BiosBardia

O país dos libros en galego

Despois de arder. Capítulo 9

Espaguete. FREEIMAGESLIVE.

Rosa Sánchez.

Feridas

Como se enfronta o corpo á dor, para escapar dela, para agochala, para que non se saiba que existiu, para que non se lembre, iso é un cofre difícil de abrir. E as alertas de que algo vai mal requiren de ouvidos que non sempre saben escoitar. Os síntomas físicos non son máis ca as mensaxes que nos envía para que atendamos as necesidades do noso ser.

As palabras da albeita de almas tombaban en Mariluz, ao tempo que ollaba para a súa amiga, desfeita nun pranto, de xeonllos no chan, enrosquellada en si mesma.

Entendía o duro de escudriñar nas feridas que Frolinda cubrira con gasas, apósitos e vendas que non lle deixaran ver. Tanto enterrara que nese afán quedara trabado o manubrio que lle permitía orientarse nos espazos e nos camiños. Pode que xa viñera enferruxado desde a súa infancia, na que perdera os seus pais, razón pola que a familia era tan importante para ela. Ou quizais se atascara naquela conversa no supermercado antes do San Cristovo, á que a habilidade hipnótica de Carmen Neris a levara. “Cando foi a primeira vez que te sentiches desorientada?”, preguntáralle. E tivera que escudriñar moito, percorrer os lineais da tenda, repasar a lista da compra, lembrar as persoas coas que tropezara, ata que, enfronte dos queixos, a doente lembrara a conversa coa empregada do banco:

–Espetoume alí, coa tetilla na man: “o teu home atende moi ben os do Complexo Atlantis, mesmo ten reunións nun chalé da praia cunha das técnicas”. Aquela mirada espetáraseme no corazón coma un puñal.

A curadora non quedara conforme coa resposta e fora un pouco máis alá:

–Estás segura de que non hai algo máis? Ti non percibiches máis situacións que te preocupasen ou desgustasen, aínda que non lles deses importancia?

Os compañeiros que asistiran á constelación de Mariluz atenderan compasivamente, levados pola atmosfera de complicidade creada nas dinámicas grupais.

–Hai, hai… –contestara, despois de pensalo, con voz entrecortada e coas mans no peito, aguantando das emocións revoltas–. Seguro que os meus sogros saben algo, que están moi cariñosos ultimamente. Tivera que ir facer unha reportaxe da fogueira de san Xoán para o periódico… E alí vin unha muller moi guapa, moi bronceada, con pendentes longos e musicais, cun vestido branco moi atrevido. Resaltaba entre as veciñas e conversaba animadamente con Xurxo. Si, demasiado animadamente… E despois –Xa empezaran as bágoas–… esas ausencias…, ese non comunicarse… Ese cambio! –non o contara todo–. E a conversa no supermercado coa súa compañeira de traballo encadeoumo todo –Frolinda levara as mans á cara e deixárase caer.

Carmen Neris pediulles aos presentes que a deixasen chorar. Era un paso necesario, explicou, para iniciar o dó. Cando se foi calmando, Mariluz e Alexander apresuráronse a axudarlle a levantarse e a consolala.

Máis tarde, conversaban xunta a lareira. As dúas amigas tiñan moito que dixerir despois das sesións daquela tarde:

–Mariluz, aínda que estou feita unha merda, teño que contarche o que sentín na túa constelación. Cando che puxen o pelo detrás da orella sentía un amor moi grande, un desexo de protexerte, e tamén de terte cerca. Foi o mesmo xesto do presidente do Complexo Atlantis e sentíame conectada con el.

–Quedei de cear con el hoxe. Xa lle enviei unha mensaxe para que viñese ata aquí. Con todo o que pasou tamén teño o corpo revolto.

–Foi a segunda vez que escoitei o nome de Isaura. Tes que contarme quen é e tamén por que constelaches a túa relación coas árbores. Non sei… creo que na túa vida hai moitos outros asuntos que poderían ser de máis interese.

Desta vez, Frolinda non calou nada. Contoulle como coñecera a moura que vivía no Entremundos de Vilaseca, o que sentira durante o incendio, a relación dos seus soños coa Santiña e coa Nai Terra, o que puidera descubrir a través das fadas das árbores e mesmo a creación da súa chave para cambiar de plano.

–Como ti senti, Mariluz? –Alexander interrompeu.

–Coma se me desen unha malleira –sorriu–. Agora empeza outro camiño. Enfrontarse…, falar…, decidir… O peor de todo é non saber que facer. Aproveitarei estes días para repoñerme e para pensar, para buscar a luz neste camiño que se me pon diante. Quizais quede unha semana máis. Teño que facerme cos mandos do meu corpo e da miña vida.

–Miña nena –achegouse Carmen Neris–, lembra que te estás enfrontando ás túas percepcións en momentos concretos e ás túas conxecturas, no marco da túa circunstancia persoal, das túas vivencias pasadas. Hai moitas arestas no prisma da realidade e convén coñecer todos os puntos de vista. Non esquezas falar todo isto con Xurxo e coñecer a súa versión.

–Ai, Carmen! Vino todo tan claro! Como pode ser diferente? Todo o que construín nestes anos de matrimonio desamoréase. É unha sensación de ter vivido nunha mentira, nunha falsidade. Síntome traizoada. Moi traizoada –Frolinda inclinaba a cabeza–. As emocións teñen moito poder. Son máis determinantes ca a mente. Este sentimento está por riba do interese por manter a familia unida, ou por darlles a seguridade do fogar aos fillos. Non son capaz de vivir nunha mentira. Aínda que me espere a negrura da soidade.

–Pouco a pouco. Non hai que poñer o carro diante dos bois –falou Mariluz.

–Iso! Paseniño. Primeiro unha cousa e despois outra. Agora toca que te repoñas –a rexente do Tempio dell’anima di quercio acariñou a Mariluz.

O saúdo de Marco Scoiattolo levou as miradas á entrada, onde quitaba o gorro que lle deixaba a súa cabeza calva á vista e colgaba o abrigo cheo de folerpas de neve. Por debaixo quedaba un xersei de colo cisne e uns vaqueiros, unha imaxe moi diferente da que ofrecera no seu despacho.

Dirixiuse a Mariluz cun sorriso nos beizos e a alegría zumegando no seu andar.

–Parece que hoxe quedaremos aquí. Que vos parece, irmáns Neris, se lles ensinamos a estas españolas como se prepara a pasta al dente?

–A cociña pequena está dispoñible.

–Avisamos! Na nosa terra gústanos ben cocida. Nada de deixar os spaghettis crus! –puntualizou Mariluz.

O acabado de chegar colleuna dunha man e levouna a un lado:

–Mentres van preparando a cociña, quería darche algo –Foi áxil buscar unha pequena caixa ao peto do abrigo.

A galega abriuna. Non tivo tempo de pensar como podería estar aquela imaxe tan ben reproducida en forma de colgante.

–Isto é para min? Ten algún significado especial? –falaba mentres percorría co dedo as cinco puntas, con pequenas pedras preciosas nos extremos, que lle lembraban os puntos de apoio das candeas no pentagrama da ermida da Santiña.

–Para min si que o ten. É unha reprodución doutro colgante que pertence á miña familia desde hai moitas xeracións. Fixen algunhas pescudas. Sabes que na mitoloxía celta ten relación coas súas divindades e que era considerada un símbolo de protección e poder, de atracción da enerxía positiva e da sorte?

–Queres darme un amuleto?

Mariluz ía facendo tempo e ordenaba as ideas. A estrela na cabeza da Santiña, a do chan da ermida. Os soldados que desapareceran cando quixeran retirala. O paso ao Entremundos. Tiña claro que nada era casualidade.

–Mais ca iso. Esta imaxe tamén simboliza a terra, o aire, o lume, a auga e o espírito.

–Coma no home de Vitruvio que tes no despacho? Son os elementos que animan a natureza e establecen os ciclos da vida e da morte.

–E tamén se di que as portas a outras dimensións están sinaladas con estrelas de cinco puntas debuxadas en círculos de pedra. Pero que non están en calquera lugar.

–Non? En que tipo de lugares se atopa? Que características teñen eses sitios?

–Din que só poden abrirse estes portais onde haxa unha forte enerxía telúrica, nos vórtices. E que hai moi poucos no mundo.

–E que podería haber ao outro lado? –Mariluz pensaba en que ela creara unha chave ao Entremundos.

–A enerxía e a materia poderían ser dominadas, mesmo a vida e a morte, mesmo o tempo –falaba serio e con ton pausado–. Tendes o mito das mouras que aparecían e desaparecían e que traían agasallos de ouro do Outro Lado. Pero ben –Sorriu–, todo iso non son máis ca lendas.

–Vos estades á leria e que os outros vos dean a comida feita! –protestou Frolinda–. Polo menos, poñede a mesa. Estamos facendo fusión culinaria galego italiana que vos vai sorprender! Pasta al dente con polbo á feira!

8 thoughts on “Despois de arder. Capítulo 9

  1. Este capitulo poderia fusionarse co anterior e ser un só, por tamaño creo que cadra nos limites. Poderia dicir o mesmo que dixen no 8, a verdade. A escena das revelacions é potente (por sorte aqui tamen hai unha revelacion), facer que unha personaxe pase por unha catarse transformadora é dificil, antes tes que debuxalo ben pra que despois o lector o “vexa” de diferente forma. Este sería o tipico capitulo no que a protagonista-nena pasa a ser protagonista-adulta (ou algo asi), se fose unha novela xuvenil. Non sei canto falta e que pasará nos seguintes capitulos asi que non vou poñer a xulgar a novela coma se isto fose todo. Perdinme un pouco aí no medio cando se menciona a Isaura, Alexander e Frolinda, seguramente por vir a escena moi seguida do outro capitulo. É o que nos está pasando a todos: para as personaxes pasou un segundo, pero para min foron 2 semanas.

    1. Xa estamos rematando este Torneo, moi demandante de tempo e de musas (alomenos para min). Si que podería facer capítulos máis longos, pero cando chegaba aos 8000 caracteres, se a cousa tiña xeito, poñía o punto final :). Estou contenta da experiencia, do que traballei e do que aprendín. Na miña obra non hai moitas personaxes, pero, como dis ti, en dúas semanas esquécense. Non é o mesmo ler de corrido que facer descanso longos. Moitas grazas, Lois, polo detalle dos teus comentarios ao longo do torneo.

  2. Gústame máis a escrita deste capítulo, vai máis fluída, paréceme.
    Tamén me perdo un pouco nos personaxes.
    O tema da separación e a ruptura matrimonial está ben tratado, pero xa sabiamos desde os primeiros capítulos daquela amante.
    O recurso ás constelacións familiares segue deixando aquí a súa potencia, en xeral gústame.

  3. Con respecto ao do matrimonio de Frolinda e Xurxo, o que pretendía neste capítulo é que ela recoñecera a orixe do seu bloqueo e tomase consciencia do acontecido, que se enterase do que xa sabía o lector. Alégrome, Mercedes, de que che guste o uso de ferramentas de sanación diferentes :).

  4. Continúa a escena das revelacións demasiado tempo….e costa non seguir lendo sabendo que vais a descubrir o q acontece e acontecéu nesas mentes o longo do tempo.
    O que non acabo de entender ben é a relación dunha empresa tecnolóxica do siglo XXI coas “sesións das constelacións” asícomo unha muller formada académicamente como é M Luz non soupera chegar antes a explicación dos acontecementos. E Xurso…tardoume moito en aparacer de novo na escena. Seguro ten a súa explicación…

    Noraboa Rosa. Gústame como narras!!

  5. A min gústame moito como se van intercalando diálogos e trama. Non sei se che pasa a ti, Rosa, pero alomenos a min pásame que se me fai custa arriba escribir uns capítulos homoxéneos en estensión. Quizáis é unha dificultade engadida. Sen embargo sempre me gustou moito este proxecto, a súa maxia e a súa aura. Parabéns

    1. Moitas grazas, Sofía. Si que se me fai costa arriba todo, aparte das habilidades na escritura creativa, fai falla tempo, inspiración e que todo caiba na caixa do torneo. Xa estamos rematando e foi moi bonita a aventura. Eu son novatísima nestas lides :).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *