BiosBardia

O país dos libros en galego

Despois de arder. Capítulo 2

Incendio. MATT HOWARD/UNSPLASH.

Rosa Sánchez.

Desvelo

A pesar de que as clases se suspenderan, as sabas non foron quen de amarrar a Mariluz. E non eran os sobriños, que chegarían antes das oito, a causa de abandonar o leito tan cedo.

Levaba varias noites soñando sobre o mesmo. Quixera comentarllo á súa amiga no paseo do día anterior. Pasárano tan ben coa película e as conversas, que non atopara o momento.

Mentres preparaba o café ía repasando a viaxe onírica. Devecía por saber quen era aquela muller de costas que desaparecía na fonte da Santiña e reaparecía alta e esvelta, mais de auga! Transparente. A contorna era algo diferente á que ela coñecía, atopábase nunha carballeira inmensa. Aquel ser estendíalle as mans e deixáballe caer algo mollado nas súas. Era un libro. Ao abrilo viu dentro unha corda enriba de terra. A corda enroscouse amorosamente nela. Non lle dera medo, mais ben se sentía parte da enerxía de fertilidade daquel espazo. A terra caeu no chan e o libro desvaneceuse, pero estaba. Dos pés da mestra empezaron a saír raíces que se cravaban na terra fresca. Ao mesmo tempo, os seus brazos íanse volvendo ramas, que se multiplicaban e botaban follas na procura do sol. Todo devagar. Moi devagar. Días e noites. Luz e escuridade. As estacións. Frío e calor. Os anos pasaban lentos. Nunca sentira tal plenitude, tal amor á vida, tal sensación de benestar.

Xa co almorzo diante, seguiu esmigallando as novidades da última noite de vivencias con Morfeo. Trataba de entender a comunicación do bosque e os berros de auxilio que lle chegaban polo solo e polo aire. Ela, convertida en árbore, sentía a dor, as chagas, o medo dos seus conxéneres que se enfrontaban ás lapas. Esa angustia espertouna e acompañábaa.

Un pouco máis tarde chamou a Frolinda. “Vinde para a nosa casa, ti e os teus sobriños. Temos os cuartos dos rapaces libres. Non pasedes isto sós”, invitouna. Así foi que ao mediodía o Casarío dos Agar tiña tres habitantes máis.

Negrura

Mentres, coma decote, Xurxo aterraba no día cunha parada no bar do Cruce, o único que estaba aberto ás sete da mañá. Co cebo do bo café acompañado de pincho caseiro, enchíase cos madrugadores da bisbarra.  Naquela xornada, o lume rebotaba da televisión á barra e percorría as mesas:

—Los incendios se cobran tres nuevas víctimas. Un motobombista que quedó atrapado entre las llamas por un giro del viento….

—Cala! Case poderías tar falando de min! —tronou un home corpulento que acababa de entrar, dirixíndose ao televisor.

—Que che pasou, Guillerme? —Xurxo amosou a súa preocupación.

—Ía co camión cargado de eucaliptos pa Pontevedra e, sen saber como, vinme dentro dunha fumarada negra. Meu home…. era coma unha néboa espesa espesa espesa. Pero negra!!! —Levaba as mans á cabeza—. Podíase cortar cun coitelo.  Parecía un trapo endemoñado que nos envolvía.

—Que acojone, macho! —soltou o taberneiro.

—Pensei que non volvía ver os meus. Acendín as antinéboa, pero… nada. Era como se a luz se desfixese naquela mala sombra. 

Joder, tío, e como saíches dela? —preguntaron desde a barra.

—Pedinlle á Santiña que me valese! Estou seguro de que foi ela a que me alumeou. Acordeime do navegador. Arrinquei amodo, tocando a bucina e, nuns minutos que pareceron unha eternidade, vin a claridade. 

—E hoxe non teremos reforzos? —resoaba nunha mesa onde os uniformes delataban a profesión dos alí sentados—. Non podemos traballar así, sen descanso, sen axuda aérea….

—Los incendios de sexta generación crean vientos erráticos que les posibilita propagarse en direcciones, velocidades y sentidos imprevisibles…

—Aí falaches! O que nos ensinaron nos cursos de brigadistas non serve para nada. O monte hai que coidalo todo o ano! —O enfado impregnaba o ambiente.

—E o clima! Coidalo en todo o mundo!

—E que non nos boten a culpa á paisanaxe! Isto xa o fan para que marchemos e malvendamos o que temos —seguían,  mentres o marido de Frolinda abandonaba o bar.

No medio da mañá, o director recibiu unha mensaxe: “Hoxe é xoves. Non me esquezo”.  Era Marta. Antes de pensar a contestación, a chamada do seu pai levouno á aldea. O lume avanzaba cara a ela. Os veciños estábanse organizando, mollándoo todo coas cisternas que ían encher á praia. Xa non había corrente. O patriarca manifestou a súa preocupación polas casas, os animais e o monte. “Todo o que temos está aquí”, sentenciou. 

Xurxo tranquilizouno e abandonou o traballo. Polo camiño contactou con varios coñecidos. Quería conseguir efectivos para frear as lapas que avanzaban cara á súa xente.

As horas facíanse espesas. Sen subministro eléctrico, os vellos transistores foron os encargados de contar as novas. Pola emisora local, que emitía unha programación especial, puideron saber que as vías estaban cortadas e que xa era moi difícil a evacuación das aldeas atrapadas entre as linguas dos incendios.

Os veciños xuntáronse no cruceiro, mentres vían coma o ceo escurecía, tapado coas cinzas en suspensión e o fume empurrado polo vento do nordés. A negrura ía cubrindo o teito da aldea e desaparecía a confianza no traballo preventivo realizado. Imploraban a Santiña e aforraban as baterías dos seus móbiles.

Pola tarde abriron as portas das cortes, dos galiñeiros e dos alpendres, mais os animais permaneceron achegados aos seus humanos, os seus coidadores, os seus guías. A sorte de todos ía ser a mesma.

Á escuridade e á comechume dos ollos sumóuselles o ruído. O forte vento, os carabullos voando, as árbores que se queimaban ao lonxe e a propia tose ante o aire intoxicado, fornecían o medo.

A tensión ocasionada por todo ese balbordo levou a Frolinda a outra das súas crises. Non sabía onde se atopaba. Pero os demais tampouco. As referencias desapareceran na escuridade e no son do inferno que xa quitaba o alento.

Mariluz correu xunto dela: 

—Escoitas? A campá está soando. Non será que a Santiña quere que vaiamos alá?

A aludida reaccionou cando as mans da amiga lle colleron as súas con forza:

—Si… si… Escoito —Moveu forte a cabeza—. Creo que a miña doenza vai servir de algo. Preciso da vosa axuda —Referíase tamén aos nenos—. Collede o Rello da Santiña, está detrás da porta da entrada. Imos a onde está a xente. Ti, Mariluz, dáme a man. Necesito esa enerxía túa.

—Ti podes, Frolinda. Eu axúdoche. Sabes o que tes que facer: escoitar, ulir, saborear o aire e sentir. Temos que ir á ermida. A Santiña estanos chamando. 

—Por favor, agarrádevos todos ao cabestro bendito que traen os nenos —ordenou ao chegar á asemblea. 

A xornalista persignouse, fixo un chocurrei no aire e colleu alento dando unha volta sobre si mesma. Agarrou a man de Mariluz e soltouna cun grito:

—Aah! Desde cando sentes esto?

—Desde esta noite. Aprétaseme o corazón con tanto sufrimento. 

Concentrouse e procesou as percepcións. Un atisbo de osíxeno, unhas follas movéndose, un chisco de frescura, un leve arrecendo a nébodas, un misterioso “ven” desde o outeiro… 

—Si, o camiño está por aí —Frolinda non dubidou. Volveu agarrar a man de Mariluz e sentiu unha remota confirmación de que estaba no certo.

A esas alturas xa non podían ter os ollos abertos e apenas quedaba aire para respirar entre a capa negra que sepultaba a aldea e o chan. 

E así comezou a peculiar procesión. Todos agarrados á longa corda, medio anicados para coller alento, uns detrás dos outros, coas dúas mulleres e os nenos á cabeza, e Xurxo no final, vixiando que ninguén se perdese. Alá ían, coma náufragos amarrados a un pau á deriva nun mar que se volvera descoñecido, sen puntos cardinais. 

Os animais acompañábanos de cerca. As vacas levaban os fociños pegados á terra. O mesmo facían os porcos e as ovellas. As galiñas cacarexaban dándose sinais unhas a outras. Os cans e os gatos pegábanse aos das súas casas. E mesmo os ratos dos cortellos os seguían agochados.

Así ían. Frolinda guiábase polo alento fresco que emanaba do camiño da procesión, fondo, cuberto coas ramas dos carballos regados coa auga que baixaba da fonte. Todos se decataron cando o enfiaron. Xa podían respirar e erguerse. Pouco quedaba para chegar ao bosque que rodeaba a ermida. Atrás quedaba Vilaseca, envolta nunha negrura mortífera á que non poderían sobrevivir media hora máis.

Mentres tanto, dous estudantes, ao abrigo das cidades que os acollían, seguían os informativos que daban conta do avance dos incendios na Costa da Morte. Os fillos de Xurxo e Frolinda, desesperados por saber dos seus, comunicábanse entre eles e buscaban nas imaxes de satélite a localización da súa aldea. 

Rescaldo

De costas ás novas, unha muller esperaba o seu amante nunha bañeira con vistas a un mar que naquel día non reflectía a lúa. Saboreaba unha copa de viño e gozaba da auga cálida, co anhelo duns praceres que se atrasaban.

Entregada ao triunfo da súa carreira, Marta non deixara espazo para o amor. A onde ía, buscaba a alguén que non a comprometese. Por iso, os homes casados adoitaban estar na súa diana. Non lle resultaba difícil seducilos. O que querían era un pouco de chispa na súa vida e saír das responsabilidades do cotián. “Fágolles un favor”, repetía para expiar as súas culpas, cando alguén se atrevía a xulgala. 

Pero, en verdade, non lle importaba o que sucedera na vida deses homes que ían formando parte do seu harén. Convertérase nunha mestra da manipulación e sabía enganchalos para sempre. Ningún se desprendía das súas redes antes de que ela o decidise. E cando o facía, cortaba radicalmente a comunicación, sen dar explicación. Non se despedía. Deixaba as portas abertas, dicía, para volver cando lle petase. Sempre estaban dispoñibles.

7 thoughts on “Despois de arder. Capítulo 2

  1. Rosa, coa túa narración fasme volver o pasado…a esa unión dos nosos pobos aínda na máis profunda negrura do fume!!. Teño ganas de ir a visitar a esa Santiña, tan venerada por ese pobo que lle servía para luchar!!!. A miña máis sincera noraboa a esta escritora, Rosa Sánchez, que está resurgindo sin eu saber o que tiñas oculto. Encántanme as túas historias. Adiante,a seguir…conseguirás o teu fin!!. Un abrazo

  2. Está moi ben descrita a tensión do incendio preto das casas e os seus efectos nos habitantes cercados polo lume. No único que costa entrar é nese punto mistico da santiña que rodea a Frolinda. Esa ringleira de xente e animais que van cara a ermida para porse a salvo costame velo como un acto de fe cega e non como o mais razonable polas caracteristicas topograficas da zona. É como se o narrador (ou narradora) narrase desde unha aceptacion previa de que “aqui as cousas son asi”, unha aceptacion que o lector ten que adquirir por si mesmo pouco a pouco. Por exemplo, a min viriame ben que algun dos da procesion se sorprendese do comportamento dos animais, pero non contei con ese apoio. Enton, se a xente non se sorprende dios, quere dicir que en Vilaseca os animais son asi? Non o teño claro, non sei se debo estar sorprendido ou non.
    Con respecto ó ultimo capitulo, vino un pouco tópico con respecto á amante colecionista de homes tantas veces retratada (por narradores masculinos). Gustariame vela retratada desde unha perspectiva mais intima e real, mais propia dela e non da vision externa inculcada desde unha descripcion “tradicional”. Ademais normalmente este tipo de comportamentos soa indicar mais dependencia e inseguridades que o contrario. Pero pode que non sexa isto o que a autora quere mostrar de Marta, por outras razons. haberá que ver como continua a historia.

  3. Coincido con Lois no de que tamén me gustaría que se describira á amante con menos frialdade, por exemplo cando se fala das “redes”, caer nas redes. Pola contra gústame moitísimo cando di “non se deixaba tempo para o amor, paréceme fermoso.
    Tamén me gustan moito as descricións da xente cando falan do lume, cando están na taberna, cando escoitan a televisión e está en castelán… paréceme moi logrado, cunha literalidade que se consegue moi moi ben.

    Teño ganas de seguir lendo máis e ver como se desenvolve o da Santiña con Frolinda porque parece sacado dunha película de misterio, como un eco que se escoita por tras….

  4. Gustáronme do capítulo os diálogos da taberna e a descrición do terrible que é un incendio desde cerca, revivo sensacións dalgunha das vagas de lumes, da maioría, de todos os veráns.
    Non entendín moi ben ao principio o soño da Santiña.
    Parece que a novela vai collendo xeito, a acción non sorprende aínda pero avanza. A procesión cara á Santiña chocoume un pouco, coma se ninguén se revelara ou se a solución a este tipo de problemas fose a oración, igual entendino mal. Ten moito senso o de que fuxan da vila para respirar (eses carballos que limpan o ar, gústanme), e a unión cos animais eu véxoa moi natural. Pero preocúpame que deixen a aldea baleira, quero decir, que me dá medo que se lles quieme todo mentres peregrinan. Quizais unha soa anotación de que as casas estaban fóra de perigo, chegase.
    E non imaxino a amante tan desapegada, é coma se a narradora a xulgase. Creo que o peor dela está non na súa relación, que supoño libre, co seu amante, senón na súa despreocupación polo que está acontecendo.
    A imaxe dos dous estudantes que seguen a evolución do lume na súa aldea por satélite, o que máis me emocionou, sen dúbida.
    Esta novela tócanos nos nosos medos, eso está moi ben.

  5. Este capítulo continúa coa morosidade do anterior, e por veces séntese como un documentario filmado no medio dun incendio. Aí reside moita da súa potencia. O que se conta é plausíbel e para alén soa vivido de moi preto.

    Pásame con este texto, porén, que non acabo de entender por que se escolleu unha determinada forma para o fondo. Por temática, parece un texto propio do realismo máxico, e de feito a subversión da realidade cotiá con elementos marabillosos está aí (a procesión animal). Mais falta o preciosismo lingüístico e narrativo desas correntes, que é substituído por un tratamento máis mesurado, máis realista.

    Eu agradecería que o marabilloso e o máxico tivesen máis forza neste relato, e non só en relación ao espazo “que ocupan”, senón á forza que reteñen e á capacidade de impregnar todo o resto. Entendo que hai motivos para non facelo así, e que de feito a novela non vai ir por ese camiño: o único milagroso aquí é a acción da santa. Mais non sei, non podo deixar de o botar de menos.

  6. Neste proxecto de “Despois de arder”, non me está convencendo moito no formato das pequenas historias separadas polos títulos. Non porque pense que per se non é unha forma válida, pero si que penso que cando hai tal disparidade de lonxitude nas escenas, córrese o risco de que as curtas queden tan apuntadas que as esquzamos, ou termos a sensación que son engados nos que non entramos tanto. Neste caso por exemplo, a primeira e a ultima escenas parecen accesorias, por como está deseñado, cando argumentalmente nelas hai información e desenvolvemento de personaxes principais. Non sei, pódese explorar, pero sería interesante buscar maneiras de enlazar as escenas de maneira menos brusca que un punto aparte e un título, buscando que todo quedase máis unificado. Mais non é seguro que fose mello, só o comento.

    Neste capítulo estou dacordo cos compañeiros en que o que máis me gustou foi a escena intermedia, onde navegamos sen decatarnos dunha escena de costumismo moi ao estilo de Mareas vivas, cunha charla de bar, ata unha escena case onírica de procesión de humanos e animais entre o fume. Esta idea é poderosa e a autora consegue facela moi visual, aínda que concordo con Lois en que se cadra sería necesario introducir algunha fórmula que indicase que a raridade, o elemento máxico, é percibido tamén polos que interveñen nela. En todo caso, esta parte gustoume e tívome encima do conflito mentres desenvolvía ben os personaxes.

    No haber do episodio, xa compañeiras comentaron que a escena final é un tanto maniquea (como dicía ao principio, eu creo que porque é demasiado curta). E tampouco me convence de todo a primeira, queda demasiado abstracto, e o tratamento do mítico case roza o kitch, hai que ter ollo con iso. Entendo que quere ser lírica coa escena do soño pero o conxunto da escena, co que vén despois, queda como deslabazado.

  7. Concordo en que A Negrura é o capítulo en si mesmo. Todo podería estar integrado nel perfectamenrte facilitando a continuidade.
    Eu traduciría no bar todos os diálogos, foder! funciona perfectamente, por exemplo.
    A transición do bar á parte da santina está moi ben, mesmo algúns parrafos moi curtos podense agrupar sen medo, xa que non dificultan a lectura, senón que pode darlle entidade á narración.
    A amante é mala malísima, quizáis demasiado para dous capítulos por agora, e sobre todo
    se é a voz narradora e non a personaxe mesma cos seus actos e diálogos a que se define.
    Desexando l(v)er que pasa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *