Dez libros recomendados para o día de San Lucas
César Lorenzo Gil.
Esta listaxe baséase unicamente nos meus criterios críticos, formulados a través da ficha explicativa de cada título. Avalíanse unicamente obras publicadas durante os últimos doce meses. A lista publicarase todos os luns. Por razóns evidentes non se inclúen obras publicadas por Aira editorial.
1
Illa Decepción, de Berta Dávila. Galaxia
Unha obra tecnicamente impecable. A autora está ao tanto das últimas tendencias da literatura mundial e actualiza as letras galegas con códigos e maneiras de narrar contemporáneas. E todo iso sen perder a capacidade de conectar cos lectores a través dunha vivisección da cotidianidade que resulta moi natural e incluso cunha aparencia espontánea.
2
Rapazas de Polar, de Eva Moreda. Morgante
A versión que se publicou en papel é claramente distinta da que foi aparecendo, por entregas, nas páxinas de Biosbardia. Mais en esencia esta obra garda a esencia e obxectivos. Unha obra que consegue, de verdade, máis aló dos tópicos manoseados cos que batemos día a día, unir unha novela de grande altura literaria e modernidade absoluta coa propia cerna da nosa identidade; non a través dos grandes discursos senón mediante a ollada entreaberta sobre unha pequena comunidade nun momento de gran convulsión.
3
As mellores tendas de Madrid, de Manuel Veiga Taboada. Xerais
Retrato de Vigo durante a crise económica do 2008. Un exercicio de meticulosa observación literaria sobre os espazos do día a día; retrato dunha clase social obrigada a reaccionar a mudanzas ben profundas. Valéndose de fórmulas aparentemente desgastadas, como a linguaxe xornalística ou enciclopédica, o autor logra insuflar literatura cun relato irónico (e contido) que o emparenta con Joyce e Grosz a un tempo.
4
A arañeira, de Joseph Roth. Tradución de David A. Álvarez. Irmás Cartoné
É unha boa nova que, pouco a pouco, a biblioteca galega se vai arrequecendo con obras fundamentais da literatura universal. Por buscarlle un punto positivo ao atraso xeral no eido da tradución, podemos dicir que podemos desfrutar destas obras incuestionables coma se fosen novidades e, polo tanto, inserilas nos andeis máis vistosos das librarías para que moitos lectores galegos as descubran como recentes. Esta novela, máis alá do seu valor anticipatorio sobre a deriva nazi da Alemaña dos anos 20, mostra un Roth, malia ser esta a súa primeira obra, en plenas facultades para a narrativa, cunha gran capacidade para poñer ao servizo da literatura o seu dominio das técnicas xornalísticas e o seu instinto para captar o fundamental nas súas personaxes.
5
Os libros que hai en min, de Emma Pedreira. Cuarto de inverno
Non é habitual en Galicia a publicación de libros relacionados co propio labor das persoas que se dedican á literatura. Esta obra foxe do academicismo, máis ben emparenta cun libro anterior da autora, Bibliópatas e fobólogos (2017). Un moi interesante percorrido autobiográfico, desenfadado e radiantemente subxectivo sobre as lecturas que marcaron a maneira de ver a vida da escritora.
6
As malas mulleres, de Marilar Aleixandre. Galaxia
Premio Eduardo Blanco-Amor de Novela longa 2020. Un fresco histórico sobre as condicións das mulleres no século XIX escrito con experimentado pulso narrativo. Mellora en canto a autora se distancia do contado. Excelente ambientación histórica, con especial atención ao cotián, ao doméstico, tantas veces deostado na literatura actual. Moi atinada tamén a presenza de referencias ás voces literarias da época, caso de Rosalía de Castro.
7
Noite fiel e virtuosa, de Louise Glück. Tradución de Samuel Solleiro. Chan da Pólvora
Primeiro libro da poeta estadounidense, galardoada co Nobel 2020, en publicarse en galego, unha práctica non moi habitual, infelizmente (só hai que reparar nos moitos premiados que aínda son inéditos na nosa lingua). Nesta obra, do 2014, a autora amosa a súa capacidade para deslindar a súa poesía da experiencia e construír cos seus versos e poemas en prosa universos ficcionais moi complexos e evocadores sobre os grandes temas: o paso do tempo, o amor, a memoria…
8
A nosa Negra, de Harriet E. Wilson. Tradución de María Reimóndez. Hugin e Munin
Determinadas obras, transcorrido tanto tempo despois de seren escritas, manteñen os seus valores literarios, non tanto polo uso e dominio de recursos e técnicas senón pola autenticidade e singularidade da súa proposta. Eis o caso desta obra, escrita no 1859, un dos primeiros cuxa autora é unha negra estadounidense. Aínda que se sabe pouco de Wilson, crese que moito do relatado é autobiográfico e garda aínda hoxe fresca esa naturalidade e cercanía.
9
Así naceu unha lingua, de Fernando Venâncio. Tradución de Elías González López. Galaxia
Un ensaio divulgativo, de grande éxito en Portugal onde xa esgotou cinco impresións. A partir de dúas teses, o historiador da lingua revoluciona moitos lugares comúns sobre o idioma, tanto o portugués coma o galego: o portugués é, na orixe, di Venâncio, galego, a fala común no reino de Galicia cando Afonso Henriques logra a independencia ao sur do Miño. O portugués, especialmente tras a vitoria portuguesa fronte a Castela na guerra de sucesión (1383-1385) foise “contaminando” polo castelán nun proceso que durou até ben mediado o século XVII. Moi ben escrito, moi didáctico e moi incisivo contra determinados mitos académicos ou populares.
10
A Barcelonesa, de Xabier Paz. Xerais
Novela construída en dous niveis de lectura mediante un vello, mais efectivo, truco narrativo. O autor demostra que hai camiños alternativos á novela convencional, neste caso á de tipo autobiográfico ou memorialístico. Nun momento no que abundan as obras cuxo interese principal é a lembranza da microhistoria de Galicia no último século, esta novela demostra máis ousadía e acerto ca a maioría das súas contemporáneas.