BiosBardia

O país dos libros en galego

De quen é herdeira a narrativa actual?

Un móbil e unhas lentes sobre un libro aberto. PIXABAY.

César Lorenzo Gil.

Hai moitos anos, nestas mesmas páxinas, Francisco Castro recoñecía que influíran máis nel Paul McCartney ca John Lennon: “Para min hai máis altura poética na letra de ‘Lucy in the Sky with Diamonds’ ca na Divina Comedia de Dante”. Podía parecer simplemente unha proba do amor sobradamente coñecido do autor por The Beatles, pero ía máis lonxe no relativo ás súas influencias literarias: “Tamén estou moi influído polos tebeos de Mortadelo y Filemón e pola televisión. Penso que a xente da miña xeración foi a primeira que pasou moitas horas diante da tele e iso nótase no xeito de narrar”. É evidente que a música, o cómic, a TV foron piares da educación cultural desa xeración á que pertence Castro (nacido no 1966) e nas posteriores. Pero xa agora están publicando novelas autores e autoras nacidos principalmente na década do 1980 e 1990, moitos deles xa criados coa internet e medrados nas redes sociais.

Polo tanto, dado o cambio social e tecnolóxico é razoable preguntarnos se a narrativa actual foi incorporando estes elementos como influencias. A resposta curta podería ser: Depende.

Agora vou dar a resposta longa: 

Cada tempo interfire na súa literatura, como é natural, porque a literatura é, tamén, unha expresión da propia vida, da serie complexa de relacións que se producen no día a día dos seus autores. Todos os estímulos afectan a expresión literaria na escolla de tema, estrutura, punto de vista, lingua… Neste sentido, incluso hai tópicos que non sempre se cumpren, como o que afirma que na idade da internet só é efectivo escribir textos curtos para evitar a desatención. Esta afirmación é un tópico por dous motivos. O lector desatento non é un achado da internet no móbil. Xa Macedonio Fernández se queixaba diso na década do 1920. Con certeza hoxe é máis doado perder a concentración, pero case nunca o lector conseguiu esa autonomía perfecta coa que soñan os escritores. O lector le mentres fai “outra cousa” desde sempre, aínda que sexa pensar no que vai cociñar para xantar o día seguinte. E en segundo lugar, tanto os escritores de prestixio coma os máis exitosos no plano comercial non son unicamente os que escriben novelas de cen páxinas. Incluso a pesar da brutal suba do papel, as editoriais publican habitualmente ladrillos. E o libro gordo non é óbice nin para gañar o Nobel nin (aínda menos) para gañar o Planeta.

Sigo pensando que, tal e como explicaba Castro, é a televisión a que segue a influír máis ca ningún outro elemento, a forma de narrar actual. Concretamente a televisión estadounidense, que mellorou o seu monopolio coa xeneralización das plataformas dixitais. O ritmo narrativo das series, os seus personaxes, os temas. Incluso a forma de falar, case sempre procedente de pésimas traducións que se transmiten de voz en voz a través da dobraxe (tal e como denunciaba María Alonso Seisdedos na súa Conversa Biosbardia).

Na técnica narrativa si que parece evidente que as redes sociais e os hipervínculos afianzaron o gusto polo fragmentario e polo visual, pero en calquera caso esas dúas características xa estaban asentadas na nosa literatura desde hai un século. A linguaxe da internet sublimou a linguaxe cinematográfica. Estilizouna nalgúns casos e descompúxoa noutros. O lector de hoxe está afeito á síntese. Pero, curiosamente, esa necesidade de fixar a mensaxe rápido provocou que apenas se entenda o “subtexto”. A ironía lévase mal coa inmediatez porque necesita unha segunda lectura, aínda que sexa case automática. A literalidade quizais sexa a gran novidade técnica do noso tempo, co problema de que na maioría dos casos lle dobra o pulso á ambición estética. E sen estética non hai literatura; no mellor dos casos hai xornalismo.

Esa “literalidade”, ademais, cobra outra dimensión alén da técnica. En realidade protagoniza máis a faceta temática da narrativa actual. O principal cambio que produciron as redes sociais é a revelación da voz das audiencias. Pasamos o día reaccionando. Os telexornais non contan os feitos, contan as reaccións. De políticos ante a suba da inflación; de veciños ante un asasinato no barrio; de futbolistas logo dunha derrota no campo… Desde a tertulia aos vídeos de TikTok, a opinión volveuse a raíña e hoxe o campo semántico do “interesante”, ese adxectivo invasivo que apenas serve para nada, vai marcado polos temas que se consideran máis ou menos atractivos pensando na reacción.

Por suposto que non é novo que os escritores queiran coñecer o seu público e escriban para agradalo. Xa o facían os fabuladores decimonónicos nos seus folletíns. Pero esa literalidade que todo o goberno obriga o autor literario que procure unha chisca de recoñecemento (reacción) estar moi atento ao que di e como o di non en termos estéticos, como dixemos, senón en termos morais. A substitución da crítica literaria pola opinión impresionista outórgalle á emoción a primacía na recepción dunha obra. Triunfará quen consiga que o lector se identifique cos personaxes que cree, non aquel que constrúa un universo máis autónomo e rico.

Por suposto, a narrativa é hoxe un produto máis do mercado capitalista e estes factores forman parte principalmente da literatura comercial. Pero é evidente que eses condicionantes son hoxe imposibles de non ter en conta. Igual que as influencias das que falaba Castro eran comerciais (ou pop), quen hoxe pode concibir a obra artística fóra dese mercado? Quen é capaz de illarse desa necesidade de diálogo co lector? Entre a postura integrada e a apocalíptica, que diría Eco, a alta literatura hoxe busca un camiño polo puro medio: Ser consciente do tempo no que vivimos, entender que xa non se pode escribir coma no século XIX (nin tampouco como escribiu Joyce) e amosar, patentes, as contradicións e forzas imponderables que obstrúen o propio camiño da literatura. De aí que xurdan autores que optan por unha lingua barroca, que rompan o pacto da lingua visual con novas perspectivas e puntos de vista (véxase o concepto da “cuarta persoa” de Olga Tokarczuk) ou que xa se adiantaron ao final da novela de trama, convencidos de que para o convencional (literal, secuencial, branco no moral e no político) a IA pronto será moito máis eficiente ca o enxeño humano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *