De T. S. Eliot a María Canosa. Dez libros para abril do 2023
César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
Catro cuartetos, de T. S. Eliot. Tradución de Martín Veiga. Kalandraka
A colección ‘Tambo’ suma un dos grandes clásicos da literatura contemporánea. Esta obra é, xunto con The Waste Land, a máis famosa do seu autor e segue a considerarse, oitenta anos despois da súa publicación, un dos grandes achados da poesía moderna, fonte de aprendizaxe para poetas e estudosos. Nesta edición, bilingüe en galego e inglés, inclúese un limiar de Martín Veiga, que explica os motivos da relevancia desta obra e fai unha análise tanto histórica como literaria da súa xénese, tema e publicación. O estadounidense Eliot reflexiona con gran mestría na relación entre o paso do tempo e a influencia da natureza nas emocións e vivencias humanas.
Vigo, abella da ribeira, de Manuel Bragado. Xerais
Segunda parte de Vigo, puro milagre, volume no que o editor e mestre publicara por xunto as crónicas que foran aparecendo na sección ‘Campo de Granada’, no Faro de Vigo. Desta volta, Bragado recompila oitenta desas entregas xornalísticas cuxo principal fío son aquelas persoas que contribuíron, desde moi diversas ocupacións e intencións, ao desenvolvemento da cidade de Vigo en todas as súas facetas. O autor achégase a estas personalidades coa escuadra da historia e o cartabón da memoria para os presentar como presenzas influentes na súa vida e partículas imprescindibles para entender Vigo tal e como foi e tal e como é.
Breogan Citadel, de Stevie Porter. Tradución de Ângelo Pineda. Menino Morreu
Interesante e orixinal libro que funde o rexistro literario co memorialístico para compoñer unha oda ao fútbol como condutor da nosa educación sentimental. O poeta escocés tece un libro de recordos que ten certa fasquía de álbume de cromos e de catálogo de recortes. A súa potente mirada subxectiva e a imaxinación liberada converten esta lectura nunha experiencia moi agradable para quen medrou soñando con mapas e balóns de fútbol. A colección ‘Bebel’, na que se publica Breogan Citadel, recolle textos relacionados co fútbol que serven para contextualizar e ampliar os límites da influencia deste deporte/espectáculo na sociedade moderna.
Cartas ao marqués de Sévigné, de Ninon de Lenclos. Tradución de Emma Lázare Rodríguez. Rinoceronte
Chega á colección ‘Vétera’ este clásico do século XVII. Ninon, hipocorístico de Anne, de Lenclos pasa por ser unha das máis destacadas intelectuais da Francia do seu tempo e exemplo dunha vía vital alternativa para as mulleres, xa que aproveitou o seu acomodado status socioeconómico para evitar un casamento por comenencia e viviu unha vida que aínda hoxe parece imposible, por libre, por afouta, e por admirable. Este volume recolle o epistolario que mativo co fillo da famosísima Madamde de Sévigné, outra das escritoras máis interesantes do seu tempo. Lenclos iniciou o amorío co xove Sévigné cando ela tiña 56 anos e as cartas deitan gran parte da ideoloxía sobre o amor, o desexo e a filosofía de vida que rexían naquel tempo convulso no que en Francia levedaba o cambio de perspectiva que, case cen anos despois, conduciría á revolución.
Lugo Philadelphia, de Lois Pérez e Alba Díaz. Xerais
O poeta Lois Pérez e a fotógrafa Alba Díaz publican o seu primeiro libro xuntos. O libro resume unha viaxe xeográfica e cultural entre as dúas cidades ás que alude o título como símbolos dunha descuberta: a do rock enlatado e vendido en Galicia, mais orixinario dos Estados Unidos. Ambos autores nótanse libres e na casa e exploran as fronteiras da súa expresividade. O resultado é un libro peculiar, cun evidente protagonismo visual non tan destacado noutras obras de Pérez. No tocante ás fotografías, o formato da colección de ‘Poesía’ de Xerais non axuda a que luzan e, polo tanto, perden bastante da súa capacidade para comunicar.
50 aniversario. Fuxan os ventos. Quixo o paxaro pousar na póla o seu chío, de Mero Iglesias. Galaxia
Este libro pódese considerar algo así como unha autofotobiografía centrada na experiencia colectiva do grupo musical Fuxan os ventos, do que Mero Iglesias foi fundador e compoñente. É un libro que será de interese tanto para estudosos da historia cultural recente de Galicia como para seguidores do propio grupo. Cunha ollada propia, o autor vai repasando os cincuenta anos daquela iniciativa, e déixalle á documentación gráfica a misión de engadirlle rigor e valor histórico á obra.
Historias fascinantes da ciencia en Galicia, de Eduardo Rolland e Manuel Rey. Ilustracións de Andrea López Álvarez. Embora
Libro ilustrado para nenos e curiosos ao redor de corenta sucesos relacionados, dun ou doutro xeito, co coñecemento científico, con base en Galicia. O libro toca moitas disciplinas e ao conter tantas “historias” o valor de cada unha delas é distinto, o que provoca certa irregularidade como produto final. Aínda así, paga a pena escudriñar as súas páxinas porque se aprenden moitas cousas interesantes: Por que hai pementos de Herbón que pican e outros que non?; quen era o galego que axudou a definir a medida dun metro?; cal é o segredo das augas termais de Galicia? Foi Baiona a porta de entrada da sífilis en Europa?
O crime de Psichiko, de Pavlos Nirvanas. Tradución de Alfonso Blanco. Hugin e Munin
Non é habitual a presenza de obras gregas modernas na biblioteca da tradución galega. Desta volta, o novo autor heleno que fala en galego é Pavlos Nirvanas, pseudónimo literario de Petros Apostolidis, que está considerado como un dos escritores e xornalistas máis interesantes do primeiro terzo do século XX. Esta novela curta publicouse por entregas no 1928 e utiliza os mecanismos do folletín e da narrativa policial para poñelos en cuestión, darlles a volta e incluso parodialos. Case cen anos despois, a novela lese con gusto grazas á mestría do seu autor na descrición de ambientes e personaxes e ao valor da obra como testemuño dun tempo e duns valores que talvez non estean tan lonxe dos actuais.
Federación de Guerrillas de León-Galicia, de varios autores. Positivas
Este libro, editado por Alejandro Rodríguez Gutiérrez e Laura Martínez Panizo, reúne textos de Eliseo Fernández, Dionísio Pereira, Carlos Tejerizo-García e Xurxo Ayán Vila, amais de dos propios editores, ao redor dun dos movementos antifascistas máis interesantes dos que tiveron lugar logo do golpe de Estado do 1936. Desde diferentes perspectivas da disciplina histórica, e con gran protagonismo das novas técnicas aplicadas á arqueoloxía, este volume intenta engadir máis luz e coñecemento sobre as vicisitudes, evolución e métodos da resistencia armada democrática nun ámbito hostil.
A fotografía 51, de María Canosa. Baía
María Canosa ten ampla experiencia na novelización de biografías de personaxes interesantes, especialmente mulleres. A fotografía 51, que aparece na colección infantil ‘Meiga Moira’, continúa esta interesante liña literaria, desta volta ao redor da investigadora Rosalind Franklin. Franklin foi unha química inglesa que a pesar de morrer con só 38 anos, foi fundamental na descuberta da estrutura do ADN, é dicir, o rexistro xenético dos seres vivos. Mais a súa temperá morte e o papel subalterno das mulleres naquel tempo en tantas áreas de coñecemento ocultou durante décadas o seu real protagonismo neste avance crucial para a ciencia. A novela curta de Canosa intenta popularizar entre os máis cativos esta personalidade tan atractiva.