De Wegelius a Laura Suárez. Dez libros para marzo do 2022
César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente nos meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
A rosa falsa, de Jakob Wegelius. Sushi Books
Volven Sally Jones e os demais personaxes que nos fascinaron en A lenda de Sally Jones e O mono do asasino. É certo que a nivel literario esta nova aventura non ten o escintileo das anteriores e que o autor talvez abusa de repetir vellos rexistros en vez de buscar novas vías expresivas ou argumentais, pero o universo creado por Wegelius é tan poderoso e está descrito con tanta claridade e solvencia que este libro, aparentemente pensado para lectores novos, é unha delicia para calquera idade. Como curiosidade, a obra ten un detalle con Galicia (hai que ler o libro para coñecelo), en homenaxe á editorial que apostou pola obra do autor sueco.
A velocidade crítica, de Ramón Caride. Embora
O autor de Soños eléctricos volve a un xénero que lle é moi querido, o relato curto, desta volta moi curto. Dúas páxinas, catro no máximo, onde Caride propón unha narrativa breve clásica, con historias que se len seguindo o ritmo de quen as escribiu, nun amén. Nas case 150 páxinas deste volume asistimos a un axuste de contas coa aparente normalidade. O cotián perde pé e convértese nun universo literario cheo de físgoas polas que se escoan as nosas dúbidas e preguntas.
Unha nova Olanda, de Antón Baamonde. Galaxia
Neste ensaio, o autor fai un percorrido global e divulgativo sobre as coordenadas xeográficas, económicas e históricas da “urbanización” en Galicia. Baamonde percorre a relación entre cidade e galeguismo, a importancia da cartografía para coñecer o territorio, a evolución do municipalismo. Mais tamén repara na situación de Galicia na economía global, as súas potencialidades e eivas, e os desafíos dun territorio sen grandes cidades nunha época futura que se caracterizará polo vertixinoso aumento da poboación mundial (até máis alá dos dez millóns de persoas) e a consolidación de megacidades con máis de dez millóns de habitantes.
O cervo e a sombra, de Diego Ameixeiras. Xerais
Unha novela negra clásica. Unha novela clásica do autor ourensán, que desta volta regresa á súa cidade natal como escenario literario cunha historia de baixos fondos e feridas do pasado (e do futuro), ao tempo que recorda o pasado combativo e obreiro da capital do Miño. Ameixeiras volve puír o seu estilo minimalista e o seu gusto polas personaxes con substancia. Fará as delicias dos moitos fans do escritor.
Do mellor de Nós (volumes I, II e III), varios autores. Editado por Camilo F. Valdehorras. Hércules
Camilo Valdehorras peneirou o fondo da revista Nós para escolmar un imperdible traballo bibliográfico que se converte no mellor colofón posible ao centenario da creación do “boletín mensual da cultura galega”. Ordenando por temas e subtemas, os tres volumes publicados até agora da colección fan un percorrido polos grandes asuntos que lle preocuparon á xeración que intentou, dun xeito ambicioso e multidisciplinar, normalizar, actualizar e valorizar a nosa cultura e patrimonio, tanto material como inmaterial. Aínda hoxe abraia o sentido científico e popular da obra de Vicente Risco e os seus compañeiros e nas páxinas desta antoloxía profunda poden atoparse apuntamentos sobre etnografía, historia, pensamento ou arte que, en moitos casos, aínda non foron superados pola intelectualidade galega actual. Unha radiografía moi útil do primeiro terzo do noso século XX.
Queres facer o favor de calar, por favor?, de Raymond Carver. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte
Carver é un dos escritores máis admirados, seguidos e fascinantes do século XX. Por fin chega á biblioteca galega nunha edición que recolle os seus primeiros relatos publicados. Para quen non coñeza este autor, esta é unha oportunidade marabillosa de mergullarse nun universo onde a literatura se nos aparece mediante un sutil sortilexio entre historias cotiás e personaxes e situacións en aparencia anódinos. O estadounidense domina a contención e coñece tan ben as técnicas narrativas que precisa do mínimo para falar dos grandes temas e deixar na mirada do lector un resaibo inesquecible.
Arder, de Marga Toxo. Positivas
Este poemario de escasas 42 páxinas ten bastantes das calidades que debe posuír unha obra de poesía. Séntese como auténtico, escrito co alento moi perto da vida e das súas emocións: da rabia (da contida e da que salta), da esperanza (da que se imaxina e da que se pode respirar), da soidade ou da nostalxia. Posúe algunhas imaxes poderosas, enraizadas na poesía clásica, mais con ese toque sutil que lle outorga unha pátina de modernidade. E o ritmo dos poemas é coherente co tema e a estrutura: febril ás veces, interrompido outras, traballado case sempre.
Galicia vista por un inglés, de Aubrey G. Bell. Tradución de Xosé María Gómez Clemente. Rinoceronte
Este é moito máis ca un libro de viaxes ou unha guía turística. É unha microenciclopedia da cultura galega a través dos ollos moi cultos do cronista. Bell coñecía moi ben o terreo que pisaba; non só o que se vía senón, sobre todo, as pegadas do que acontecera. Para escribir este libro manexou unha bibliografía de aproximadamente cen volumes, mais a súa prosa é áxil, precisa, literaria e nutritiva. Un grande achado que nos serve aos galegos da década dos 20 de espello onde ver os nosos antepasados de hai cen anos sen os preconceptos e inercias de costume.
Doces e lambetadas. Receitas con historia, de Matilde Felpeto Lagoa. Xerais
Este é un libro de receitas. De receitas clásicas, das fundamentais para quen estea interesado en mellorar as súas técnicas nas sobremesas. Escrito por unha veterana da literatura gastronómica en Galicia dun xeito ameno e moi práctico. Mais esta obra non só é un manual, senón que contén moita e valiosa información sobre a orixe, evolución e curiosidades de elaboracións que se converteron en clásicos. Un libro que se come cos ollos, mais que tamén se le con moito gusto.
Monte Pindo, de Laura Suárez. Galaxia
O subtítulo deste libro: “Historias e lendas do Olimpo celta” é ben elocuente dos obxectivos da autora. Un percorrido “total” por este senlleiro espazo da nosa xeografía. Suárez vai construíndo, coma un caderno de viaxe ilustrado, un percorrido en espiral pola historia, os costumes, os espazos e as sensacións do Monte Pindo, sustentado sobre a tradición oral. A alta calidade da ilustración completa unha aventura que non deixa de ser grande por estar perto da casa.
Hai unha gralla: Marzo 2020
Moitas grazas!