BiosBardia

O país dos libros en galego

Despois de arder. Capítulo 7

Espazo de relax. FLICKR.

Rosa Sánchez.

Regresión

Despois de recibir as instrucións de salvamento e de que o avión levantase voo, Mariluz ollaba para a súa amiga. A pesar de que a idea de ir a Italia fora dela, non a vía moi convencida:

–Estás ben, Frolinda? Non che ilusiona viaxar á terra da pasta? –intentou arrincarlle un sorriso.

–Non estou moi ben. Si que me vén ben saír da miña rutina, pero atópome realmente plof. Teño un nó no peito. Aséntase aquí –Pousou a man na boca do estómago–. Non sei como desfacerme desta angustia que me afoga –Negou coa cabeza varias veces mentres a compañeira lle agarraba as mans agarimosamente por un intre–. Isto é diferente ao de perder a orientación. Que continúa! O meu sistema de localización segue nas Quimbambas! Creo que non son unha boa compañeira de viaxe.

–Ponte na cabeza que o imos pasar ben! Nada pasa por casualidade, amiga! A ver que hai no folleto que nos deixou Alexander dese Tempio dell’anima di quercio –Estendeuno na mesa da compañeira–. Está en Susa, a unha hora de Turín, máis ou menos. Estes días hai neve alí. O sitio é moi bonito, ao pé dos Alpes, parece a terra de Heidi. Fíxate nas instalacións —Sinalou unha foto dun salón con lareira no que había xente en corro sentada en esteiras e moitos coxíns de cores vivas.

“Vaia, parece que os carballos me perseguen”, sorriu meténdose nos seus pensamentos, mentres Frolinda se concentraba na lectura. Aínda non sabía se lle contaría o vivido con Isaura no día da misa. “Vaime tratar de tola”. A verdade, seguía rumiando, “estas cousas hai que dalas en pequenas doses e na atmosfera propicia”.

Por outra banda, tamén lle quería encontrar algún xeito, algún paralelismo co mundo presente. “Presente? Cantos presentes hai?” No seu soliloquio resultáballe difícil atopar as palabras adecuadas para esa dimensión que estaba descubrindo. Como lle ía contar que atravesara unha porta enerxética que a levara ao Entremundos e que ao outro lado creara a súa propia chave? Para ser máis concreta, dicíase, viña tendo un usuario e un contrasinal, coma cando ía ao seu ordenador. Só que ao outro lado da estrela do chan da ermida as cousas era un pouco diferentes. O usuario era o seu propio corpo, coa súa enerxía, a vibración e, moi importante, a intención. Isaura deixárallo ben claro. Digamos que iso formaba parte do sistema de seguridade, cavilaba na comparanza. E o contrasinal tamén tiña o seu aquel. Había que mesturar varias percepcións sensoriais e as vibracións enerxéticas de novo. Mariluz elixiu cantar e bailar unha estrofa de Berrogüetto: “Dime por que, dime como dime onde, dime cando; sabes que entre fusco e lusco, estareite aquí esperando”.

Puido saber da moura que a clave se podía cambiar, pero non cando lle petase. O vórtice só podía ser traspasado cando se daban unhas circunstancias que gardaban estreita relación coa posición da lúa e do sol. Aínda non o sabía todo, só lle quedara claro que con lúa chea esa porta ao Entremundos se podía abrir.

Volveu a atención á lista de servizos da clínica e brincou coa amiga:

–Baños de enerxía, paseos do silencio, reiki, meditacións, masaxes, rexistros akáshicos, danzas grupais, constelacións familiares, tarot… si que temos onde escoller, para o corpo…

–Para a alma e para o espírito –contestou Frolinda un pouco máis animada e debuxou algo no aire–. Un chocurrei para que todo nos vaia ben!

No aeroporto de Milán estábaas esperando Alexander, que as trasladou a Susa. Durante o camiño foron planificando a estancia e aceptaron a visita programada ás oficinas de Complexo Atlantis na mañá do día seguinte.

Alexander aparcou dentro do recinto e non tardou en aparecer Carmen Neris, co seu sorriso acolledor e rechamante naquel rostro tizón. Unha alfombra branca estendíase entre as coníferas do xardín e deixaba libre o carreiro que conducía ao edifico principal, custodiado por un voluminoso tronco de carballo con sombreiro de ramas espidas.

Bebidas quentes e algúns alimentos esperaban polos visitantes no salón da foto do folleto. Ao fondo, a lareira sorría con laparadas e repartía a sensación de fogar acolledor.

–Queridas –anunciou Carmen–, vamos ensinarvos os vosos cuartos. Ti quedas aquí, non, Alexander? Despois volvedes e dúas terapeutas acompañaranvos para a entrevista de acollida e a concreción do voso tratamento.

Despois de dúas horas, as amigas intercambiaban impresións a carón do lume, con Alexander de testemuña:

–Eu expliqueille o da miña desorientación, o de non saber onde me atopo. Preguntoume moitas cousas sobre a familia, o traballo, a infancia, enfermidades, tiven que denudarme… En fin, creo que a exploración foi completa, de corpo e alma.

–E a que cousa chegou? –interrompeu o de Atlantis.

–Ela di que teño estrés postraumático –Levantou os ombreiros manifestando a súa incredulidade–. Preciso paz mental para descubrir a orixe. Nestes días vou facer meditacións, recibir masaxes e participar nas danzas colectivas. Despois, continuarán cunha constelación familiar.

–Pois a ver se nos dá tempo e volves nova para a casa. Pola miña banda, a orixe da ansiedade que me acompañou sempre é o que lle pareceu máis importante á miña terapeuta. Quere empezar polos rexistros akáshicos e tamén me recomenda unha regresión a vidas pasadas. Apunteime aos paseos de silencio polo bosque e aos baños enerxéticos. Teño que confesarvos que na miña vida recibín tales tratamentos. Pero nunca é tarde para experimentar.

Ao día seguinte trasladáronse á cidade de Turín. As mulleres sorprendéronse co acceso ás oficinas de Complexo Atlantis, instaladas naquela antiga fábrica de coches con pista de probas no teito, e co fermoso xardín colgante que as recibía na azotea. A Mariluz pareceulle ver algunha guedella vermella voando desde as árbores.

Marco Scoiattolo recibiunos con amabilidade e saíu do seu asento para achegarse ás galegas e saudalas de cerca cun apertón de mans. Non lle pasou desapercibido a ninguén como cravou os ollos nos de Mariluz. E foi máis alá, agarrou un dos seus rizos e colocoullo detrás da orella, sen perder o contacto visual, nuns segundos que se fixeron moi longos, naquel xesto cargado de conexión. Os tres visitantes miráronse entre si e tardaron un pouco en volver ao seu.

Xa no momento presente, a mestra observou a sala. Chamoulle a atención o Vitruvio e ollou para os ficus. Alí estaban, cadansúa fada cos cabelos vermellos e prateados. Ela achegouse a un deles e, con voz case imperceptible para os humanos, díxolle:

–Amiguiña, teño que saber que conversas houbo aquí en relación a Vilaseca. Un bosque está en perigo e temos que facer algo.

A fada non contestou. Abriu os ollos lilas e deixoulle ver. Mariluz sabía que para os da sala apenas serían uns segundos. Xa ía entendendo o de meterse na mente daqueles seres aliados. Presentóuselle unha escena na que un home vestido de vaqueiros e xersei de perlé pousaba un tubo na mesa:

–Sr. Scoiattolo, estaba vostede no certo. Este pergamiño ten máis de dous mil anos. Quen asina, Lucio Accio, foi un poeta e escritor, moi culto, protexido de Décimo Xuño Bruto, o Galaico, e viaxou con el ao noroeste de España.

–E o que conta aí, profesor, pode ser verdade?

–Verdades moldeadas. Estes artistas loaban os seus mecenas e querían agradar os seus ouvidos. Aínda que este manuscrito non parece que fose concibido para cantalo. Máis ben quere ser unha maneira de deixar inmortalizado algo.

–Por que o di?

–Porque nunca atopei unha historia de amor neste tipo de documentos dedicados ás conquistas.

–E o de que desaparecesen todos os guerreiros dese castro? Como pode ser?

–Polo que conta, os galaicos agocháronse nun bosque e non atoparon rastro deles. Os romanos eran moi supersticiosos e culparon os druídas e a súa árbore sagrada. Teño que dicir que estas xentes adoitaban levar consigo sementes de teixo e cando estaban acurralados suicidábanse tragándoas. O efecto é un paro cardíaco. Neste caso, o raro, tal e como explica, é que non atoparon os cadáveres. 

–Nin a árbore!

–Si. Parece ser que lle prenderon lume a un carballo e cando volveron non había nada. No seu lugar quedara unha lousa redonda cunha estrela de cinco puntas debuxada. Os soldados que intentaron levantala desapareceron.

–Un pouco estraño, non? Paréceme todo moi rebuscado para a mente dun poeta.

–E esa muller de pelo vermello? Pode ser verdade que fose unha druída?

–Existían mulleres druídas, si. Aínda que, a historia que conta garda moita relación coa mitoloxía desa zona do país e, concretamente, coas mouras. Aparecéuselle ao soldado a carón dunha fonte, moi repetido en multitude de lendas. As adiviñas ás que fai referencia veñen sendo as probas. E despois están os agasallos en ouro, que desapareceron cando o home a traizoou.

–Conta que o soldado retornou a esa zona para atopala.

–Pero non atopamos neste pergamiño, nin nos outros que estudamos, ningunha referencia sobre o que aconteceu nesa viaxe.

Mariluz recoñecía o que ela vira a través da árbore Nai de Vilaseca. Lembrouse do lugar no que estaba e disimulou o súa interese pola maceta:

–Esta cerámica é italiana?

–Estarei encantado de levala ao obradoiro onde a fan –aproveitou o presidente do Complexo Atlantis.

–Non quero abusar. Seguro que vostede ten moito en que investir o tempo.

–Ningún investimento pode traer mellores rendementos ca gozar da súa compañía.

Bueno, viñamos a falar de Vilaseca –interrompeu Frolinda.

15 thoughts on “Despois de arder. Capítulo 7

  1. o argumento vaise pechando, vanse tocando esas escenas que non se sabia ben como se relacionaban entre os emrpesarios italianos e os habitantes de vilaseca. hai bastante informacion aqui, está ben. O alexander parece agora como moi amigo de mariluz e frolinda. non é que antes fose agresivo nin moito menos.
    O recurso de falar coas fadas das plantas é moi util para acelerar a trama e contar cousas que doutro xeito sería complicado. Na miña opinion prefiro isto que contar as cousas en escenas separadas nas que non está a protagonista. Penso que neste capitulo están ben incorporados alguns detalles que fomos deixando nos comentarios, bo traballo.
    Chegados a este punto semella que a resolucion non está moi lonxe. Non creo qeu vaia rematar no cap 10 pero vese xa no horizonte.
    O único, que é como moi conveniente que mariluz visualizase a escena do romanos atacando antes, e agora se fale xusto dese mesmo tema. Será cousa da metamaxia!

    1. Moitas grazas, Lois. Efectivamente hai moitas conexións co acontecido nos capítulos anteriores. Houbo miguiñas de pan para conducir ao lector. Pero esto de ler cada quince días fai perder o fio. Como César nos da permiso para seguir publicando, vou seguir. Pode que no capítulo 10 se poida chegar ao desenlace. Aprendo moito dos vosos comentarios e do ben que escribides (todos, tamén os que deixaron de publicar). Encaantaríame ver estas novelas rematadas.

  2. Siii xa se ve. Xa se ve o horizonte, como sinala Lois. O mudamento de escenario enche a trama, dalle vida, os dialogos estan coidados, tamen moi ben. Do que mais me gusta desta novela e que fala de reiki, fadas, etc sen caer en clichés, e non se ven coma un pastiche pese a que poderia darse así. Parabens! Gustoume moito tamén , vaiseme facer moi dificil votar cada vez!

  3. Este capítulo, ao recoller o acontecido nos anteriores, vaille dando sentido, si. Resúltame máis crible que fale coas fadas das macetas do despacho que coas fadas no bosque, non sabería dicir por que, sen excluir algún tipo de eiva no meu cerebro lector.
    O achado dos escritos romanos está moi ben como técnica narrativa, pero quizais algo fantasiosa, para min. Incluso se podía introducir unha dúbida razoable porque os historiadores romanos teñen sona de pouco rigorosos. Non quedaría estrano que ninguén crera esa historia hoxe en día. Quizais xa o tes previsto para os seguintes capítulos.

    1. Eso que dis de poñer en cuestión o dos escritos, quería plasmalo nese diálogo co experto, pero parece que non o conseguín. Graciñas, Mercedes. E por que as fadas das macetas son máis cribles cas das árbores :)?

      1. Xa che dixen, non sei polo que. Terá máis que ver coa miña cabeza que co teu escrito. É unha tremenda responsabilidade comentar o que escribides os demais, non pretendo facer un xuízo nin nada, só transmitir a miña experiencia. Se son a única, creo que corresponde que o esquezas. Quizais o que ocorre é que é unha situación máis creativa, a das macetas que a das árbores, máis inusual. E por iso, paradoxalmente, máis crible nunha novela. Ou quizais non, e a ninguén máis lle pasa.

      2. eu creo que a diferencia entre as fadas das macetas e as das árbores é que as das macetas son un recurso que emprega mariluz e que lle da sentido a experiencia maxica pola que pasou. en cambio as das arbores son mais ben elas as que se poñen en contacto con mariluz, e iso esixe cavilar un pouco en por que o fan, por que escollen a mariluz en concreto é algo mais determinista. enton, a nivel argumental é mais doado entender a escena na que mariluz acode ás da maceta para sacar algo que a escena das fadas aparecéndoselle a mariluz, que ten unha razon menos practica.

  4. Gústame moito a combinación entre imaxinarios míticos e tecnolóxicos, sobre todo porque non se incorre nun ollar kitsch a esas cuestións. Para contrarrestar esa posibilidade hai “pararraios” estratéxicos, como a ironía dos servizos mistéricos que ofrece a clínica a calquera cliente interesado. Por iso mesmo, botei de menos algo de delectación nesa nomenclatura esotérica e nos seus ritos, un pouco na liña do tratamento que daba Foster Wallace á burocracia, que tamén se fai presente aquí.
    Este capítulo dá moitas respostas, mais tamén as dá moi de présa, sen que se cheguen a notar necesarias. Creo que pode haber algún pequeno problema de ritmo que, solucionado, contribuiría moito á mellora do proxecto.

    1. Graciñas, Pablo. Evidentemente, teño que refacer todo o proxecto. Se non participase aquí non tiña este luxo de análeses. Vaime dar traballo, pero quero concluir o proxecto o mellor posible.

  5. Parabéns Rosa. Gústanme os avances que toma a novela e as referencias a Lucio Accio e os mitos. A escrita é moi clara, e o ton máis adulto, non sei se me explico ben. As correlacións ou comunicacións místicas ou exotéricas en macetas ou campo aberto poden funcionar ben de calquera xeito, e supoño que ao mellor a cerámica tamén ten o seu punto. A amalgama de tecnoloxía e maxía leva funcionando moi ben dende sempre.

    Aquí prodúcese claramente a expectativa de viaxar a Italia nun futuro e cúmprese, ao mellor cunha sucesión de acontecementos un pouco rápida, e lembremos que temos algúns temas “románticos” moi abandonados.

    Agardo que non deixes a escrita desta historia, e que reordenes o que consideres necesario.

  6. Rosa, felicitarche por este novo capítulo. É un dos que me sentín máis cómoda lendo a túa narración sin tantos cambios de escenarios. Sí, viaxaron a Italia pero alí a relación mística ou creatividade de M Luz coas macetas (Xa máis acotada que coas árbores) está moito mellor conseguida e leva a entender moitas cousas que pasaron en Vilaseca nos capítulos anteriores. Eu tamén opino que quedan temas románticos esquecidos. Sigue chamándome a atención que Frolinda non acaba de verse…aínda estando de protagonista tamén neste capítulo. Xa estóu máis atrapada na novela e desexando ler o seguinte capítulo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *