BiosBardia

O país dos libros en galego

De Xurxo Souto a Nell Leyshon. Dez libros para marzo do 2026

Nell Leyshon.

César Lorenzo Gil.

Esta listaxe baséase unicamente no meu criterio, formulado a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase o primeiro luns de cada mes. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.

A novela do bravú, de Xurxo Souto. Xerais

O que fora líder de Os Diplomáticos de Monte Alto recorda como xurdiu un movemento que foi moito máis alá do musical, o do bravú, que marcou un punto de cambio radical na relación da lingua galega coa sociedade. Capítulos curtos, narrativos, ás veces case como entradas telegráficas dun diario que consegue captar o espírito da época, tanto desde o punto de vista histórico coma do propiamente subxectivo do autor.

Ensaios sobre o efémero, de Vítor Vaqueiro. Galaxia

Malia o título, neste volume hai relatos. Clasificados en tres categorías: Anais, Biografías e Relatorios. Segundo conta o autor no limiar, esta recompilación de 72 textos recolle 31 anos de traballo literario e un desafío a varios niveis, principalmente contra a idea do “efémero”. Textos breves, en moitos casos moi breves (sen chegar ao microrrelato) que en xeral acoden a outros universos previamente construídos, ben pola literatura ou pola historia. Nese diálogo intelectual está o máis interesante deste volume.

Edipo. As fenicias, de Lucio Anneo Séneca. Tradución de Félix A. Boullosa Curra. Rinoceronte

Novo volume da colección ‘Vétera’, que reúne textos clásicos, neste caso dúas obras de teatro da literatura latina. Félix A. Boullosa é tamén autor dunha ampla e nutritiva introdución na que se explica a importancia literaria de Séneca, o panorama da traxedia na tradición romana e o valor das dúas obras que aquí se publican. En Edipo e As fenicias, o cordobés recrea, en dous tempos históricos distintos, o mito do ciclo tebano para mostrar moitas das tensións humanas e políticas do seu propio tempo a través do malfadado home tráxico, que matou o seu pai e acabou casando coa súa propia nai.

Heartstopper 5, de Alice Oseman. Tradución de Nee Barros. Xerais

Penúltimo volume da serie de novela gráfica xuvenil que Xerais está a publicar desde hai meses. Neste caso a acción desenvólvese durante dous meses do segundo ano e outra volta narra diferentes situacións da parella de Nick e Charlie e as súas familias e amizades durante o paso da adolescencia á vida adulta e todas as súas descubertas.

A tolemia, de Narcís Oller. Tradución de Rafa Vilar. Hugin e Munin

V Premio Realia de Tradución Literaria e nova oportunidade para ler un autor de lingua catalá en galego, algo máis exótico do que debería. Oller é un dos clásicos cataláns do tránsito entre o século XIX e XX e esta novela unha das súas obras máis importantes. A pesar de ser unha obra de ficción, hai moitos trazos autobiográficos. O motor da acción é un feito real, a morte dun cliente de Oller, e o personaxe ausente sobre o que xira gran parte da trama, o xeneral Prim, foi moi admirado polo escritor.

Cando marchan as luces, de Amalia Blanco Pose. Galaxia

A escritora de Santa Comba de 19 anos debuta en formato narrativo longo tras obter os premios Minerva e Francisco Añón, en poesía, e o Camilo José Cela, en relato. A novela conta a historia de Lúa, unha moza de dezaseis anos que cae en depresión despois da morte do seu pai. Unha narración intensa, cun estilo informal, por veces apresurado, pero que asume riscos expresivos e capta con acerto as forzas emocionais que someten os seus personaxes.

A casa grande, de Olaia Sendón. Xerais

Finalista do Premio Xerais 2025. A novela parte da morte da nai dos tres irmáns protagonistas, que teñen que xestionar a herdanza, principalmente a casa grande que lle dá título á obra. A volta a ese fogar, agora símbolo do pasado, fai revivir recordos e pantasmas. Narrado con sinxeleza, esta novela costumista lese con agrado.

Cos sinais da auga, de Lourdes Álvarez. Traduce Xavier Rodríguez Baixeras. Kalandraka

Edición bilingüe asturiano-galego dunha das figuras principais do denominado “Surdimientu”, o movemento literario xurdido na década do 1990 e que está servindo para ampliar o repertorio da literatura asturiana. A colección ‘Tambo’ recompila, por primeira vez en lingua galega, parte da obra poética da autora de Mieres, que foi merecedora da maioría dos grandes premios en Asturias. Poesía de gran potencia evocadora, de reivindicación feminista a través dunha ollada lúcida.

Indiana, de George Sand. Tradución de Isabel Soto. Galaxia

Amantine Aurore Dupin escolleu como nome literario George Sand e así é coñecida hoxe. Esta é a súa primeira novela, publicada no 1832 e conta a historia de Indiana, unha fermosa moza obrigada a casar por comenencia cun coronel xa retirado. Mais cando se namora dun encantador e frívolo nobre a súa vida vai cambiar. Outro clásico inesquecible.

Da cor do leite, de Nell Leyshon. Tradución de Estela Villar Nogueira. Rinoceronte

A escritora británica conseguiu un grande éxito con esta novela, publicada orixinalmente no 2012, grazas ao seu punto de vista: o dunha narradora de 15 anos que así que aprende a ler e escribir decide contar a súa historia. O máis interesante da novela é a capacidade da autora para revelar as dificultades de darlles voz ás que non a tiveron e como ese relato desvela un relato de humillación e inxustiza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *