Dedicatorias en libros (e IV)
Xesús González Gómez.
Chegamos ao final desta serie. Fixemos o que non se debe facer. Deixar a cousa boa (neste caso a curiosidade algo morbosa) para o final. Adoita moitas veces facerse así, mais é un erro, porque, neste caso, lector ou lectora poden aburrirse na primeira ou segunda entrega e as outras non seren lidas. É como se deixásemos o marisco para o final nunha comida algo copiosa. Porque para o final deixamos algunhas das dedicatorias estampadas en libros de escritores cataláns e galegos. Aínda que na primeira entrega amosásemos algún exemplo de poeta galego (Ramón Cabanillas) e de poeta catalán (Sebastià Sánchez Juan), aqueles eran simplemente iso, exemplos. Vaiamos, xa que logo, por estas dedicatorias.
Felip Cid foi un poeta e médico catalán, catedrático da Historia da Medicina da Universidade Autónoma de Barcelona e autor de diversos libros sobre medicina. Foi no seu día un dos fundadores da editorial Llibres de Sinera. Nunha carta, datada o 1 de maio de 1966, Basilio Losada informaba a Ramón Piñeiro de que Costa Clavell estaba a argallar «unha escolma bilingüe de poesía galega en dous volumes. Os testos e a introdución traballounos Costa Clavell, e a versión ao catalán é obra de [Felip] Cid» (Do sentimento á conciencia de Galicia, correspondencia entre Basilio Losada e Ramón Piñeiro, Vigo, Editorial Galaxia, 2009, p. 520). Lembremos que no número 15 de Grial (xaneiro-febreiro-marzo 1967), Costa Clavell publicou «Nova do poeta catalán Felip Cid», na que despois dun breve comentario entrega catro poemas en versión bilingüe catalán-galego, tradución realizada por Costa. Os poemas están tirados do, até daquela, único libro de poesía que publicara Felip Cid, Sonetos del Zoo, cun limiar de Salvador Espriu. O libro foi publicado na colección El llibres de l’Óssa Menor, Josep Pedreira Editor, 1963 – editor do que falamos nesta mesma web non hai moito–; é este libro o que comprei non hai moito por 1,80€. Compreino porque levaba dedicatoria, xa que Cid como poeta non me interesa moito. Velaí a dedicatoria: «A l’amic i al poeta Lluís Valeri, del seu devot i afet. F. L. Primavera 1963»
Quen si me interesa, e moito, é Joan Fuster, que ultimamente vén sendo atacado –outra vez–, e menosprezado, por certo nacionalismo español, personificado en Sergio del Molino. Este escritor, que ten moito éxito, nun dos seus libros alcumábao de racista; no último publicado por el até o de agora, Contra la España vacía, non chega a tanto, pero dá a entender aos seus lectores que Fuster viña sendo un intelectual de casino provinciano, a quen ninguén facía caso e que non tiña ningunha importancia, nin política nin literaria, sobre todo política (un pregúntase por que, se non tiña ningunha importancia política, foi atacado por todas as bandas pola prensa valenciana, e, o peor de todos, puxéronlle bombas na casa). A súa insignificancia literaria é correlativa ao que pensa Del Molino da implantación do catalán/valenciano nas escolas ou e medios de comunicación: un erro. Para Del Molino, catalán, galego, vasco, etc., non son máis que idiomas folclóricos –no mal sentido da palabra– inventados por elites intelectuais. Intelectuais de casino provinciano, evidentemente.
Fuster comezou como poeta, e, malia que el mesmo se ría dos seus versos («Creme ti, lector;/ Joan Fuster ódiate/ e por iso escribe este poema un serán de domingo») non era tan mal poeta como pensan algúns. Para unha «situación» de Fuster como poeta é recomendábel a recensión que lle fixo Enric Sòria (excelente poeta, non menos excelente ensaísta e máis que excelente dietarista) a un libro que recollía case toda a obra poética do escritor valenciano: Set llibres de versos (València, 4i4, 1987; a recensión está recollida en Enric Sòria, L’espill de Janus, Barcelona, Proa-ECSA, 2000, p.119-124. Como moi ben di Sòria ao final do seu escrito: «Coa súa escolla [abandonar a poesía polo ensaio, a historia e o artigo xornalístico], o País Valenciano gañou o escritor que ía interpretalo; o ensaio catalán, un mestre lúcido, de grande alcance. As nosas horas irremediabelmente perderon algúns versos de amor diáfanos e talvez sublimes; unhas cantas sátiras espléndidas».
»”Virá a hora de ver dentro dos versos”. Chegou a hora, por fin, de ver dentro dos versos que Joan Fuster escribiu. cando menos estes. Non será inutilmente se é que os len».
De Joan Fuster comprei hai un seis meses un dos seus libros de poemas, o sexto en canto a orde de publicación: Escrit per al silenci, publicado en 1954 pola Institución Alfonso el Magnánimo, da Deputación Provincial de Valencia. A concisa dedicatoria di: «A Miquel Arimany, amb la millor amistat de Joan Fuster. Sueca, 15 gener 54»
Arimany foi un escritor, tradutor (ao catalán e ao castelán), poeta e editor catalán que durante uns corenta anos (dende 1952) entregou mensualmente a revista de cultura e literatura El Pont. O libro, talvez non o acrediten –todo o que levo «contado» nesta serie é real «como la vida misma», e nalgúns casos hai testemuñas–, custoume uns 33 céntimos de euro, xa que o comprei nun posto do Mercat de Sant Antoni que ten un apartado de tres libros un euro (apartado no que aparecen moitas veces libros galegos; ou libros de autores galegos, sobre todo infantís, traducidos ao catalán –uns dos últimos libros de autor galego, ou en galego, que comprei neste posto, neste «apartado» foron a versión catalá de Infamia, de Ledicia Costas e O tatuador de Auschwitz, de Heather Morris, ambos en perfecto estado de conservación).
Para acabarmos cos libros cataláns (teño máis, pero hai que ir acurtando), reproduciremos esta dedicatoria: «A Muriel Casals, presidenta d’Òmnium Cuñltural. amb agraïment per tantes coses i [palabra que non logro descifrar] de l’amistat de Josep Massot. 27 setembre 2012»
O libro en que está escrita esta dedicatoria é Escriptors i erudits contemporanis. Onzena serie, de Josep Massot i Muntaner, publicado no 2012 polas Publicacions de l’Abadia de Montserrat, das que o autor, monxe bieito en tal abadía, é o seu director. Massot i Muntaner ten escrito moitos libros, salientando os dedicados aos escritores e a guerra civil en Mallorca. Muriel Casals (1945-2016), despois de abandonar o PSUC (o denominado partido dos comunistas cataláns), despois de ser presidenta de Òmnim Cultural, foi elixida deputada ao Parlament de Cataluña por Junts pel Sí nas eleccións de setembro do 2015. Era a grande esperanza branca do independentismo, pero o 30 de xaneiro de 2016 foi atropelada por unha bicicleta; como consecuencia do atropelo morreu dúas semanas despois.
E chegamos aos nosos, é dicir, ás escritoras e escritores en galego. Teño bastantes, regaleilles algúns aos seus autores, e outros, como lle dixen a un poeta galego. Para non ferir susceptibilidades, reproduciremos o nome do dedicatario, o texto da dedicatoria e… todo o demais, título do libro, nome de autor ou autora, que o intúan lectores e lectoras.
Dos libros de escritores, sobre todo poetas, galegos que están dedicados e que teño na miña biblioteca, salienta, polo número, os dedicados ao poeta Pere Gimferrer, así que empezaremos por el.
«Para Pere Gimferrer, con toda mi admiración. Sinatura do/a autor/a. A Coruña, 14-V-2016»
O/a mesmo/a poeta dedica outro libro ao poeta catalán. Se o anterior o publicara no ano 1992, este fórao no 2007. Velaí o texto da dedicatoria, nada concisa, como era a anterior:
«Para Pere Gimferrer, que nos enseño a quemarnos en el “fuego esférico” de la palabra que arde, en ese mar inmenso abierto a todo horizonte –para él van estos versos que buscan habitar tierras incógnitas donde el amor es verdadero, donde quizás existe ese “río preciso como el diamante” que él invoca. Con todo mi respeto… sinatura da/o poeta. 14 de maio 2016»
Se a dedicatoria vai na páxina 5, na catro pódese ler nome da/o poeta, enderezo postal, teléfonos fixo e móbil e enderezo electrónico.
Se o/a poeta anterior lle dedicara dous libros a Gimferrer, o/a seguinte, para ser máis, dedicoulle tres. velaí os textos das dedicatorias:
«De (nome da/o poeta) este (título do libro) para Pere Gimferrer. Poeta-amigo admirado, mestre de amor e amigo con el, todo é tempo de tenrura, cun abrazo e un xazmín (sic). Sinatura da/o poeta. A Coruña, 2016, maio»
A dedicatoria do segundo libro di:
«Para Pere Gimferrer querido e admirado poeta con gratitude pola súa sabedoría polos seus poemas e pola súa tenrura. Este (título do libro). De (nome da/o poeta) cun grande e tenro abrazo e un xazmín. Sinatura. A Coruña, 14 de maio 2016»
E a do terceiro é último desta/e poeta reza:
«Este (título do libro) para Pere Gimferrer poeta admirado e mestre estes versos que son a humilde aportación (sic) miña a esta lingua.Con todo afecto. Sinatura do/a poeta. A Coruña 2016. Maio»
Seica acabaran os xasmíns nas florarías da Coruña.
Se alguén chegou até aquí puido decatarse de que as cinco dedicatorias que levamos transcritas están asinadas na Coruña, no mes de maio do 2016, e case todas relacionan o día: o 14. A seguinte dedicatoria explica o por que. Digamos que o/a poeta que a asina esmerouse, porque a escribiu en catalán:
«Per a en Pere Gimferrer, amb agraïment pels dies que he passat amb la seva poesia aquest mes de maig. Sinatura do/a poeta. A Coruña, F. Luís Seoane, 13 de maio de 2016»
Explícanse as datas. Pere Gimferrer debeu estar presente na Coruña en maio do 2016 para participar nalgún acto da Fundación Luís Seoane. De paso arrepañou uns cantos libros de poetas galega/os, que llos dedicaron e que acabou vendendo, pedíndolle ao libreiro que os comprou que non se esquecese de arrincar a paxina da dedicatoria. Cousa, evidentemente, que o libreiro, amigo meu, non fixo. Quedou con moitos libros de poetas españois, latinoamericanos e cataláns, e estes seis, e outro máis do que a continuación transcribiremos a dedicatoria, regaloumos este verán pasado, avisándome de que se aparecían máis, mos regalaría. De momento non lle apareceron novos libros dedicados de poetas galegos.
Velaí a transcrición da dedicatoria prometida no parágrafo anterior.
«(Título do libro) Tamén a sombra arrecende a fogo agochado, amigo Pere Gimferrer, poeta de palabra acendida. Cunha aperta. Nome do/a poeta. Madrid,10 de setembro 2009»
Cando menos este libro o poeta catalán non o arrepañou na colleita da Coruña, senón anos antes en Madrid; durante unha das súas viaxes para participar nunha sesión da Real Academia Española de la Lengua, da que é membro electo? Ou ao mellor a algún acto propagandístico do grupo para o cal traballou toda a súa vida (Planeta). Ou, quen sabe, a dar unha conferencia. Esperemos, para ben de todos, que non fose para dar un recital.
Para acabarmos, porque isto xa se está facendo demasiado longo, aí van tres dedicatorias.
A primeira de Xoán Manuel Casado a Ramón Clemente Fernández (se buscades o seu nome en Galiciana, aparecerá moito, tanto en La Noche, coma en El Progreso nos anos 1960; e tamén aparece en La Voz de Galicia e Faro de Vigo nos anos 1970, e parte dos 1980, comentando todo acto referido a Galicia realizado en Barcelona), que vai no libro Antigo Futuro (Barcelona,Ed. Sotelo Blanco, 1986). Van os nomes –excepción neste apartado– porque, infelizmente, ambos faleceron… o mesmo ano (2002). Ambos vivían en Barcelona e coñecíanse dende había moitos anos. No seu poema «Crónica persoal», recollido en Xoán Manuel Casado, Crónica persoal. Poesía completa (1973-2002), Santiago de Compostela, Pen Club/ Danu, 2006, pódese ler: «Máis de letras estaban por eiquí:/ Xavier Costa Clavell (a súa casa/ é o último bar aberto da cidade/ decían os que andaban de barandas),/ Pepiño Costa, Margarita Ledo,/ Ramón Clemente, Xosé Lois… A banda/ de escritores galegos era longa:/ uns por dotados e os demais por crápulas». O libro regaloumo o libreiro que o tiña. O regalo, entre outros libros galegos, foi porque lle comprara á viúva de Ramón Clemente a súa biblioteca, unha excelente biblioteca galega e, tamén, máis de douscentos libros sobre Valle-Inclán. O libreiro non sabía que prezo pórlles aos libros galegos e pediume consello. Fun á súa libraría e axudeino a marcalos. Estaba entre aqueles libros o primeiro de Xoán Manuel Casado (Rexistro de menores espantos), do que fixera unha auto-edición para os amigos, así que por curiosidade abrino e vin a dedicatoria a Ramón Clemente: foi así como souben que morrera: había anos que lle perdera a pista, pois deixara de ir pola Galería Sargadelos, onde o vira as ultimas veces. Velaí a dedicatoria:
«A Ramón Clemente, en recordo dos anos de amistade e desde a fraternidade galega. X. M. Casado»
A penúltima dedicatoria que transcribimos é a seguinte:
«(Título do libro). A Conchi García en recuerdo y reconocimiento de su poesía y de su amistad, con amor y sin muerte. Un verso, un beso, un abrazo. Sinatura do/a poeta»
E a última:
«A Roberto Romero, cunha aperta do seu novo amigo. Eduardo Blanco Amor. Feira do libro 1975 – Vigo»
Libro comprado pouco antes do inicio da pandemia nunha libraría solidaria por un euro.
Aínda quedan nos meus estantes máis libros galegos dedicados polos seus autores a poetas e escritores e, sobre todo –pola cantidade– a persoas descoñecidas para min e supoño que para a maioría de lectores e lectoras, pero non para o autor ou autora da dedicatoria. Aviso tamén de que deixei sen transcribir dúas dedicatorias a Pere Gimferrer: unha de poeta; outra dun colectivo de poetas. Pola cantidade de libros galegos dedicados a Gimferrer, talvez sexa certo ese apuntamento que fixo Xoán Manuel Casado no seu Diario de entretempo, correspondente ao mes de setembro de 1977, e que se publicou no boletín ciclostilado O Pote, nº 10, outubro do devandito ano: «Conforme acreditadas clasificacións, os escritores galegos divídense en rurais e urbanizables, rumorosos e españoleiros, coruñistas e viguistas, constantinizados e carvalhizados, etílicos e dipsómanos, logorreicos e ágrafos. Eu, que teño deles a visión que me deixan nas súas visitas a Barcelona, uso dunha clasificación propia: os que van de putas e os que van a Gimferrer.»
E para acabarmos dunha vez por todas, unha dedicatoria duns amigos a outros amigos, dedicatoria posta en Álvaro Cunqueiro, A cocina galega (Galaxia. Biblioteca básica da cultura galega), libro atopado nun punto verde o mes de novembro de 2021:
Nesta vida ha pouco praceres, nos temos moita sorte, podemos disfrutar de dous, amigos que cocinhan coma anxes. Esperem poder gaudir durant molt de temps des dos plaers a l’hora. Asinan : o texto galego un home (Xoan); o catalán unha muller (Llum).