pola Europa das falas a base de curiosidades que, en realidade, son o engado para describir unha documentada historia dos pobos e dos seus xeitos de expresarse entre si ou ocultarse fronte aos demais. A estrutura e ton fan deste libro, “Guía de Europa para turistas lingüísticos” un excelente libro xuvenil, algo así como un preludio para unha longa viaxe no Interrail

A montaña do poeta, de Lionel Rexes. Xerais

Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey 2021. Lionel Rexes compón unha entretida e ben tecida historia de personaxes no marco da Galicia rural de hoxe en día, mais non con parámetros nostálxicos ou apocalípticos, senón cunha trama enfocada nos compromisos políticos e persoais minoritarios: un preso independentista, unha nai nova e neorural, anciáns que se enfrontan á decadencia do seu mundo… Todo cun ton aparentemente lixeiro, dominado polo humor sutil e a esperanza.

Aquela praia dos Hamptons, de Marco Malfatto. Tradución de Iago Nicolás. Kalandraka

Debú na ficción narrativa deste vigués de 59 anos de orixe arxentina e con grande experiencia no xornalismo, tamén nos EUA. A novela conta a historia dun guionista en horas baixas que recibe a oferta de escribir unha serie “típica americana” de familia feliz aínda que con problemas, can incluído. Escrito con moito oficio, este libro destaca pola súa retranca e o ben enfiada que está a visión desde dentro e sen compaixón, da industria cultural na Meca do audiovisual.

Lagarta, lagarta, de Elvira Ribeiro e Sofia Venzel. Galaxia

Álbum ilustrado incluído na nova colección en tapa branda da editorial viguesa. É moi orixinal, está moi ben escrito e ilustrado. Mediante rimas e repeticións e cunha estrutura que hai que ler desde a tapa e mais desde a contratapa para entender a historia, as autoras fan unha intelixente reflexión sobre o valor semántico de determinados conceptos segundo a súa connotación. Mais a mensaxe pedagóxica, ao contrario do que sucede acotío, está ao servizo da imaxinación e a arte.

De Compostela a Braga e de Braga a Compostela, de Miguel Vázquez Freire. Positivas

“O Pío Latrocinio d outras vellas inimizades” leva por subtítulo esta obra que se pode inscribir no xénero de divulgación histórica. Cunha prosa moi accesible e facendo unha viaxe máis didáctica ca ensaística, Vázquez Freire trata un tema pouco tratado en Galicia: a relación entre a capital histórica da Gallaecia, no político e —sobre todo— no eclesiástico que primeiro sufriu a inestabilidade provocada pola invasión árabe do 711 e logo, cando recuperara parte do seu prestixio e ansiaba recuperar a gloria pasada, sufriu un dos ataques máis espectaculares da historia dos roubos, o famoso Pío Latrocinio, polo que Diego Xelmírez, o bispo de Compostela en persoa viaxou ao outro lado do Miño non só para roubar as reliquias de varios santos moi famosos no medievo, senón para amosarlles aos bracarenses que Galicia tiña nova capital e rompía co pasado. A resposta non se fixo esperar e Braga converteuse, aínda que por pouco tempo, na capital dun novo país, Portugal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *