BiosBardia

O país dos libros en galego

De Xosé Monteagudo a Jane Austen. Dez libros para marzo do 2023

Xosé Monteagudo.

César Lorenzo Gil.

Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.

Vémonos mañá, de Xosé Monteagudo. Xerais

Josefina Arruti e Bibiano Osorio-Tafall foron dúas moi importantes personalidades do século XX galego que quizais non teñen a relevancia pública que merecerían polas súas traxectorias. Esta novela nace co obxectivo, nada oculto, de popularizar a súa memoria e divulgar as súas vivencias no convulso tempo da II República, o golpe de Estado do 1936 e o exilio, que posibilitou con todo a proxección internacional destas dúas figuras. A narración é convencional e moi achegada aos feitos reais; unha oportunidade para saber máis do noso pasado recente a través das palabras dun experimentado narrador.

Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872). Facer do século, de Xosé Ramón Veiga. Galaxia

Novo título da colección ‘Grandes biografías’ de Galaxia, unha das poucas iniciativas editoriais galegas dedicadas a un xénero fundamental en calquera cultura. Desta volta a protagonista é unha das figuras máis interesantes da historia contemporánea galega. Juana de Vega foi unha das persoas clave no desenvolvemento do liberalismo en Galicia e a través dela e do seu ámbito é posible describir unha liña firme a través do século XIX: a francesada, o nacemento do constitucionalismo, a reacción de Fernando VII, o pacto liberal ao redor de Isabel II… Mais De Vega tamén foi pioneira na reivindicación da igualdade entre homes e mulleres e nas loitas contra as inxustizas que padecían as clases máis desfavorecidas. Esta vasta biografía súmase a outros traballos que trataron a Juana de Vega nos últimos tempos.

Fútbol contra o Estado, de Gabriel Kuhn. Tradución de Ângelo Pineda. Menino Morreu

A colección ‘Bebel’ recolle textos relacionados co fútbol que serven para contextualizar e ampliar os límites da influencia deste deporte/espectáculo na sociedade moderna. A publicación deste título, orixinalmente publicado no Canadá no 2019, é unha excelente noticia para todos os afeccionados á historia social e á socioloxía. Kuhn analiza determinados mitos como o que indica que o fútbol é un deporte de raíz obreira ou que serviu como catalizador para redirixir impulsos de masas como a violencia ou o descontento social. É un libro interesante cuxa lectura dificulta unha tradución algo heterodoxa.

As aventuras deHuckleberry Finn, de Mark Twain. Tradución de Moisés Barcia. Sushi Books

Un dos grandes clásicos de todos os tempos. Libro considerado idóneo para iniciar os novos na literatura, mais cuxo pouso supera calquera límite de idades. A pesar de ser a segunda parte d’As aventuras de Tom Sawyer, esta novela tomou autonomía de seu e hoxe nin cómpre ter lido a historia primixenia que a enxendrou. Twain condúcenos ao sur dos Estados Unidos para presentarnos, baixo a fasquía dunha novela de aventuras, un relato profundo e colorido dun país que se estaba a construír a ombros da voluptuosidade da natureza, o abuso sobre os débiles e a cegueira por unha prosperidade que cegaba calquera escrúpulo. E todo isto narrado co pulso deses poucos escritores que nunca pasan de moda

Lobos doentes, de Antonio Tizón. Xerais

Cuarta entrega da serie protagonizada polo comisario coruñés Xosé Sánchez Pereiro. Novela policial sen adornos nin innovacións que fará as delicias de quen queira unha historia liñal, contada con artesanía e oficio, e que amais de resolver unha trama criminal, achegue datos históricos (neste caso, todo o que supuxo o atentado de Madrid do 11 de marzo do 2004) e notas cotiás (especialmente as relacionadas co mundo gastronómico).

