De Xabier Quiroga a Edith Wharton. Dez libros para outubro do 2023
César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
Coa man esquerda, de Xabier Quiroga. Xerais
Un punto é á parte na traxectoria narrativa máis recente de Quiroga. A xeito de diario en primeira persoa composto sen maiúsculas, en pequenas doses (cinco, seis páxinas no máximo), o libro pescuda nas lembranzas, especialmente as da infancia, nun ámbito, o rural, que se percibe como un mundo xa non descomposto, senón directamente desaparecido. Nese magma, o escritor cría un misterio que se vai desennobelando devagariño, coma se fermentase nas páxinas da novela.
Antes molabamos máis. A historia de Rei Zentolo, varios autores. Galaxia
Rei Zentolo é unha empresa responsable da era dourada das “camisetas con mensaxe”. O seu éxito superou hai moito tempo as fronteiras de Galicia e popularizou unha serie de frases e deseños que hoxe son xa moi recoñecibles e adornan o vestiario de varias xeracións en diferentes rexistros. Este libro celebra os seus primeiros vinte anos con intervencións de ao redor de vinte autores que analizan a traxectoria da marca desde o 2003. Neste volume pódense admirar varias das creacións gráficas máis inesquecibles destes anos.
Suisen, de Aki Shimazaki. Tradución de Sergio Gómez Blanco. Rinoceronte
Shimakazi, nacida no Xapón, asentada no Canadá, é unha das autoras máis populares dos últimos tempos grazas ás súas pentaloxías. Suisen é a terceira entrega da segunda, da que Rinoceronte tamén publicou en galego os títulos Azami e Hôzuki. Nesta obra coñecemos a Gorô, un rico herdeiro que bebe o mel do éxito. Ten unha familia de película, mantén dúas amantes e desfruta exhibindo todos os seus logros. Pero esa posición vital é feble e un feito inesperado obrígao a repensalo todo.
Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos, de Aurora Marco. Alvarellos
No primeiro centenario do Seminario de Estudos Galegos, a investigadora Aurora Marco dá a coñecer a traxectoria vital de Carmiña Sierra Domínguez (Pontecesures, 1906 – Caracas, 1996), que foi a primeira muller en ser admitida na mítica institución científica, hai cen anos. Sierra foi catedrática de Literatura Española, pero tras o golpe fascista tivo que refuxiarse en Cortinallas xunto co seu home, Carlos Díaz, onde á parte de xestionar unha granxa, mantivo o seu compromiso antifranquista, até que foi detida e encarcerada en Madrid tras a frustrada Operación Termópilas (proxecto de atentado contra Franco en Meirás, 1946). Tras tres anos na cadea de Ventas, Sierra exiliouse en Venezuela, país do que xa non voltou.
Imago, de Helena de Carlos. Kalandraka
Imago recolle poemas escritos pola poeta viguesa entre o 2020 e o 2023. Con este libro confírmase como unha das autoras máis firmes da literatura actual. Versos puídos, imaxes evocadoras, diálogo permanente entre a cotidianidade e a cultura pop. Un dominio absoluto das técnicas da lírica moderna sen necesidade de xiros sensacionalistas nin trucos tipográficos. Poemas con recendo clásico onde o lector se acomoda entre palabras escollidas polo que din e tamén polo que calan.
Historia do fútbol feminino en Galicia, de Héctor Pena. Galaxia
O subtítulo da obra: “De Irene González a Vero Boquete” xa nos indica que na historia do fútbol galego practicado entre mulleres hai moito de teima persoal, de decisión individual de superar as limitacións e os preconceptos para achegarse a un deporte sempre identificado cos homes. E, con todo, este desexo creou comunidades que desde a década do 1930 foron creando polos de práctica futbolística (en moitas épocas polos de resistencia) que fraguaron no noso tempo nunha rede vizosa de deportistas que se achegan aos campos desde a infancia.
Magma, de Thora Hjörleifsdottir. Tradución de Elías Portela. Rinoceronte
Novela breve sobre como o amor inflúe na percepción que temos de nós mesmos e daquilo que nos arrodea. Lija conta como coñecer un home que a fascina provoca nela unha necesidade de poñer por diante de todo o triunfo desa relación que considera ideal para ela. Mais pouco a pouco o amor convértese en poder, poder desigual e perverso que acaba por mancala. Esta obra tivo grande éxito cando se publicou orixinariamente en Islandia no 2019.
Perder as bestas, de Manuel Veiga Taboada. Xerais
Unha fronteira indefinida, quizais inexistente; un grupo de gardas civís e militares convertidos en falsos guerrilleiros que asolan o territorio e cometen falcatruadas para que a poboación odie a resistencia. Esas son as coordenadas desta novela na que Veiga Taboada explora as posibilidades do minimalismo expresivo e a vixencia do relato bélico, violento, desde fóra do xénero epopeico. Personaxes inesquecibles e situacións límite que manteñen o lector nese punto entre a fascinación e o arrepío.
Un compromiso co asombro, de Rebecca Elson. Tradución de Estíbaliz Espinosa. Galaxia
A canadense Rebecca Elson era poeta e astrónoma. A súa prematura morte con só 39 anos privounos de ver até onde podería desenvolver a sua curiosidade pola literatura inspirada pola ciencia. Mais deixounos este libro póstumo que agora outra das poetas galegas máis interesadas nesa combinación traduce á nosa lingua. Galaxia publica este libro imprescindible nunha coidada edición bilingüe.
As irmás Bunner, de Edith Wharton. Tradución de Alejandro Tobar. Hugin e Munin
Edith Wharton foi unha das escritoras estadounidenes máis prolíficas e interesantes do seu tempo. Esta novela pertence á súa primeira etapa literaria, antes de ser mundialmente coñecida e recoñecida. Mais os vimbios da súa narrativa xa están presentes nesta historia realista que se fixa en como racha a rutina de dúas humildes irmás comerciantes a irrupción dun reloxeiro alemán. A autora neoiorquina presenta, como é o seu costume, un retrato vívido do seu tempo, dos seus dilemas morais, os seus requisitos sociais e as liñas de fuga da vontade humana, feminina principalmente, cando se presenta a posibilidade da beleza, da felicidade.