BiosBardia

O país dos libros en galego

Descontos ilegais e outras malas prácticas no mercado de libros nos centros de ensino

Biblioteca escolar.

César Lorenzo Gil.

O 5 de novembro, os pais e nais que teñen os fillos no curso de 6º de Primaria do colexio Padre Feixoo de Allariz recibían esta nota do seu director: “Proposta do Plan Lector. O Plan Lector do colexio propón para o alumnado de 6º de Primaria, como lectura obrigatoria no primeiro trimestre, o libro “O Misterio de Portomarín”. En relación con esta lectura está programada a presenza da autora Antía Yáñez Rodríguez á biblioteca do centro o día 27 de novembro. O custe do libro é de 10,50€ ao levar un desconto do 15% por ser adquirido directamente á editorial. O alumnado recibirá este libro no colexio”. A editorial que publicou o libro en cuestión é Galaxia.

Esta nota é unha das poucas probas documentais que sae á luz dunha práctica irregular que non é anecdótica nos centros de ensino galegos. “Nós desde aquí vemos moitas cousas e temos falado desto moito nas actividades de formación nas que que participo”, di Cristina Novoa, asesora técnica docente en bibliotecas escolares da Consellaría de Educación, unha das persoas que máis saben da relación entre ensino e lectura. “Sempre lles lembro aos centros que deben mercar, preferentemente, nas librarías da zona e que non deben caer inocentemente nas prácticas, a veces agresivas, dalgunhas editoriais galegas e foráneas. Téñennos chegado noticia de descontos de até o 50% pero non lembro ben de que editora se trataba, só che podo dicir que puxen a caldo ao centro que mo comentaba”, recorda.

A lei é clara en canto ao prezo do libro. Agás nos casos de libro descatalogado ou de segunda man, o seu prezo é fixo. Pódense aplicar descontos na venda a bibliotecas, tamén no caso de bibliotecas escolares, do 15%. É dicir, un centro de ensino pode comprarlle, a unha editorial, distribuidora ou libraría, un libro cun prezo do 15% sempre que sexa para uso da biblioteca. En calquera caso, os centros de ensino non poden vender libros, con ou sen desconto, por non contaren con licenza comercial. “Isto pasa de cando en vez. Non damos creto a que os centros non saiban que eles non poden vender libros!”, subliña Cristina Novoa. “En canto aparece publicada no DOG a resolución do PLAMBE [que lles permite aos centros adquirir fondos para a súa biblioteca], as editoras (todas) poñen a circular os comerciais polos centros adiante. Seguen existindo as prácticas de enviar caixas con fondos aos centros para facilitar a selección e a adquisición; non sei que desconto levan exactamente, pero levan. Seguen existindo as ofertas de “ti subscríbeste ás novidades e eu póñoche un contacontos” e que comezan a aparecer outras prácticas para nós máis “perigosas”. Segue existindo algún “comercial”, é que non sei como chamalo, que recolle fondos de editores e vai polos centros unha vez ao ano para ofrecer lotes en oferta”, comenta Novoa.

“Os descontos que se aplican son eses e moitos máis”, conta un veterano libreiro que prefire non identificarse. “E non só descontos. Durante décadas no ámbito do libro de texto varias editoriais, especialmente as vinculadas con empresas eclesiásticas, conseguían que os centros puxesen libros seus no plan de estudos a base de regalías. Ti cómprame os libros e eu converto ese cuarto lóbrego que tes aí na sala de audiovisuais, con televisión, vídeo e cadea musical. Estouche falando dunha época na que eses aparellos custaban centos de miles de pesetas (dous ou tres mil euros). O que non sabía era que Galaxia adoptase estas prácticas e menos cos libros de lectura recomendada”, recoñece. “Tradicionalmente é no ensino privado onde se dan máis acotío estas malas prácticas. O colexio recomenda libros da editorial relixiosa da orde á que pertence, os libros véndense (con desconto) no propio centro. Isto hoxe estendeuse a todo o material. Desde os cadernos e os bolígrafos aos uniformes. Máis que colexios son “economatos” de material escolar”, afirma.

Galaxia, unha vez denunciada a práctica do colexio Padre Feixoo, pediu desculpas e advertiu á dirección do centro de que non podía nin comercializar nin facer ese desconto. “Foi un erro”, explica Fernando Fernández, comercial da editorial viguesa. “O director incidiu nas dificultades dos pais para comprar o libro e fixemos este acordo por axudalos un pouco. A situación das familias hoxe é moi complicada. Os pais protestan polo prezo dos libros. Hai que negociar euro por euro porque o equlibrio é moi precario”. Fernández explica que en efecto hai un labor comercial moi activo nos centros. “Precisámonos mutuamente. Colexios e institutos necesitan asesoramento porque hai moitas novidades que se lles escapan. Non poden estar a todo. Ademais saben do valor educativo das visitas de autores e autoras. Iso nós facilitámosllo. Non só melloramos a calidade das nosas coleccións de lecturas para público infantil e xuvenil senón que llelas presentamos aos docentes por obxectivos didácticos e mantemos viva unha rede de conversas con aqueles que crean. Ese é o mellor xeito de fomento da lectura”.

Así funciona o sistema

Máis alá de descontos ilegais ou prácticas irregulares entre os docentes e os comerciais das editoriais para conseguir beneficios mutuos a conta das librarías ou das familias que teñen que comprar libros de lectura recomendada ou de texto, o sistema de vendas nos centros do ensino é un piar fundamental na precaria industria editorial galega. O libro galego apenas se vende en librarías. As cifras oficiais sitúan as vendas de libro galego en torno ao 10% do total de facturación das librarías. As cifras son máis baixas se o restrinximos só ao libro para adultos ou excluímos da ecuación o libro recomendado. Os best-sellers actuais do mercado galego son aqueles de lectura recomendada (en realidade é obrigatoria salvo excepcións) en colexios e institutos. Só cómpre ver o número de reimpresións de cada colección para concluír que aquelas pensadas para público infantil e xuvenil son as que máis veces pasan pola imprenta e que acaban coincidindo a lista de máis vendidos coa que publican, por exemplo as bibliotecas escolares, de libros máis lidos nos clubs de lectura no ensino

O modelo é sinxelo. Os comerciais das editoriais visitan os centros de ensino e pactan cos responsables da biblioteca que se recomendan algúns dos seus títulos a cambio visitará o colexio ou instituto a autora do libro para facer unha presentación ou conversar co alumnado. Eis o caso denunciado en Allariz. O colexio escolle un determinado título para ler porque vai visitar o centro a autora. “En moitos casos xuntamos alumnado de varios centros para rendibilizar a visita”, conta Fernando Fernández. Amais de visitas de autores, as editoras tamén ofrecen espectáculos teatrais, contacontos ou de música.

Nota informativa aos pais da dirección do colexio Padre Feixoo de Allariz.

“As visitas que fago aos centros case sempre as paga Galaxia”, explica o escritor Antonio Riveiro Coello. “Normalmente, no meu caso, é o profesorado o que decide e escolle un libro meu e despois ponse en contacto coa editorial para me levar. Evidentemente, as condicións da editorial para levar o autor deben de ser que poñan o libro nun curso completo para que lles compense economicamente. Algunhas veces chámanme directamente e xa coordino cos centros e con Galaxia para facermos a visita. Hai anos pagábase máis, pero tamén eran outros tempos e outras condicións para o libro. Lembro, por exemplo, un roteiro que fixeramos nos primeiros anos dos 2000 coas Rulas de Bakunin e, daquela, todos os alumnos mercaban o libro e tíñasllelos que asinar. Hoxe visitas o instituto e ves poucos libros nas mans do alumnado. Coido que é porque as bibliotecas dos centros mercan unha ducia e tres ou catro libros máis que lles regala a editorial, e son poucos os libros que se venden. Pasa o mesmo en moitos clubs de lectura, que se nutren dos libros de bibliotecas, que mesmo se pasan unhas ás outras para diferentes clubs. Por iso, véndense moitos menos libros e as visitas redúcense máis, porque non lle compensa nin a editorial nin aos autores, cando imos pola nosa conta. Supoño que na primaria e nos primeiros curso da ESO a compra debe de ser maior”.

“Eu son quen factura as visitas, que sempre son remuneradas”, di a escritora Ledicia Costas, unha das máis solicitadas para participar en actividades co alumnado nos centros de ensino. “Non fago presentacións nos centros, fago encontros arredor de libros que foron traballados previamente polo alumnado. Os centros fan a solicitude a través das distintas editoriais ou das Administracións Públicas. A escolla dos centros faina o equipo comercial da editorial, en función de criterios internos e doutros que eu mesma establezo. Un deles, e para min o mais importante, é que exista verdadeiro interese en que visite o centro en cuestión e que o encontro non sexa un trámite”. Os pagamentos, di Costas, corren a cargo da súa editora, no seu caso Xerais, ou a través de convenios públicos, especificamente a través do Ministerio de Educación.

“Este sistema prexudica as editoras pequenas”, comenta un editor cunha década de experiencia no sector e con libros susceptibles de entrar nos plans de ensino no seu catálogo. “Xerais e Galaxia; Rodeira, Tambre, Oqueleo… teñen capacidade comercial para convencer os docentes de que poña os seus libros no plan de estudo co engado da visita dun autor. Para moitos docentes é unha comodidade que as editoriais lles fagan o plan. Así non teñen nin que ler.”

“Algo falla se nun instituto os que máis saben de libros son os comerciais das editoras. E iso pasa. Os profesores –todos, non só os de Lingua ou Literatura– teñen que ler máis. O normal sería que un mestre puidese explicarlles aos seus alumnos por que a saga de “Crepúsculo” non é literatura e o Drácula, de Bram Stoker si”, opinaba o finado escritor e mestre Xabier P. Docampo nunha entrevista do 2014 para Biosbardia.

Apoio ás librarías… cando pechan

“Estas prácticas comerciais amais de ilegais amosan a hipocrisía de determinadas editoriais”, di Carlos Airas, copropietario das librarías Punto e Coma (situadas en Ourense e Carballo) e Aira das Letras e Maruxairas (ambas en Allariz). “O Día das Librarías ben que publican bos desexos e gaban o labor libreiro. Pero ao final parece que o principal apoio que dan é laiarse cando pechan”,

Se o mercado do ensino é fundamental para as editoriais galegas, o mesmo sucede coas librarías, especialmente nos núcleos de poboación máis pequenos, onde a libraría en moitos casos é case un “supermercado” escolar onde o libro recomendado ocupa un gran protagonismo. “Quizais en tempos foi máis así pero a tendencia actual do mercado vai por outro lado”, analiza Airas. “A marxe de beneficio do libro de texto é moi baixa e ademais como nese sector si se permite o prezo libre, os pequenos establecementos teñen a guerra perdida fronte aos centros comerciais e á venda en liña. En realidade, as librarías que venden libro de texto fano máis por daren un servizo ao cliente e fidelizar as súas compras que polo gaño directo. Un posible retorno podería darse co libro galego vendido no ensino, cuxa marxe anda ao redor do 30% (fronte ao 20-25 do texto). Se nese ámbito non se respecta a libraría e se opera desde fóra, talvez o libreiro acabe pensando que non lle compensa, daquela, pór no escaparate libro galego. Porque sexamos sinceros, a maioría das librarías promove o libro galego por convicción, non porque lle resulte economicamente”.

Cristina Novoa engade outro punto de vista. “Ás veces os centros non poden contar coas librarías. Quéixanse de que as librarías, cando existen, no ámbito rural, non teñen novidades, non conseguen os materiais que lles interesan; é un tema de distribución, obviamente, pero tamén do perfil das librerías das vilas, cando existen como tales, e do seu poder de adquisición porque se unha libraría quere ter volume de títulos ten que facer un investimento e contar cunha liquidez que nin sempre alcanza”.

Novoa recalca que en moitos casos falta unha actitude proactiva por parte das librarías. “Cómpren máis libreiros que percorran os centros do mundo rural, previo acordo, coas súas caixas de libros, para amosarlles novidades e realicen seleccións temáticas en función dos proxectos nos que estea embarcado o centro. Ou librerías que oferten un pequeno desconto aos lectores dos clubs de lectura do instituto da zona, que algún exemplo houbo. Librerías especializadas en cómic, por exemplo, que realicen seleccións de títulos por idades lectoras, e as oferten aos centros como información. Librarías que ofrezan visitas guiadas e pequenas charlas, que dean soporte a prácticas de formación dos lectores dentro das súas instalacións. Son fundamentalmente as librarías das cidades as que están facendo estas funcións, de forma gratuíta e con moito esforzo. Nas vilas quizais se ve menos”.

Carlos Airas responde. “Non discuto que pase iso pero non é o caso de Allariz. Ofrecín en moitas ocasións unha colaboración continua coa dirección do colexio Padre Feixoo. Na planificación de actividades, na visita de autores, no asesoramento… O problema é que o sistema de relacionamento entre profesorado e librarías depende moito das persoas que están ao cargo das responsabilidades sobre lectura. Talvez fose bo organizar un modelo no que as librarías participasen como elo principal na cadea do mercado do libro en Galicia”.

“Avogo pola necesidade de fortalecer unha rede de bibliotecas e de editoras que lle dean soporte ao libro galego e apoio ao desenvolvemento da sociedade lectora en galego que precisamos”, recomenda Novoa.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *