De Suso de Toro a Elizabeth Gaskell. Dez libros para abril do 2026

César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
Terra de sacrificio, de Suso de Toro. Xerais
Valéndose do artificio dunha suposta intelixencia artificial capaz de “convocar” as pantasmas de Ramón Piñeiro e Afonso Daniel Castelao, o autor imaxina un encontro entre ambos. A través destas dúas figuras, reanimadas polo enxeño do escritor compostelán, analízase a influencia de dúas personalidades de grande influencia no devir do galeguismo. De Toro demostra a súa inmensa capacidade de fabular e o dominio das técnicas narrativas.
Nas horas do seu reloxo, de Diego Giráldez e MeliMolita. Galaxia
“Unha viaxe de Antonio Palacios” é o subtítulo desta obra, singular e moi atractiva, que percorre a biografía do grande arquitecto porriñés Antonio Palacios. O texto de Giráldez enriquécese coas ilustracións de MeliMolita, nunha viaxe que supera os habituais límites sobre “a obra” do artista para darlles tamén protagonismo a eventos máis íntimos da súa vida.
Eneida, de Virxilio. Tradución de Alfonso Blanco. Rinoceronte
Unha das obras fundamentais da cultura clásica. Á parte do seu valor como “epopea nacional romana” dotada dun alto valor literario e de ser un libro moi influente na literatura universal, o libro, tal e como nos conta Alfonso Blanco na introdución, foi unha obra que a piques estivo de acabar no lume, pois Virxilio non se sentía a gusto co resultado. Foi o emperador Augusto un dos responsables, non só de que a obra sobrevivise, senón da súa difusión posterior.
A autorización do centro da palabra, de Sofía Muñiz. Medulia
Este libro obtivo o Premio de Poesía O Facho 2025. É a primeira obra publicada pola súa autora. A pesar de que non é un libro redondo e hai algúns poemas que merecerían unha revisión ou incluso non formar parte do volume, en xeral, a poesía de Muñiz destaca por tres puntos fortes: capta con exactitude o punktum poético, ese intre no que de repente esas palabras achan sentido literario así expostas; capacidade de sorpresa malia usar modos poéticos habituais nas letras galegas actuais e tamén profundidade expresiva (combinación de boa escolla léxica e ritmo nos versos).
Felicidade conxugal, de Lev Tolstoi. Tradución de Iago Fernandes López. Hugin e Munin
Alguén definiu esta obra do autor ruso como “unha dose do xenio nun formato breve”. En efecto, as 135 páxinas deste volume contrastan coas que compoñen as obras máis famosas de Tolstoi, pero aquí xa están as fortalezas da súa literatura. María casa con Serguei, dezanove anos máis vello. A pesar de que ao principio a relación é fluída, pouco e pouco os cónxuxes acaban distanciados.
Con E de curcuspín, de Mario Obrero. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte
Este libro leva por subtítulo “Carta ás linguas” e flúe diante de nós como un torrente aberto e practicamente incontrolable de amor por esas linguas das que fala, esas linguas peninsulares que o autor, madrileño de Getafe, toma como propias, non para posuílas, controlalas, deturpalas como un membro da RAE calquera, senón para sorprenderse, incorporalas, facerse a un tempo militante e fan e compartir con todos os afortunados de ler este libro o seu entusiasmo.
Adelina, de Sandra Lodi. Galaxia
Premio Castelao de Banda Deseñada 2024. A premisa é sinxela: Adelina, unha vella que vive nunha residencia, un día sae pola porta, sen cambiar a bata, coa idea de volver para a súa casa. A partir de aí, a autora vai compondo unha historia que leveda coma unha pizza, ampliando as súas ambicións, xerando unha sátira brutal contra a sociedade actual valéndose dunha exemplar firmeza expresiva, tanto no guión coma na posta en escena e un debuxo de alta calidade técnica, detallista e inesquecible.
Un socialismo propio, de Xosé Manuel Beiras e Carlos Calvo Varela. Em selecta companha
“O cooperativismo no Beiras mozo” é o subtítulo deste libro que edita, por primeira vez en galego, dous traballos científicos de Beiras, publicados orixinalmente na Revista de Economía de Galicia no 1959, e que sentaron a que era naquel tempo unha das bases teóricas do Partido Galeguista: O cooperativismo de base agropecuaria. Como introdución, Carlos Calvo Varela desenvolve un nutritivo perfil sobre a vida e intereses políticos e científicos do propio Beiras
Contos de San Petersburgo, de Nikolai Vasílievich Gogol. Tradución de Aleksandr Dziuba. Rinoceronte
Afortunadamente, a biblioteca galega universal vai cubrindo ocos elocuentes. Un deles é a literatura rusa. Non é lugar aquí para dilucidar os motivos desta carencia, senón de felicitarnos porque, pasiño a pasiño, as obras e autores fundamentais dese idioma van atopando novas traducións. Este clásico de Gogol contén dous dos relatos que se consideran entre os mellores de todos os tempos das letras universais: “O nariz” e “O capote”.
Cranford, de Elizabeth Gaskell. Tradución de María Ramos Salgado. Galaxia
Esta é a novela máis famosa da autora británica. Segue unha comunidade rural (o Cranford do título) nun período de grandes transformacións a través, principalmente, das súas personaxes femininas. Pequenas e grandes vivencias escritas con sinxeleza costumista e un sutil sentido do humor.






