‘Deixádenos remar’, monólogos de cartón
César Lorenzo Gil.
Deixádenos remar, de Ana Cabaleiro, foi finalista do Premio Xerais 2020, un recoñecemento “extraoficial” que a editora só concede ás veces, sen que quede claro en que condicións unha obra pode adquirir ese status. Xerais dálles rango de novelas finalistas ao grupo de obras que concitan maior interese para o xurado e sobre as que supostamente se debate na última deliberación, mais eses mecanoscritos non conservan ese carimbo, necesariamente, cando a editorial decide publicalas. Perdeu Deixádenos remar nunha hipotética votación final fronte a Coidadora, a gañadora do certame? É o máis probable.
Deixádenos remar está construída dun xeito coral, a través principalmente de monólogos de personaxes non nomeados que conviven nun barrio periférico dunha pequena cidade na que se acaba de construír unha urbanización de chalés acaroados. A chegada dos primeiros habitantes desas vivendas supón un cambio nas rutinas dos demais veciños e xera ou exhuma conflitos, pantasmas e dores.
A serie de monólogos na que se sustenta a obra ten máis a ver co primeiro Suso de Toro ca con James Joyce. O monólogo interior é unha das técnicas literarias máis complexas: un todo ou nada, no que cando non se consegue que funcione, como ocorre nesta novela, o resultado global queda de vez eivado.
En Deixádenos remar non hai dominio, xa non das técnicas narrativas, senón tan sequera da mecánica básica da redacción. As subordinadas atragóanse, sucédense as rimas internas e cada parágrafo está a pedir repouso e corrección.
Poderíase apelar ao rexistro de oralidade que a autora pretendeu darlle ao texto; un fluxo de conciencia libre e enredado, caótico e superador das regras da comunicación formal. Pero non serve ese argumento. A “oralidade” desta obra resúmese nun adubo sinxelo de castelanismos populares e algúns bordóns expresivos moi evidentes. O resto é cartón-pedra; unha voz, a da autora, remedando outras voces, as das personaxes (incluída unha parede de tixolos que pensa), que pairan polas páxinas inertes, repetitivas e bastante vulgares. Todo sobre os alicerces dunha linguaxe eminentemente burocrática.
O monólogo ao estilo De Toro esixe un achegamento ao íntimo dos pensamentos, unha ruptura dos tabús da linguaxe pública e unha graza que precisou moita lima para chegar a ser espontánea. Neste libro iso non está por ningunha parte.
En definitiva, Deixádenos remar é narrativa xuvenil, circunstancial, allea á literatura. Non hai rastro de poética, mais tampouco o libro propón unha lectura sociolóxica ou didáctica. Só costumismo tópico vernizado de ideoloxismo benpensante.
Está ben, no entanto, recomendar a lectura de Caixón desastre, Polaroid, Land Rover e Tic-Tac, de Suso de Toro, todas publicadas por Xerais.
♦ Deixádenos remar, de Ana Cabaleiro. Xerais, 2021. 152 páxinas. ♠17,50€