Dedicatorias en libros (I)
Xesús González Gómez.
Hoxe falarei dos libros dedicados que teño na miña biblioteca. Perdón, non falarei sobre os libros dedicados (é dicir, dedicatorias autógrafas, libros que os autores dedican a amigos, lectores, outros escritores, lectores, etc.) que obran no meu poder, simplemente, transcribirei os seus títulos e o que rezan as dedicatorias escritas nos volumes. Teño bastantes. Tamén obran no meu poder outros que non están dedicados polo autor ou autora, senón por un amigo a outro amigo ou a unha amiga, ou por unha amiga a outra amiga ou a un amigo. Ás veces por namoradas aos seus namorados e viceversa. Dado que estes libros se compraron a moi baixo prezo, ou foron atopados nun «punto verde» (lugares do Concello de Barcelona onde os cidadáns e cidadás poden deixar «desperdicios» reciclábeis: pilas, ordenadores mortos, teléfonos móbeis ídem, radiografías, roupa, toda clase electrodomésticos menores e libros: os libros pódense coller gratuitamente), continúoos a gardar; ás veces mesmo cando eses libros non teñen para min moito interese. Nos «puntos verdes» teño encontrado libros en diversos idiomas, á parte do catalán e o castelán: francés, portugués, italiano, galego, hainos noutras linguas, pero como nesas non leo… e libros interesantes. E mesmo libros que acabarán de saír non había moito tempo e cun prezo de venda en libraría máis que estimábel. Ou, ás veces, primeiras edicións (La colmena, de Cela, edición de Emecé, por exemplo) ou edicións raras: manuais de «toreo» publicados a mediados do XIX, ou a carta dun cura navarro enviada a Fernando VII na que avisaba ao rei dos males do «liberalismo», publicada, se mal non lembro, no 1827 (este libro-folleto e os dous sobre «toreo» vendinllos a un libreiro de vello. Os libros tiñan o ex-libris do marqués de Güell). E, como avancei, teño atopado libros galegos, algúns dedicados polo autor. Algún destes libros galegos dedicados envieillos a un poeta galego amigo. Outros quedei con eles, dende hai uns dous anos recollo todo canto libro dedicado encontro nestes puntos verdes. Nas librarías de vello, ou no Mercat de Sant Antoni tamén compro libros dedicados, sempre e cando non superen o prezo de dous euros, a non ser que o libro me interese en si.
Digamos que moitos dos libros dedicados que se poden encontrar nas librarías están á venda porque o propietario/dedicatario morreu e os seus herdeiros vendéronos. Outras veces o dedicatario desfíxose dos libros, maiormente vendéndoos a un libreiro de vello, e como que os libreiros de vello queren os libros «íntegros», e se é posíbel en bo estado, non lle arrincaron a páxina da «dedicatoria». Normalmente, cando se compra un libro nunha libraría de vello e lle falta unha das primeiras páxinas, pódese sospeitar, con razón, que o libro estaba dedicado.
O primeiro libro de que vou falar compreino hai xa moitos anos, cando aínda existían as pesetas (custou cen). Se non lembro mal, debeu ser no 1998, pode que no 1999, non máis tarde. Trátase do libro de poemas A rosa de cen follas, de Ramón Cabanillas, publicado no 1927 en Mondariz Balneario. O libro ten esta dedicatoria autógrafa: «A D. Luis Pericot con fonda devoción», asinado polo autor con letra clara, de funcionario municipal. Supoño que se trata do historiador e arqueólogo de tal nome que foi catedrático na Universidade de Santiago do 1925 ao 1927, colaborou con Cuevillas, etcétera.
Outro destes libros dedicados que ocupa un lugar na miña biblioteca é a antoloxía do poeta catalán Sebastià Sánchez-Juan, Prismes. O volume, que leva un prólogo do poeta e tradutor Josep Lleonart, acabouse de imprimir, segundo reza o colofón, na imprenta La Renaixença de Barcelona, o 12 de xaneiro do 1939, polo que debe ser un dos derradeiros libros publicados na Barcelona republicana, xa que as tropas franquistas entraron en Barcelona o 26. Supomos, polo tanto, que o libro non foi distribuído, aínda que se puidese comprar posteriormente «baixo man», malia ser Sánchez Juan un dos que se pasou con armas e bagaxes ao franquismo. Eu encontrei un exemplar deste libro nun «Punto verde». O libro está dedicado ao excelente novelista, máis que presentábel poeta, excelso tradutor, grande articulista, intelixente crítico teatral, memorábel memorialista (valla o xogo de palabras) e case sempre mediocre (fóra de El café de la Marina e algunha outra peza) autor teatral de grande éxito, Josep Maria de Sagarra. Como chegou este libro a un punto verde? Vaian saber vostedes. A dedicatoria di exactamente: «Al Sr. Josep Maria de Sagarra, amb una estreta cordial./ J. Sánchez Juan. 14 nov. 1950»
No 1972, Sánchez Juan deu ao prelo, nas Ediciones Peñíscola, de Barcelona, un opúsculo titulado Versiones líricas. Alemanes, franceses, italianos, ruso, portugueses, gallegos, japoneses, catalanes, latín. Os poetas galegos traducidos (cun poema cada un) foron os seguintes: Rosalía de Castro: «Vaguedad»; Álvaro de las Casas: «Canción de cuna»; Antronio Noriega Varela: «Ahora es una especie de álamo»; Euxenio Montes: «Vuelve para la aldea la vacada…»; Augusto Casas: «Cantad»; Álvaro Cunqueiro: «Cantiga nova»; Aquilino Iglesia Álvariño: «Oración del sapo»; Manuel Casado Nieto: «El anhelo»; Celso Emilio Ferreiro: «Historia de una mujer», e Conrado San Martín: «Zaralalá de Arzúa» –este foi cronista e membro da coral Cantigas e Agarimos.
Outra das curiosidades, curiosidade que demostra que os libros gozan dunha «mobilidade» case que insospeitábel, é a novela, en francés, L’embellie, traducida do islandés, xa que a súa autora é Auður Ava Ólaesdóttir, e publicada polas parisienses Éditions Zulma no 2012. O libro atopeino nun «punto verde» situado nun dos barrios máis turísticos da Cidade Condal. A dedicatoria, en francés, reza así: «Reikjavik, 05-09.2012 / Pour Isabelle, bien sincerement», e sinatura da autora. De autora tamén islandesa cobre un pequeno lugar na miña biblioteca a novela Sé quien eres, de Yrsa Sigurðardóttir, publicada na colección policial Roja y Negra de Random House Mondadori no 2015. A dedicatoria é a seguinte: «4th feb. 2015./ To Marta, Thank you for wonderful day in Barcelona & for joining me for the occasional cigarette. Made me fell less of a dinosaur. Yrsa». Como non sei inglés e a letra é un pouco enguedellada, non sei se transcribín correctamente.
Entre os libros de autores que non teñen pasaporte español descansan na biblioteca dous portugueses: Gramática grega, de José Augusto Seabra, publicado pola Nova Renascença no 1985. O libro compreino pouco antes do verán pasado por un euro, no Mercat de Sant Antoni. Velaí a dedicatoria: «A Pierre Dubrumquez, cette “Grammaire” portugaise et grecque [e dúas palabras que non logro descifrar]./ Trés cordialmente. José Augusto Seabra, Paris, 1988». O outro libro portugués é Antologia do conto abominável, selecção e notas de Aníbal Fernandes, prefácio de Vitor Silva Tavarés, publicado por Edições Afrodite, 1969: «Ao António Barahona da Fonseca: nele o Amigo, o Poeta (e no presente caso ainda mais interessa o que à musa abjecta rende elegias), com un abraço do Aníbal
Fernandes. Lisboa, 10/9/1970». Aníbal Fernandes é un dos grandes tradutores portugueses. Antonio Barahona, poeta da segunda constelación surrealista portuguesa, até que en 1975 se converteu ao Islam, usando o nome de Muhammed Rashid. O libro comprárao en Lisboa hai xa moitos anos.
O seguinte non é de autor portugués, senón romanés nacionalizado francés: Poemas, de Tristan Tzara, traducción, selección y prólogo de Fernando Millán, publicado en 1969 por Alberto Corazón Editor, na colección de poesía Visor, que logo se independizou da editorial mencionada, que acabou desaparecendo. Non ten o autor, como dixemos, nada que ver con Portugal, mais a dedicatoria do tradutor é a seguinte, toda en minúsculas: «para e. m. de melo e castro como recuerdo de unos días de amistad y alegría. fernando millán. md. 30/10/70». Como chegou este libro á libraría Muntaner, de Barcelona, hoxe desaparecida, sita na rúa de Aribau, onde o comprei nos anos oitenta?
E para acabarmos por hoxe vaiamos a unha dedicatoria que non é do autor do libro, senón dunha lectora/compradora a unha amiga. A «dedicatoria», ou o «envío», di o seguinte:
«Rosa B. C. M., /Bs. Aires, 1957.
A mi buena amiga Pilar, gustosa de la Poesía (por momentos) este pequeño presente en recuerdo de la “piba”.
Este libro directo de los Buenos Aires para tus momentos de meditación y tu dedo en la oreja». (Non hai sinatura)
O libro enviado é Titanes de la poesía, publicado en Buenos Aires, en 1956, por Ediciones Anaconda. É unha recompilación de poemas de cincuenta e sete poetas (57). De algúns poetas recóllense un só poema: caso de Baudelaire, Verlaine, Goethe, Valle-Inclán, Unamuno, Lope de Vega, Marqués de Santillana, Jorge Manrique, José de Espronceda, Joan Maragall, Giosué Carducci, ou Sor Juana Inés de la Cruz, entre outros. Entre os que se recollen dous poemas están os nomes de Fernán Silva Valdés, Heine, Fray Luis de León, Pablo Neruda, E. A. Poe, etc. Con tres temos os nomes de García Lorca, Gutiérrez Nájera ou Salvador Rueda. Con catro: J. R. Jiménez, Leopoldo Lugones, Alfonsina Storni, Baldomero Fernández Moreno, Herrera y Reissing e Gustavo Adolfo Bécquer. Con cinco: Almafuerte (Pedro B. Palacios), Antonio Machado, Gabriela Mistral… Con seis poemas: Evaristo Carriego e Delmira Agostini. Con sete: Manuel Machado, Rubén Darío e Juana de Ibarbourou. Con oito: El viejo Pancho (José Alfono Trelles), poeta uruguaio nacido en Mondoñedo; e con nove Amado Nervo.
Escólmanse tamén nomes como S. y J. Álvarez Quintero (l poema); Vital Aza (2), M. R. Blanco Belmonte (2); Miguel A. Camino (3); Arturo Capdevila (1); Campoamor (1); Antonio Casero (2); Emilio Carrere (2); Luis Chamizo (3), Gabriel y Galán (5); Antonio Lamberti (1); Eduardo Marquina (1); Juan de Dios Peza (1), Felipe Sassone (1), Francis Jammes (1), Antonio Lamberti (1) ou Francisco Villaespesa (2), entre outros. Pola cantidade e os nomes, como se pode comprobar, titáns algúns, outros non chegan a xigantes, algún xusto de talla media e moitos de estatura case a ras do chan. Outra «curiosidade» da «antoloxía» é que dos cincuenta e sete poetas escollidos, só hai seis mulleres: Santa Teresa de Jesús (1), Juana de Ibarbourou (7), Gabriela Mistral (5), Delmira Agustini (6), Alfonsina Storni (4) e Sor Juana Inés de la Cruz (1); é dicir, un escaso 11%. Polo que respecta aos poemas, escólmanse un total de 168; as mulleres están representadas con 24, o que quere dicir case un 15% do total.