Unha volta ao mundo, de Joseba Sarrionandia. Ilustracións de Ares. Tradución de Isaac Xubín. Kalandraka

O escritor vasco demostra que todas as historias, incluso as máis coñecidas, como é o caso da volta ao mundo de Magalhães e Elcano, poden contarse doutro xeito. Acompañado das fabulosas ilustracións de Ares, Sarrionandia proponnos unha mestura entre novela dialogada, caderno de reflexións político-sociais e libro de divulgación histórica para coñecer desde outro punto de vista a fazaña das naves que circunvalaron por primeira vez o globo terráqueo no século XVI, en especial a figura de Elcano, distorsionada polo nacionalismo español desde os tempos de Miguel Primo de Rivera. Con moita retranca e unha prosa afiada, o libro dános moita información sobre aspectos pouco coñecidos da carreira das exploracións, o peso do capitalismo na conquista europea.

Crónicas históricas das illas Cíes. De mitos, ermitáns, piratas e mar polo medio. Edición ampliada, de Juan Miguel González-Alemparte Fernández. Morgante

Este libro é algo así como unha enciclopedia do arquipélago das Cíes en só 200 páxinas. O autor aproxímase ás illas dunha maneira total, para que ningún dos seus aspectos xeográficos e históricos fique fóra. A pesar do seu cativo tamaño e a súa dedicación case en exclusiva ao turismo (barco mediante), as Cíes son non só un dos símbolos da ría de Vigo, senón testemuña de moitos acontecementos relevantes. Na Idade Media as illas acolleron eremitorios de monxes que fuxían do mundanal ruído: na Idade Moderna sufriu ataques piratas e a piques estiveron de formar parte dunha ambiciosa fortificación marítima coa que os reis Austrias querían evitar as acometidas inglesas e berberiscas. O libro acompáñase cun bo feixe de fotografías de época que axudan a rescatar a memoria deste espazo tan senlleiro.

O neno perdido, de Thomas Wolfe. Tradución de Ignacio Chao. Hugin e Munin

Esta obra breve (78 páxinas) está considerada unha das grandes obras da literatura estadounidense do século XX. A razón repousa na capacidade do seu autor, Thomas Wolfe, para converter calquera tema ao que atenda nun brillante pulso contra o convencional, contra o esperable nunha obra narrativa. Este libro, que trata a morte do irmán do autor, Grover Wolfe, cando tiña doce anos. As diferentes perspectivas e a potencia dramática do texto en base ao uso barroco da linguaxe non deixan indiferente a ninguén que se achegue a esta noveliña. Xustamente, polo seu tamaño e variedade de recursos literarios, é unha das mellores portas para entrar no orixinalísimo universo de Wolfe, un deses autores que en calquera momento volverán poñerse de moda.

Tac Tac Tac, de varios autores. Xerais

Edición limitada e numerada promovida pola libraría Numax de Santiago baixo a coordinación de Suso de Toro e publicado por Xerais. Cunha fasquía máis de revista literaria clásica ca de libro, este singular proxecto uniu ao redor dunha máquina de escribir mecánica os dedos de Margarita Ledo, Manuel Rivas, Xabier P. Docampo, Marina Mayoral, Susana Sánchez Aríns, Pedro Feixoo, Xavier Queipo e Suso de Toro. O libro recolle os textos manuscritos destes autores e a versión que logo redactaron nunha olivetti na propia Numax. A calidade dos relatos é desigual e este proxecto quedará como unha acertada curiosidade editorial.

Emma, de Jane Austen. Tradución de Moisés Barcia. Rinoceronte

Jane Austen é unha desas autoras que de cando en cando aboian sobre as novidades literarias da época e reclaman o seu quiñón en vendas e atención nas librarías. Arestora vivimos nun deses momentos nos que se atende o legado da inglesa e é boa nova que tamén os seus éxitos planetarios teñan unha versión en galego. Emma é unha das súas obras máis coñecidas e nela se reúnen todos os temas e situacións que deleitan os lectores da novelista de Winchester: o papel da muller nun contexto profundamente patriarcal; a tensión entre a emoción e a razón; a ironía e os enredos que provoca o azar e quizais o destino. Un clásico popular ao que paga a pena meterlle o dente.

One thought on “De Xosé Monteagudo a Jane Austen. Dez libros para marzo do 2023

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *