BiosBardia

O país dos libros en galego

Despois de arder. Capítulo 1

Auga. HILARY HALLIWELL/PEXELS

Rosa Sánchez.

A Santiña de Vilaseca

Aínda non tocaba, pensou Mariluz cando aparcou o coche e abriu o maleteiro. Pero tiña a necesidade de ir naquel día a aquel lugar.

Alí, desde que a súa amiga Frolinda lla recomendara, cada venres repetía o ritual de visitar a Fonte da Santiña. Non podía ter o seu acuario sen esa auga que mantiña os peixiños de cores alegres e sans.

Mentres o vermiño transparente que caía dun saínte das rochas enchía a garrafa, gozaba da frescura do bosque, oasis naquel abafante setembro que parecía querer levar o mundo ao inferno. O seu ollar perdíase na multitude de verdes. Acariciaba o musgo que medraba frondoso a carón do manancial, pechaba os ollos querendo empaparse da súa humidade. Deixaba os pulsos somerxidos na pequena presa coa que as pedras amarraban o líquido, e gozaba da friaxe natural que botaba en falta.

Estar alí era escapar do espazo, do tempo e de si mesma. Os seus pensamentos moentes cesaban e a ansiedade acougaba. Por iso, non lle encargaba a tarefa a ninguén. Sorría e deixaba que a paz a envolvese entre as cores dun outono que se achegaba tímido e regañando os dentes a un verán que non quería deixarlle o seu tempo. 

Dúas semanas antes celebrárase a romaría da Santiña. Os veciños prepararan un xantar comunitario cun becerro da cooperativa. Percorrían en procesión a fonda congostra que unía o atrio co cruceiro da aldea. Alí continuaban os aparellos que precisaran, mesmo o xerador de electricidade dos músicos. 

Aínda conservaban o ritual da Poxa dos Rellos. Quen tiña algo que agradecer ou pedir, agasallaba a santa cunha corda nova. Pola contra, quen quería conseguir o cabestro tiña que participar na oferta do prezo máis vantaxoso. O premio era ese amuleto para os momentos críticos dos animais domésticos. Non había vaca en Vilaseca que se enfrontase ao momento de parir sen a corda da Santiña ao pescozo.

Outra cerimonia do día da festa era a de bendicir un cofre cheo de terra posto na entrada da ermida. Os fieis tomaban un puñado e ciscábano nas súas leiras para asegurar as boas colleitas. 

Ás veces, atopábase cunha estraña muller. Ese día non era unha excepción. Alí estaba, cun sacho, facendo regos que repartían a auga da fonte. Mariluz achegouse a saudala:

—Ola, señora Isaura! Como anda?

—Ola, Mariluz! Xa vexo que segues coidando os teus peixes, aínda que sería mellor que os ceibases. Ti tamén deberías beber desa auga —soltou cun amplo sorriso—. É a da Santiña e ela é a patroa do vivo e do inerte. Vós diriades que é agrónoma e veterinaria, non si?

—Que está facendo?

—Estouno preparando todo para o que está por vir. Estase adiantando e teño pouco tempo —Fixo un descanso, apoiou as mans xuntas no sacho e recuperou a sobriedade  cos ollos cravados nos da súa interlocutora.

Antes de que Mariluz puidese reaccionar, Isaura púxose a sachar e cortou en seco a conversa. Sabía que non debía insistir. 

Naquel día tiña unha encomenda antes de ir para a casa. A súa amiga Frolinda estábaa esperando no Casarío dos Agar en Vilaseca.

—Non sabes a ilusión que me fai ir contigo á cidade! Preciso unha peli de gargalladas! —exclamou unha vez abrochado o cinto.

O seu tránsito veuse interrompido por un dispositivo das forzas de seguridade. Desviaban os vehículos por unha estrada secundaria. Cando pararon, unha axente achegóuselles:

—Boa tarde. Hai un incendio e o fume dificulta a visibilidade neste vía. Conduzan con coidado e estean atentas aos informativos.

—Nós imos a Santiago e esperamos volver dentro dunhas catro horas. Será posible?

—Estímase a evolución das lapas cara ao sur, oeste, e non afectaría a esta estrada secundaria. Pero, de todas as formas, estean atentas.

O imprevisto foi seguido dun silencio que as mentes das viaxeiras aproveitaron para voar aos seus particulares mundos.

Frolinda escribiu un whatsapp no grupo «Familia»: «Estou con Mariluz. Imos ao cine a Santiago. Conduce ela. Hai incendios e desviáronnos. Bicos». Os fillos, que xa se atopaban nas súas respectivas universidades, tardaron en contestar. Do marido, Xurxo, recibiu unha mensaxe en privado: «Tende coidado. Eu vou chegar tarde». O sogro, co seu toque de humor, respondeu: «Tranquila, o comandante ten todo baixo control no casarío. Pasádeo ben». 

Mariluz era solteira e vivía desde había algún tempo nunha casa arrendada cerca de Vilaseca. Chegara ata alí pola súa profesión de mestra. De cando en vez recibía a visita dos pais e do irmán, casado e con dous pequenos trasnos que alegraban toda a familia.

Vertía toda a súa enerxía no traballo. Ía máis alá dos programas oficiais na súa clase de Coñecemento do Medio, o que lle tiña carrexado máis dun problema coas autoridades educativas. Animaba o seu alumnado a participar en concursos, facía nacer neles o espírito critico e era raro que o seu CEIP non recibise algún galardón durante o curso por mor do seu labor. 

Esa dedicación axudáballe a lidar coa ansiedade perpetua, que se instalaba no seu peito en forma de nó e enchía a súa mente de ruído. 

Este tema dos incendios tamén a abrasaba nestes días. Por iso quixo pasar pola fonte. Aquel lugar amansaba a fera triste que levaba dentro.

—E dime, Frolinda, como levas o da túa baixa? Como te encontras?

—Sigo igual e boto de menos o meu traballo. Fanme probas e probas e non teñen diagnóstico. Non saben a que se deben as miñas lagoas mentais, a repentina perda de orientación en calquera lugar —respondeu, agradecida pola interrupción dos pensamentos que a estaban levando as ausencias do seu consorte—. Mesmo estou cambiando os meus hábitos. Por exemplo, cando conduzo, poño sempre o navegador. No supermercado e noutros espazos públicos, fíxome nos letreiros de saída e nas sinalizacións interiores. E, na casa, guíome polas voces, pola luz e mesmo polos olores —rematou a frase e atendeu a unha chamada entrante.

—Ciao, Frolinda. Necesito parlare novamente con te. Estás en el periódico?

—Ciao, Alexander —identificou rapidamente o interlocutor a pesar de que a súa presbicia lle impedira ler o nome no móbil—. Síntoo. Estou de baixa. Pero podo derivalo a outro compañeiro.

—Entonces, se il disturbo non llo impide, possiamo tomar un café no Parador. Estarei por aí la próxima settimana. É qualcosa que prefiro parlare con te.

—Ben. Agora non podo confirmarllo. Cando chegue a Galicia chámeme e concretamos.

Ante a mirada curiosa da condutora, explicoulle con quen falara. Tratábase do director de comunicación de Complexo Atlantis, Alexander Neris, ao que entrevistara no seu labor de periodista tras a instalación dunha filial da empresa na zona. Era un home de cor ben parecido, que non pasara desapercibido ante as súas compañeiras de redacción.

Lume

Xurxo abandonou o seu despacho de director da única oficina bancaria do municipio. Estaba inquedo. Aínda non recibira a confirmación do encontro que mantiña un día á semana con aquela muller que lle roubaba a razón desde principios de verán. Faltaba un día, pero precisaba matar a incerteza.

Buscou unha canción. Elixiu Fuego de Juanes e enviouna por WhatsApp. A resposta non se fixo esperar, en forma de foto suxestiva.

Ao outro lado estaba Marta, recentemente chegada a zona como técnica en Complexo Atlantis. Coñecéraa na Cachola de San Xoán, á que acudira con algúns empresarios que lla presentaran. As lumaradas, a queimada, aquel vestido branco atrevido que deixaba ver unha pel brillante e bronceada… enfeitizárono. A paixón enredounos nas súas lapas, que seguían avivando con encontros esporádicos no chalé que ela tiña na praia.

Os veciños xa empezaran a rumorear sobre a presenza do coche de Xurxo nesa vivenda. E as linguas mal intencionadas aseguráranse de facerlle chegar o recado á súa muller, quen, envolta en prudencia, gardou a información e non lle comentou nada á familia nin ao esposo. Unha empregada do banco preguntáralle descaradamente sobre iso no supermercado.

Co seu ego cheo, coma un pavo real, o director meteuse no coche. As noticias falaban do avance dos incendios en toda Galicia, motivados, dicían, pola onda de calor, a seca e o forte vento do nordés. Engadíanse alusións aos pirómanos, a algunha que outra detención e aos discursos de políticos que espallaban as culpas. Isto fixo que desviase os seus pensamentos ás propiedades da familia, amplas extensións de pinos e eucaliptos, pasto fácil dese lume.

De todas as formas, nos seus case cincuenta anos de vida, nunca chegaran as lapas á aldea de Vilaseca. Entre o traballo dos veciños e a confabulación da meteoroloxía, esquiváranse en repetidas ocasións.

Recibido polo seu pai, que lle manifestou a súa preocupación pola viaxe de Frolinda e o desvío na estrada, correu a sentar fronte ao televisor. O que se vía era devastador. Un montón de focos de lume en todas as provincias, cortes de comunicacións e de subministros, fauna acurralada, equipos de extinción exhaustos, o presidente da Xunta solicitándolle axuda ao Exército… era o que todas as cadeas reflectían. As imaxes de satélite deixaban ver as manchas negras que avanzaban desde o nordeste cara ao suroeste.

15 thoughts on “Despois de arder. Capítulo 1

  1. Paréceme un acerto enmarcar a novela en plena vaga de lumes, dalle un plus de personalidade, independentemente da importancia que vaia ter logo na historia (está claro que o lume, en xeral, si que vai ter protagonismo).

    Semella que vai ser unha novela que salta dunha personaxe a outra. Será a (des)amorosa a trama principal? Sospeito que vai haber algo mais, relacionado coa empresa esta do alexander. Como en todas as demais, pouco mais podo dicir. Todas as novelas teñen virtudes e tamen cousas a aclarar ou a desenvolver, desafíos que afrontar.

    A única queixa que teño é sobre o narrador, non me encaixa ben a sua actitude, as cousas nas que se fixa. Penso que un pouco mais neutro quedaria mellor. Refírome por exemplo a cando conta as bondades da prota como profesora. Está como moi implicado.

      1. bueno, ten en conta que ó ser primeiros capitulos dunha obra maior as recomendacions poden estar basadas en preconceptos errados, ou en prexuizos propios. Cando comezo unha novela nova para unha critica ou un informe sempre tento non sacar conclusion ningunha ata pasar da paxina 20, para darlle ó autor/a ese espazo para mostrar o que quixo mostrar. A veces iso é un só capitulo, a veces son ata 5. Neste torneo toca falar si ou si tras ler cada capitulo e eu sempre vou tender a analizar os textos dunha forma determinada, moi tecnica talvez, pero tamen moi persoal, e espero que a ninguen lle pareza mal. En xeral paréceme que o torneo vai moi ben, coa pega da parte que falta de Carlos Vega e a sua Hidra. Agardemos que reapareza a tempo.

  2. Gústame o capítulo, especialmente porque se agradece moito que aparezan os incendios, creo que a literatura ten que falar do que nos preocupa, do que está pasando. As descricións son case poéticas, como “O seu ollar perdíase na multitude de verdes”.
    Como capítulo inical, gústame porque queda establecido o conflito entre Frolinda e o seu home, xa desde o inicio: pinta ben.
    Por suxerir algunha mellora, “Era un home de cor ben parecido que non pasara desapercibido ante as súas compañeiras de redacción”: suprimindo “de cor” levaría a mesma información, máis adiante na novela pódense dar máis datos sobre a súa apariencia física. (se ten pelo, gafas, altura, o que sexa). Quizais fala máis adiante na novela, pasa ao primeiro plano e vémolo con máis detalle. Quedaría máis misterioso, penso eu, se no primeiro capítulo non temos moitos detalles e só sabemos que fala italiano.

    1. Grazas, Mercedes. As valoracións positivas levantan o ánimo e, aclaro, co do home de color quixen darlle ao territorio o seu toque internacional. 🙂

  3. Debo dicir que a descrición inicial deste proxecto non acabara de me atraer, mais a posta en práctica convenceume bastante máis. Un detalle que talvez sexa menor, mais que explica en gran medida as miñas impresións positivas, é a aparición dos grupos de Whatsapp: este tipo de interaccións son constantes na nosa vida cotiá contemporánea, mais sempre fican fóra de foco nas novelas realistas galegas, especialmente naquelas que tratan temas de actualidade. A aparición das novas (non tan novas) tecnoloxías nun contexto rural dota por si mesma dun interese novo o tema tratado.

    Estou intrigado por como se articulará a cuestión dos incendios nunha trama que parece de personaxes e destinada a abranxir un treito temporal longo. De momento non podo dicir moito máis: apenas intriga.

    Non me acabou de convencer o final do capítulo, talvez porque -intúo- o capítulo realmente acaba antes, mais incorpora parte do seguinte para adaptarse ao formato do torneo. O resultado é un final non sei se dicir anticlimático, mais si un pouco arbitrario, no sentido de que podería levar un parágrafo máis ou un parágrafo menos e non mudaría nada. Unha cuestión menor, con certeza.

    1. Grazas, Pablo. Teño en conta todo o que comentades. Espero que o segundo capítulo aclare a evolución da trama incendiaria… ou aínda non.

  4. Gustoume este capítulo, e paréceme moi acertada a decisión de ter o lume como tema porque nunca lin nada parecido maís ca reportaxes, pero non en novela. Parabéns pola eleción.
    Tamén me gustan moitos o diálogos, e penson que se insertan de xeito natural, especialmente o italiano, que lle da cor e orixinalidade ao escrito.
    Estou agardando a saber por que hai un cambio na narración, e se salta dunha personaxe a outra; quizáis bifonía? Teño ganas de ler máis.

    1. Graciñas, Sofía. A valoración positiva da temática e dos diálogos alédame. Eu non veño do mundo da literatura e pode que leve os meus “vicios” á escritura creativa. Estou aprendendo moitísimo léndovos e cos vosos comentarios.

  5. O punto de partida no capítulo 1 presentamos a unha parella onde xa queda claro que un deles é infiel, o home , e onde ela pode que xa o sexa, aínda que parece que non, pero que existe unha piccola tentazione en forma de guapo italiano, o tema da raza non me parece importante.
    Tamén abre moitos posíbeis camiños de continuación os incendios, porque permitiría unha novela de supervivencia, cando parece que a infidelidade vai ser un dos motores da narrativa. Posiblemente estea equivocado, ou non.

    O que si é certo é que o capítulo presenta correctamente os alicerces dun principio de obra, se a autora os segue ou decide tirar con eles soamente o tempo o dirá.

    Algúns diálogos do principio parécenme pouco claros, polo de agora, podería comezar sen problemas coa presentación da fonte, o comezo da viaxe en coche e a consulta ao grupo de WhatsApp. Tamén penso que a presentación do home é un pouco sucinta, centrándose directamente na infidelidade e sen aportar apenas información sobre a personaxe. Pero o mesmo que noutros casos, desexaría poder ler os 3 ou 4 primeiros capítulos de golpe para situarme como lector ante as novelas. Pero ninguén dixo que isto sería doado.

  6. Primeiro de todo, desculpade polos comentarios que me faltaban sobre a buciña, tiven unha semana un pouco complicada e non quería tampouco facer uns comentarios a todo correr só por metelos en prazo, sendo ademais non eliminatorios por agora.

    Sorprendeume moito este comezo para “Despois de arder”, interesante. Non me esperaba unha novela polifónica, de narrador seguindo a personaxes distintos, pero se o pensamos ten todo o xeito do mundo para un proxecto como este de Biosbardia. É un recurso moi propio na novela folletinesca do XIX, que tamén ía por entregas, e funciona moi ben deixando ocos de tempo entre os episodios, aínda que hoxe tamén se emprega moito en novelas que reviven ese espírito, penso en cousas como Xogos de Tronos. Sobre isto, teño curiosidade por se a autora seguirá facendo esta estrutura bípeda de dúas mini entradas por episodio, ou se se atreverá a dedica episodios enteiros a cada personaxes. Tamén me gustaría que apostase polo formato e aparecesen outros personaxes en foco, para facela coral. Mais iso xa o veremos.

    Tamén me gustou deste episodio o ton e a sintaxe, formal pero non recargada, lixeiro pero non simplón. Penso que afai ben a achega un tanto de estilo romántico que ten o capítulo, como de novela lixeira onde poden aparecer temas importantes como polisóns. Gústame esa referencia, e tamén preferiría que a autora abrazase e non o intentase desbotar ou camuflar.

    Neste sentido do estilo, porén, penso que habería que facer un pouco esforzo por distinguir un pouco máis narrador e personaxes, nos diálogos. En xeral todo o diálogo de Frolinda cando fala da súa baixa e enfermidade parece que o di o narrador, non unha amiga a outra, con construccións tipo: “espazos públicos, fíxome nos letreiros de saída e nas sinalizacións interiores”. Son frases que o narrador por estilo si pode empregar, pero en boca directa da personaxe, parecen forzadas. Coidado con iso.

    Como comentaba Pablo, pareceume interesante o tema de introducir a conversa de Whatsapp. Non me parece mal resolto, e aprecio sobre todo un intento de metelo. Penso que intentar e probar a introducir este tipo de dinámicas coversacionais e un pouco unha proba-erro colectiva que temos que ensaiar, e canto máis probemos mellor nos sairá e aceptaremos nas ficcións. (Como nota, isto mesmo pasou tamén no cinema, con representacións visuais desas conversas, por se vos interesa, deixo un video sobre o tema https://www.youtube.com/watch?v=uFfq2zblGXw&ab_channel=EveryFrameaPainting).

    Outro punto que penso paga a pena comentar é o tema da descrición dos costumes. Entendo que por quen é a personaxe isto pode ser pretendido, pero coido que hai que ter coidado en non introducir estes elementos na novela como se fosen artefactos de antropólogo, curiosidades que se observan e non realidades que se viven. Penso que pasa un pouco neste capítulo, pero tamén dependerá o xuízo sobre este asunto en como siga.

    Teño curiosidade polas personaxes e penso que funciona ben como primeiro episodio, abrindo conflitos e co incendio de fondo, ameazante.

    1. Graciñas, Guillermo. Unha amplísima análise que che agradezo enormemente. Mellor que tardaras. E xa vin ese video sobre como incorporar as mensaxes de dispositivos. Xa se ve que non é doado.

  7. Esta novela paréceme moi actual, porque a autora escribe sobre unha das principais problemáticas que sufre o rural durante o verán, o lume, integrando, dunha forma moi natural e nada forzada, ás tecnoloxías, ás infidelidades, ás razas, os ritos, a natureza, etc.

    Considero que non é nada doado integrar toda esa temática en tan poucas liñas, e manter o interese do lector/a sobre a historia.

    Personalmente, teño intriga por saber sobre a historia de amor desleal e gustaríame que Frolinda nos sorprendera e non ocupara o típico papel de esposa “floreiro”.

    A ver con que máis nos sorprende esta escritora nos próximos capítulos!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *