BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Detalles’, de Enzensberger, un caso de mutilación editorial

Hans Magnus Enzensberger.

Xesús González Gómez.

En 1962 na Shuhrkamp Verlag, de Frankfurt am Main, apareceu o volume Einzelheiten, de Hans Magnus Enzensberger. Libro que en 1969 sería a número 1, da Colección Argumentos da recentemente creada editorial Anagrama[1]. O volume titularíase (titúlase) en español, Detalles. Había tres anos que a Editorial Seix&Barral, na súa colección Biblioteca Breve de Bolsillo-Libros de Enlace, dera ao prelo o libro de Enzensberger, Política y delito. En 1971, quen isto asina traduciu ao galego, desde a versión francesa que aparecera en Le Monde des livres, un poema do escritor alemán; tradución que viu luz o 14 de febreiro na «Táboa redonda», páxina de letras de El Progreso. Páxina dirixida por Ánxel Fole. Velaí, sen correccións de ningún tipo, o poema tal e como quedou despois de ser vertido ao galego por min (sinto non poder dar a versión francesa: o recorte do xornal galo perdino, ou lanceino, hai xa séculos):

deixame durmir esta noite na guitarra

na maravillosa guitarra da noite

                            na madeira crebada

nas miñas maravilladas maos

                           sobre das suas cordas

                          deixa   deixa durmir

a doce madeira

deixa as miñas cordas

acougue sobre dos trastos esquecidos

as miñas maos esnaquizadas

                       deixa durmir

sobre das doces cordas

na maravillada madeira

Penso que vertín este poema ao noso idioma porque non había moito lera os dous libros que citamos ao inicio de Enzensberger. Política y delito estaba na biblioteca do Centro Gallego de Barcelona. Detalles, debino comprar daquela, pois a primeira edición aínda está nos andeis da miña biblioteca. Anos despois, para reler, comprei Política y delito, a edición de Seix&Barral, xa que Anagrama volveu publicar o libro, conservando a tradución de Lucas Sala. Despois destas dúas lecturas, e desta «tradución», o escritor alemán volveuse un autor, para min, de lectura obrigatoria: como poeta (o ano seguinte, é dicir, en 1972, Barral editores, publicou unha escolma, bilingüe, da poesía de Enzensberger: Poesías para los que no leen poesía, en tradución do cubano Heberto Padilla, que ese mesmo ano –e estaría por asegurar que cadrando coa aparición no mercado español do volume publicado por Barral– se fixo moi famoso, e non pola súa poesía, precisamente) ensaísta, narrador (sic) e mesmo autor teatral. Libros como El corto verano de la anarquía, poemarios como Mausoleo, ensaios como os recollidos en Mediocridad y delirio, por só citarmos un por xénero, son libros de case que lectura obrigatoria… como todos os seus outro títulos, aínda que non sempre se poida estar de acordo con el.

Mais hoxe non nos traía, non nos trae, o falarmos da obra do escritor alemán. E moito menos a relación das miñas lecturas de Enzensberger. Hoxe queremos falar da débedas que teñen connosco (cos lectores e lectoras) moitos editores españois. E o pretexto para falarmos desas débedas é precisamente o ensaísta alemán. Máis concretamente o mencionado volume Detalles.

En 1975, ou 1976, nunha libraría barcelonesa de segunda man, atopei un libro de Enzensberger: Culture ou mise en condition? (París, Union Générale d’Editions, col. 10×18, núm. 783, 1973: a edición en rústica do libro é de 1966). Compreino sen mirar nin o índice. Cando cheguei a casa, tirei dos andeis da biblioteca os libros que tiña do escritor alemán e decateime de que se correspondía, na maior parte, ao volume que na versión española (versión correcta) se titulaba Detalles. (Os franceses son moi dados aos cambios de títulos, por exemplo, O longo adeus, de Raymond Chandler, traducírono como Sur un air de navaja (!!!), e sobran exemplos. A tradución do alemán Einzelheiten deu en francés ese estraño título que transcribimos, e que se podería traducir como «Cultura ou posta en condición? «Cultura ou lavado de cerebro?», ou «Cultura ou acondicionamento?», ou mesmo «Cultura ou acomodación?», etc.) Escribín que o libro francés se correspondía, na maior parte, co libro publicado por Anagrama. Na maior parte, porque o libro francés é moito máis amplo do que a versión española. Vaiamos por partes.

O índice de Detalles (da primeira edición e tamén a das reedicións e reimpresións efectuadas posteriormente por Anagrama) é o seguinte:

I

La manipulación industrial de las conciencias.

El periodismo o la danza de los huevos. Descripción de un diario universal para Alemania.

La cultura, bien de consumo.

II

La camarilla.

III

El lenguaje universal de la poesía moderna.

William Carlos Williams.

Aporías de la vanguardia.

El caso Pablo Neruda.

Poesía y política.

Advertencia final.

Vexamos agora o índice de Cultura ou mise en condition?, a versión francesa de Einzelheiten:

I

Le façonnement industriel des esprits.

Le journalisme ou la danse des oeufs. Description d’un “Journal universel por l’Allemagne”.

Le langage du Spiegel.  

            Premier post-scriptum: Sur les moyens de production de la critique.

            Second post-scriptum: Sur l’approbation venue de mauvais côté.

Un monde en petits morceaux. Dissection d’“Actualités filmées”.

La culture considerée comme bien de consommation. Analyse de la production du livre de poche.

Une théorie du tourisme.

II

La clique.

III

La satire ou l’enfant monstrueux. Sur Heinrich Böll.

Wilhelm Meister, version pour tambour. Sur Günter Grass.

            Post-scriptum: L’anarchiste compréhensif.

La grande exception. Sur Uwe Johnson.

IV

Le langage universel de la poésie moderne.

William Carlos Williams.

Les apories de l’avant-garde.

Le cas Pablo Neruda.

Poésie et politique

Postface.

Como se comprobara, a edición española é unha versión reducida do libro de Enzensberger. Do apartado I faltan tres traballos: «Le langage de Spiegel» cos seus dous post-scriptum, «Un monde en petits morceaux» e mais «Une théorie du tourisme».

O apartado II confórmao un único divertido e mesmo sarcástico traballo que se reproduce na versión española de Detalles: «La Camarilla». O apartado III da versión francesa, conformado por tres escritos e un post-scriptum sobre literatura alemá de posguerra (da Segunda guerra mundial), desaparece da versión española, cuxo apartado III é o apartado IV da versión francesa, e pensamos que da edición orixinal. A que foron (son) debidos tales cambios? Pódese pensar que o editor español, considerou que os escritos eliminados non tiñan interese para o lector ou lectora español/a. Se así foi, o menos que puido facer é avisar os posíbeis compradores avisándoos de que se lles entregaba un produto eivado. Tamén puido ser que o editor, un editor novo (lembremos que o ano en que se publica este, libro de Enzensberger é o ano en que se fundou a editorial Anagrama) non tivese os cartos suficientes para poder financiar este libro (con outros que debeu publicar daquela) e decidise reducir custos tanto de tradución (o/a tradutora cobra por holandesa) como de «papel». Outra das posibilidades é que o editor considerase que os traballos eliminados non ían pasar a censura e decidiu non traducilos e así, de paso, aforraba cartos, tempo e talvez desgustos. Ou, en última instancia, en realidade os traballos suprimíronse porque a censura os deixara irrecoñecíbeis. Non cremos que fose así. A maioría dos traballos suprimidos podían sortear en certo xeito a censura, como a sortearon, con cortes, claro (logo falaremos do tema), outros traballos do libro si traducidos na versión española. O máis curioso, para lectora ou lector español daqueles anos, é a eliminación de dous dos escritos: o dedicado a «Unha teoría do turismo», o «boom» turístico español –Spain is different– data daqueles anos, e o que disecciona as actualidades cinematográficas (lémbrese que no tempo en que se publica o libro en España nos cines era obrigatorio o No-Do (Noticiario documental), polo que non se entende a súa eliminación da edición española. E o mesmo o traballo dedicado ao xornal sensacionalista/amarelo da cadea Springer Spiegel: lendo este traballo, a lectora ou o lector españois poderían cambiar doadamente o título do xornal alemán por calquera xornal español da denominada Cadena del Movimiento (Arriba, El Pueblo Gallego, Solidaridad Nacional, Imperio –de Zamora–, Los Sitios, Alerta, Mediterráneo, etcétera). O traballo dedicado a un «xornal universal para Alemaña», á Frankfurter Allgemeine Zeitung, aínda hoxe é válido, non sei se para describir hoxe ese xornal alemán, pero lendo o escrito de Enzensberger poden o lector ou a lectora galega pensar que o alemán se equivocou de xornal e está a describir un ou dous dos xornais editados en actualmente en Galicia: os de maior tiraxe.

Tampouco lle vemos sentido ningún á eliminación completa do apartado III da edición francesa (e supomos que tamén da edición alemá): se ben de Grass antes de 1973 só se publicara en España unha obra de teatro, Los plebeyos ensayan la rebelión (Madrid, Edicusa, 1969), sobre a revolta dos obreiros berlineses contra as autoridades da República Democrática Alemá –o motivo foi unha subida de impostos e prezos e unha conxelación de salarios, todo en nome, claro, do «socialismo»–: a rebelión foi sufocada polos tanques soviéticos, verdadeiros suxeitos da revolución nos denominados daquela países satélites da URSS. Con ese motivo, Brecht escribiu un pequeno poema do que reproducimos a versión que fixo del Álvaro Cunqueiro, a partir da versión francesa, e que se publicou no Faro de Vigo o 15 de outubro de 1970:

A solución

Despois da insurrección do 17 de xunio

o segredario da Unión de Escritores

fixo distribuir follas na Avenida de Stalin.

«O pobo, líase nelas, pola súa propia falta

perdeu a confianza do goberno,

e ten que traballar arreo

para volver a gañala».

Pro non sería

máis sinxelo entón para o goberno

disolver o pobo

e elixir un outro?

Se ben Grass era case que inédito en España, o certo é que se coñecía e moitos dos seus libros, en versións editadas en México (Joaquin Mortiz editor) víanse en certas librarías. De Böll xa se publicaran diversas novelas, tanto en castelán como en catalán. E de Uwe Johnson aquel mesmo ano publicaría a súa novela Dos opiniones a editorial Seix&Barral. Cinco anos máis tarde aparecería outra novela de Johnson traducida ao español: Conjeturas sobre Jakob (Madrid, Narcea, 1974; tradutores: Ursula Heinze e Ramón Lorenzo).

Mais as desgrazas da versión española de Detalles non acababan aquí. Ou non acaban, xa que esta versión é a única que hai no mercado español. Non acababan aquí porque sobre os escritos de Enzensberger caeu, implacabelmente, como era adoito, a man, o lapis, da censura. En case todos os traballos hai pequenos cortes, pequenas reviravoltas para eludir os cortes da censura ou para facer de tal xeito que o lector ou lectora daqueles anos, que estaban afeitos a leren entre liñas, se decatasen de que o orixinal non era tal como o vertera a tradución española. Así, por exemplo, na versión española (p. 21) lese: «Como postulados inmutables, las grandes conquistas de la época burguesa sobreviven al tiempo de su realización. Vienen a constituir un requisito para toda democracia futura. Ahí donde aparecen en claro entredicho, no es sólo una categoría social la que ha renunciado a ellas, sino que es la comunidad entera la que padece su pérdida». Na versión francesa (p. 25-26), estas liñas dan o seguinte: «Les grandes conquêtes du siècle bourgeois survivent, à titre de postulats immuables, à l’époque de leur réalisation. Elles deviennent une condition de toute démocratie future. Là oú son ouvertement trahies, como en Espagne ou dans la République démocratique allemande, ce n’est seulemenmt une classe de la société qu’y perd, c’est toute la communauté que se délabre». Na páxina 121 da versión española lese: «Muerto en el exilio, caído en la guerra civil, constreñido a suicidarse, fallecido en un campo de concentración, encarcelado, torturado y muerto, sea en Alemania, en Rusia o en otros países: tal fue el fin de muchos poetas de nuestra época» (subliñado é noso, XGG). Na versión francesa destas liñas, p. 313, lese: «Mort en exil, tombé au cours de la guerre civile, contraint au suicide, mort dans un camp, emprisonné, torturé et abattu, en Allemagne, en Espagne, en Russie: tellle fut la fins de nombreux poètes en notre siècle». A chiscadela do tradutor español (N. Angochea Millet) a lector é lectora é máis que evidente e, ademais, intelixente. Como estes, existen diversos exemplos en varios dos traballos recollidos en Detalles; pero o cumio é alcanzado no traballo titulado «El caso Neruda». Aquí a censura meteu toda a man que puido, e tradutor e mais editorial salvaron os móbeis que puideron salvar.

Na p. 184 da edición española lese: «[…] En las columnas de la revista Caballo verde para la poesía se reúnen las firmas de los poetas revolucionarios. Cuando en 1936 estalló la guerra civil, no había duda alguna del partido que el poeta eligiría». E acaba o parágrafo.

A edición francesa, p. 392-393 di: «[…] Les poètes d’inspiration revolutionnaire se rencontrent côté à côté dans les colonnes du périodique Caballo verde por la poesía (sic). Lorsque la guerre civile éclate, en 1936, il ne saurait y avoir de doute sur le parti que pendra Neruda. Il porte l’Espagne dans son coeur, e c’est ce titre, España en el corazón, que porte le livre qu’il publie en 1937 pour les soldats républicains, dans des conditions que ne sont pas sans rappeler celles que connut la poésie de la Résistance française pendant la Seconde Guerre mondiale. Il reste, a côté des images que Picasso a données de Guernica, des poèmes de César Vallejo et du roman de Hemingway, le témoignage artistique essentiel sur la tragédie espagnole».

O seguinte parágrafo, p. 184-185 da edición española, acaba: «[…] En adelante utilizará [Neruda] la poesía como un arma. Le cuesta tomar esta decisión y siente la necesidad de justificarse. Así lo hace en el poema Explico algunas cosas, de 1936».

A edición francesa, p. 393, di practicamente o mesmo, mais reproduce por enteiro o poema citado de Neruda, que na edición española non se reproduce, xa que supoño que aos editores nin se lles ocorreu transcribilo cando enviaron a tradución á censura, xa que é o famoso poema de España en el corazón que fala dos xenerais traidores.

Seguindo na páxina 185 da edición española, Enzensberger crítica o lirismo partidario dos últimos tempos de Neruda (anos 1940/1955) e afirma que cae «al nivel oficial de los bardos albaneses o alemanes orientales. “¡Hombres de Stalin!”, escrito en 1952, es uno de los mas claros exponentes de la defección de su poesía». Na edición francesa, p. 395, lese: «[…] Jusqu’à ce qu’il tombe au nivel officiel des bardes albanais ou est-allemandes, “Hommes de Stalin!”, lit-on dans un texte de 1952,» a coma vén dada por se reproducen diversos versos deste poema, que non se reproducen na edición española. Na páxina 187 da edición de Anagrama lemos: «Por su mismo origen, por el lugar y la fecha de nacimiento, Neruda estaba ya casi predestinado al comunismo». Na edición francesa, p. 398: «Par ses origines déjà, par le lieu et la date de sa naissance, Neruda est donc presque prédestiné au communisme. La guerre d’Espagne n’a fait que déclencher sa prise de position politique, elle ne l’a pas causée».

Poderiamos reproducir aínda algúns cortes (pequenos) ou cambios a que obrigou a censura, directamente mediante o lapis vermello, ou que o tradutor ou o editor, para releala cambiaron. Non paga a pena, acho que o dito e reproducido até o de agora é suficiente para pedir a Anagrama, unha grande editorial, este ano en se compren o 60 aniversario da súa publicación en alemán, que entregue, dunha vez por todas, o libro de Enzensberger na súa integridade. Meréceno os lectores e lectoras do alemán, meréceo a editorial e, por suposto, o propio Enzensberger. Hai moitos máis libros, de historia, ensaios, novelas, poemas, que, traducidos e publicados durante o franquismo sufriron os rigores da censura. Moitos deles, mesmo de autores españois, continúan a publicarse cos estragos que no seu día causou a censura. (nesta mesma web déronse algúns deses títulos:): é hora de que os editores os restitúan.


[1] En 1969 naceron as editoriais Anagrama e Tusquets. Ese mesmo ano, durante o Estado de excepción, o Ministerio de Información e Turismo, dirixido daquela por Manuel Fraga Iribarne, retirou o permiso de publicación a diversas editoriais: Edima (Ediciones y Materiales) e Ediciones de Cultura Popular (ambas de Barcelona), Equipo Editorial (de San Sebastián), Ciencia Nueva, Halcón e Ricardo Aguilera (de Madrid), e á barcelonesa Nova Terra retiráronlle o permiso de publicación durante seis meses.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *