BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Deiche ollos e miraches as tebras’, mitoloxía doméstica

Irene Solà. IGNASI ROVIRO.

César Lorenzo Gil.

Marabilla ver o pulo e diversidade da literatura catalá actual. Quizais non gañen moitos premios do Ministerio de Cultura español, pero a potencia e o risco de moitas das súas propostas é innegable.

Unha desas voces é a de Irene Solà (Malla, 1990), da que en galego podemos ler Canto eu e a montaña baila (Kalandraka) e esta outra: Deiche ollos e miraches as tebras, traducida con brillantez por María Alonso Seisdedos. Resumindo moito, podemos definir esta novela como un compendio de mitoloxía doméstica.

A través do espazo da masía Clavell e das vidas das súas habitantes (hai homes nesta cosmogonía, pero aparecen a través da ollada feminina), a autora vai compondo algo así como unha historia infinita onde o marabilloso e o cotián se cinxen nun baile harmónico que supera todos os contrarios: pasado/presente/futuro; real/soñado; imaxinado/vivido… É o pulso da narración o que mantén a novela sempre en pé, sempre intensa, sempre fonte de beleza expresiva e de evocación.

Gabriel García Márquez quixo titular La casa a súa Cien años de soledad e esta Deiche ollos e miraches as tebras bebe desa tradición de entender o espazo máis íntimo como núcleo no que ferve o corazón da literatura. Unha grande historia pode nacer á calor da cociña. Solà recréase nos labores caseños, deléitase na rutina, na artesanía que contén unha receita ou agocha a habelencia coa agulla. Pero non se conforma só con iso. Toma os silencios mecánicos como momentos óptimos para a lembranza e a imaxinación. Para dotar de épica a memoria familiar, para relacionar o propio, o cativo, co alleo, co universal.

Esta novela conta unha historia de Catalunya a base de pequenas teselas, inconexas, incompletas, que o lector debe recolocar (ao seu xeito, sen obrigas porque este non é un manual nin unha tese) se quere atopar o eco de violencia, inxustiza e ilusión que caracteriza calquera construción dun pobo. Unha historia dun pobo contada desde as voces baixas e femininas, pero sen caer no panfleto ou na haxiografía.

O que máis chama a atención da novela é a gran capacidade da autora para pasar do evidente ao marabilloso a través dun dominio prodixioso do rexistro. Solà, coma quen dirixe unha poderosa orquestra, vai subindo e baixando o peso de cada instrumento expresivo sen necesidade de grandes artificios na estrutura; máis ben todo o contrario, a través da naturalidade, cicelando cada parágrafo para que esas variacións, ás veces moi pronunciadas, nos cheguen mansiñas coma se estivésemos asistindo a unha especie de conversa fascinante e alucinada. E o máis destacado, mantendo sempre o equilibrio entre a beleza da súa linguaxe literaria e a adecuación á cosmovisión das súas personaxes. Amais das fontes orais, nótase que a escritora se empapou do imaxinario literario popular, especialmente os textos relixiosos.

Moitas veces dise que o poder dunha obra de ficción acaba por delatarse se os seus personaxes e acontecementos nos acompañan unha vez rematada e asentada a lectura. Velaquí un caso destes. Determinadas escenas e protagonistas pairan sobre a conciencia do lector e seguen provocando faíscas moito tempo despois.

Para moitos especialistas, o noso tempo literario, tras a idade dourada da autoficción, xa está a ser dominado polo relato mítico. Un novo xiro de rosca á literatura posmoderna (que quizais a sepulte), non para ridiculizar os grandes relatos que esculpiron a cultura occidental (e outras) nos primeiros milenios, senón para atopar certa comuñón entre as eras teolóxica e democrática, seguindo a clasificación de Harold Bloom. Irene Solà achégase deste xeito a Mircea Cartarescu, por exemplo. Curioso que ambos sexan claros herdeiros do realismo máxico latinoamericano e, quizais inconscientemente, dese gume de fascinio que atravesa todos os tempos e os concentra nun só que tan ben forxou Álvaro Cunqueiro.

♦ Deiche ollos e miraches as tebras, de Irene Solà. Tradución de María Alonso Seisdedos. Kalandraka, 2023. 200 páxinas. ♠17€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *