BiosBardia

O país dos libros en galego

De Xosé Cermeño a Ann Radcliffe. Dez libros para febreiro do 2026

Xosé Cermeño.

César Lorenzo Gil.

Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.

Vantaxes e inconvenientes de case todo, de Xosé Cermeño. Galaxia

Cermeño é un dos escritores máis heteroxéneos das letras galegas contemporáneas, aínda que se fixo moi famoso por ser o creador da mítica (e sobrevalorada) serie ‘Pratos combinados’. Este libro é unha especie de recompilatorio de reflexións, contos, anécdotas e acontecementos históricos guiados por unha palabra da que todo nace. Este tipo de textos híbridos, fragmentarios e moi subxectivos apenas visitan as nosas letras e é unha gran noticia que poidamos ler un volume así, irregular, como é inevitable cando se reúnen tantos textos, pero que en moitos casos se revela brillante e oportuno.

Inventaria, de Emma Pedreira. Boulevar

“Poesía reunida 1999-2009. Edición bilingüe”. O subtítulo é elocuente sobre o que vai atopar o lector nesta magna obra (550 páxinas) que, na verdade, recompila principalmente dous anos prolíficos de publicación e recoñecemento público da poesía da autora coruñesa. Reúnense os libros Diario bautismal dunha anarquista morta (1999, Premio Johán Carballeira), Grimorio (2000, Premio Eusebio Lorenzo Baleirón), Corpo (2001, Premio Faustino Rey Romero), As posturas do día (2001), Velenarias (2001, Premio Johán Carballeira), O caderno d’amor e velenos (2001, Premio Fermín Bouza Brey), Casa de orfas (2001, Premio Fiz Vergara Vilariño), As adentras (2000, Premio Francisco Añón), Caderno de Lisboa (2010, Premio Manuel Oreste Rodríguez) e Alucinario (2000, Premio Francisco Añón). Unha perfecta ocasión para ter todo por xunto a obra lírica de Pedreira, aínda que se estraña unha edición crítica.

A vinganza de Paquiño Jackson, de Alba Guzmán Falcón. Xerais

Premio Xuventude Crea 2024 de Novela Curta e publicado na colección ‘Redes’. Segunda obra da autora ourensá que gaña este certame e segunda que publica con esta coleección de Xerais. Trátase dunha obra pensada para público xuvenil, sustentada nun humor irreverente e plástico que se finca tanto na cultura popular coma na tradición literaria galega.

O aristócrata Boëtius von Orlamünde, de Ernest Weiß. Tradución de Roberto Rivas Couce. Hugin e Munin

Podemos catalogar esta obra no subxénero de narrativa da ferida da I Guerra Mundial, cultivado con grande acerto en varias literaturas centroeuropeas despois do conflito. Weiß, escritor checo de expresión alemá e relixión xudía, participou dese interese temático con esta obra, que lle segue os pasos a un aristócrata que ten máis liñaxe ca posibles. Na composición do personaxe e as súas circunstancias, o autor opta por un modelo literario esixente, reflexivo e co emprego de recursos que no seu momento o emparentaban cos escritores do seu tempo e espazo.

O loito é esa cousa con plumas, de Max Porter. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte

Esta novela mostra que non todo está escrito nin que a literatura teña só u único camiño para expresarse. Un home con dous fillos enfróntase á perda da súa muller. O dó toma a forma dun corvo, que visita a familia, como unha ameaza emplumada que pon en cuestión todo o seu mundo. Mais alén do orixinal da trama, Max Porter propón unha obra de alta esixencia expresiva que acada alto brillo.

Ser humanos, de Pilar Casal Valiño. Galaxia

Ensaio filosófico divulgativo que reflexiona sobre a “esencia” da humanidade nun momento no que os límites entre intelixencia natural e artificial están en cuestión. A autora propón reenfocar conceptos tales como a creatividade, propriocepción, lingüística e política, para enfrontarnos a estes dilemas que provoca o avance tecnolóxico con garantías e unha visión a longo prazo. Este libro gañou o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2024.

Mamá, de Glòria Vives. Tradución de María Alonso Seisdedos. Embora

“Unha novela gráfica de Glòria Vives sobre esa aventura cotiá que é ser nai”. O subtítulo explica bastante ben de que vai este libro. Non é a primeira vez que unha nai converte en obra de arte a súa experiencia como mamá. A nivel temático, ninguén atopará nada novidoso neste cómic, pero si que a expresividade, síntese e enxeño de Vives fai que pague a pena unirse a ela nesa viaxe íntima e fatigosa.

Lume. Análise social dos incendios forestais, de Elvira Santiago Gómez, Carmen Rodríguez Rodríguez e Ariadna Rodríguez Teijeiro. Xerais

En pouco menos de cen páxinas, as autoras deste libro intentan explicar por que arde boa parte de Galicia cada vez que as temperaturas e o vento o permiten. Algúns dos aspectos analizados son a relación entre o lume e o bosque; como se informa dos incendios na prensa; o imaxinario cultural do lume ou o discurso que sobre os incendios se instala entre a poboación.

O trevo de catro follas, de María Duro Mansilla e Daniel Ugarte. Morgante

María Duro Mansilla morreu no 2022, a consecuencia dun cancro. Deixou un “diario do cancro”, nas súas propias palabras, que o seu marido, Daniel Ugarte, publica agora intercalando nas anotacións de Duro as súas propias reflexións, case coma un editor que intenta facilitarnos a comprensión da experiencia da coautora e tamén contextualizar eses cadernos nunha corrente literaria maior. Este libro, tal e como teñen dito repetidamente os seus promotores, é a orixe do Premio Trevo, que desde o 2025 recoñece a mellor obra narrativa galega do ano anterior.

Os castelos de Athlin e Dunbayne, de Ann Radcliffe. Tradución de María Fe González Fernández. Galaxia

Quizais non sexa esta a principal obra da fundadora da novela gótica británica, pero si que nesta novela xa están os grandes temas dese xénero narrativo: a importancia da identidade auténtica fronte á aparente, a alegoría, a valorización de calidades como o heroísmo, a lealdade, a xustiza… Nas Terras Altas de Escocia, as casas de Athlin e Dunbayne combaten pola primacía. Na súa liorta intervén un personaxe alleo á nobreza que acabará demostrando o seu valor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *